Remove ads
planeta anano do Sistema Solar From Wikipedia, the free encyclopedia
Makemake ou (136472) Makemake (que é designación do centro de planetas menores; símbolo: ),[10] é o terceiro planeta anano en tamaño do Sistema Solar e o segundo obxecto máis grande entre os obxectos clásicos do cinto de Kuiper (KBOs).[nota 2][2][11][12][13] O seu diámetro e case tres cuartas partes do de Plutón.[14] Makemake non ten (que se saiba) satélites, o cal fai del un obxecto único entre os grandes KBOs. Ten unha extremadamente baixa temperatura media, ó redor dos 30 K, e a súa superficie está cuberta xeos de metano, etano, e posiblemente nitróxeno.[11]
Makemake | |
---|---|
Makemake visto dende o Telescopio Hubble. | |
Descubrimento | |
Descuberto por | Michael E. Brown, Chad Trujillo, David Rabinowitz |
Data do descubrimento | 31 de marzo do 2005 |
Designacións | |
Designación MPC | (136472) Makemake |
Designación alternativa | 2005 FY9 |
Categoría de planeta menor | |
Características orbitais[2][3] | |
E=28-01-1955 (Dx= 2 435 135,5) | |
Afelio | 7.939,7 Gm 53,074 UA |
Perihelio | 5.760,8 Gm 38,509 UA |
Eixo Semi-maior | 6.850,3 Gm 45,791 UA |
Excentricidade | 0,159 |
Período orbital | 113.183 d (309,88 ax) |
Velocidade orbital media | 4,419 km/s |
Anomalía media | 85,13° |
Inclinación orbital | 28,96° |
Lonxitude do nodo ascendente | 79,382° |
Argumento do perihelio | 298,41° |
Características físicas | |
Radio medio | 750(+200-100) km[4] 710 ± 30 km[5] |
Área superficial | ~6 300 000 km2 |
Volume | ~1,5 x 109km3 |
Masa | ~3 × 1021 kg |
Densidade media | 2 g/cm³(asumida) |
Gravidade superficial ecuatorial | 0,4 m/s² |
Velocidade de escape | ~0,75 km/s |
Período de rotación sideral | 7,771±0,003 horas[6] |
Oblicuidade da eclíptica | descoñecida |
Albedo | 78,2(+10,3 -8,6}} (xeométrico)[4] |
Temperatura | 30–35 K [nota 1](asumindo o mesmo albedo) |
Tipo espectral | B-V=0,83; V-R=0,5[7] |
Magnitude aparente | 16,7 (oposición) |
Magnitude absoluta | -0,44[3] |
Inicialmente foi designado coma 2005 FY9 e máis tarde recibiría o número 136472 asignado polo centro de planetas menores, foi descuberto o 31 de marzo do 2005, por un equipo de astrónomos encabezado por Michael Brown, e foi anunciado o seu descubrimento o 29 de xullo do 2005. O seu nome procede da mitoloxía Rapanui, onde Makemake era o deus de creación da humanidade e da fertilidade. O 11 de xuño do ano 2008, a Unión Astronómica Internacional (UAI) incluíu a Makemake na súa lista de potenciais candidatos a plutoides, un termo para os planetas ananos que están máis aló da órbita de Neptuno Neptuno, o cal colocaba a Makemake ó mesmo nivel que Plutón, Haumea e Eris. Makemake foi formalmente clasificado coma plutoide en xullo do 2008.[15][16][17][18]
Makemake foi descuberto o 31 de marzo do 2005, por un equipo de astrónomos que traballaban dende o Observatorio Palomar, este equipo estaba encabezado por Michael Brown,[3] e o descubrimento foi anunciado publicamente o 29 de xullo do 2005. O descubrimento de Eris tamén foi feito público ese mesmo día, e o de Haumea sería feito dous días antes.[19]
A pesar de que o seu brillo relativo (que é unha quinta parte do de Plutón),[nota 3][20] Makemake non foi descuberto moito antes cá outros obxectos do cinto de Kuiper moito menos brillantes. A meirande parte das procuras de planetas menores ían dirixidas a zonas moi próximas á eclíptica (a rexión do ceo onde parecen 'descansa-lo' Sol, a lúa e os planetas, vistos dende a Terra), debido a maior posibilidade de atopar obxectos nesta zona. Probablemente non foi detectado durante procuras anteriores debido a súa gran inclinación orbital, de feito foi descuberto cando estaba a súa máxima distancia respecto da eclíptica, na parte norte da constelación de Coma Berenices.[9]
Máis aló de Plutón, Makemake é o único planeta anano que tería brillo de abondo para ter sido detectado por Clyde Tombaugh na súa procura de planetas máis aló da órbita de Neptuno, que levou a cabo a redor do ano 1930.[21] Nos tempos da procura de Clyde Tombaugh, Makemake estaba a só uns poucos graos da eclíptica, preto da fronteira entre as constelacións de Taurus e Auriga,[nota 1] cunha magnitude aparente de 16,0.[9] Pero esta posición está tamén moi preto da Vía Láctea, o cal tería feito que fose imposible ter detectado a Makemake sobre o denso fondo de estrelas da Vía Láctea. Tombaugh continuou coa súa procura algúns anos máis despois do descubrimento de Plutón,[22] pero non puido atopar Makemake nin ningún outro obxecto trans-neptuniano.
Mentres que Makemake non recibiu oficialmente o seu nome actual, tiña a designación provisional 2005 FY9, e antes de recibi-la designación provisional, o equipo descubridor tiña para el o alcume de Coello de Pascua, por que fora descuberto moi pouco despois da Pascua.[23]
En xullo do 2008, conforme as regras da UAI para os nomes que se lle outorgan ós obxectos clásicos de cinto de Kuiper, 2005 FY9 recibiría o nome dunha deidade creadora. O nome de Makemake, creador da humanidade e deus da fertilidade dentro dos mitos dos Rapanui, os nativos da illa de Pascua,[16] este nome foi escollido para preservar en parte a conexión do obxecto coa Pascua.[23]
No 2009, Makemake estaba a unha distancia de 52 UA do Sol,[8][9] case a máxima distancia respecto do Sol que chega a acada-lo planeta anano na súa órbita.[11] Makemake ten unha órbita semellante a de Haumea: unha gran inclinación orbital de 29° e unha moderada excentricidade orbital de 0,16.[24] Aínda que a órbita de Makemake está lixeiramente máis afastada do Sol tanto en termos do seu eixo semi-maior coma do seu perihelio. O seu período orbital é de case 310 anos,[2] máis grande cos 248 anos do de Plutón e os 283 do de Haumea. Tanto Makemake coma Haumea están actualmente afastados da eclíptica -a distancia angular é de case 29°. Makemake chegará ó seu afelio no ano 2033,[9] mentres que Haumea pasou polo seu afelio a principios do ano 1992.[25]
Makemake está clasificado coma cubewano,[1][nota 2][2][11][12] o cal significa que está o suficientemente afastado de Neptuno coma para permanecer estable ó longo da historia do Sistema Solar.[26][27] De xeito contrario ós plutinos que poden cruza-la órbita de Neptuno xa que normalmente están nunha resonancia orbital de 2:3 co planeta, os obxectos clásicos (cubewanos) teñen un perihelio afastado do Sol, libres de calquera perturbación de Neptuno nas súas órbitas.[26] Este tipo de obxectos teñen excentricidades relativamente pequenas (e por debaixo de 0,2) e unha órbita ó redor do Sol semellante a dos planetas. Makemake, pola contra, e un membro dunha clase "dinamicamente quente" de obectos clásicos do cinto de Kuiper (KBOs), o que significa que ten unha grande inclinación en comparación con outros obxectos 'próximos'.[28] Makemake está, aínda que seguramente sexa unha pura coincidencia, preto dunha resonancia orbital de 11:6 con Neptuno.[29]
Actualmente Makemake é visualmente o segundo obxecto máis brillante do cinto de Kuiper, só por detrás de Plutón,[21] tendo unha magnitude aparente en oposición de 16,7[8] dentro da constelación de Coma Berenices.[9] Este brillo é suficiente para que sexa visible a través dun bo telescopio de afeccionado. O gran albedo de Makemake, do redor do 80% suxire que a temperatura media da superficie é duns 30 K.[nota 1][4] O tamaño de Makemake non é coñecido con precisión, pero as observacións no infravermello do Telescopio Espacial Spitzer e do Telescopio Espacial Herschel, combinados coas semellanzas de espectro con Plutón, permiten estima-lo diámetro de Makemake entre uns 1.360 a 1.480 kms.[5] Estas dimensións son lixeiramente maiores cás de Haumea, facendo posiblemente de Makemake o terceiro TNO en tamaño, despois e Eris e Plutón.[24] Makemake é actualmente designado coma o cuarto planeta anano do Sistema Solar por que posúe un brillo en magnitude absoluta na banda V de −0.44.[3] Isto na práctica garántelle ser grande de abondo coma para estar en equilibrio hidrostático e ter forma de esfera achatada.[16]
Nunha carta escrita á revista Astronomy and Astrophysics no 2006, Licandro e o seu equipo. informaban das medicións tomadas no espectro visible e no espectro próximo ó infravermello de Makemake. Usaron o Telescopio William Herschel e o Telescopio Nazionale Galileo e amosaban cá superficie de Makemake era semellante a de Plutón.[30] Igual que Plutón, Makemake aparece vermello no espectro visible, pero significativamente menos vermello cá superficie de Eris.[30] O espectro próximo ó infravermello amosa a presenza dunha amplas bandas de absorción de metano (CH4). Tamén se observou metano en Eris e Plutón, pero a súa marca espectral é moito máis feble.[30]
A análise espectral da superficie de Makemake revela que o metano debe estar presente en forma de longos grans de polo menos un centímetro de tamaño.[11] Ademais, seguramente deberían de estar presente grandes cantidades de etano e tolinas, o máis probable creadas a través da fotólise do metano a causa de radiación solar.[11] Estas tolinas posiblemente sexan as responsables da cor vermella no espectro visible. Aínda que existen evidencias da presenza de xeos de nitróxeno na súa superficie, e aínda poida que estea mesturado con outros xeos, non hai comparación posible cos niveis de nitróxeno que ten Plutón ou Tritón, xa que nestes dous astros o nivel de nitróxeno na superficie acada ata 98%. A relativa ausencia de xeo de nitróxeno suxire que a fonte de nitróxeno se esgotou nalgún momento ó longo da evolución do Sistema Solar.[11][31][32]
No infravermello profundo (24–70 μm) e a fotometría submilimétrica (70–500 μm) levada a cabo polos telescopios Spitzer e Herschel revelaron que a superficie de Makemake non é homoxénea. A meirande parte da superficie está cuberta de xeos nitróxeno e metano, lugares onde o albedo acada porcentaxes de entre o 78 ó 90%, despois existen pequenos parches de terreo escuro onde o seu albedo é só de entre o 2 ó 12%, este pequenos parches só son o 3–7% da superficie de Makemake.[5]
A presenza de metano e posiblemente nitróxeno suxire que Makemake podería ter unha atmosfera 'temporal' ou 'transitoria' semellante á que posúe Plutón ó achegarse ó seu perihelio.[30] Se o nitróxeno está presente, podería se-lo composto dominante nesta atmosfera.[11] A existencia dunha atmosfera tamén achegaría unha explicación máis que lóxica para a esgotamento do nitróxeno: coma a gravidade de Makemake é máis feble cá de Plutón, Eris e Tritón, unha gran cantidade de nitróxeno perdeuse vía escape atmosférico; o metano é máis lixeiro có nitróxeno, pero a significativa baixa presión que prevalece coas baixas temperaturas que se dan na superficie de Makemake (30–35 K),[nota 1] dificultan que este gas escape; o resultado deste proceso é unha relativa abundancia de metano.[33]
Makemake só ten un satélite coñecido, o S/2015 (136472) 1, tamén chamado MK2. Foi observado a 21 000 km de distancia deste planeta anano, e o seu diámetro estimouse en 175 km (cun alvedo do 4%).[34]
Nome | Diámetro (km) | Data de descubrimento |
---|---|---|
Makemake | ≈ 1430 | 31 de marzo de 2005 |
S/2015 (136472) 1 | ≈ 175 | 27 de abril de 2015 |
A presenza de satélites é bastante común nos outros grandes obxectos trans-neptunianos, por exemplo Eris posúe a lúa Disnomia, Haumea ten dúas e Plutón ten tres. Agardase que entre o 10% ó 20% de tódolos obxectos trans-neptunianos posúan polo menos un satélite.[21][21]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.