Georgii Konstantínovich Zhúkov (en ruso: Гео́ргий Константи́нович Жу́ков), nado o 1 de decembro de 1896 e finado o 18 de xuño de 1974 foi un xeneral soviético e mariscal da Unión Soviética. Tamén foi Xefe do Estado Maior, Ministro de Defensa, e membro do Presidium do Partido Comunista (despois Politburó). Durante a segunda guerra mundial Zhúkov supervisou algunhas das vitorias máis decisivas do Exército Vermello.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2012.) |
Nado nunha familia pobre de labregos do centro de Rusia, Zhúkov foi recrutado polo Exército Imperial Ruso e loitou na primeira guerra mundial. Serviu no Exército Vermello durante a guerra civil rusa e gradualmente foi subindo de rango, chegando en 1939 a conseguir o mando dun grupo de exércitos e gañando unha decisiva batalla contra as forzas xaponesas en Khalkhin Gol, pola cal gañou o primeiro dos seus catro títulos de Heroe da Unión Soviética. En febreiro de 1941 Zhúkov foi nomeado xefe do Estado Maior do Exército Vermello.
Tras a invasión alemá da Unión Soviética, Zhúkov perdeu a súa posición como xefe do Estado Maior. Posteriormente organizou as defensas de Leningrado, Moscova e Stalingrado. Participou planeando varias grandes ofensivas, incluídas a batalla de Kurske a Operación Bagration. En 1945 Zhúkov comandou a 1º Fronte Belarusa; tomou parte na ofensiva Vístula-Oder e na batalla de Berlín, que resultou na derrota da Alemaña nazi e no final da guerra en Europa. En recoñecemento ao seu papel durante a guerra foi elixido para aceptar o Instrumento de rendición alemá e inspeccionar o desfile da vitoria en Moscova en 1945.
Tras a guerra o éxito e popularidade de Zhúkov causaron que Iosif Stalin o vise como unha potencial ameaza. Stalin quitouno das súas posicións e relegouno a mandos militares de pouca importancia estratéxica. Tras a morte de Stalin en 1953, Zhúkov apoiou a candidatura de Nikita Khrushchev para o liderado soviético. En 1955 foi nomeado Ministro de Defensa e foi integrado no Presidium. En 1957 perdeu novamente o favor e viuse obrigado a retirarse. Nunca volveu a ocupar unha posición relevante e morreu en 1974.
Traxectoria
Inicios
Fillo de labregos dunha familia de etnia rusa asolada pola pobreza en Strelkovka. O seu pai Konstantin, que quedara orfo aos dous anos e foi adoptado por Anuska Zhukova, era zapateiro e con once anos marchou para Moscova para traballar nunha fábrica de botas.[1] Casou por primeira vez en 1870 con Anna Ivanova e Anna Ivanova e o matrimonio tivo dous fillos, Grigori e Vassili (este último morreu antes de chegar aos dous anos). Anna Ivanova morreu de tuberculose en 1892 e ese mesmo ano casou con Ustienia Artémievna,[2] a nai de Zhúkov, que traballaba no agro. Dicíase que Zhúkov parecíase á súa nai e cría que herdara dela a súa forza física; supostamente, Ustienia era capaz de realizar tarefas esixentes como levar sacos de grans de 200 libras a grandes distancias.[3] Nunha época na que a maioría dos membros das clases traballadoras e pobres de Rusia completaban só dous anos de escolarización, Zhúkov completou o curso de educación primaria de tres anos na escola da súa cidade natal. Despois foi aprendiz de peleteiro en Moscova co irmán da súa nai Mikhail.[3]
Mentres traballaba para o seu tío, Zhúkov complementou a súa educación lendo co seu curmán Alexander sobre unha ampla gama de temas, como lingua rusa, lingua alemá, ciencia, xeografía e matemáticas. Ademais, matriculouse nunha escola nocturna onde completou cursos a medida que llo permitía o traballo na tendo do seu tío. Completou a súa aprendizaxe en 1914 e creou o seu propio negocio con tre empregados baixo o seu liderado.[3]
Primeira guerra mundial
En 1915, Zhúkov foi recrutado polo Exército Imperial Ruso e incorporado ao cuertel de Maloiaroslavets. Serviu no 10º Rexemento de Dragóns de Novgorod, e foi ferido en acción contra os alemáns en Khárkiv. Durante a primeira guerra mundial Zhúkov foi premiado coa Cruz de San Xurxo dúas veces, e foi ascendido ao rango de subofiacial pola súa valentía en batalla.
Ingresou na academia de oficiais de cabalería por méritos propios ao non ser aristócrata. Foi condecorado en varias ocasións na primeira guerra mundial. Participou como bolxevique na guerra civil rusa e foi condecorado por esmagar un levantamento labrego branco.
En 1938 dirixiu o exército soviético mongol que derrotou ás tropas xaponesas mediante a utilización pioneira de columnas móbiles blindadas.
Segunda guerra mundial
Tras o avance vitorioso do exército alemán na súa invasión de Rusia, se lle encomendou a defensa de Leningrado, que logrou resistir. Máis adiante Zúkhov foi o xeneral que conseguiu frear aos alemáns ás portas de Moscova e rexeitalos e un aos que se lle debe a decisiva vitoria de Stalingrado. O último intento alemán a grande escala foi neutralizado por Zhúkov na colosal batalla de Kursk. A partir de aí Zúkhov será o líder militar que conduciría aos exércitos soviéticos ata Berlín (Operación Bagration). Esta foi unha turrada militar colosal que causou aos exércitos do Eixo case medio millón de baixas. Wilhelm Keitel asinaría perante el a rendición de Alemaña.
Comandou o desfile da vitoria na Praza Roxa de Moscova, pero máis tarde Stalin destinaríao a postos secundarios. Con Nikita Khrushchev foi un fugaz Ministro de Defensa (1956).
Notas
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.