From Wikipedia, the free encyclopedia
Mogwai é unha banda escocesa de post-rock, formada en Glasgow en 1995. Está composta por Stuart Braithwaite (guitarra, voces), Barry Burns (guitarra, piano, sintetizador, voces), Dominic Aitchison (baixo) e Martin Bulloch (batería). As súas cancións adoitan a ser longas pezas baseadas nas guitarras e que contan con grandes contrastes de dinámica, melódicas liñas de baixo e pesado uso da distorsión e dos efectos.
Mogwai no Paredes de Coura 2011 | |
Orixe | Glasgow, Escocia |
Período | 1995 - presente |
Xénero(s) | post-rock, rock instrumental |
Selo(s) discográfico(s) | Chemikal Underground, Matador, Play It Again Sam, Rock Action, Sub Pop |
Membros | Stuart Braithwaite Dominic Aitchison Martin Bulloch Barry Burns |
Antigos membros | Brendan O'Hare John Cummings |
Artistas relacionados | Crippled Black Phoenix, Minor Victories |
Na rede | |
mogwai.co.uk | |
Stuart Braithwaite e Dominic Aitchison coñecéronse en abril de 1991, e catro anos despois formaron Mogwai co antigo amigo do colexio Martin Bulloch.[1] O nome da banda procede das criaturas da película Gremlins, aínda que o guitarrista Stuart Braithwaite comenta que "non ten un significado significativo e sempre pensamos en conseguir un mellor, pero como moitas outras cousas nunca o logramos".[2] 'Mogwai' significa "espírito malvado" ou "diaño" en cantonés. A banda estreouse en febreiro de 1996 co sinxelo "Tuner"/"Lower" e ao final do ano recibiu a distinción de "sinxelo do ano" da revista NME por "Summer", unha fazaña repetida a principios de 1997 con "New Paths to Helicon".[3] Despois de realizar un feixe de concertos a banda medrou coa introdución de John Cummings na guitarra, e o batería de Teenage Fanclub Brendan O'Hare que se incorporaron mentres gravaban o seu álbum de estrea Mogwai Young Team.[3]
O disco, editado en outubro de 1997, chegou ao número 75 da lista británica de álbums, e contaba coa colaboración de Aidan Moffat de Arab Strap. En 1998 a banda tivo os seus primeiros postos nas listas cun sinxelo compartido con Magoo de versións de Black Sabbath que chegou ao número 60 no Reino Unido e cun EP de remesturas de "Fear Satan" que chegou ao número 57. No mesmo ano editouse un álbum de remesturas de temas da banda realizadas por Kevin Shields, Alec Empire e μ-ziq, Kicking a Dead Pig: Mogwai Songs Remixed.[4] A banda tamén remesturou temas para David Holmes e Manic Street Preachers.[4] O'Hare foi despedido despois do lanzamento do álbum.
Barry Burns entrou na banda antes da gravación de Come On Die Young, o segundo álbum do grupo. Burns xa tocara algúns concertos con Mogwai como frautista e pianista ocasional. Segundo Stuart, Barry foi convidado á banda debido a que era unha persoa divertida. O álbum chegou ao número 29 no Reino Unido. A formación do grupo permaneceu inalterable dende 1998 ata novembro de 2015, cando John Cummings marchou para realizar outros proxectos. O músico escocés Luke Sutherland contribuíu tocando o violín (e máis recentemente con voces e guitarras) nos discos de Mogwai e nos seus concertos.
O disco de 2001 Rock Action conseguiu a posición máis alta nas listas británicas da banda, chegando ao número 23. O álbum era menos guitarreiro que os anteriores, contando con máis electrónica; un maior número de temas do habitual tamén contaba con voces, e entre os vocalistas invitados estaban David Pajo de Slint, Gruff Rhys de Super Furry Animals e Gary Lightbody de Snow Patrol. Pouco despois a banda lanzou "My Father My King", unha cacofónica canción de 20 minutos que pechaba os seus concertos na época de Rock Action, e foi facturada como unha peza complementaria do álbum.[5]
O álbum de 2003 Happy Songs for Happy People continuou o movemento da banda cara ao uso de electrónica e de arranxos máis espazosos. Foi o primeiro álbum do grupo en venderse ben nos Estados Unidos, chegando ao número 13 da lista da Billboard de álbums independentes e pasando unha semana na lista Billboard 200.[6] As recensións foron en xeral favorables, aínda que Pitchfork Media dixo en 2008 "... a recepción (do álbum) variou de media a favorable. Algúns loaron o alcance, a grandeza e a disposición da banda para explorar máis aló dos límites da dinámica silenciosa-ruidosa que dominaba; outros lamentaron unha falta do mesmo, chamando alternativamente a Happy Songs demasiado suave, demasiado pequeno, ou demasiado ríxido".[7]
En marzo de 2006 editouse o álbum Mr Beast, tanto en formato regular como nunha edición especial de luxo que traía un DVD documentando o proceso de gravación, titulado The Recording of Mr Beast. O disco foi descrito polo presidente de Creation Records, Alan McGee, como "probablemente o mellor álbum de art rock no que estiven involucrado dende Loveless. De feito,é posiblemente mellor que Loveless"[8] (referíndose ao influente álbum de 1991 de My Bloody Valentine). AllMusic dixo do álbum que era "posiblemente o máis accesible aínda que sofisticado álbum que Mogwai editou".[9]
O sexto álbum de estudio da banda, The Hawk Is Howling, foi gravado dende finais de 2007 ata principios de 2008, e foi publicado en setembro de 2008. Foi o primeiro álbum de Mogwai que non contaba con voces, e tamén foi o primeiros en ser producido pola propia banda; o disco foi gravado por Andy Miller nos Chem19 Studios en Hamilton, South Lanarkshire, e mesturado por Gareth Jones nos Castle of Doom Studios de Glasgow.[10] O álbum xerou un EP, Batcat, que contaba coa canción título e tamén cunha colaboración con Roky Erickson, cantando en "Devil Rides".
En 2010 a banda publicou o seu primeiro filme ao vivo (Burning, rodado por Vincent Moon e Nathanaël Le Scouarnec, e que se estreou no Glasgow Film Festival e febreiro) e un álbum en directo (chamado Special Moves). Burning contén oito temas dos concertos do grupo en Brooklyn dúante a súa xira estadounidense de 2008/2009, mentres que Special Moves engade nove cancións máis da mesma xira.[11][12] Special Moves foi o primeiro lanzamento do propio selo da banda, Rock Action Records, chamado así polo batería de The Stooges Scott Asheton, que era coñecido como Rock Action.[2]
No mes de setembro de 2010 Mogwai deixou Matador Records, a súa distribuidora en América do Norte durante moito tempo, e fichou por Sub Pop. Braithwaite tamén afirmou que a banda estaba traballando en material para un novo álbum que sería editado a comezos de 2011. O 27 de outubro de 2010 Mogwai anunciou o seu sétimo álbum de estudio, Hardcore Will Never Die, But You Will. O disco lanzouse o 14 de febreiro de 2011 no Reino Unido e chegou ao número 25 da lista de álbum británica.[13] Unha edición extra contaba cun CD adicional cunha peza de 23 minutos chamada "Music for a Forgotten Future (The Singing Mountain)", gravada para unha instalación artística de Douglas Gordon e Olaf Nicolai.[14] Lanzáronse ademais tres sinxelos do álbum; "Rano Pano", "Mexican Grand Prix" e "San Pedro".
En 2012 lanzouse o álbum de remesturas A Wrenched Virile Lore, que incluía temas de Hardcore... remesturados por numerosos artistas como Xander Harris, The Soft Moon, Robert Hampson e Justin Broadrick. O álbum, cuxo título é case un anagrama de "Hardcore Will Never Die" foi novamente editado por Sub Pop nos Estados Unidos e por Rock Action Records no resto do mundo.[15][16]
En xullo de 2013 Mogwai interpretou por primeira vez a súa banda sonora para Zidane: A 21st Century Portrait en concertos por todo o Reino Unido. Posteriormentea banda anunciou novas datas, incluídas dúas noites no Royal Festival Hall e un concerto pechando a derradeira edición do festival All Tomorrow's Parties en Camber Sands, Inglaterra.[17]
O grupo anunciou o seu oitavo álbum de estudio, Rave Tapes, o 28 de outubro de 2013. O disco lanzouse o 20 de xaneiro do ano seguinte a través de Rock Action no Reino Unido, de Spunk en Australia e de Hostess no Xapón e no sueste asiático, mentres que Sub Pop publicou o álbum o día 21 de xaneiro nos Estados Unidos. Rave Tapes foi producido por Mogwai e Paul Savage, e a canción "Remurdered" subíuse ás páxinas de Rock Action e Sub Pop SoundCloud no momento do seu anuncio.[18][19] O álbum entrou no número 10 da lista británica[20] e no mes de abril era o disco máis vendido do país en vendas de vinilo.[21]
O 1 de decembro de 2014 Rock Action lanzou o EP Music Industry 3. Fitness Industry 1. que contaba con tres temas novos das sesións de gravación de Rave Tapes, xunto con tres remesturas de cancións dese álbum feitas por Blanck Mass, Pye Corner Audio e Nils Frahm. O EP gravuse en Glasgow con Paul Savage.[22][23]
En xuño de 2015 Mogwai realizou unha serie de grandes concertos no Reino Unido e Irlanda, rematando con dúas noites no Camden Roundhouse para celebrar o 20 aniversario da banda.[24] Ao mesmo tempo, en asociación con ATP, o grupo comisiounou unha serie de concertos no seu local de Londres con artistas que os "desafiaran, intrigraran e inspiraran", como The Jesus and Mary Chain, Public Enemy, e Godspeed! You Black Emperor. O 23 de outubro Mogwai lanzou o álbum retrospectivo Central Belters, formado por tres CDs ou seis LPs, onde repasaban a súa carreira.[25]
O 15 de novembro de 2015 a banda anunciou que o guitarrista John Cummings marchaba para centrarse nos seus propios proxectos.
En abril de 2016 Braithwaite contoulle a The Guardian que a banda estaba compoñendo novas cancións e que viaxaría aos Estados Unidos nese mesmo ano para gravar un novo álbum con Dave Fridmann, que xa producira Rock Action uns 15 anos antes.[26] O 25 de novembro Fridmann anunciou que o grupo comezara a gravación do disco con el.[27] O 3 de marzo de 2017 Mogwai anunciou que remataran as gravacións e estaban masterizando o álbum nos Abbey Road Studios.[28] A banda anunciou unha xira mundial coincidindo co lanzamento do novo traballo, comezando con datas en Europa no mes de outubro antes de visitar América do Norte en novembro e tocando finalmente na súa cidade natal de Glasgow en decembro.[29]
O 14 de maio de 2017 a banda anunciou que o novo álbum chamaríase Every Country's Sun e que sería editado o 1 de setembro dese ano. O grupo tamén compartíu a primeira canción, "Coolverine".[30] O día 2 de xuño Mogwai tocou no festival Primavera Sound en Barcelona, nun concerto anuncioado ese mesmo día e onde inerpretaron Every Country's Sun na súa totalidade.[31]
O 29 de outubro de 2020 Mogwai anunciou un novo álbum, As the Love Continues, que editarán o 19 de febreiro de 2021. O seu sinxelo principal, "Dry Fantasy", estreouse na BBC Radio 6 e está dispoñible para ser descargado.[32]
Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Mogwai Young Team | 1997 | Chemikal Underground |
Come On Die Young | 1999 | Chemikal Underground, Matador Records |
Rock Action | 2001 | Matador Records |
Happy Songs for Happy People | 2003 | Play It Again Sam, MatadorPlay It Again Sam, Matador |
Mr Beast | 2006 | Play It Again Sam, MatadorPlay It Again Sam, Matador |
The Hawk Is Howling | 2008 | Wall of Sound |
Hardcore Will Never Die, But You Will | 2011 | Rock Action Records, Sub Pop |
Rave Tapes | 2014 | Rock Action Records, Sub Pop |
Atomic | 2016 | Rock Action Records |
Every Country's Sun | 2017 | Rock Action Records, Temporary Residence Limited |
As the Love Continues | 2021 | Rock Action Records, Temporary Residence Limited |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.