From Wikipedia, the free encyclopedia
Manic Street Preachers, tamén coñecida como Manics, é unha banda galesa de rock fundada en Blackwood en 1986 en Blackwood. O grupo está formado por Nicky Wire (baixo e letras) e os curmáns James Dean Bradfield (voz e guitarra) e Sean Moore (batería e percusión). Forman unha parte fundamental do movemento cultural galés Cool Cymru da década dos 90.
Manic Street Preachers | |
---|---|
Orixe | Blackwood, País de Gales |
Período | 1986 - presente |
Xénero(s) | rock alternativo, britpop |
Selo(s) discográfico(s) | Columbia, Epic, Heavenly, Damaged Goods |
Membros | James Dean Bradfield Nicky Wire Sean Moore |
Antigos membros | Richey James Edwards Miles Woodward |
Na rede | |
manicstreetpreachers.com | |
Tras o lanzamento do seu sinxelo de estrea "Suicide Alley" en 1988, Manic Street Preachers converteuse nun cuarteto coa incorporación de Richey Edwards como guitarrista rítmico e co-letrista. Os primeiros álbums da banda tiñan unha sonoridade punk, evolucionando posteriormente cara un son rock alternativo máis amplo, mantendo unha visión política de esquerdas.[1] A súa primeira combinación de imaxes glam andróxinas e letras sobre "cultura, alienación, aburrimento e desesperación" fíxolles gañar un público leal.
O primeiro traballo de Manic Street Preachers en entrar nas listas foi o sinxelo "Motown Junk" en 1991, seguido polo seu álbum de estrea, Generation Terrorists, en febreiro de 1992. Os seguintes dous álbums foron Gold Against the Soul en 1993 e The Holy Bible en 1994,[2] sendo este último o derradeiro con Edwards, que desapareceu en febreiro de 1995 e foi declarado legalmente morto en 2008.[3] A banda continuou como un trío e conseguiu éxito comercial cos discos Everything Must Go (1996) e This Is My Truth Tell Me Yours (1998).
Os Manics teñen sido cabezas de cartel en festivais como Glastonbury, T in the Park, V Festival e Reading, gañando once NME Awards, oito Q Awards e catro BRIT Awards.[4] Foron nomeados para o Mercury Prize en 1996 e 1999, e tiveron unha nomeación para os MTV Europe Music Awards. A banda vendeu máis de 10 millóns de álbums en todo o mundo. Os Manics teñen dous sinxelos número 1 na lista británica: "If You Tolerate This Your Children Will Be Next" (1998) e "The Masses Against the Classes" (2000), así como dous álbums número 1: This Is My Truth Tell Me Yours e The Ultra Vivid Lament (2021).[5] Dende 1991 ata 2010, a banda tivo 33 sinxelos consecutivos no top 40 do Reino Unido.[6]
A banda formouse no ano 1986 na escola unitaria Oakdale, en Blackwood, onde estudaban os catro membros orixinais do grupo.[7] Bradfiel e o lixeiramente maior Moore son curmáns, e os dous compartían liteira na casa da familia do primeiro tras o divorcio dos pais de Moore.[8]
Durantes os primeiros anos da banda, Bradfield e Moore, que tiña formación clásica, componían principalmente a música, mentres que Wire se centraba nas letras. A orixe do nome do grupo non é claro, pero a historia máis contada fala de que un día mentres Bradfield tocaba na rúa en Cardiff tivo un altercado con alguén (ás veces cóntase de que era un home sen fogar)[7] que lle preguntou "What are you, boyo, some kind of manic street preacher?" (Que eres, rapaz, unha especie de predicador da rúa maníaco?).[9]
O baisista orixinal Flicker (Miles Woodward) deixou a banda a principios de 1988, supostamente debido a que cría que o grupo estaba afastándose das súas raíces punk.[9] A banda continuou como un trío, con Wire pasándose da guitarra ao baixo,[9] e en 1988 publicou o seu primeiro sinxelo, "Suicide Alley". A pesar da pouca calidade da gravación, este sinxelo dá unha primeira idea single tanto do traballo de guitarra de Bradfield como do estilo ao vivo de Moore na batería.[10] A revista NME publicou unha entusiasta recensión de "Suicide Alley", citando unha nota de prensa de Richey Edwards: "Estamos o máis afastados de calquera cousa dos 80".[2]
Tras o lanzamento de "Suicide Alley", Edwards uniuse á banda como guitarrista rítmico e escribindo as letras xunto con Wire. Edwards tamén deseñaba portadas e libretos e levaba á banda aos concertos.[9]
En 1990 Manic Street Preachers fichou polo selo Damaged Goods Records para publicar un EP. O traballo de catro temas New Art Riot E.P. atraeu tanto o interese dos medios polos seus ataques a outros músicos como pola súa música.[9] Coa axuda da xestión de Hall or Nothing, os Manics asinaron un contrato co selo independente Heavenly Records. O seu primeiro sinxelo para a discográfica foi "Motown Junk". O seguinte, "You Love Us", tiña samplers da composición de Krzysztof Penderecki Tren ofiarom Hiroszimy, así como de tamas de Iggy Pop.
O 15 de maio de 1991, durante unha entreviata co entón xornalista de NME Steve Lamacq tras un concerto no Norwich Arts Centre, Edwards tallou a palabra "4REAL" no seu brazo cunha navalla nun intento por demostrar a sinceridade da banda. Foi levado ao hospital e recibiu dezasete puntos de sutura.[9] NME posteriormente editou unha páxina enteira falando sobre o incidente, incluíndo unha entrevista por telñefono con Richey sobre as súas motivacións para facer iso. Na cara b do sinxelo benéfico de 1992 "Theme from M.A.S.H. (Suicide Is Painless)" incluíuse unha gravación da reunión editorial na que se discutía se podían ou non publicar a imaxe, onde aparecen Lamacq, o entón editor da NME Danny Kelly e James Brown (que despois editaría Loaded e a versión británica de GQ).[9]
Como resultado do seu comportamento controvertido, a banda converteuse rapidamente nunha das favoritas da prensa musical británica, axudando este feito a crear unha fiel base de fans.[2] Columbia Records, de Sony Music UK, fichou aos Manic Street Preachers pouco despois e o grupo comezou a traballar no seu álbum de estrea.[9]
O álbum de estrea da banda, Generation Terrorists, foi editado en 1992 a través do selo Columbia Records. O disco tivo seis sinxelos e vendeu 250 000 copias.[9] O libreto contiña unha cita literaria para cada unha das dezaoito cancións do álbum e o álbum duraba pouco máis de setenta minutos. As súas letras están politizadas como as de The Clash e Public Enemy,[11] coas cancións do álbum pasando regularmente dun enfoque crítico do capitalismo global a contos máis persoais de desesperación e loitas da mocidade. Outros temas combinan temas persoais e políticos; "Nat West-Barclays-Midlands-Lloyds" foi escrito como unha crítica ás políticas de crédito bancario no exterior, pero tamén fala dos problemas de Richey Edwards relacionados con descubertos e préstamos rexeitados. Pola súa banda, o sinxelo "Motorcycle Emptiness" critica o consumismo como un "soño superficial"[12] que fai que a vida humana se comercialice abertamente.[13] "Little Baby Nothing", un dueto entre a ex-actriz porno estadounidense Traci Lords e Bradfield, foi descrito por Priya Elan de NME como unha "instantánea perfecta da inocencia [feminina] arrebatada e retorcida".[14]
A banda tamén fixo unha versión do tema "Suicide Is Painless" que chegou ao número 7 das listas británicas, pasando tres semanas no top 10, e dándolle á banda o seu primeiro sinxelo en entrar nese top 10.[15]
O segundo álbum do grupo, Gold Against the Soul, tiña un son máis comercial e sucio. Foi publicado con recensións variadas pero vendeu ben, chegando ao número 8 da lista británica de álbums. A banda afirmou que a elección de traballar de novo con Dave Eringa foi importante para este álbum.[9] Os Manics teñen descrito Gold Against the Soul como o seu traballo menos favorito e ao período que o rodeou como o menos centrado da súa carreira. O vocalista e guitarrista James Dean Bradfield tamén dixo "O único que queriamos facer era pasar por baixo da á corporativa. Pensamos que podíamos ignorala, pero si que te ves afectado".[16]
A principios de 1994, os problemas de Edwards empeoraron o comezaron a afectar tamén aos outros membros da banda. Ese ano foi ingresado no hospital psiquiátrico The Priory para superar os seus problemas e a banda tocou algúns festivais como un trío para pagar o seu tratamento. Durantes unha destas actuación no festival Reading '94, James tocou a Gibson negra de Richey como unha mostra de respecto (aínda que posteriormente comentou que se arrepinte de tocar a guitarra de Richey).[9]
O seguinte álbum do grupo, The Holy Bible, publicouse en agosto con aclamación da crítica pero con poucas vendas. O disco mostraba outro cambio musical e estético para a banda, aparecendo principalmente con uniformes militares. Musicalmente, The Holy Bible afástase do rock moderno dos seus dous primeiros álbums,Generation Terrorists e Gold Against the Soul.[17] Ademais dun son máis próximo ao rock alternativo, o disco incorpora elementos doutros xéneros como hard rock,[18] punk británico, post-punk, new wave, industrial, art rock e rock gótico.[9][19]
Liricamente o álbum trataba temas como a prostitución, o consumismo estadounidense, o imperialismo británico, a liberdade de expresión, o Holocusto, os asasinos en serie, a pena de morte, a revolución política, a infancia, o fascismo e o suicidio.[20] Tamén había temas autobiográficos, como a canción "4st 7lb" onde as letras falan claramente da experiencia de Richey coa anorexia. O título "The Holy Bible" (A Santa Biblia) foi escollido por Edwards para reflexar a idea, segundo Bradfield, de que "todo aí ten que ser perfección".[21]
Para promocionar o disco, a banda apareceu no programa Top of the Pops interpretando o seu primeiro sinxelo, "Faster", o cal acadaría o número 16 nas listas. A actuación foi moi controvertida na época, xa que a banda levaba vestimenta militar, con Bradfield levando un pasamontañas como se fose un terrorista. No momento, a BBC díxolle á banda que nunha recibiran queixas antes.[22] O álbum vendería finalmente máis de 600 000 copias en todo o mundo.[23]
En abril de maio de 1994 a banda interpretou por primeira vez cancións de The Holy Bible en concertos en Tailandia e Portugal e nun concerto benéfico para a Anti-Nazi League en Brockwell Park, Londres.[24] En xuño tocaron no Glastonbury Festival.[25] En xullo e agosto, sen Richey Edwards, tocaron no T in the Park en Escocia, no Alte Wartesaal en Colonia, no Parkpop Festival na Haia e no Reading Festival.[26] Durante os meses de setembro, outubro e decembro realizaron unha xira polo Reino Unido e Irlanda, e dúas na Europa continental con Suede e Therapy?.[27] En decembro, tres noites no London Astoria remataron coa banda esnaquizando o seu equipo e a instalación de iluminación do local, causando danos por valor de 26 000 libras.[28]
Edwards desapareceu o día 1 de febreiro de 1995, o día no que el eJames Dean Bradfield ían voar aos Estados Unidos para unha xira promocional.[29] Nas dúas semanas anteriores á súa desaparición, Edwards retirara da súa conta 200 libras cada día, totalizando 2 800 libras o día do voo programado.[30][31] Saíu do Embassy Hotel en Bayswater Road, Londres, ás sete da mañá e despois conduciu ata o seu apartamento en Cardiff, Gales.[30][32] Nas dúas semanas seguintes foi supostamente visto na oficina de pasaportes de Newport[33] e na estación de autobuses da mesma cidade.[30][32] O 7 de febreiro un taxista de Newport supostamente recolleu a Edwards no King's Hotel, e levouno polos vales, incluíndo Blackwood (o fogar de Edwards cando era neno). O pasaxeiro baixou na estación de servizo de Severn View, preto de Aust, e pagou as 68 libras da viaxe ao contado.[32][34]
O 14 de febreiro o Vauxhall Cavalier de Edwards recibiu unha multa de aparcadoiro na estación de servizo de Severn View e o 17 de febreiro foi declarado abandonado. A policía descubriu que a batería estaba descargada, con evidencias de que alguén vivira no coche.[29][30][35] Debido a que a estación de servizo está preto da ponte de Severn, que era famoso por ser un lugar que a xente usaba para suicidarse,[36] crese que Edwars suicidouse saltando dende a ponte.[37]
Manic Street Preachers tivo un parón de seis meses e incluso consideraron seriamente disolver o grupo, pero coa aprobación da familia de Edwards o resto dos membros continuaron.[9] Edwards foi legalmente "presunto morto" en 2008, para que os seus pais puidesen administrar o seu patrimonio.[38][39] A banda segue configurando un micrófono para Edwards en cada actuación en directo.[40]
O primeiro álbum sen Edwards, Everything Must Go, ten cinco cancións escritas ou co-escritas por Edwards, e foi editado con moi boas críticas. O disco editouse o 20 de maio de 1996 e a banda elixiu traballar co produtor Mike Hedges, principalmente polo seu traballo co sinxelo de Siouxsie & the Banshees "Swimming Horses".[41] Everything Must Go estreouse no número 2 da lista británica de álbums, e o disco chegaría a ser triplo platino no Reino Unido e o seu álbum máis exitoso ata a data, pasando 103 semanas no top 100 e aínda estando no top 5 un ano despois do seu lanzamento.[15] A meirande parte das letras foron escritas por Wire, incluídas as do sinxelo "A Design for Life", que acadou o posto número 2 nas listas e foi o primeiro en ser composto e publicado tras a desaparición de Edwards.
O disco foi nomeado para o premio Mercury de 1996 ao mellor álbum, e a banda gañou dous premios Brit, á mellor banda británica e mellor álbum británico,[4] ademais os seus sinxelos "Australia", "Everything Must Go" e "Kevin Carter" foron un éxito. O álbum vendeu máis de 2 millóns de copias en todo o mundo, e aínda segue sendo considerado un dos mellores lanzamentos da década,[42] un álbum clásico da década de 1990[43] e votado con frecuencia nas enquisas na categoría de mellores álbums de todos os tempos por moitas publicacións.[44] O éxito de Everything Must Go nos Brit Awards de 1997 fixo que as vendas dos seus álbums anteriores Generation Terrorists, Gold Against the Soul e The Holy Bible gozasen dun aumento tardío; vendendo por exemplo o seu álbum de estrea 110 000 copias extra.[9]
This Is My Truth Tell Me Yours, editado en 1998, tivo o mesmo éxito que o seu predecesor na meirande parte do mundo, e deulles á banda o seu primeiro sinxelo número 1, "If You Tolerate This Your Children Will Be Next". Fala sobre a guerra civil española e está inspirado a partes iguas polo relato de George Orwell Homage to Catalonia e pola canción de The Clash "Spanish Bombs". O disco tamén inclúe os exitosos temas "You Stole the Sun from My Heart", "Tsunami" e "The Everlasting". Novamente os Manics gañaron o BRIT á mellor banda británica na edición de 1999.
O 31 de decembro de 1999 tocaron no Leaving the 20th Century concert, celebrado no Millennium Stadium de Cardiff; o primeiro é máis garnde concerto celebrado alí, con 80.000 asistentes.
No ano 2000 a banda editou o sinxelo en edición limitada "The Masses Against the Classes". A pesar de ter pouca promoción, o sinxelo acadou a primeira posición na lista británica. O sinxelo saíu de catálogo o mesmo día do seu lanzamento, pero aínda así pasou sete semanas nas listas.
En 2001 converteuse na primeira banda popular de rock occidental en tocar en Cuba, e os seus membros reuníronse co presidente Fidel Castro. O concerto e a viaxe foron documentados e publicados en DVD baixo o título Louder than War.
Nese concerto revelaron varias cancións do seu sexto álbum, Know Your Enemy. O tema "Ocean Spray" foi composto por James e fala da loita da súa nai contra o cancro. Os primeiros sinxelos do dico, "So Why So Sad" e "Found That Soul", foron publicados o mesmo día. "Let Robeson Sing" tamén foi editado como sinxelo.
O álbum de grandes éxitos e remesturas Forever Delayed foi lanzado no ano 2002 e contén dúas novas canións, "Door to the River" e o sinxelo "There by the Grace of God". Un disco de caras-b, rarezas e versións publicouse un ano despois co título Lipstick Traces, e contén a derradeira canción na que traballou Edwards.
O sétimo álbum de estudio, Lifeblood, foi publicado o 1 de novembro do 2004 e acadou o número 13 na lista británica de álbums. As críticas ao disco foron variadas. Tony Visconti axudou á banda a producir tres temas do traballo, que foi seguido dunha xira en grandes estadios polo Reino Unido en decembro dese ano. Un edición polo décimo aniversario de The Holy Bible foi publicada o día 6 de decembro, incluíndo unha versión dixitalmente remasterizada do álbum orixinal, unha mestura estadounidense pouco común e un DVD con actuacións ao vivo e material extra.
Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Generation Terrorists | 1992 | Columbia Records |
Gold Against the Soul | 1993 | Columbia Records |
The Holy Bible | 1994 | Epic Records |
Everything Must Go | 1996 | Epic Records |
This Is My Truth Tell Me Yours | 1998 | Epic Records/Virgin Records |
Know Your Enemy | 2001 | Epic Records |
Lifeblood | 2004 | Epic Records |
Send Away the Tigers | 2007 | Columbia Records |
Journal for Plague Lovers | 2009 | Columbia Records |
Postcards from a Young Man | 2010 | Columbia Records |
Rewind the Film | 2013 | Columbia Records |
Futurology | 2014 | Columbia Records |
Resistance Is Futile | 2018 | Columbia Records |
The Ultra Vivid Lament | 2021 | Columbia Records |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.