político catalán From Wikipedia, the free encyclopedia
Lluís Companys i Jover, nado en El Tarròs (Tornabous), o 21 de xuño de 1882 e asasinado en Barcelona o 15 de outubro de 1940, foi un político catalán. Primeiro Presidente do Parlamento de Cataluña (1932-1933), Ministro do Goberno Español (2º semestre de 1933) e Presidente da Generalitat de Cataluña (1934-1940) durante a Segunda República Española.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2017.) |
Nado nunha familia campesiña con raíces nobres, foi o segundo irmán de oito. Despois de acabar o bacharelato, trasladouse a Barcelona, onde estudou Dereito. Atraído xa pola política, no ano 1900 fundou na Universidade a Asociación Escolar Republicana e milita na Unión Republicana. Companys estivo influído polas ideas republicanas, catalanistas e sociais, no marco sociopolítico da crise da Restauración borbónica, optando pola participación na vida política do país. Logo dos Feitos do ¡Cu-Cut!, participou na creación de Solidaritat Catalana e, cando esta se disgregou, Companys adheriuse á Unión Federal Nacionalista Republicana, chegando a ser presidente da sección política en 1910.
Paralelamente á súa actividade profesional como avogado laboralista de sindicalistas, colaborou con xornais republicanos como La Aurora e anos máis tarde en La Barricada. Entra a formar parte do partido reformista de Melquíades Álvarez e escribe no órgano do partido, La Publicidad, con Josep Zulueta, Laureà Miró i Trepat e Eusebi Corominas.
Ante a perda das eleccións municipais do 1913, prodúcese a crise do reformismo e Companys deixa La Publicidad. Despois dunha curta militancia no Bloc Republicà Autonomista, constitúe xunto a Francesc Layret e Marcel·lí Domingo i Mestres o Partido Republicano Catalán, con data de abril de 1917. Colaborou na publicación La Lucha, órgano do novo partido, en representación do cal foi elixido concelleiro do Concello de Barcelona.
Traballou a prol dunha intervención positiva do goberno nos conflitos de obreiros. Foi detido en novembro do 1920 xunto con outros sindicalistas como Salvador Seguí e Martí Barrera, e deportado ao castelo da Mola (Maó); daquela Francesc Layret foi asasinado, cando se preparaba a asumir a defensa como avogado. Companys foi posto en liberdade ao ser elixido deputado por Sabadell, en representación do Partido Republicano Catalán, ocupando o escano de Layret. Foi un dos fundadores da Unió de Rabassaires e o 15 de outubro de 1922 pasou a dirixir o semanario La Terra. Revista Popular Agrària que era o órgano da Unión.
Durante a ditadura de Primo de Rivera, concentrouse no labor de avogado asesor da Unión de Rabassaires, e, desde 1928, formou parte dos comités dos partidos cataláns que dirixían a oposición política. En outubro do 1930 foi de novo encarcerado. En marzo de 1931 participou na Conferencia de Esquerdas, a partir da cal se formou Esquerra Republicana de Catalunya.
Foi elixido o 12 de abril de 1931 concelleiro de Barcelona por Esquerra Republicana de Catalunya. Entrou no Concello o 14 de abril acompañado de Amadeu Aragay i Davi, Joan Lluhí i Vallescà e outros, depuxo o alcalde accidental Antoni Martínez Domingo, tomou posesión e desde o balcón proclamou a II República española en Cataluña e izou a bandeira tricolor.[1] Sería nomeado, provisionalmente, gobernador civil de Barcelona.
En xuño de 1931 foi elixido deputado nas Cortes pola provincia de Barcelona. Interveu activamente nas discusións, en setembro do 1931, do proxecto de constitución da II República Española e votou a favor do voto feminino en outubro do mesmo ano. Convértese, en xaneiro de 1932, en vicepresidente da Asemblea da Generalitat e Presidente provisorio, en substitución de Jaume Carner. En novembro do 1932 foi elixido deputado do Parlamento de Cataluña, e mais primeiro Presidente do Parlamento.
Unha vez que dimitiu do cargo de Presidente do Parlamento de Cataluña foi, desde xuño a novembro de 1933, Ministro de Mariña do goberno de Manuel Azaña. Nas eleccións lexislativas do novembro de 1933 será elixido deputado pola cidade de Barcelona.
Perante a morte súbita de Francesc Macià i Llussà, o 25 de decembro, tan só un mes despois, é proposto para sucedelo como presidente da Generalitat de Cataluña. En votación extraordinaria do Parlamento, será aceptado o 1 de xaneiro de 1934 por 56 votos a favor e 6 en branco, coa abstención da Lliga Regionalista.
Ao longo do ano 1934 impulsou a polémica Lei de contratos de cultivo, que o enfronta cos grandes propietarios e co Goberno español. O 6 de outubro de 1934 é o protagonista nunha sublevación contra a legalidade republicana a raíz da entrada no goberno da República da Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA) e proclama o Estado Catalán dentro da República Federal Española desde o balcón do Pazo da Generalitat, feito polo cal sería encarcerado con todo o seu goberno, mentres o Estatuto de Autonomía de Cataluña de 1932 é suspendido. O Goberno catalán foi detido en pleno por tropas dirixidas polo comandante-xefe da cuarta división orgánica, o xeneral Batet. Companys foi encarcerado primeiro no buque Uruguay, fondeado no porto de Barcelona, e máis tarde trasladado a Madrid, onde foi xulgado e condenado, xunto con todo o Goberno catalán, a trinta anos de reclusión maior. Posteriormente sería trasladado ao penal de Puerto de Santa María (Cádiz). Estes feitos coincidiran coa folga xeral revolucionaria convocada en toda España e mais coa insurrección asturiana propulsada pola UXT e a CNT en Asturias. Permaneceron detidos e en cadea ata a vitoria electoral da Fronte Popular nas eleccións de febreiro do 1936.
Tiña prevista e organizada a resistencia contra a sublevación militar do 18 de xullo mediante medidas como o nomeamento do capitán Frederic Escofet como Comisario Xeral de Orde Pública de Cataluña. Durante toda a guerra encabezará o Goberno de Cataluña tentando manter a unidade entre os partidos e sindicatos que o apoiaban. Porén, isto vai ser moi difícil polas tensións entre comunistas e socialistas agrupados no Partido Socialista Unificado de Cataluña (PSUC) e anarquistas da Confederación Nacional do Traballo (CNT), apoiados estes últimos polos trotskistas do POUM.
O lado humano de Lluís Companys queda patente polo feito de que, desbordado pola gran cantidade de asasinatos que se producirán na retagarda nos días posteriores ao errado golpe de estado, decidira deixar partir polo porto de Barcelona en barcos estranxeiros a unhas cinco mil persoas sospeitosas de pouca simpatía co réxime republicano,[Cómpre referencia] cuxa seguranza non podía garantir.
A partir de outubro de 1937 acontecerán os seus enfrontamentos co Goberno republicano do doutor Juan Negrín, instalado en Barcelona. En abril de 1938, logo da toma de Lleida, escribirá unha amarga carta ao presidente do Goberno central, queixándose das arbitrariedades que estaba cometendo e da marxinación que sufría o Goberno catalán.[Cómpre referencia]
O 23 de xaneiro do 1939, cando as forzas franquistas están a piques de entrar en Barcelona, atravesa a fronteira francesa xunto co lehendakari José Antonio Aguirre, exiliándose en Perpiñán (Francia) e trasladándose despois a París para traballar na representación no exilio da Generalitat (Consell Nacional de Cataluña). Vai acabar en Le Baule-les-Pins (Pireneos Atlánticos), manténdose en Francia pese ao perigo que corría, nun intento por non perder o contacto co seu fillo Lluís Companys i Micó (1911-1956), que sufría unha grave doenza mental.
O 13 de agosto de 1940 é detido pola Gestapo por orde das autoridades españolas con colaboración de membros da embaixada española en Francia.[Cómpre referencia] É levado primeiro a Madrid, onde se lle abren dilixencias por "ser o Presidente da Generalitat, Ministro da República e responsábel dos feitos realizados en Cataluña". Despois de diversos interrogatorios, é trasladado o 3 de outubro ao Castelo de Montjuïc en Barcelona para facerlle un consello de guerra sumarísimo sen garantías procesais e, como se demostrou posteriormente, de forma ilegal.[2]
O mesmo Ramón Serrano Suñer recoñecíao anos despois ao afirmar que toda a base xurídica sobre os feitos da guerra civil se fundaban nunha "xustiza ó revés", e concluía:
Foi, pois, un erro configurar delitos de rebelión e sedición para atribuílos aos defensores do Goberno republicano, dado que estes -xurídica e ata metafisicamente- era imposible que os cometesen[3].
Foi fusilado ás seis e media da madrugada do 15 de outubro de 1940, no foxo de Santa Eulalia do castelo de Montjuïc [4], con 58 anos. É o único Presidente dunha nación democrática asasinado polo fascismo, mesmo durante a segunda guerra mundial.
As súas derradeiras verbas foron: "Per Cataluña!!!".
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.