Aragón
comunidade autónoma de España From Wikipedia, the free encyclopedia
comunidade autónoma de España From Wikipedia, the free encyclopedia
Aragón (en aragonés e castelán: Aragón, en catalán: Aragó) é unha comunidade autónoma con estatuto de "nacionalidade histórica" situada no norte de España, resultante do reino histórico do mesmo nome, que abrangue o tramo central do val do Ebro, os Pireneos centrais e as Serras Ibéricas. Limita ao norte con Francia, ao oeste con Navarra, A Rioxa e Castela e León (provincia de Soria), ao sur con Castela-A Mancha (provincias de Guadalaxara e Cuenca) e a Comunidade Valenciana (provincias de Castelló e Valencia) e ao leste con Cataluña (provincias de Lleida e Tarragona).
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2017.) |
Himno | Himno de Aragón (21 de abril de 1989) | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Estado | España | ||||
Capital | Zaragoza | ||||
Comarca | 33 | ||||
Concello | 731 | ||||
Provincia | 3 | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 1.324.397 (2019) (27,75 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua castelá Lingua aragonesa lingua catalá | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 47.719 km² | ||||
Punto máis alto | Pico Aneto (3.404 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Santo padrón | Xurxo de Capadocia e Nosa Señora do Pilar | ||||
Organización política | |||||
Órgano executivo | Deputación Xeral de Aragón | ||||
• Presidente | Jorge Azcón (pt) (2023–) | ||||
Órgano lexislativo | Cortes de Aragón , (Escano: 67) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
ISO 3166-2 | ES-AR | ||||
Código NUTS | ES24 | ||||
Páxina web | aragon.es | ||||
O Reino de Aragón, canda o Condado de Barcelona, o Reino de Valencia e o Reino de Mallorca, formaron a histórica Coroa de Aragón; e foi un dos reinos que formaron o Reino de España. Dende 1978 é unha comunidade autónoma española, composta polas provincias de Huesca, Teruel e Zaragoza, e que se articulan en 32 comarcas e 1 delimitación comarcal. A capitalidade reside na cidade de Zaragoza, que concentra a metade da poboación da comunidade. O 23 de abril celébrase a festividade de San Xurxo, día de Aragón.
En Aragón fálanse variedades lingüísticas clasificadas dentro de tres idiomas: o castelán, única lingua oficial e maioritaria; o aragonés, lingua orixinal e histórica falada actualmente no norte da comunidade; e o catalán, falada na franxa oriental.
A superficie de Aragón é de 47.719,2 km² dos cales 15.636,2 km² pertencen á provincia de Huesca, 17.274,3 km² á provincia de Zaragoza e 14.808,7 km² á provincia de Teruel. O total representa un 9,43% da superficie de España, sendo así a cuarta comunidade autónoma en tamaño por detrás de Castela e León, Andalucía e Castela-A Mancha.
A orografía da comunidade ten como eixo central o val do Ebro (alturas entre 150 e 300 metros aprox.) o cal transita entre dous somontanos, o pirenaico e o ibérico, preámbulos de dúas grandes formacións montañosas, os Pireneos ao norte e o Sistema Ibérico ao sur.
O Pireneo aragonés conta coas principais alturas desta cordilleira que separa Francia e España. Destacan o Aneto (3.404 msnm), Posets (3371 msnm), Monte Perdido (3,355 msnm), Perdiguero (3,221 msnm), Cotiella (2,912 msnm), entre outros. Os principais vales pirenaicos, formados polos ríos que aí nacen, son Ansó (río Veral), Hecho (río Aragón Subordán), Canfranc (río Aragón), Tena (río Gállego) e Broto-Ainsa-Benasque (ríos Ara, Cinca e Ésera). É precisamente por encima destes vales onde se sitúa o Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido.
Entre o somontano e o pireneo levántanse un conxunto de serras que forman o chamado prepireneo, que alcanza unha altura máxima de 2,077 msnm (Serra de Guara). Destacan pola súa beleza os Mallos de Riglos, preto da localidade de Ayerbe.
O tramo aragonés do Sistema Ibérico é un conxunto de serras sen unidade estrutural clara, que pode dividirse en dúas zonas: sistema Ibérico do Jalón, onde destaca o Moncayo con 2,313 msnm, e o Sistema Ibérico Turolense, onde se achan serras como a de Albarracín ou a serranía do Maestrazgo, esta última de gran complexidade orográfica.
Aínda que o clima de Aragón pode considerarse, en xeral, como continental moderado, a súa irregular orografía fai que se cren varios climas ou microclimas ao longo e ancho de toda a comunidade. Desde a alta montaña, con xeos perpetuos (glaciares), ata zonas esteparias como Los Monegros pasando polo clima continental intenso da zona de Teruel-Daroca.
As temperaturas medias son moi dependentes da altura. No val do Ebro os invernos son relativamente moderados (aínda que a sensación térmica diminúa moito co forte vento norte) e as temperaturas no verán poden alcanzar os 40 °C. Nas zonas de montaña os invernos son máis longos e as temperaturas medias poden ser ata 10 °C máis baixas que no val. Dous son os ventos máis importantes de Aragón: o cierzo do norte e o bochorno de levante. O primeiro é un vento que percorre o val do Ebro de noroeste a sueste e que pode presentar gran forza e velocidade. O segundo é un vento cálido, máis irregular e suave procedente do sur-este.
A vexetación segue as oscilacións do relevo e do clima. Hai unha gran variedade, xa sexa vexetación silvestre ou cultivos humanos. Nas zonas altas pódense atopar bosques (piñeiros, abetos, haxas, carballos), matogueiras e prados, mentres que as zonas do val do Ebro son explotadas para uso agrícola.
A maior parte dos ríos aragoneses son afluentes do Ebro, que é o máis caudaloso de España e divide en dous á comunidade. Dos afluentes da marxe esquerda do río, é dicir os ríos con orixe no Pireneo, destacan o Aragón, que nace en Huesca pero desemboca na comunidade de Navarra, o Gállego e o Cinca, o cal únese ao Segre xusto antes de desembocar no Ebro á altura de Mequinenza. Na marxe dereita destacan o Jalón, o Huerva e o Guadalope.
Na canle do río Ebro, cerca do límite con Cataluña, sitúase o Encoro de Mequinenza, de 1530 hm³ e unha lonxitude duns 110 km; é coñecido popularmente como o Mar de Aragón.
Mención á parte dentro da hidrografía merecen os pequenos lagos de montaña pirenaicos chamados ibones. Estes lagos, de gran beleza paisaxística, teñen a súa orixe na última glaciación e adóitanse atopar por encima dos 2000 msnm.
O nome de Aragón está documentado por primeira vez durante a Alta Idade Media no ano 828, cando un pequeno condado de orixe franco, xurdiría entre os ríos que levan o seu nome, o río Aragón, e o seu irmán o río Aragón Subordán.
Aquel Condado de Aragón veríase unido ao Reino de Navarra ata 1035, e baixo a súa á crecería ata formar dote de García Sánchez III á morte do rei Sancho O Maior de Pamplona, nun período caracterizado pola hexemonía musulmá en case toda a Península Ibérica. Baixo o reinado de Ramiro I ampliaríanse fronteiras coa anexión dos condados de Sobrarbe e Ribagorza (ano 1044), tras incorporar poboacións da comarca histórica das Cinco Villas.
En 1076, á morte de Sancho IV o de Peñalén, Aragón incorpora aos seus territorios parte do reino navarro mentres que Castela fai o propio coa zona occidental dos antigos dominios de Sancho o Maior. A través dos reinados de Sancho Ramírez de Aragón e Pedro I, o reino amplía as súas fronteiras ao sur, establece fortalezas ameazantes sobre a capital de Zaragoza nel Castellar e Juslibol e toma Huesca, que pasa a ser a nova capital.
Así se chega ao reinado de Afonso I O Batallador que conquistaría as terras chairas do val medio do Ebro para Aragón: Ejea, Valtierra, Calatayud, Tudela e Zaragoza, a capital da Taifa de Saraqusta. Á súa morte os nobres elixirían ao seu irmán Ramiro II O Monxe, que deixou a súa vida relixiosa para asumir o cetro real e perpetuar a dinastía, o que conseguiu coa unión dinástica da Casa de Aragón coa posuidora do Condado de Barcelona en 1137, ano en que a unión de ambos os patrimonios daría lugar á Coroa de Aragón e agregaría as forzas que á súa vez farían posible as conquistas do Reino de Mallorca e o Reino de Valencia. A Coroa de Aragón chegaría a ser a potencia hegemónica do Mediterráneo, controlando territorios tan importantes como Sicilia ou Nápoles.
A lenda posterior facía á monarquía aragonesa elegible e creou unha frase de coroación do rei que se perpetuaría durante séculos:
Nos, que valemos tanto como vos vos hazemos o noso Rei e Señor, con tal que gardar os nosos foros e liberdades, e se non, non.O Xustiza de Aragón
Esa situación repetiríase no Compromiso de Caspe (1412), onde se evita unha guerra que houbese desmembrado a Coroa de Aragón ao xurdir unha boa presa de aspirantes ao trono, tras a morte de Martín I O Humano un ano logo da morte do seu primoxénito, Martín O Mozo. Fernando de Antequera é o elixido, da rama castelá dos Trastámara, pero tamén directamente entroncado co rei aragonés Pedro IV O Cerimonioso, a través da súa nai Leonor de Aragón.
Aragón é xa un ente político de grande escala: a Coroa, as Cortes, a Deputación do Reino e o Dereito Foral constitúen a súa natureza e o seu carácter. O matrimonio de Fernando II de Aragón con Isabel I de Castela, celebrado en 1469 en Valladolid, derivou posteriormente na unión das coroas de Aragón e Castela, creando as bases do Estado Moderno. A Idade Moderna, con todo, presenciou tamén as tensións entre o poder da Monarquía Hispánica e os establecidos nos estados forais procedentes da evolución das institucións medievais, que acabaron estalando no conflito das Alteracións de Aragón de 1591.
Tras o recorte subseguinte ás atribucións da Xeneralidade de Aragón nas Cortes de Tarazona de 1592, fundamentalmente en materia militar para evitar que puidese ser armado fronte ao rei de España un exército cos recursos e prerrogativas da Deputación do Xeneral, o século XVII foi un período de decadencia das institucións propias do Reino de Aragón, que foi compensado co labor historiográfica e de literatura xurídica que mantivo a memoria das peculiaridades aragonesas. Destaca neste sentido a creación en 1601 do Arquivo do Reino de Aragón (en gran medida destruído durante a guerra da independencia española e os Sitios de Zaragoza xunto co Palacio da Deputación do Reino), a continuidade do cargo de Cronista de Aragón -onde destacaran autores como Jerónimo Zurita- e os seus resultados patentes na obra dos irmáns Argensola co seu Información dos sucesos de Aragón de 1590 e 1591 (de Lupercio) e Alteracións populares de Zaragoza do ano 1591 (de Bartolomé, ou os Anais de Juan Costa e Jerónimo Martel, testemuñas presenciais e tamén cronistas do Reino, que foron no entanto destruídos pola censura rexia; obras todas elas escritas para contrarrestar a versión filipina dos feitos. Doutra banda, a Deputación do Xeneral tamén exerceu a censura, e ordenou queimar a Historia das cousas sucedidas neste Reyno en seis volumes do castelán Antonio de Herrera porque «en ditas Crónicas dicíanse moitas cousas contrarias á verdade» e encomendouse a Vicencio Blasco de Lanuza a redacción dunhas Historias eclesiásticas e seculares de Aragón, cuxo segundo volume, que trataba os graves sucesos recentemente ocorridos, foi publicado en 1619, tres anos antes que o primeiro, o que dá idea da intención de responder á visión de Herrera. Na mesma liña, encargouse un Cerimonial e breve relación de todos os cargos e cousas ordinarias da Deputación do Reino de Aragón, ao seu Tenente de Alcaide, Lorenzo Ibáñez de Aoiz. Tamén se emprende neste período a cartografía do Reino de Aragón, encomendada ao portugués Juan Bautista Lavaña. Estas dúas últimas obras foron concluídas en 1611.
Durante a guerra de sucesión, Aragón (do mesmo xeito que o resto de territorios da Coroa: Cataluña, Valencia e Mallorca) apoiou ao arquiduque Carlos (da casa de Austria) fronte a Filipe V (dos Borbóns). Tras a batalla de Almansa (1707), Filipe V aboliu os foros aragoneses, adoptou varias medidas centralistas e foron anuladas todas as antigas disposicións políticas do reino (Decretos de Nova Planta). Aragón converteuse na práctica nunha provincia e o seu Consello foi absorbido polo Consello de Castela.
A guerra da independencia, tras a intensa destrución da cidade de Zaragoza, detivo o progreso económico e atrasou de modo importante a incorporación da capital ao ritmo da modernidade. Coa primeira organización provincial (1822) de España, Aragón contaría con catro provincias, sendo Calatayud capital da cuarta provincia ata a nova abolición da Constitución por Fernando VII. Coa segunda e actual reforma territorial quedarían só Huesca, Teruel e Zaragoza. Ao longo do século XIX os carlistas, que buscaron adeptos para a súa causa nesta terra, ofreceron a restauración de pasadas liberdades forais.
O século XIX foi o paso dunha sociedade rural a un funcionamento industrial e urbano, levando un éxodo masivo do campo ás poucas urbes de importancia da rexión, Huesca, Zaragoza, Teruel, Calatayud. E unha verdadeira emigración a outras rexións próximas, como Cataluña e á capital do estado, Madrid.
Durante o século XX, a historia de Aragón foi parella á do resto do territorio español, a destacar o impulso económico "conxuntural" na ditadura do militar Miguel Primo de Rivera (1923-1931) e do progreso nas liberdades civís e individuais, durante a Segunda República (1931-36).
Aragón quedou dividido polos dous bandos enfrontados na guerra civil (1936-39). Por unha banda, a Zona Oriental, máis próxima a Cataluña, leal á República e por outro a Zona Occidental, onde se situaban as tres capitais provinciais, polo bando sublevado nacional-fascista, habendo unha dura, cruenta e salvaxe represión nas mesmas e durante a contenda, unha dura disputa pola cidade de Teruel.
Durante case 40 anos, Aragón viviu baixo a ditadura militar do xeneral Francisco Franco.
Nos anos 1970 viviuse como no resto do Estado un período de transición, tras a extinción do anterior réxime, coa recuperación da normalidade democrática e a creación dun novo marco constitucional (1978). Á súa vez, empezáronse a reclamar unha autonomía política propia, de carácter federalista para o territorio histórico aragonés; sentimento que quedou reflectido na histórica Manifestación do 23 de abril de 1978 que reuniu a máis de 100.000 aragoneses pola rúas de Zaragoza.
A demora do establecemento do Estado das Comunidades Autónomas e as nefastas decisións de certos políticos, pertencentes a partidos de ámbito nacional, relegaron un acceso ao autogoberno pola vía lenta, menor teito competencial e menor autoxestión de recursos, durante máis de 20 anos. O 10 de agosto de 1982, A súa Maxestade o Rei e o presidente do seu Goberno asinaron a Lei Orgánica que as Cortes Españolas aprobaran contendo o Estatuto de Autonomía. Estatuto de 1982.
O 7 de maio de 1992 unha Comisión Especial das Cortes de Aragón, elaboraba un texto reformado que foi aprobado polas Cortes de Aragón e polas Cortes Españolas.
De novo, unha pequena reforma estatutaria no ano 1996 ampliou o marco competencial, obrigando a unha definitiva revisión integral durante varios anos, sendo aprobado un novo texto estatutario no 2007, por maioría pero sen logar unha total unanimidade.
Nos anos 1990 a sociedade aragonesa incrementa un significativo paso cualitativo na calidade de vida debido ao progreso económico do Estado en todos os niveis.
A comezos do século XXI, establécese un significativo incremento de infraestruturas como a chegada do tren de Alta Velocidade (AVE), a construción da nova Autovía Somport-Sagunto e o impulso dos dous aeroportos da Comunidade Autónoma, Zaragoza e Huesca-Pireneos. Á súa vez acométense grandes proxectos tecnolóxicos, como o Parque Tecnolóxico Walqa e a implantación dunha rede telemática por toda a comunidade.
A designación de Zaragoza como sede para a Exposición Internacional de 2008, supuxo unha serie de cambios e crecemento acelerado para a comunidade autónoma.
A súa economía tradicional pertencente ao sector primario con predominio dos cultivos cerealísticos e forraxeiros, apoiados por unha cabana ovina importante, viuse moi modificada nos últimos anos polo ascenso imparable do sector industrial, de servizos e comercio, seguido do turismo. A estes efectos resulta destacable o papel de Zaragoza e a súa capacidade comercial e loxística no sector nordés peninsular.
O PIB de Aragón supón o 3% do PIB total de España, situándose o PIB per cápita, no ano 2005, en 22.403 €. A empresa Opel (General Motors) ten unha factoría situada preto da cidade de Zaragoza, no municipio de Figueruelas. Existen outras empresas importantes en xeración eléctrica como Endesa coa súa Central Térmica Teruel, en Andorra; a papeleira SAICA, en Zaragoza e Burgo de Ebro; ICT Ibérica, tamén no Burgo de Ebro, Pikolín, Sabeco, Inditex, BSH, ou Chocolates Lacasa, en Zaragoza capital; ou a madeireira de Cella, a terceira de Europa.
O Complexo PLAZA, próximo ao aeroporto zaragozano, supón o maior centro de loxística de mercancías e transporte do sur de Europa. Ponse en marcha a Radio e Televisión Rexional (Autonómicas), tras case 15 anos dunha continua demora por "circunstancias extraordinarias" de carácter político e económico, onde os intereses cruzados dos medios de comunicación locais e a falta de consenso político xeral, postergara esta iniciativa multimedia.
Os seus produtos tradicionais son xa coñecidos a nivel internacional, destacando o Ternasco de Aragón, os viños do Somontano, o xamón de Teruel, o aceite de oliva do baixo Aragón, o pexego de Calanda e a améndoa. As denominacións de orixe existentes axudáronlles a abrir novos mercados internacionais como Xapón, China ou Estados Unidos ademais de Europa.
O futuro perfílase cara ao crecemento do sector terciario, o mantemento do secundario, e a redución paulatina do primario, do mesmo xeito que a maioría das economías occidentais. Como actividades económicas importantes destaca o crecemento do turismo deportivo, potenciado a través de Aramón, é dicir, o conxunto das estacións de esquí; aínda que se está desenvolvendo un fenómeno recente facilitado pola mellora das comunicacións por estrada (Autovía Mudéxar), como é o turismo cultural, onde a cidade de Teruel estase convertendo nun centro de atracción a nivel nacional, grazas ao seu patrimonio histórico (o mudéxar aragonés, declarado Patrimonio da Humanidade), o parque temático Dinópolis e a súa proximidade a Albarracín.
Aragón conta con 1 345 419 habitantes (INE 2010), dos que un 50,12% viven na capital, Zaragoza, única cidade da comunidade que supera os 100.000 habitantes (675.121, segundo INE 2010). O resto do territorio presenta unha ocupación moi débil: non en balde, Aragón, con 28,52 hab/km², é a cuarta comunidade autónoma de España con menor densidade de poboación, sendo só superada por Castela-A Mancha, Estremadura e Castela e León.
Segundo o censo de 1991, Aragón contaba con 1 221 546 habitantes, é dicir un 3,10% da poboación nacional e unha densidade de 25,6 habitantes/km². Desde entón a poboación creceu a un ritmo moi inferior ao da media española, polo que no 2006 a poboación aragonesa só representaba o 2,86% da poboación nacional. Nos últimos anos conseguiuse investir esta tendencia.
A proporción de estranxeiros residentes no censo de 2006 é do 8,25%, proporción próxima aínda que lixeiramente inferior á media nacional (9,27%).[1]
Listaxe | Cidade | Provincia | Pob. | Listaxe | Cidade | Provincia | Pob. | Zaragoza Huesca Teruel |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
1 | Zaragoza | Zaragoza | 674.317 | 11 | Jaca | Huesca | 13.396 | |
2 | Huesca | Huesca | 52.059 | 12 | Tarazona | Zaragoza | 11.211 | |
3 | Teruel | Teruel | 35.396 | 13 | Sabiñánigo | Huesca | 10.378 | |
4 | Calatayud | Zaragoza | 21.933 | 14 | Caspe | Zaragoza | 9.728 | |
5 | Utebo | Zaragoza | 17.677 | 15 | Binéfar | Huesca | 9.444 | |
6 | Ejea de los Caballeros | Zaragoza | 17.331 | 16 | Andorra | Teruel | 7.690 | |
7 | Monzón | Huesca | 17.042 | 17 | La Almunia de Doña Godina | Zaragoza | 7.911 | |
8 | Barbastro | Huesca | 16.924 | 18 | Tauste | Zaragoza | 7.710 | |
9 | Alcañiz | Teruel | 16.392 | 19 | Cuarte de Huerva | Zaragoza | 7.687 | |
10 | Fraga | Huesca | 14.302 | 20 | Zuera | Zaragoza | 7.427 | |
Censo 2009[2] |
O castelán é actualmente a única lingua oficial e a maioritaria no territorio aragonés. Caracterízase por algúns trazos propios, na súa maioría restos do aragonés que se foi perdendo progresivamente desde o século XV pola difusión do castelán. O castelán aragonés pódese incluír entre as variantes setentrionais do castelán, con características propias sobre todo na entonación e o vocabulario.
O aragonés fálase en pequenas localidades das provincias de Huesca e Zaragoza, e del quedan pegadas na fala das provincias de Zaragoza, Teruel, A Rioxa, Navarra e en menor medida nalgunhas localidades catalás, valencianas e murcianas. Esta lingua é considerada pola Unión Europea como a lingua minoritaria que corre máis perigo de desaparecer, polo cal insta á DGA a respectala e promocionar o seu uso.
Diversas variedades dialectales do catalán fálanse nalgunhas comarcas da parte oriental de Aragón, que forman a chamada "Franxa de Aragón". En 2006 vivía nesa zona unha poboación de 47.771 habitantes. Esta lingua, do mesmo xeito que o aragonés, está á espera da Lei de Linguas para ter recoñecemento en Aragón aínda que está máis normalizada, xa que en localidades como Fraga dáse a posibilidade de obter na educación pública aragonesa o título de catalán recibindo durante catro anos en Primaria ou durante os catro anos da Educación Secundaria (ESO) clases de catalán en horario extraescolar.
Existe unha minoría que desexa que ás variedades faladas na Franxa non se lles chame catalán senón aragonés oriental.
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
Segundo o Estatuto de Autonomía de Aragón, no seu título primeiro, as catro institucións con poder político en Aragón: As Cortes de Aragón, o Presidente, a Deputación Xeral de Aragón e o Xustiza de Aragón.
Os dous órganos consultivos do Goberno de Aragón son o Consello Económico e Social de Aragón e a Comisión Xurídica Asesora.
Aragón conta actualmente con dous aeroportos. O máis importante deles é o aeroporto de Zaragoza, situado a 10 km da capital. Desde a chegada de Ryanair ao aeroporto, o número de usuarios foi aumentando, ata chegar aos 594.952 no ano 2008 segundo Aena. O aeroporto conta con numerosos destinos nacionais e europeos, operados por diferentes compañías. Ademais, tamén é importante o número de mercancías transportadas, sendo o terceiro aeroporto español, con máis de 30.000 toneladas ao ano. O outro aeroporto é o de Huesca-Pireneos, situado a 10 km da cidade de Huesca. Con só 6.368 pasaxeiros en 2010, é un dos aeroportos con menor tráfico de pasaxeiros de España.
Aragón ten asumida a competencia exclusiva sobre as estradas que discorren integramente no seu territorio, sendo de titularidade da Deputación Xeral de Aragón, das tres deputacións provinciais ou dos distintos municipios aragoneses. En total son uns 10.700 km cos que conta Aragón, sendo a DGA a propietaria da metade. O Estado posúe uns 2.200 km, mentres que uns 3.000 km pertencen ás distintas deputacións.
O Estado posúe un gran número de autoestradas, autovías e estradas nacionais en Aragón, debido á situación de cruzamento de camiños na que está situada a comunidade.
A rede de ferrocarril de Aragón é extensa, tendo tramos de vía convencional, mentres que outros tramos son de alta velocidade.
No ano 2003 inaugurouse a liña de alta velocidade Madrid-Zaragoza-Lleida con paradas en Calatayud e Zaragoza. Posteriormente chegaría a alta velocidade a Huesca, aínda que cun percorrido que impide alcanzar unha velocidade alta nos trens, debido ao mal deseño da liña. Ademais estase renovando a liña Zaragoza-Teruel para que poida converterse nun traxecto de alta capacidade.
En canto ao resto da rede aragonesa, destacan a liña Zaragoza-Castejón-Pamplona-Altsasu, a liña Zaragoza-Caspe-Reus e a liña internacional de Canfranc, na que foi suspendido o percorrido entre devandita localidade e Francia na década de 1970 tras destruírse unha ponte no lado francés.
A xota é o baile típico de Aragón.
Algúns aragoneses destacados en diferentes campos artísticos e sociais son:
De Aragón son soados as migas de pastor, o ternasco (cordeiro), os xamóns de Teruel, a borraxe, o cardo, os viños (Somontano, Campo de Borja, Cariñena, Calatayud), as chiretas, as tortetas, a longaínza, a carne á pastora, os crespillos, o polo ao chilindrón, as améndoas, o aceite de oliva, o mel, o melocotón etc.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.