O monte Etna é un volcán activo que se atopa na costa leste de Sicilia, entre as provincias de Messina e Catania. Ten ó redor de 3357 m de altura . O Etna é o volcán activo máis grande de Europa e a montaña máis alta de Italia ó sur dos Alpes. O Etna cobre unha área de 1190 km².
A poboación local adoita referirse ao monte como Gibellu, do árabe جبل ŷébel (monte, montaña), usando o topónimo Etna para o cono volcánico.[1]
A actividade volcánica do Etna comezou hai uns 700 000 anos, sendo este un volcán submarino, que se foi desprazando cara ao interior. O Etna é o que se denomina un estratovolcán formado como resultado de erupcións sucesivas.
Na actualidade segue en actividade e ten varios cráteres arredor dos 3000 m con fumarolas permanentes. Entre xullo e agosto de 2001 unha erupción arrasou unha estación de esquí situada na ladeira sur do volcán[2]. Tamén estivo activo en novembro de 2002[3], e en xaneiro de 2005 a lava non chegou ás zonas habitadas, aínda que as emisións puideron verse dende toda a costa siciliana manando das aperturas laterais situadas a 2620 e 2400 metros.
Volveu ter actividade en maio de 2011[4], marzo de 2012[5], febreiro de 2013[6], xaneiro de 2014[7], decembro de 2015[8], maio de 2016[9] e marzo de 2017.[10]
En decembro de 2018 unha erupción obrigou a desviar o tráfico aéreo, causando máis de 150 terremotos.[11]
O 16 de febreiro de 2021 volve a entrar de novo en erupción.[12]
Segundo a mitoloxía grega, no interior do Etna estaban as forxas de Vulcano, que traballaba alí coa axuda dos ciclopes. Outra lenda di que a actividade do volcán se debe a que Atenea sepultou alí ó xigante Encélado, no transcurso da Xigantomaquia, ó lanzar sobre el a illa de Sicilia.