corrente intelectual de pensamento que se desenvolveu en Europa no século XVIII From Wikipedia, the free encyclopedia
A Ilustración (en francés: Siècle des Lumières; en alemán: Aufklärung; en inglés: Enlightenment; en italiano: Illuminismo; en castelá Ilustración) foi unha corrente filosófica, político e social europea[1] que promoveu o progreso, o racionalismo e o liberalismo contra o poder real, a nobreza e o escurantismo católico. Apareceu no Reino de Francia,[2] no Reino Unido[2] e en Alemaña[2] ao final do século XVII.[1] Despois estendeuse, con pegada francesa,[1] a outras partes do Occidente durante o século XVIII,[1] chamado século das luces [2] Ao longo deste século, aínda que se mantiveron as características básicas do Antigo Réxime, o intenso impulso demográfico e económico e o estalido do pensamento ilustrado abrindo as portas a unha época de revolucións burguesas propiciadas pola Revolución Francesa e a Revolución Industrial. O nome en diferentes linguas deste movemento fai referencia á razón, identificada coa luz, o ideal e a guía dos individuos da época. Foi un dos movementos impulsor do capitalismo e da sociedade moderna. Tivo unha dinámica rápida nos países protestantes e máis lenta nos demais estados da Europa.[3][4]
Historia da filosofía occidental |
---|
Períodos |
Presocrática Grega Helenística Medieval Renacentista Moderna Contemporánea |
Séculos |
XVII XVIII XIX XX |
Dado que non existe unha data de inicio do movemento que goce do consenso de estudosos e académicos, a totalidade do século XVIII adoita considerarse como a época na que se desenvolveu (a pesar de que convive con outros movementos intelectuais). O seu final, por outra banda, adoita identificarse coa chegada das guerras napoleónicas.
O termo "Ilustración" refírese especificamente a un movemento intelectual histórico. Aínda que existen precedentes da Ilustración en Inglaterra e Escocia de finais do século XVII, o movemento considérase de orixe francesa. Ademais, a Ilustración tamén tivo unha expresión estética, chamada neoclasicismo. Dende o Reino de Francia, onde madura, estendeuse por Europa e América e renovou especialmente as ciencias, a filosofía, a política e a sociedade. As súas contribucións foron máis discutidas no campo das artes e da literatura. Esta corrente avogaba pola razón como forma de establecer un sistema ético. A mentalidade ilustrada non presentaba actitudes uniformes, pero entre os denominadores comúns do movemento figuran elementos como naturalismo, racionalismo e humanismo.[1]
Entre 1751 e 1765 publícase a primeira Encyclopédie no Reino de Francia, de Denis Diderot e Jean Le Rond d'Alembert , que pretendía recoller o pensamento ilustrado. Querían educar á sociedade, porque unha sociedade culta que pensa por si mesma era a mellor forma de asegurar o fin do antigo réxime (o absolutismo e o fanatismo baséanse na ignorancia do pobo para dominalo.). Outros pensadores ilustrados como Montesquieu, Rousseau e Voltaire colaboraron na súa redacción.
Os líderes intelectuais deste movemento considerábanse a elite da sociedade. O seu principal propósito era conducir o mundo cara ao progreso, sacándoo do longo período de tradición, superstición, irracionalidade e tiranía (un período que crían que comezou durante a chamada Idade Escura). Os ilustrados non só comezaron unha tarefa de revisión e crítica ao antigo réxime, mentres o erosionaban, senón que tamén puxeron as bases de novos paradigmas políticos e das ciencias económicas e sociais.[1] Este movemento trouxo o marco intelectual no que se producirían varias revolucións, en particular a guerra de Independencia Americana[5] e a Revolución Francesa, así como o auxe do capitalismo e o nacemento do socialismo. Na música, estivo acompañado polo clasicismo, e nas artes plásticas, polo neoclasicismo.
Outro movemento filosófico destacado do século XVIII, moi relacionado coa Ilustración, caracterizouse por centrar o seu interese na fe e na piedade. Os seus partidarios intentaron utilizar o racionalismo como unha forma de demostrar a existencia dun ser supremo. Neste período, a fe e a piedade eran partes integrantes da exploración da filosofía natural e da ética ademais das teorías políticas do momento. Porén, destacados filósofos da Ilustración como Voltaire e Jean-Jacques Rousseau cuestionaron e criticaron a propia existencia de institucións como a Igrexa e o Estado.
O século XVIII tamén viu o continuo aumento das ideas empíricas na filosofía, ideas que se aplicaron á política económica, ao goberno e a ciencias como a física, a química e a bioloxía.
Na historia nada é casual; un acontecemento é a consecuencia inevitable doutros que o precederon. A Revolución Francesa, aínda que tivo outras causas, non sería posible sen a presenza da Ilustración que, arroxando luz sobre o escurantismo da Idade Media, época na que se impedía o libre pensamento, afastou dogmas relixiosos para explicar o mundo os seus acontecementos, para examinalos á luz da razón. Tampouco existiría a Ilustración se non fora precedida dun debilitamento do poder da Igrexa por mor da Reforma protestante, que dividiu o mundo cristián, e do humanismo, movemento filosófico que se centraba no ser humano e nas preocupacións terreais. quitando este privilexio a relixión, e rexeitando o teocentrismo.
A ilustración foi un fenómeno cultural que se desenvolveu en Europa e América afectando á totalidade dos ámbitos sociais, políticas e culturais do mundo do século XVIII. Aínda que este movemento afectou a case todo o mundo, non tivo a mesma importancia nuns países que noutros, xa que algunhas nacións achegaron constantemente novas ideas, mentres que outras, limitábanse a seguir de lonxe as innovacións que se ían producindo nos outros países. Se se establece unha clasificación dos países "máis ilustrados", a orde sería: Francia, Alemaña e Inglaterra.[6][7]
A Ilustración significa o abandono do home dunha infancia mental da que el mesmo é culpable. Infancia é a incapacidade de usar a propia razón sen a guía doutra persoa. Esta infancia é culpable cando a súa causa non é a falta de intelixencia, senón a falta de decisión ou de valor para pensar sen axuda allea. Sapere aude «Atrevete a saber!» Velaquí a divisa da Ilustración.Immanuel Kant, Que é a Ilustración?
A Ilustración (Lumières, en francés; Enlightenment, en inglés; Illuminismo, en italiano; Aufklärung, en alemán),[8] en frase dun dos seus máis importantes representantes, D'Alembert, «discutiuno, analizou e axitou todo, desde as ciencias profanas aos fundamentos da revelación, desde a metafísica ás materias do gusto, desde a música ata a moral, desde as disputas escolásticas dos teólogos ata os obxectos do comercio, desde os dereitos dos príncipes aos dos pobos, desde a lei natural ata as leis arbitrarias das nacións, nunha palabra, desde as cuestións que máis nos incumben ás que nos interesan máis debilmente». Isto mesmo indícanos que, máis que o contido mesmo das súas doutrinas, o orixinal do movemento foi a forma de pensamento e valoración.
Segundo as interpretacións marxistas, entre cuxas opcións se atopa a de Lucien Goldmann, a Ilustración pode ser definida como «unha etapa histórica da evolución global do pensamento burgués». Como tal, inseriría a súa filiación doutrinal no Renacemento e, especialmente, nas correntes racionalistas e empiristas do século XVII (de Descartes, a Locke, pasando por Bacon, Bayle, Galileo, Grocio, Hobbes, Leibniz, Newton, Spinoza, ou os libertinos), e basea a súa posibilidade sociolóxica de desenvolvemento nas revolucións políticas neerlandesa e inglesa, no pulo da burguesía e nas transformacións económicas en xestación, apoiadas nunha conxuntura en alza, que desembocarán na Revolución Francesa.
Desde Gran Bretaña, onde algúns dos trazos esenciais do movemento déronse antes que en ningún outro lugar, a Ilustración asentouse en Francia, onde a anglofilia foi difundida por Voltaire, e produciu en Francia un corpo ideolóxico, o enciclopedismo, e as súas máis difundidas personalidades (Montesquieu, Diderot, Rousseau, Buffon, etc). Agora ben, a filosofía ilustrada máis sólida foi sen dúbida a máis tardía alemá, que con Kant culminará a creación do pensamento propiamente moderno, xa moi por encima da ideoloxía enciclopedista. A Ilustración tamén deu os seus froitos propios noutras lugares europeos e americanos. En ocasións recreáronse proxectos ilustrados máis ou menos autónomamente, pero na maioría de casos vinculados ao pensamento inglés e, sobre todo no que se refire á ideoloxía enciclopedista, a Francia (así en Países Baixos, Polonia, Rusia, Suecia, a península italiana e a ibérica etc., ou nas súas colonias americanas). Desde o punto de vista sociopolítico foron froitos condicionados polo grao de desenvolvemento ideolóxico adquirido no momento do lanzamento da nova ideoloxía e polo proceso interno seguido ao longo do seu desenvolvemento. Se a Ilustración alemá foi por necesidade teórica de asimilación lenta e complexa, o ideoloxismo ilustrado foi rápido e coa superficialidade característica que o amparaba na vida mundana, da moda e os costumes.[9]
En España a Ilustración coincidiu cos reinados de Fernando VI e Carlos III. Aínda que a situación en que se atopaba o país obstaculizou unha eclosión inmediata, o auxe dinámico dalgunhas das súas zonas xeográficas (especialmente Cataluña[10]) e a actuación coadxuvante do poder político facilitaron a aparición dun nutrido e valioso grupo de ilustrados (Cabarrús, Cadalso, Campomanes, Capmany, Feijoo, Floridablanca, Jovellanos etc.)[11] condicionado, con todo, polo arraigamento e a preponderancia do pensamento escolástico tradicional. A creación das Reais Academias da Lingua, da Historia, da Medicina e do Real Gabinete de Historia Natural (actual Museo Nacional de Ciencias Naturais), son reflexo dos logros da Ilustración española, que nin moito menos foi relativa ao influxo francés.[12]
A polémica acerca da existencia ou non dunha Ilustración española (polarizada nas opinións contrarias de Ortega y Gasset e Eugeni d'Ors[13]), máis o engadido dunha escasamente articulada investigación posterior durante gran parte do século XX, atendía a razóns máis políticas que científicas e tivo como consecuencia un gran atraso no recoñecemento da existencia e reconstrución dunha sólida e internacionalizada Ilustración española ou hispánica, tanto humanística como científica, empirista e cristiá, progresista pero moi escasamente política, unha tardía Ilustración universalista de gran envergadura, encabezada por Juan Andrés, creador da Historia universal das letras e as ciencias, Lorenzo Hervás e Antonio Eximeno, construtores de feito da Comparatística moderna. Trátase dunha nutrida gama de intelectuais, algúns de primeira orde (Miguel Casiri, Raimundo Diosdado Caballero, Juan Bautista Muñoz, Juan da Concepción, Pedro Franco Dávila, Antonio José Cavanilles, José Celestino Mutis, Vicente Requeno, Juan Ignacio Molina, Pedro José Márquez, Francisco Javier Clavijero, entre outros), en boa parte xesuítas españois expulsados en 1767, pero tamén americanos e filipinos. É o que se veu en chamar Escola Universalista Española do século XVIII. [14]
En Galiza fundáronse Sociedades Económicas de Amigos do País, coma a de Santiago (1784) ou a de Lugo (1785). Amais, creouse a Academia de Agricultura do Reino de Galiza e fundouse o Real Consulado Marítimo da Coruña, que activou o comercio atlántico.
Os ilustrados galegos promoveron a resolución de cuestións concretas, coma o estado dos camiños, a necesidade de converter o río Miño en navegábel ou o fomento do comercio de gando.
No panorama intelectual, sobresaíron personalidades beneditinas coma Benito Xerónimo Feijoo ou Martín Sarmiento. Amais, Lucas Labrada escribiu Descrición económica do reino de Galiza.
A ilustración presenta as seguintes ideas:
As características máis importantes desta corrente son:
O pensamento partía do suposto de que o ser humano nacera para ser feliz, de que a razón humana era capaz por si soa de acadar a verdade e dos principios fundamentais da teoría de John Locke e a partir de aí os filósofos ilustrados propuñan unha nova forma de Estado que garantise a liberdade, a seguridade e a prosperidade e que, como consecuencia fose representativa e non totalmente dependente da vontade do monarca. Pero para que trunfase está postura os filósofos eran conscientes que tiña que cambiar a sociedade e estar baseada na tolerancia e a igualdade legal, pero non económica.[17][18][19]
Os máximos representantes deste movemento foron: Montesquieu, que teorizou sobre a separación de poderes, Voltaire, defensor da liberdade de pensamento, e Rousseau, que expresou o principio de soberanía nacional.[20]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.