A seguir recóllese a presenza do mar na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral. Inclúense tamén conceptos directamente relacionados como barcos, pesca e mariñeiros.
Os mariñeiros cren que o mar está vivo e que hai que telo contento para que estea da parte dun. Por iso os mariñeiros pontevedreses, cando saen pescar fóra da ría, botábanlle un pan de millo a modo de pago [1].
O mar é sagrado, polo que o demo non se pode meter nel. Crese que cando o demo ten fame pode pedirlles comida ós mariñeiros, pero sempre o fai desde a beira, sen entrar na auga. En moitos pobos da costa, bendín o mar para aumentar a pesca [2].
Nunca sobra utilizar distintos signos e amuletos para protexe-lo barco e os propios mariñeiros dos perigos que corren no mar, así como para propiciar unha boa pesca. Así, hai quen grava na madeira da barca ou dos remos (mesmo na porta da casa) o risco de Salomón ou a estrela de David, estrelas de cinco ou seis puntas respectivamente. Entre os amuletos utilizados no mar están os coñecidos cornos de carneiro ou ferraduras, cun número impar de buratos; tamén ramas de ruda ou de aceviño.
Ningún patrón levaría nunca un cura a bordo, aínda que no saíse a pescar [3]. Cando a muller anda coa menstruación non debe tocar o compás ou agulla de marear, pois deixaría de marcar correctamente [4], pero, pola contra, cando se remataba de facer unha rede, propiciábase a boa sorte na pesca botándolle por riba un pouco de viño ou deitándose sobre ela unha muller [5].
Andando no mar non se pode falar -mesmo nin mencionar- de cregos nin de raposas, por crer que facelo era de mal agoiro e podía provocar un capote (é dicir, un lance nulo) ou incluso un accidente marítimo; se se daba o caso de que era necesario citalos no curso dun conto ou dalgún sucedido, recorríase a denominacións eufemísticas do estilo de "o xa me entendes", "quen ti xa sabes", "o das mañas" etc. [6] Outros etnógrafos inclúen entre os temas tabú as cobras, os zapateiros e mailos xastres [7]. Tampouco se pode asubiar a bordo, porque disque atrae a treboada [8].
Outra crenza recollida nos portos de mar é que os que están a morrer, fanno no momento de subir a marea, que ven recoller as almas dos mariñeiros [9]. Estas almas embárcanse para cruzar o mar e iren ó alén, e mesmo se fala dun mar subterráneo.
Xa na Apocalipse se designaba o mar como morada do Mal, e de aí vén o recurso dos menciñeiros galegos de botar ó mar as enfermidades (o Mal que provoca as enfermidades). Mariño Ferro recolleu moitos ensalmos para distintas enfermidades que remataban ordenando ó Mal que marche ó mar [10]:
Aquí te desterro para o mar coallado.
Que te vaias ós mares altos.
Vaite aló ás ondas do mar.
Que se vaia ó fondo do mar.
Noutros casos, a curación pasa por realizar diferentes rituais e recolle-los obxectos utilizados ou os restos para botalos ó mar, na crenza de que con eles se elimina a causa do mal. Así, para cura-lo mal de aire préndese lume e afúmase a persoa enferma, e logo recóllese ben a cinsa toda e bótase ó mar.
Cando a curación se fai no interior, lonxe do mar, hai quen asegura maior efectividade se o ritual se realiza nun lugar desde o que se vexa o mar [11]. Por Fisterra admiten un mal de aire causado polo pai tras deitarse coa nai: para curalo hai que leva-lo meniño ó cume dun monte desde onde se vexa o mar, deitalo no chan e sacha-la herba que delimite o seu corpo. Logo lévanse os terróns á casa e quéimanse.
A auga do mar tén virtude para distintos remedios. É común o rito de "tomar as nove ondas", que non só se cre que serve para alcanzar o embarazo, senón que tamén o seguen aquelas rapazas que sospeitan estar enfeitizadas ou padecer doenzas descoñecidas. O rito consiste en recibir por riba do corpo nove ondas consecutivas, aínda que se cre que as verdadeiramente efectivas son sete. contadas a partir da terceira [12].
A mares: en abundancia, de forma copiosa. Emprégase cos verbos chover, chorar, suar, etc. [13]
Andar á mar, Andar ó mar: navegar, pescar na mar. [14]
Arar no mar: expresa que é inútil facer máis esforzos para obter o obxectivo buscado. [13]
Botarse un ó mar: aventurarse a un perigo descoñecido. [13]
Chover o mar chovido: chover a mares; tamén se di chover a Deus auga, chover a trebón caído, chover a ceo aberto[15]
Comer as enclavaduras dun barco: ser de bo dente e comer canto se lle pon diante. [16]
Como botar auga ó mar: facer un traballo que resulta totalmente inútil. [17]
¡Con que xente me metín ao mar!: comenta a pouca valía ou malas calidades da persoas coas que traballamos.
Correr o mar: navegar sen ter definido o destino fijo, tal como facían os piratas. [13]
Dar golpes ó mar: perder o tempo esforzándose nalgo que non vai dar o resultado que se pretende. [13]
Escachoarse o mar: romper as ondas contra a costa ou contra a praia, formando escuma. [13]
Estar feito un mar de bágoas: chorar desconsoladamente. [13]
Falar da mar: ter aínda moito que falar do asunto que se ten entre mans. [13]
Ir [algo] vento en popa: ir prosperamente un negocia ou calquera actividade. [18]
¡Mala mar me coma!: expresión de xuramento entre mariñeiros. [13]
¡Mala mar te coma!: maldición entre mariñeiros. [13]
Meter a mar nun pozo: expresa a imposibilidad de realizar un proxecto imposible. [13]
Meter o barco nas pedras: facer algo mal, meterse en dificultades
Ó mar, auga: facer algo que resulta inútil. Tamén, dar algo a quen xa ten diso en abundancia. [13]
O mar é longo: expresión de quen quita importancia ó que poida vir. [13]
Ó mar, madeira: porque sempre será máis seguro un barco grande que outro pequeno. [13]
Onde vai o mar vaian as areas: cando se fai o maior esforzo, ben se poden facer outros menores. [13].
Polo mar anda quen o gana: frase coa que se excusa quen anda a facer o vago, sen traballar. [13]
Poñerse [alguén] feito un brazo de mar: enfadarse moito, ou tamén ensoberbecerse. [13]
Por aí non lle ha de entrar auga ó barco: afírmao quen presume de estar seguro de que un determinado feito non vai suceder. [19]
Querer meter o mar nun puño: intentar facer algo que resulta imposible. [13]
Ser como levar auga ó mar: dar algo a quen xa ten diso en abundancia. [17]
Tragar [a alguén] o mar: no sentido recto, naufragar e desaparecer no mar, pero tamén se aplica a quen non sae de casa para nada e xa non se deixa ver. [13]
En martes, nin te cases nin te embarques, nin a túa porca mates, nin a túa pita botes, nin a túa tea urdas[28].
En martes nin te cases nin te embarques nin o teu porquiño mates[20].
En martes non te cases nin te embarques, nin o teu cocho mates, nin o teu pan cozas, nin a túa tea urdas, nin a túa filla cases, nin dos da túa casa te apartes[28].
En martes non te cases, nin te embarques, ni o teu porquiño mates[30].
Encarnado contra o mar, colle os bois e vai arar[22]
A do refaixo amarelo/ vai na popa do navío,/ téndeme conta con ela,/ que non se caia no río[44].
Á lancha de Maripepa/ éntralle o mar pola popa./ Non te embarques, Maripepa,/ mételle esta pouca estopa[45].
A muller do mariñeiro/ cando el sae para o mar/ se viúda non queda/ viúda pode quedar[20].
A muller do mariñeiro/ pódese chamar viúda,/ cando o home vai ao mar/ vaille para a sepultura[46][47].
A Virxe da Barca mira/ pró rumbo dos mariñeiros/ cando pasan con mal tempo/ tomando a vela riseiros[22].
Adios, rapaciña, adios,/ eu para ti xa non era,/ anque máis altos navíos/ navegan con menos vela[48].
¡Ai, miña nai! non me case/ cun labrador da patela,/ cáseme cun mariñeiro/ que gasta zapato e media[22].
Alá no medio do mar/ hai un gato dando berros,/ apañando correadas/ para bigotes dos vellos[22].
Alá no medio do mar/ sospiraba unha ballena/ e nos sospiros decía:/ quen ten amores ten pena[48].
Alá no medio do mar/ vin saltar unha sardiña,/ mariñeiriños de Noia/ vinde alá cunha traíña[46].
Anque queiran ir a Vigo/ eso non parece mal,/ que o que nunca foi a Vigo/ nunca viu puerto de mar[48].
Anque son da mariña,/ son mariñán,/ o fungueiro do carro/ lévoo na man,/ lévoo na man, neniña,/ lévoo na man,/ anque son da mariña,/ son mariñán[22].
Anque teña máis amores/ que ten areas o mar,/ por ti, miña queridiña,/ tódolos hei de deixar[48].
Ao mar tiran pedras,/ ao ceo, areas;/ confianza nos homes/ nunca a teñas[22].
Botei as redes ao mar/ para coller unha boga,/ collín a cabeza dunha/ para dar á miña sogra[22].
Cambadesa, por te ver,/ pasei o mar de Cambados/ a pique de me perder.
Cando veño do axexo,/ cando vou para a luzada/ quérote ver rianxeira/ sempre no muelle sentada[49][20].
Carpinteiro de ribeira/ faime un barquiño de vela/ pra ir de lúa de mel/ coa miña Manoela[22].
Como canta, como canta/ la sirenita en el mare,/ mi navío diera vuelta/ solo por la oir cantare[45][50].
Dáme lume, Sara, polo vertedeiro,/ dáme lume, Sara, que son mariñeiro./ Si eres mariñeiro sube para riba/ comerás o caldo nunha taza fina,/ nunha taza fina, nun plato de barro,/ comerás o caldo si o tes ganado[22].
De onde vés, Carmela?/ Veño do regueiro/ de lava-la roupa/ do meu mariñeiro[45].
Deprendéronme a cantar/ as neniñas de Rianxo,/ deprendéronme a cantar/ indo polo mar abaixo[45].
Desde que chegou a moda/ de tirar sogras ó mar,/ a condanada da miña/ está aprendendo a nadar[22].
Dime, neniña bonita,/ quen che levou as colores./ Levounas un mariñeiro/ con palabriñas de amores[22].
Dous amores no meu peito/ viven para o meu pesar:/ o da mociña que quero/ e o do traballo no mar[20].
Eí vén a lancha do mar,/ eí vén a sardiña toda,/ eí vén o meu queridiño,/ asentadiño na proa[22].
Eí vén o meu barco, eí vén;/ xa o conozco pola vela,/ no palo máis grande trae/ os ollos da miña nena[22].
Este ano os pescadores/ van pró mar sempre rezando,/ e cando veñen prá terra/ chegan sin peixe e chorando[22][51].
Estreliña mariñeira,/ compañeiriña da lúa,/ alúmbrame a min, amante,/ que vou pola rúa escura[48]. [52].
Estreliña mariñeira,/ compañeiriña da lúa,/ o día que te non vexo/ non vexo cousa ningunha[48].
Estreliña mariñeira,/ onde te-lo teu descanso?/ Teño á beira do mar/ ou no fondo dun barranco[48][53]
Eu emborrachar, emborrachar, emborracheime,/ emborracheime na beira do mar,/ eu emborrachar, emborrachar, emborracheime,/ e non me puiden desemborrachar.
Eu namorar, namorar, namoreime,/ namoreime na beira do mar,/ eu namorar, namorar, namoreime/ e non me puiden desenamorar. * Eu non quero home/ que me vaia ó mar,/ gana unha peseta,/ vaise emborrachar[22].
Ferrolana, por te ver,/ pasei o mar da Marola/ a pique de me perder.
Fun ao mar e vin do mar/ i o teu liño sen fiar;/ que figueches, calaceiro,/ cada ano seu regueiro[48][54].
Fun tres veces a ti, miña Virxe,/ pra que o ventiño lle mandes a popa/ ao meu home, que fai moito tempo/ que está co viaxe e queda sin roupa[22].
Gracias a Dios que chegamos/ eiquí a esta población,/ que viñamos de arribada/ sin velas e sin timón[46].
Indo polo mar embaixo/ o aire rifoume a vela:/ nosa Señora da Creba/ deume o pano para ela[46][55].
Levas o sombreiro baixo,/ lévalo baixo baixeiro,/ levas o sombreiro baixo/ a estilo de mariñeiro[45].
Mariñeiriño do mar/ ten asegurada a vida,/ mira que vas embarcado/ en unha táboa podrida[46][56].
Mariñeiriño non,/ que vai e non vén,/ un carreteiriño/ que carrete ben[45].
Mariñeiro, non,/ que vai e non vén;/ un carpinteiriño/ que traballe ben[22].
Mariñeiro quero, madre,/ mariñeiro me han de dar,/ se non me dan mariñeiro/ solteiriña hei de quedar[45].
Mariñeiro quero, nai,/ mariñeiro me han de dar,/ si non me dan mardiñeiro/ solteira me hei de quedar[22].
Miña meniña pequena,/ quen che vai dar de mamar?/ Túa nai vai na vendima,/ o teu pai saíu ao mar[48].
Miña nai quer que me case/ con un home carpinteiro,/ pero eu non quero a ningún/ que non sexa mariñeiro[22].
Miña Virxe do Xurés/ ten o tellado de vidro/ que llo deu un mariñeiro/ que andaba no mar perdido[48].
Miña Virxe dos Milagros/ vive no alto do Chan,/ para ver os mariñeiros/ como bogan polo mar[57].
Na altura de Camariñas/ caeume o risón ó mar;/ rapaciñas de Muxía/ víndemo a levantar[22].
Nas ondas do teu cabelo/ quixérame eu afogar/ para que a xente soupera/ que hai máis ondas que as do mar[45].
No mar hai unha torre/ e na torre unha ventana/ e na ventana unha nena/ que aos mariñeiros chama[48][58].
Non te cases cun ferreiro/ que é moi malo de lavare,/ cásate cun mariñeiro/ que vén lavado do mare[48].
Non te cases cun ferreiro/ que ten moito que lavar,/ cásate cun mariñeiro/ que vén lavado do mar[45].
Non te extrañes que todas pidamos,/ que todas somos de porto de mar,/ e todas pedimos pra si cada unha/ porque xa tardan bastante en chegar[22].
Non vaias ó mar, Manoel,/ que eu te manterei coa roca,/ e de cinco en cinco días/ fíoche unha mazaroca[22].
O divino San Andrés/ mandou empedrar o mar/ para que os seus romeiriños/ o foran a visitar[59].
O mar anda que desanda,/ anda que desaparece,/ quen ten amores non dorme,/ quen non os ten adoece[48].
O mar che sirva de cama,/ o ceo de cobertor,/ a lúa de cabeceira/ para que durmas mellor[20].
O mar dá bicos na area,/ o orballo dá na flor;/ se todo o que ama se bica,/ dame un bico, meu amor[48].
O mar tamén é casado,/ o mar tamén ten muller/ é casadiño coa area,/ dalle bicos cando quer[48].
O mar tamén ten amores,/ o mar tamén ten muller,/ está casado coa area,/ dalle bicos cando quer[20].
O mariñeiriño,/ cando vai pró mar,/ sin un chanqueiriño/ non pode pasar[22][60]
O mariñeiro ao domingo/ bo zapato e boa media;/ o luns pola mañán/ vai descalzo pola areia[46][61].
Oliveira decotada/ atravesada no río;/ para ir cara a túa casa/ xa non preciso navío[48].
Os capitás son moi vivos;/ os pilotos, preguiceiros,/ i os que pasan os traballos/ son os probes mariñeiros[22].
Para ser bo mariñeiro/ tres cousas has de saber:/ coñece-lo mar e os barcos/ e non ter medo a morrer[20].
Para ser bon mariñeiro/ hai que nacer en Marín,/ que dalí son os millores/ de cantos eu coñecín[22].
Para ser bon mariñeiro/ hai que ser coma os de Corme,/ que cando vén o mal tempo/ niste porto ninguén dorme[22].
Para un irmau que teño,/ para un irmau solteiro,/ para un irmau que teño/ váiseme de mariñeiro[48].
Pasei a ría de Arousa/ nunha barquiña de vela,/ non vin cousa máis bonita/ nin penso volver a vela[20].
Polo mar abaixo, polo mar arriba,/ polo mar abaixo vai unha sardiña,/ vai unha sardiña, vai un pexegueiro/ que leva pexegos no mes de xaneiro[45].
Polo mar abaixo vai/ unha sardiña a nadar,/ quen a poidera coller,/ quen a poidera pillar,/ quen a poidera pillar,/ quen a poidera coller,/ polo mar abaixo vai/ unha sardiña a correr[45].
Polo mar abaixo/ vai unha tixela/ chea de chourizos,/ ¡quen me dera nela![28].
Por moito que o mare creza/ ao ceo non ha chegar;/ por moitos mozos que teña/ a ti non te hei de olvidar[48].
Quíxente moito, meniña,/ heite volver a querer/ cando o mar sea de pedra/ e as pedras leña de arder[45].
Rema barqueiriño, rema,/ non deixes que o mar me leve,/ que quero ver o meu amor/ denantes que a noite cerre[20].
Santo Cristo de Fisterra,/ mándano-lo vento en popa,/ pra pasar a Touriñana/ que témo-la vela rota[22][62].
Si tu me quixeras ben/ xa me virías buscar,/ como a iauga busca o río/ e o río busca o mar[22].
Teño barcos, teño redes,/ teño sardiñas no mar,/ teño unha nena bonita,/ xa non quero traballar[48].
Teño lanchas, teño redes/ e teño peixes no mar,/ teño unha moza bonita,/ xa non quero traballar[45].
Teño un amor en Rianxo/ outro en Vilagarcía./ Para ver os meus amores/ teño que cruza-la ría.
Teño un amor mariñeiro,/ un mariñeiro do mar,/ que tamén hai mariñeiros/ que andan en terra a pescar[20].
Toda a mar andei de ronda/ arredor da barandilla;/ non achei o que buscaba,/ triste ronda foi a miña[48].
Un mariñeiro me dixo/ se me quería casar./ Eu lle dixen: mariñeiro/ outro ano e nada máis[45].
Vamos xunto a Virxen/ do monte do Faro/ que nos mande o vento/ pra que chegue o barco[22][63].
Vén eiquí que eu che direi/ estreliña do luceiro:/ cando pola terra chove/ polo mar hai neboeiro[22].
Vente ventiño do mar,/ vente, non che teño medo/ que anque me leve-la gorra/ tamén sei andar en pelo[20].
Vente ventiño do mar,/ vente ventiño mareiro,/ vente ventiño do mar/ tráeme o meu mariñeiro[45].
Vente ventiño do norte,/ vente ventiño mareiro,/ vente ventiño do norte,/ sera-lo meu compañeiro[20].
Vento da terra/ e vento do mar,/ tan forte lle deu/ que o fixo arribar[22].
Vento, ventiño do Norte,/ vento, ventiño mareiro,/ vento, ventiño do Norte,/ sera-lo meu compañeiro[22].
Veñan os barcos,/ veñan as redes,/ veñan os barcos/ anque non veñan eles[46].
Virxe do Carme, querida,/ ós mariñeiros non deixes,/ dalles bo vento de popa,/ dalles tamén moitos peixes[20].
Viva Corme porque tiene/ la flor de los marineros/ y de patrona tenemos/ la Virgen de los Remedios[22][64]
Xa fun a Marín,/ xa pasei o mar,/ xa comín laranxas/ do teu laranxal[45].
Xa fun a Marín,/ xa pasei o mar,/ xa sei navegar a vela;/ pasei por alí/ a fun a buscar/ amores a Redondela[22].
Xa non quero home/ que me vaia ó mar,/ cando chega a terra/ vaise emborrachar[22].
Xa non queiro home/ que me vaia ó mar;/ váiseme á taberna,/ vaise emborrachar[48].
A crenza é xeral e tamén se din fórmulas semellantes en Portugal, Asturias, Valencia, Andalucía, Canarias. A crenza de que o mar é a casa do Mal explica que no País Vasco non se mostran as feridas diante do mar, porque disque se marean (é dicir, inféctanse)
José María Pereda Álvarez: "Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega", en Douro Litoral (5ª série, VII-VIII, 1953). Localízao en Viveiro. No orixinal: Por ehí non ll'ha d'entrar auga o barco.
Chámanse artes (de pesca) os trebellos ou ferramentas que utilizan os mariñeiros para pescar. A veta é unha rede fixa, rectangular e fixada verticalmente ó fondo.
’’Andazo’’, ademais do seu significado común como epidemia, tamén designa a ondada dentro do porto; ‘’Argazo’’ é o conxunto de algas que o mar bota contra as praias e que se utiliza como esterco.
Juan Sobreira Salgado (1792-1797): Papeletas de un diccionario gallego, ed. de J. L. Pensado Tomé (Instituto de Estudios Orensanos, Ourense 1979). 'Sollar' significa tomar o sol, poñer ó sol.
No orixinal: telo, de un. Xaquín Lorenzo explica que para os mariñeiros, a estrela mariñeira escóndese no fondo do mar; para os labregos do interior, no fondo dos vales.
No orixinal: fun do mar [sic]. Engade Xaquín Lorenzo que, segundo Bouza Brey, se trata dunha fala de animais na que o paxaro chamado lavandeira dille ó labrego que ten que fiar o liño durante o inverno, mentres el migra ó mar; ademais debe facer que cada suco sexa un regueiro para asegurar que a planta estea sempre mollada.
O colector explica que “Los de Cariño dirigen esta cántiga a San Andrés de Teixido; los de Ribadeo (Porcillán), a la Virgen de Vilaselán, de Ribadeo; los de Mugardos, a la Madre de Dios, de Chanteiro” (Chanteiro é un lugar da parroquia de San Pedro de Cervás, concello de Ares, lindeiro co de Mugardos. Nese lugar érguese a ermida da Nosa Señora da Mercede).
A Nosa Señora dos Remedios é a padroeira de Corme Porto.
Bibliografía
ALONSO, Eliseo: "Mariñeiros das gamelas", en Coloquio de etnografía marítima, cap. 9. Museo do Pobo Galego 1988, 115-128.
ALONSO RIVAS, Alicia María, e ALONSO, Eliseo: "Atadeiras de A Guardia", en Coloquio de etnografía marítima, cap. 10. Museo do Pobo Galego 1988, 129-132.
BROUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204.
CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 94, 15.10.1931, 192-193; 95, 15.11.1931, 215-217.
GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio: “O refraneiro do mar”, en Coloquio de etnografía marítima, Museo do Pobo Galego 1988, cap. 12, 137-147.
LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
PEREDA ÁLVAREZ, José María: "Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega", en Douro Litoral (5ª série, VII-VIII, 1953, pp. 19-52)
RAMÓN FERNÁNDEZ-OXEA, Xosé: "Cancionero y refranero de Corme", en Revista de Dialectología y Tradiciones Populares. Tomo VII, cuaderno 3º, 1951, px. 457-507.
RISCO, Vicente: "Cultura espritual", en Historia de Galiza I, Bos Aires 1962 (reed. Akal, Madrid 1979).
RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas II, contribución al diccionario gallego, Alvarellos, Lugo 1988.