Remove ads
Presidente de Perú From Wikipedia, the free encyclopedia
Ollanta Moisés Humala Tasso, nado en Lima, o 27 de xuño de 1962, é un político e militar retirado peruano. É membro fundador do Partido Nacionalista Peruano. En xuño de 2011 gañou as eleccións presidenciais do Perú.
Ollanta Humala é o segundo de sete irmáns, fillo dos ayacuchanos Elena Tasso e Isaac Humala Núñez. O pai, un ex dirixente próximo ao socialismo, é o ideólogo fundador do chamado etnocacerismo. De acordo con iso, chamou os seus fillos con nomes incaicos como Pachacutec, Ima Sumac, Cusicollur ou Antauro. Segundo Humala pai, o de Ollanta quere dicir "o guerreiro que todo o mira".
Estudou no colexio peruano-xaponés La Unión de Lima. Comezou a súa carreira militar en 1982, cando entrou do mesmo xeito que o seu irmán Antauro á Escola Militar de Chorrillos "Coronel Francisco Bolognesi". En 1983 foi alumno da Escola das Américas (SOA, polas súas siglas en inglés), no curso de combate para cadetes. Nesa época o grupo clandestino estivo baixo a observación do director da escola.
En 1991, co rango de capitán, Humala prestou servizo en Tingo María (Huánuco) combatendo os remanentes de Sendero Luminoso. Foi acusado de matar guerrileiros peruanos, e en 1992, na zona de Madre Mía, cometéronse unha serie de abusos contra a poboación civil, polos que foi investigado xudicialmente. O caso pechouse por falta de probas, pois a testemuña principal, Jorge Ávila, trasacordou da súa declaración inicial.[1]. Porén, en marzo de 2011, xúlgase a Amílcar Gómez, home de confianza de Humala, por intento de suborno a testemuñas do caso Madre Mía. Rubén Gómez, un dos implicados, declarou ante o xulgado que en 2006, Amílcar Gómez lle pedira de convencer o seu cuñado Jorge Ávila para que variase a súa declaración a cambio de diñeiro[2] Humala aceptou a súa proximidade con Amílcar Gómez, pero negou todas as imputacións.[3].
En 1995, Humala foi destinado a unha base militar de apoio preto da fronteira con Ecuador durante a Guerra do Cenepa aínda que non combateu directamente. En 2000, Humala, sendo militar en activo, deu un golpe de estado en Locumba (Moquegua) xunto ao seu irmán Antauro, contra o goberno de Alberto Fujimori. O levantamento armado produciuse o 1 de outubro de 2000, o mesmo día en que o ex asesor presidencial Vladimiro Montesinos fuxía do país no veleiro "Karisma".[4][5] Logo da caída do goberno fujimorista, Humala seguiu en rebeldía durante un tempo ata que lle solicitou unha entrevista ao presidente Paniagua para entregarse. O seu avogado, Javier Valle Riestra, presentou un hábeas corpus en favor do seu representado, que se transformou nunha amnistía por parte do Congreso daquel entón.
Durante o posterior goberno de Alejandro Toledo Humala regresou ás súas funcións militares. Entre o 2001 e o 2002, cursou un mestrado en Ciencias Políticas na Pontificia Universidade Católica do Perú e un curso acelerado de defensa nacional no CAEN. Despois foi destinado como agregado militar en Francia e logo en Corea do Sur. Mentres estivo en Francia aproveitou para seguir cursos de Dereito Internacional na Sorbonne de París (2003). En decembro de 2004 Ollanta Humala foi obrigado a retirarse, o que deu orixe á sublevación do seu irmán Antauro Humala, e o posterior asalto á comisaría de Andahuaylas.
En outubro de 2005 fundou o Partido Nacionalista Peruano, e anunciou a súa candidatura á presidencia do Perú nas eleccións de 2006. Por cuestións burocráticas non puido inscribir o partido en tempo, co que tivo que coaligarse co partido Unión polo Perú de xeito que o acompañaban como candidatos á vicepresidencia o membro do consello de dirección do Banco Central de Reserva (BCR) Gonzalo García Núñez (na primeira vicepresidencia) e o avogado Carlos Torres Caro na segunda.
Humala apostou pola súa presenza na zona sur do país e pola súa crítica ao modelo neoliberal e aos partidos políticos tradicionais que, segundo el, non enchían as expectativas da poboación. O 9 de abril sóubose que disputarían a segunda volta Ollanta Humala, que vencera con 30% dos votos válidos, e o expresidente e candidato polo APRA Alan García, que obtivera o 24%. Humala venceu nos departamentos do interior, mentres que os candidatos de centro e dereita venceran nos departamentos costeiros.
Durante a campaña da segunda volta, Humala visitou Trujillo, cidade eminentemente aprista, onde foi apupado e agredido por seguidores do seu rival. O 9 de maio encontrouse co presidente boliviano Evo Morales na localidade fronteiriza de Copacabana e recibiu o seu apoio.
O domingo 21 de maio, Ollanta Humala afrontou o seu primeiro debate presidencial televisado ante o candidato do Apra, Alan García. Algunhas das súas propostas no debate foron a redución dos prezos do combustible e do gas, o equilibrio do orzamento nacional e rexional, renunciar ao salario de presidente, estender a xornada educativa co almorzo e o xantar, a revisión do Tratado de Libre Comercio con Estados Unidos e a elevación da porcentaxe de participación en Fonocomún.
O 4 de xuño de 2006 Alan García impúxose por cinco puntos de diferenza (52% a 47%) a Humala, vencendo sobre todo nos departamentos da liña costeira, agás en Arequipa. Ollanta Humala recoñeceu a súa derrota, e pediulles aos seus seareiros que formasen a "Fronte Nacionalista Democrática" unha coalición de distintos sectores para esixirlle ao novo goberno o cumprimento das súas promesas. Con todo, foi criticado por incluír nesa coalición a sectores de esquerda radical representados por Patria Roja e o Movimiento Nueva Izquierda.[6] Isto provocou a renuncia de tres deputados de Unión polo Perú, encabezados polo seu brazo dereito e ex candidato á vicepresidencia Carlos Torres Caro, que foi cualificado por Humala de desleal e traidor.
En 2011 intenta de novo o acceso á presidencia peruana, levando neste caso no tícket como candidatos vicepresidenciais a Marisol Espinoza e Omar Chehade. Para estas eleccións conformou a alianza electoral Gana Perú, coalición do Partido Nacionalista Peruano con diversos partidos da esquerda tradicional. Os grupos de esquerda que forman parte da coalición son o Partido Comunista do Perú, Partido Socialista, Partido Socialista Revolucionario, Movimiento Político Voz Socialista e un sector importante de Lima para Todos.
Ollanta Humala vence na primeira volta o 10 de abril co 31% dos votos e pasa a enfrontarse na segunda volta con Keiko Fujimori, co 23%. Neste caso, os apoios de Humala concentráronse no sur do país, mentres que o norte e a capital Lima, foron para outros candidatos.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.