From Wikipedia, the free encyclopedia
Lynyrd Skynyrd é un grupo estadounidense de rock sureño formado en 1964 en Jacksonville, Florida, coñecido por popularizar o xénero rock sureño durante a década de 1970. A banda usou varios nomes como "The Noble Five" e "One Percent", antes de chegar a Lynyrd Skynyrd en 1969. A banda logrou recoñecemento en todo o mundo sobre a base das súas actuacións en directo e sintonías como "Sweet Home Alabama" e "Free Bird". En 1977 desfíxose trala morte de tres dos seus membros (Ronnie Van Zant, Steve Gaines e Cassie Gaines) nun accidente de avión, pero reapareceu en 1987 para facer unha xira de reunión co irmán máis novo de Ronnie Van Zant, Johnny, como vocalista e líder do grupo. Dende entón continuaron tocando e gravando discos, e na actualidade só o guitarrista Gary Rossington permanece da formación orixinal.
Lynyrd Skynyrd | |
---|---|
Lynyrd Skynyrd en 1973. | |
Orixe | Jacksonville, Florida, |
Período | 1964 – 1977 1987 - presente |
Xénero(s) | Hard rock, rock sureño, boogie rock, blues rock |
Selo(s) discográfico(s) | MCA, Atlantic, Capricorn, SPV Records, CMC International, Sanctuary, Universal, Roadrunner Records/Loud & Proud |
Membros | Johnny Van Zant Gary Rossington Rickey Medlocke Michael Cartellone Mark Matejka Robert Kearns Peter Keys |
Antigos membros | Ronnie Van Zant Allen Collins Gary Rossington Larry Junstrom Bob Burns Steve Gaines |
Na rede | |
LynyrdSkynyrd.com | |
Lynyrd Skynyrd entrou no "Rock and Roll Hall of Fame" o 13 de marzo de 2006.[1] Foi un dos grupos de rock sureño dos 70 con maior éxito comercial e aclamación por parte da crítica. O seu son distintivo, con tres guitarras principais, converteu as súas cancións "Freebird" e "Sweet Home Alabama" en himnos estadounidenses e estampas habituais da radio FM. Os artistas optaron ó premio 25 anos despois da publicación do seu primeiro álbum. Os membros galardoados foron: Ronnie Van Zant, Gary Rossington, Allen Collins, Leon Wilkeson, Bob Burns, Billy Powell, Ed King, Artimus Pyle e Steve Gaines.
A banda, nun principio chamada "My Backyard", formárono en Jacksonville no verán de 1964 un grupo de amigos adolescentes: Ronnie Van Zant (voz), Allen Collins (guitarra) e Gary Rossington (guitarra). Logo a banda cambiou o seu nome polo de The Noble Five.[2] Despois usaron diferentes nomes antes de usar One Percent durante 1968.[2]
En 1968 gañaron un concurso local de Batallas de Bandas, e usaron os cartos do premio para gravar as cancións "Need All My Friends" e "Michelle", e así lanzar seu primeiro sinxelo. Tamén lograron ser os abreconcertos de varios concertos da banda californiana de rock psicodélico Strawberry Alarm Clock.
En 1969 Van Zant buscou un novo nome para a banda. O grupo decidiuse por "Leonard Skinnerd", como "homenaxe a un mestre de ximnasia do instituto. Skinner reforzou o regulamento da escola referíndose á forma de vestir dos homes, prohibindo que tivesen cabelo e patillas longas. Algúns dos integrantes do grupo foran expulsados da escola por ter o cabelo demasiado longo".[3]
A pesar da súa mala relación no instituto, a banda chegaría a establecer unha relación de amizade con Skinner en anos posteriores, convidárono a presentar un concerto seu no Jacksonville Memorial Coliseum e incluso permitiulles usar unha foto do sinal da súa inmobiliaria para o seu terceiro álbum. Skinner morreu o 20 de setembro de 2010 aos 77 anos, despois de loitar contra o Alzheimer[4].
En 1970 Alan Walden realizaría unha audición, e converteríase no representante do grupo ata 1974, cando se encargaría dese traballo Pete Rudge. A banda continuou actuando polo sur durante os primeiros anos dos 70, desenvolvendo o seu son e a súa imaxe e realizando algunhas gravacións de estudio.
Durante ese tempo o grupo experimentou algúns cambios na súa formación. Junstrom abandonou e foi substituído por Greg T. Walker no baixo. No mesmo tempo Ricky Medlocke uniríase como segundo batería. En 1971 fixeron algunhas gravacións no famoso Muscle Shoals Sound Studio con Walker e Medlocke como sección rítmica, sen a participación de Bob Burns na batería. Cando foron por segunda vez a gravar a Muscle Shoals en 1972, Medlocke e Walker marcharan para tocar coa banda de rock sureño Blackfoot, e as gravacións foron realizadas por Burns na batería e Leon Wilkeson como substituto permanente de Larry Junstrom no baixo.[5] Tamén nese ano, o roadie Billy Powell converteríase no teclista de Lynyrd Skynyrd.
En 1972 a banda foi descuberta polo músico, compositor e produtor Al Kooper de Blood, Sweat, and Tears, que asistira a un dos seus concertos nun club de Atlanta.[6] Kooper asinou un contrato coa banda co seu selo Sounds of the South, que era distribuído a través de MCA Records, producindo o seu primeiro álbum (Pronounced 'Lĕh-'nérd 'Skin-'nérd). Leon Wilkeson deixou temporalmente o grupo durante as primeiras gravacións, tocando só en dous temas. Regresaría pouco despois do lanzamento do álbum por invitación de Van Zant, e aparece debuxado na portada do álbum.[7] O guitarrista Ed King, de Strawberry Alarm Clock, uniuse á banda e tocou as partes de baixo de Wilkeson no resto do disco, que xa estaban compostas por Wilkeson, ademais de gravar algunha guitarra.[8] King quedou en Lynyrd Skynyrd e pasouse á guitarra despois da publicación do álbum, permitíndolle ao grupo reproducir o son de tres guitarras usado no estudio nas súas actuacións ao vivo. Editado o 13 de agosto de 1973, o seu álbum de estrea contaba co éxito "Free Bird", que foi emitido nas radios de todo o país, e chegando ao número 19 da lista Billboard Hot 100.
A súa base de seareiros continuou medrando rapidamente durante o ano 1973, en gran parte debido á súa actuación como abreconcertos da xira Quadrophenia de The Who nos Estados Unidos. Co seu segundo traballo, Second Helping, lanzado en 1974[9], a banda acadou definitivamente o éxito, axudada pola súa canción máis popular, "Sweet Home Alabama", unha resposta ás cancións de Neil Young "Alabama" e "Southern Man".[10][11][12] O disco acadou o número 12 ese ano, e finalmente converteuse en multi-platino. No mes de xullo, Lynyrd Skynyrd foi unha das cabezas de cartel do The Ozark Music Festival en Sedalia, Missouri.
En xaneiro de 1975 Burns deixou a banda e foi substituído por Artimus Pyle na batería. O terceiro álbum de Lynyrd Skynyrd, Nuthin' Fancy, sería editado ese mesmo ano.[13] O disco tivo menos vendas que o seu predecesor. No medio da xira de promoción Ed King deixou o grupo[14][15], e en xaneiro de 1976 os coristas Leslie Hawkins, Cassie Gaines e JoJo Billingsley (coñecidos colectivamente como The Honkettes) entraron na banda, aínda que non eran considerados membros oficiais. O cuarto traballo de Lynyrd Skynyrd, Gimme Back My Bullets, publicouse nese ano,[16] pero sen acadar o mesmo éxito que os dous discos anteriores. Tanto Van Zant como Collins coincidiron en que a banda notaba a falta dun terceiro guitarrista, xa que o seu son con tres guitarras fora un dos seus principais sinais de identidade. Aínda que a banda realizou varias audicións, a solución estaba máis preto do que pensaban.
Pouco despois de unirse a eles, a corista Cassie Gaines comezou a tocar a guitarra e a compoñer co seu irmán máis novo, Steve. O menor dos Gaines, que tiña a súa propia banda, foi convidado a tocar co grupo nun concerto en Kansas City o 11 de maio de 1976.[17] Despois de gustarlle a súa actuación convidárono novamente varias veces máis, e finalmente pasaría a formar parte da banda no mes de xuño. Con Gaines xa na formación, Lynyrd Skynyrd gravou o dobre álbum ao vivo One More From the Road no Fox Theatre de Atlanta,[18] e actuaron no festival Knebworth, que tamén contaba con The Rolling Stones.
Tanto Collins como Rossington tiveron graves accidentes de coche na fin de semana do "Labor Day" de 1976, atrasando a gravación do seguinte traballo e forzando á banda a cancelar algúns concertos. O accidente de Rossington inspirou o tema "That Smell", un conto con ensinanza sobre o abuso das drogas dirixido claramente cara a el e polo menos cara a outro membro máis do grupo. Rossington admitiu repetidas veces que el era o Prince Charming da canción que chocou co seu coche co carballo mentres estaba bébedo e drogado con metacualona.
O grupo separouse logo dun accidente de avión no que morreron o cantante, Ronnie Van Zant, o guitarrista, Steve Gaines, a súa irmá e tamén corista da banda, Cassie Gaines, e o representante da banda Dan Kilpatrick.[19]
Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
(Pronounced 'Lĕh-'nérd 'Skin-'nérd) | 1973 | MCA Records |
Second Helping | 1974 | MCA Records |
Nuthin' Fancy | 1975 | MCA Records |
Gimme Back My Bullets | 1976 | MCA Records |
Street Survivors | 1977 | MCA Records |
Lynyrd Skynyrd 1991 | 1991 | Atlantic Records |
The Last Rebel | 1993 | Atlantic Records |
Endangered Species | 1994 | Capricorn Records |
Twenty | 1997 | CMC International |
Edge Of Forever | 1999 | CMC International |
Christmas Time Again | 2000 | Sanctuary Records |
Vicious Cycle | 2003 | Sanctuary Records |
God & Guns | 2009 | Roadrunner Records |
Last of a Dyin' Breed | 2012 | Roadrunner Records |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.