escritor e xornalista galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Manuel Lueiro Rey, nado en Fornelos de Montes o 9 de abril de 1916 e finado no Grove o 11 de outubro de 1990, foi un escritor e xornalista galego. Formou parte da chamada Xeración do 36.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 9 de abril de 1916 Fornelos de Montes, España |
Morte | 11 de outubro de 1990 (74 anos) O Grove, España |
Actividade | |
Ocupación | escritor, xornalista, funcionario |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | María Lores González |
Premios | |
Descrito pola fonte | Diccionario bio-bibliográfico de escritores, (vol:II, p.345-346) Enciclopedia Galega Universal Diccionario biográfico español |
Sitio web | manuellueirorey.com |
Foi fillo de Albino Lueiro Soto, mestre, e mais de Adelaida Rey Couto. Aínda que naceu en Fornelos de Montes, por destino do pai, foi vivir ao Grove cando contaba con sete anos de idade. Con doce anos comezou a traballar nunha forxa, e aos 18 comezou a colaborar co periódico pontevedrés El País, que dirixía Roberto Blanco Torres. En outubro de 1935 foi sancionado con multa polo gobernador civil xunto cos veciños do Grove Francisco Bouzas Sánchez, Ramón Mandiás Merino, Anselmo Bernárdez Fernández, Ramón Álvarez Portela e José Torres Rodríguez por "dar berros subversivos e facer campaña aconsellando métodos de violencia".[1]
Tralo Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, para evitar a represión refuxiouse en Fornelos e no Portovilán, e finalmente decidiu alistarse no bando nacional. Trala fin da guerra regresou a Fornelos, e despois marchou a Madrid a preparar oposicións para auxiliar do corpo técnico do Ministerio de Facenda. Aprobounas en 1942, e en 1944 conseguiu praza en Pontevedra. En 1948 participou na reestrea da peza teatral Quen matou o meco?. Militou na clandestinidade no Partido Comunista.
Escribiu na prensa co pseudónimo Gudea[2], e desde a posguerra colaborou en medios como Litoral, Diario de Pontevedra, La Noche, El Correo Gallego, La Voz de Galicia, Galicia, Correo Gallego, Diario de León, Diario Regional de Valladolid, ABC, La Hoja del Lunes, A Nosa Terra, Sonata, Cartel, Chan, Ínsua, Coordenadas, Dorna, Espiral ou Congostra. Colaborou tamén con Radio España Independiente.
Publicou varias obras en castelán. En 1966 consegue o Premio de novela Ciudad de Oviedo coa obra Manso.[3] O texto foi publicado en España en 1967, mutilado pola censura. Apareceu en edición íntegra en Buenos Aires en 1968[a] e en 1996 foi publicada en galego pola Editorial Galaxia, con tradución de María Xesús Vidal Alves e limiar de Xesús Alonso Montero.
Viaxou a América en 1968, 1972 e 1978, onde contactou con Luís Seoane, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado e Rafael Dieste. O seu primeiro libro en galego foi Un tempo de sol a sol (poemas do neno galego) (1971), ao que seguiu Non deberían medrar (1974), con prólogo de Seoane.
Na súa honra o Concello do Grove creou en 1992 o Premio de narrativa Manuel Lueiro Rey e o Concello de Fornelos de Montes creou en 2012 o Premio de poesía Manuel Lueiro Rey e en 2017 o Premio de xornalismo Manuel Lueiro Rey.
Casou no Grove con María Lores González en xaneiro de 1944, e tiveron cinco fillos: Manuel (1945), Francisco (1948), Adela (1952), Víctor (1958) e Eugenio (1962).
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.