Remove ads
obra literaria de Marcial Valladares From Wikipedia, the free encyclopedia
Magina ou a filla espúrea (tamén Majina ou a filla espúrea; Maxina ou a filla espúrea; Maxina ou a filla espuria ou simplemente Maxina, segundo as edicións) é unha novela de Marcial Valladares. Escrita en 1870, en pleno Rexurdimento, está considerada a primeira novela moderna en lingua galega.[1]
Maxina | |
---|---|
Capa do manuscrito de 1870 | |
Título orixinal | Magina ou a filla espúrea Conto gallego - castellano da miña abó |
Autor/a | Marcial Valladares |
Orixe | Galiza |
Lingua | lingua galega |
Xénero(s) | novela |
Data de pub. | 1880 (manuscrito de 1870) |
[ editar datos en Wikidata ] |
Otilia é unha moza compostelá de dezaseis anos, dunha familia burguesa. Nun baile de máscaras é violada, e ao cabo dá a luz a unha nena, Maxina. A nena é levada ó orfanato, e despois é criada por dous aldeáns, Inés e Caitán, que xa teñen outro rapaz, Ermelio.
Ao quedaren orfos os meniños póñense a traballar na casa doutros labregos, pero son sacados polo padriño de Ermelio, o señorito Salvio, e mais polo marqués de Tria-Castela, que ao cabo, nunha anagnórise, resulta ser o avó biolóxico de Maxina, pois fora o seu fillo o que violara a Otilia.
Os irmáns marchan estudar a Madrid, e ao cumpriren dezaoito anos casan e reciben a herdanza dos seus protectores. Por outra banda, Otilia, que ía casar con Salvio, tolea.
A obra, narrada en terceira persoa, está estruturada en 17 capítulos, que responden a cambios no espazo ou no tempo.
Os personaxes da novela responden aos arquetipos literarios, xa non só das novelas románticas do século XIX, senón das obras clásicas universais. A obra ten un trasunto moralizante, e existen os papeis 'bos' (heroe, princesa...) e malos (vilán).
A novela discorre no espazo urbano de Santiago de Compostela e no rural en aldeas do val do río Ulla, preto do Pico Sacro. Esta oposición aparece reflectida no aspecto sociolingüístico da obra, ao contrapor a lingua castelá da cidade co galego da aldea.
A acción comeza in medias res, cando Otilia vai dar a luz. Hai analepses, ao retomar os feitos pasados no baile. O autor define ben o tempo da acción, que dura en total 19 anos. Comeza o 2 de febreiro de 1850, no baile de máscaras, e remata na voda de Maxina e Ermelio, en 1869, xa que antes houbo nove meses de xestación.
No momento da escritura da obra aínda non existía unha normativa oficial do galego. Con todo, o papel como lexicógrafo de Valladares Núñez definiu uns certos criterios no texto.
A obra alterna a lingua castelá dos personaxes da sociedade urbana co galego da narración e dos personaxes aldeáns. Con todo, son numerosos os castelanismos no texto en galego e os galeguismos no castelán. Amais, distínguese entre un galego 'culto' na narración, e un galego 'popular' na voz dos personaxes, con gheada, seseo, vulgarismos, dialectalismos e hipergaleguismos.
Respecto á grafía, aparecen frecuentemente a letra y, e vacílase no uso de j, g e x. Amais do acento gráfico agudo, aparece o grave para marcar a abertura vocálica, e nun caso mesmo o til circunflexo. É común o uso do guión e mais do apóstrofo.
O manuscrito máis antigo da novela, doado á Real Academia Galega polo Centro Gallego de Buenos Aires, é de 1870. A novela saíu publicada a partir do 28 de xullo de 1880[2] en 11 números da revista La Ilustración Gallega y Asturiana, dirixida por Manuel Murguía.
En 1970 foi reeditada pola Editorial Galaxia, con ilustracións de Xohán Ledo e cun limiar de R. Carballo Calero.[3] Outras edicións, máis recentes, fixéronas Vía Láctea Editorial (1988), Edicións Xerais de Galicia na Biblioteca das Letras Galegas (1991 e 2008), El Correo Gallego na Biblioteca 114 (1992) e La Voz de Galicia na Biblioteca Galega 120 (2001).
En 2021 Galaxia reeditouna co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e coa colaboración da Real Academia Galega (Dixitalización do manuscrito realizada por Unayta). Nesta edición ofrécese un texto actualizado, acompañado coa reprodución facsimilar caligráfica do manuscrito orixinal realizado en 1870 e depositado nos arquivos da Real Academia Galega.[4][5]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.