Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Segundo Víctor Aurelio Chomón y Ruiz, coñecido como Segundo de Chomón, nado en Teruel o 17 de outubro de 1871 e finado en París o 2 de maio de 1929, foi un cineasta español.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Segundo Víctor Aurelio Chomón y Ruiz 17 de outubro de 1871 Teruel, España |
Morte | 2 de maio de 1929 (57 anos) 20º distrito de París, Francia |
Actividade | |
Lugar de traballo | Barcelona París Turín |
Ocupación | director de cinema, animador, produtor de cinema, director de fotografía, guionista, actor, cámara, montador |
Período de actividade | 1902 - 1929 |
Empregador | Pathé |
Familia | |
Cónxuxe | Julienne Mathieu |
Fillos | Robert de Chomon |
Pais | Isaac Chomón Gil e Luisa Ruiz Valero |
Descrito pola fonte | UbuWeb Obálky knih, |
|
Destacou como director pioneiro do cine mudo e técnico de trucaxes en películas como Cabiria (1914), de Giovanni Pastrone —coñecido polo seu pseudónimo Piero Fosco—, ou Napoleón (1927), de Abel Gance.
Frecuentemente comparado con Méliès, pola súa gran calidade técnica e creatividade, foi considerado un dos grandes homes do cine do seu tempo, sendo contratado polas máis importantes empresas cinematográficas da época, como a Pathé Frères ou a Itala Films.
Nado en Teruel en 1871, Chomón emprende, ao parecer, estudos de enxeñaría, aínda que se dubida se chegou a rematalos. Entre 1895 e 1897 fixo unha viaxe a París. Nesta cidade descobre o Cinematógrafo dos irmáns Lumière e coñece á vedette Julienne Mathieu, con quen casaría.
Entre 1897 e 1898 cumpre o servizo militar en Cuba e ao seu regreso a París a fins de 1899 interésase polo novo invento. Axudando á súa esposa, que traballaba nos talleres de coloreado a man fotograma a fotograma das películas de Méliès, deseña uns modelos de celuloide que facilitaban este traballo e conseguían maior precisión na delimitación da cor. Este sistema, con lixeiros cambios, foi patentado máis tarde pola casa Pathé co nome de «Pathécolor». Un exemplo desta técnica pode verse no documental Burgos voyage, en galego Viaxe a Burgos, asinado polo turolense en 1910 ou 1911.[1]
En 1902 instálase en Barcelona e inaugura un taller que comercializa o seu sistema de coloreado. Fabrica a súa propia cámara cinematográfica e filma unha película na que utiliza a trucaxe de maquetas: Choque de trenes. Do mesmo ano data Monserrat.
Ao ano seguinte roda varios contos fantásticos inspirados nos contos da Editorial Calleja, onde explora a dobre exposición e as sobreimpresións para conseguir no mesmo plano efectos de xigantismo en películas como Pulgarcito e Gulliver en el país de los Gigantes, ambas as de 1903.
En 1904 realiza El heredero de Casa Pruna, unha película de cine cómico na que se inspirou Los guapos de la vaquería del parque (1905) de Fructuós Gelabert. Trátase dun solteiro perseguido por un grupo de mulleres para casar con el. Este sainete realista de Chomón, ambientado en Barcelona, inaugura o xénero das películas de persecucións en España, a imitación das xa realizadas polos pioneiros da Escola de Brighton e outros cineastas anglosaxóns. Ten o seu precedente nunha película estadounidense dese mesmo ano, Personal da produtora Biograph, ou máis ben a versión que fixo dela Edwin S. Porter para a casa Edison titulada How a french nobleman got a wife through the New York Herald «Personal» columns, que fora proxectada en Barcelona en outubro de 1904. Gelabert imitouna cambiando as mulleres por homes nos seus Guapos. O mesmo asunto foi tratado por Buster Keaton enSeven chances, en galego As sete ocasións, de 1925.[2]
Tamén nesta época perfecciona a técnica do paso de manivela, que consiste en obter tomas fotograma a fotograma para comprimir o tempo, e utilízaa en Eclipse de sol (1905).
Nesta primeira etapa barcelonesa, asóciase a Macaya e Marro, incipientes produtores cataláns na Hispano Films, que se dedicaban a filmar temas realistas populares ou históricos. Para eles realiza películas como Os guapos do parque (versión da película de Gelabert), Dáse para comer ou Os heroes do sitio de Zaragoza, todas do mesmo ano de 1905.[2][3][4]
Viaxa de novo a París contratado pola Pathé Frères, produtora que, neste momento, é a máis importante do mundo debido ao monopolio que exercía sobre o celuloide virxe. Volveu a España puntualmente para rodar a voda de Afonso XIII, pero é nos estudios franceses onde realiza algunhas das súas obras mestras. Faino como operador de cámara e director de trucaxes para as películas fantásticas da época, terreo no que se estableceu un duelo pechado coa produtora de Méliès que se mantería até finais desta primeira década do século. A Pathé, para competir co mago do cine, recorreu ao director Ferdinand Zecca e a Segundo de Chomón, entre outros cineastas.
Desta etapa son os seus efectos especiais para A galiña dos ovos de ouro (1905), dirixida por Albert Capellani; O fillo do demo (1906), de Charles-Lucien Lépine e O pescador de perlas e Vida e paixón do Noso Señor Xesucristo, todas elas de Ferdinand Zecca. Nesta última película aparece por primeira vez no cine a utilización consciente do travelling en interiores sobre unha plataforma con rodas. A diferenza é substancial, pois colocar a cámara nun medio de transporte (tranvía, barco ou tren) era un procedemento consabido desde as primeiras fitas documentais dos reporteiros contratados polos Lumière. En 1906 ou 1907 roda La maison hantée (en galego, A casa encantada) animación baseada na técnica do paso de manivela.[5][6]
Alarde equilibrista, de 1908, baséase en tomas cenitais para finxir números de circo. O mesmo ano realiza Escultor moderno, El castillo encantado, El teatro de Bob e xa en 1909, El sueño de un cocinero, películas nas que desenvolve técnicas de animación, tanto de obxectos como de debuxos e de animación de arxila.
Pero a súa obra máis conseguida para a Pathé é El hotel eléctrico, de 1908. Con 140 metros de lonxitude, supón o cume do procedemento do paso de manivela, co que se consegue dotar aos obxectos de vida propia. No mundo do progreso tecnolóxico, todo está automatizado nun hotel á última, onde os cepillos peitean sós, os zapatos átanse os seus cordóns e todos os electrodomésticos da suite traballan por si sós.
Outro título interesante desta época é Unha excursión incoherente (1909), que conecta cos primeiros pasos vangardistas parisienses levados a cabo por un grupo chamado Les incohérents, precursores de dadaístas e surrealistas. Tamén de 1909 é Excursion dans la lune, unha nova versión da coñecida película de Méliès, Le Voyage dans la Lune.[7]
En 1910 regresa a Barcelona, onde forma sociedade co empresario de variedades Juan Fuster Garí. Con esta produtora rodou un total de 37 películas de asunto popular. Hainas cómicas (Venganza de un carbonero, La fecha de Pepín), históricas (El ejemplo, Pragmática real, Justicias del rey don Pedro), melodramáticas (La expiación, Amor gitano, La manta del caballo, El puente de la muerte, La hija del guardacostas) e fantásticas (La gratitud de las flores).
Tamén adapta sainetes e zarzuelas, contribuíndo a sentar as bases dun certo cine español de alcance popular con títulos como Los guapos, El puñao de rosas, Las carceleras, La tempranica e El pobre Valbuena.
En xuño de 1910 comeza a traballar por conta propia para a casa Pathé, da que é nomeado concesionario. Esta situación materialízase en títulos como Lucha fratricida o Nobleza Aragonesa, Los pobres de levita, Los dulces de Arturo, Una farsa de Colás ou Flema inglesa. En novembro rompe co seu socio Fuster, polo que queda sen estudios de rodaxe, circunstancia que aproveitará para rodar documentais como Viaje a Burgos, La heroica Zaragoza ou Gerona: la Venecia española.
A Pathé acode no seu auxilio e obtén para el un estudio-produtora á súa medida, "Ibérico", para a que realiza once películas entre agosto de 1910 e marzo de 1912. Nel prodúcense avances técnicos moi importantes, o que se observa na minuciosidade dos detalles técnicos que conteñen os guións autógrafos conservados. As súas estruturas narrativas gañan en complexidade facéndose progresivamente máis elaboradas. As escaletas de montaxe de filmes como El talismán del vagabundo ou Soñar despierto prevén unha ampla gradación na escala de planos e estudados efectos de raccord ou continuidade cinematográfica. Tamén flash-back ou analepses e flash-forward ou prolepses e montaxes de accións paralelas en persecucións.
Tamén desta etapa é a súa colaboración en Escamillo à le ver solitaire, en galego, O verme solitario, de 1912, cun filme do máis importante dos cómicos do cine mudo desta época, o francés André Deed. Tratouse dunha película delirante, chea de situacións absurdas, efectos de cámara e trucaxes, das que se encargou con gran solvencia Segundo de Chomón.
Na primavera de 1912 acepta a oferta da turinesa "Itala Films" de Pastrone para traballar como operador técnico en efectos especiais. Participa en varios títulos do empresario, produtor e director italiano, empezando por Padre (1912). Con todo, destaca especialmente o seu labor para a gran superprodución de 1914 Cabiria, onde Chomón, como director das trucaxes e primeiro operador de cámara, tivo unha participación moi relevante. Como exemplo, cabe dicir que realizou a secuencia da erupción do Etna, e o resultado foi dun gran realismo, recorrendo para iso ao efecto schüfftan, chamado así polo seu inventor, Eugen Schüfftan, que consiste en impresionar só unha parte do fotograma, habitualmente utilizando maquetas. Tamén perfeccionou o travelling en interiores sobre raís para dar magnificencia aos decorados dos templos orientais e desenvolveu a iluminación expresionista, que dotaba de relevo aos rostros dos actores e aos detalles do decorado.
En 1914 desencadéase a Primeira guerra mundial, conflito no que entrará Italia ao ano seguinte. Esta conflagración provocará unha profunda crise da industria cinematográfica europea que afectará o cine italiano debido, sobre todo, ao extraordinario aumento dos custos do celuloide. Os estudios Itala Filme serán reconvertidos en hospital. A pesar da diminución da produción cinematográfica Chomón seguirá traballando ás ordes de Pastrone en películas como El fuego (1915), Tigre real (1916), La guerra y el sueño de Momi (1917), na que aproveitou a súa experiencia para rodar animación de bonecos mediante o paso de manivela, ou Hedda Gabler (1919).
Entre 1919 e 1921 desvincúlase da Itala para traballar por conta propia como socio da produtora do artista de circo Luciano Albertini, Albertini Filme.
En 1923 trasládase a París. Alí traballa en colaboración con Ernest Zollinger, enxeñeiro suízo, nun sistema de cine en cor polo que obtivo a medalla de ouro da Exposición Internacional de Fotografía, Óptica e Cinematografía de Turín. Tres anos despois intervén na rodaxe da gran superprodución do cine francés Napoleón (1927), de Abel Gance.
Viaxa a Marrocos a seguir investigando na cor, pero contrae unha enfermidade grave e pouco despois falece.
Segundo de Chomón foi un técnico minucioso e perfeccionista, que investía até meses en conseguir os efectos desexados, aínda que durasen en pantalla poucos segundos. Foi un dos máis importantes pioneiros do cine de fantasmagorías da época silente, e o seu talento nestas películas cheas de fantasía só é comparable ao de Méliès. Por iso foi contratado pola produtora cinematográfica máis potente do mundo nesa época, a Pathé Frères, para traballar co seu director máis importante, Ferdinand Zecca, e que os trucos dos seus filmes puidesen competir cos do mago Méliès.
A el atribúese o desenvolvemento do paso de manivela, cuxo uso culmina no Hotel eléctrico de 1908 e a utilización en decorados interiores, de modo absolutamente consciente, do travelling sobre unha plataforma habilitada especialmente para este movemento. Foi un xenio das trucaxes, desde o coloreado de películas, pasando por todo tipo de efectos da época, cuxo repertorio inclúe a utilización de maquetas, efectos schüfftan, dobre exposición, sobreimpresións, pirotecnia, escamoteos e o xa comentado uso da velocidade de paso de manivela.
Tamén contribuíu á creación dunha industria nacional española de cinematografía, coas súas etapas barcelonesas e as súas películas de alcance popular: melodramas, zarzuelas, dramas históricos e comedias. En resumo, trátase dun dos máis importantes cineastas internacionais pola súa contribución ao desenvolvemento da arte cinematográfica na etapa muda, que traballou para os máis importantes directores e produtores daquela época en Francia, Italia e España.
Ramón Alòs indaga no seu documental El hombre que quiso ser Segundo (2015) na súa traxectoria biográfica e profesional.[8]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.