Remove ads
antiga lagoa na Limia From Wikipedia, the free encyclopedia
A lagoa de Antela era unha lagoa, desecada nos anos 1950, que estaba situada na comarca da Limia, no sur da provincia de Ourense. Abranguía terreos situados nos concellos de Sandiás, Sarreaus, Vilar de Barrio, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.
Tipo | lago | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
División administrativa | provincia de Ourense, España | ||||
| |||||
A lagoa de Antela era unha das zonas húmidas de maior extensión da Península Ibérica, situábase a 615 metros de altitude, con 7 quilómetros de longo e 6 quilómetros de ancho, aínda que dependendo da época do ano, variaban estas dimensións, así como a súa profundidade. Tiña de profundidade media 0,60 metros e nalgúns “pozos” chegaba ata os 3 metros.
A depresión da Limia tivo a súa orixe durante o Terciario como consecuencia de amplos xogos de bloques. Uns ascenderon, dando lugar a diversas serras, como as de Queixa ou San Mamede, outras afundíronse e deron lugar a un conxunto de depresións tectónicas, como as de Maceda, A Limia ou Monterrei, que bordean polo oeste, suroeste e sur, respectivamente, as citadas serras.
Ao longo do Terciario, produto dunhas condicións climáticas tropicais, formáronse numerosas áreas lacustres, entre elas a que formaba a lagoa de Antela, nas que, durante o Cuaternario, se foran amoreando sedimentos. A práctica totalidade das lagoas colmatáronse, a excepción da lagoa de Antela, que se conservou até a actualidade.
Sobre ela contábanse infinidade de lendas, entre as máis fermosas está a da cidade de Antioquía, asolagada como castigo por idolatrar o galo; e a dos mosquitos, que eran o rei Artur e os seus soldados, enmeigados naquela veiga.
Os primeiros sinais de poboación destas terras son dos poboados lacustres (palafitas) da lagoa de Antela, que foron estudados polo investigador Conde-Valvís na década de 1950. Este autor fala dos achados de tres poboados palafíticos de 58, 56 e 36 habitacións respectivamente, coñecidas popularmente como "cortellos", que demostran a gran concentración de habitantes nesta zona. Estes poboados estarían situados no espazo que abrangue dende Sandiás ata Cortegada (dous deles fronte a Zadagós e Cardeita).
Innumerábeis foron os intentos de desaugamento e aproveitamento das súas terras para o labradío até o seu definitivo desecamento a partir do comezo das obras no ano 1958. Os romanos tentárono coa construción dun emisario principal e unha tupida rede de pequenas canalizacións, o seu emisario principal que ía dende Vilar de Barrio até Ponte Liñares, medía 26 quilómetros de longo e 17 metros de ancho aproximadamente. A moderna canle seguiu o mesmo trazado.
Da súa riqueza biolóxica que destacaban as miles de aves acuáticas que a utilizaban durante todo o ano.
No que foi no seu día o sur da lagoa instaláronse, a partir de 1972, varias empresas dedicadas á extracción de area, que é moi apreciada para a construción.
Neste momento téntase recuperar aquela riqueza biolóxica mediante a recuperación das charcas das areeiras abandonadas.
Co gallo dos cincuenta anos do comezo das obras de desaugamento da lagoa de Antela (1958-2008), o Concello de Sandiás puxo en funcionamento a Casa da Lagoa (Centro de Interpretación da Lagoa de Antela). Neste centro preténdese dar a coñecer dunha forma didáctica a historia da lagoa de Antela, a través dun percorrido que abrangue dende a formación da antiga lagoa de Antela, o seu desecamento, ata a actualidade coa recuperación medioambiental das antigas areeiras.
Nos séculos XVIII e XIX as samesugas da Lagoa de Antela eran unha fonte de ingresos para a Limia.[1]
Hai varios precedentes na historia de intentos de desecamento da Lagoa. No primeiro terzo do século segundo, o emperador romano Hadriano mandou construír unha canle para canaliza-las augas da lagoa, pero co tempo, a natureza devolveu a auga ó seu contorno orixinal. A idea foi retomada en 1765 pola Academia de Agricultura de Galicia[2]. Os restantes intentos ó longo dos séculos XIX e XX, fracasaron igualmente.
Malia os precedentes que se deron na historia, por medio dun Decreto do ano 1956[3] do goberno de Franco iniciouse o desecamento da Lagoa de Antela e a posterior concentración parcelaria, aducindo para tales feitos, o saneamento do terreo e o seu aproveitamento para usos agrícolas.
Os primeiros traballos de canalización comezaron no ano 1958. En contra das razóns esgrimidas pola Administración Pública hai os seguintes argumentos:
Canto ós abrochos de paludismo e febres tifoides (motivo fundamental para o saneamento da lagoa), soamente houbo algún caso illado no sur da comarca, tendo a súa orixe en fontes ou ríos non próximos á lagoa, sen poder nunca demostrar a súa vinculación coa mesma. A verdadeira causa da alta mortalidade da zona era o abandono sanitario por parte da Administración Pública, pois na zona non había médicos e debían vir desde lonxe a cabalo[Cómpre referencia].
En contra do aproveitamento agrícola hai opinións de técnicos[quen?] que valoran negativamente tal feito, que deixou a terra seca e sen a humidade necesaria para a fertilidade da mesma.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.