Remove ads
especie de insecto From Wikipedia, the free encyclopedia
A mosca doméstica (ou común)[1], de nome científico Musca domestica, é un díptero da suborde dos Cyclorrhapha. É a especie de mosca máis común nas casas. Os insectos adultos son grises ou negros con catro liñas lonxitudinais no tórax, corpos lixeiramene peludos e un só par de ás membranosas. Teñen ollos compostos vermellos, e as femias, que son lixeiramente meirandes, teñen estes máis separados que os machos. Crese que evolucionou na era Cenozoica, posiblemente no Oriente Próximo, e espallouse por todo o mundo.
Mosca doméstica | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Non avaliado | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Musca domestica Linnaeus, 1758 | |||||||||||||||||
Subespecies | |||||||||||||||||
|
Poñen grupos duns cen ovos en materia orgánica en descomposición, como lixo, prea ou feces. Estes eclosionan orixinando larvas chamadas careixas, que se transforman en pupas marróns avermelladas, duns 8 mm de longo. As moscas adultas viven normalmente de dúas a catro semanas, pero poden hibernar durante o inverno. Os adultos aliméntanse de diversas substancias líquidas ou semilíquidas sobre materiais sólidos que son abrandados con saliva. Portan patóxenos nos seus corpos e feces e poden contaminar os alimentos e contribuír á transferencia de enfermidades transmitidas polos alimentos, polo que son consideradas pragas, pero foron usadas en experimentos de laboratorio para investigar o envellecemento e a determinación do sexo.
As moscas domésticas adultas crecen ata ter de 8 a 12 milímetros de longo. O tórax é gris ou ás veces incluso branco, e ten catro liñas escuras lonxitudinais no dorso. Todo o corpo está cuberto con proxección similares a pelos. As femias son lixeiramene maiores que os machos, e o espazo entre os seus ollos compostos vermellos é moito maior.[2]
As pupas poden pesar de 8 a 20 mg en diferentes condicións.[3]
Igual que outros dípteros teñen só un par de ás, e o que sería o segundo par de ás está reducido a pequenos halterios que lle dan estabilidade no voo. Caracteristicamente, a vea media (M1+2 ou cuarta vea longa da á) presenta unha brusca curvatura cara ariba.
Especies similares á mosca doméstica son:
As pezas bucais da mosca teñen unha probóscide ou protrusión tubular, ao final do cal hai un labium. A estrutura é a dun órgano esponxa que está caracterizado por ter moitas canles, chamadas pseudotraqueas, cuxa finalidade é captar líquidos. O líqido absorbido é finalmente transportado ao esófago.[4]
Unha femia pode poñer uns 500 ovos durante a súa vida, en varios grupos de 75 a 150.[5] Os ovos son brancos e duns 1,2 mm de lonxitude. As larvas que saen do ovo, chamadas careixas (entre outros nomes), viven e aliméntanse de materia orgánica, xeralmente en descomposición, como lixo, prea ou feces. As larvas son brancas, de 3 a 9 mm de longo, máis delgadas na zona anterior, non teñen patas e presetan un pequeno conxunto de espiñas na parte ventral do abdome. Ao final do seu cuarto ínstar, a larva arrástrase a un lugar seco e frío e transfórmase en pupa, de cor avemellada ou marrón e duns 8 mm de longo. As moscas adultas emerxen despois da pupa unha vez que realizaron unha metamorfose completa. Os adultos viven de dúas semanas a un mes na natureza ou máis tempo en condicións de laboratorio benignas. Unha vez que saíron da pupa, as moscas deixan de crecer; as moscas pequenas non son necesariamente moscas novas, senón o resultado de que conseguiron pouca comida durante o estado larvario.[6]
Con tempo cálido os ovos eclosionan en só 8 a 12 horas, pero con tempo frío tardan 24 horas.[7] Unhas 36 horas despois de ter saído da pupa, a femia é receptiva ao apareamento. O macho monta por detrás á súa parella e inxecta o esperma. A copulación dura uns poucos segundos ou un par de minutos.[6] O apareamento é políxino. Normalmente, a femia aparéase unha soa vez, almacenando o esperma para usalo moitas veces e poñer varios conxuntos de ovos.[7]
Como os tecidos somáticos da mosca doméstica constan de células posmitóticas de longa vida, poden utilizarse como un sistema modelo informativo para a comprensión das alteracións celulares relacionadas coa idade acumulativas. Agarwal e Sohal estudaron o nivel de danos oxidativos no ADN con formación de 8-hidroxidesoxoguanosina (8-OHdG) nas moscas domésticas.[8] Encontraron que o nivel de 8-OHdG se incrementaba coa idade das moscas. Atoparon tamén unha asociación inversa entre o nivel de 8-OHdG e a esperanza de vida das moscas. Presentaron a hipótese de que os danos moleculares oxidativos son un factor causal na senescencia (envellecemento). Estes descubrimentos están de acordo coa idea xeral de que os danos oxidativos no ADN, especialmente en tecidos posmitóticos, son unha das causas principais do envellecemento.[9][10]
A mosca doméstica utilízase para estudar o mecanismo determinación do sexo. Aínda que existe unha gran variedade de mecanismos de determinación do sexo na natureza (por exemplo, a heterogamia de machos e femias, a haplodiploidía, factores ambientais), a maneira en que se determina o sexo está normalmente fixada nunha determinada especie. A diferenza do que ocorre noutras moscas como Drosophila os xenes Sex-lethal non están implicados na determinación do sexo de M. domestica, e a compensación de dose de cromosomas X, se existe nelas, non está acoplada coa diferenciación suxual.[11] Os machos portan un factor determinante da masculinidade (M) que pode estar localizado en calquera cromosoma, e un macho pode ter moitos factores M. As femias carecen de M e/ou teñen un alelo dominante do xene Md-tra (Md-tra D ) que actúa como locus determinante da feminidade mesmo en presenza de múltiples copias de M.[12] Porén, o mecanismo exacto de determinación do sexo na mosca doméstica aínda require máis investigacións.
Aínda que a orde dos dípteros é moi antiga, as verdadeiras moscas domésticas crese que evolucionaron a principios da era Cenozoica.[13] Crese que se orixinaron no sur da rexión Paleártica, especialmente no Próximo Oriente. Debido á súa estreita relación de comensal cos humanos, probablemente a súa distribución mundial dependeu da súa comigración cos humanos.[6]
A mosca doméstica é a máis común de todas as moscas que adoitan aparecer nas casas humanas, e supón o 91% de todas as moscas nas casas, e é o insecto cunha maior distribución, que se encontra por todo o mundo.
As moscas domésticas poden portar uns 100 patóxenos, como os que causan febre tifoide, cólera, salmonelose,[14] disentería bacilar (por Shigella),[15] tuberculose, ántrax, oftalmia e vermes parasitos.[16] Algunhas cepas de moscas fixéronse inmunes aos insecticidas máis comúns.[17][18]
As moscas domésticas aliméntanse de substancias líquidas ou semilíquidas acumuladas entre o material sólido, que foron abrandando salivando ou vomitando. Defecan con frecuencia, o cal é un dos factores que fan que o insecto sexa un perigoso espallador de patóxenos, que porta nas feces. Aínda que son moscas domésticas, aparentemente confinadas nas casas, poden voar varios quilómetros desde os seus lugares de reprodución.[19] Son activas só de día, e descansan pola noite, por exemplo nas esqinas das habitacións, teitos, bodegas e alpendres, onde poden sobrevivir ao cru inverno hibernando, e cando chega a primavera, as moscas adultas só se ven durante poucos días despois de que empeza o desxeo.
A transmisión dos microorganismos que levan nos seus pelos, pezas bucais, vómitos e feces pode orixinar:
A capacidade das larvas de mosca de alimentarse e desenvolverse nunha ampla variedade de materia orgánica en descomposición é importante para a reciclaxe de nutrientes na natureza. Os investigadores suxiren que esta adaptación pode ser explotada para eliminar certos tipos de lixo orgánico.[22] As larvas poden criarse en masa de maneira controlada en esterco animal, reducindo así a cantidade de lixo e minimizando os riscos ambientais do seu vertido.[23][24] As larvas colleitadas poden ser utilizadas para a nutrición animal.[24][25]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.