baloncestista estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
Chauncey Ray Billups, nado o 25 de setembro de 1976 en Denver, Colorado, é un ex xogador e adestrador profesional estadounidense de baloncesto que xogou durante 17 tempadas na National Basketball Association (NBA), e que adestra ós Portland Trail Blazers. A súa mellor etapa como profesional viviuna en Detroit Pistons, onde xogou durante seis tempadas (2002-2008) logrando un anel de campión en 2004. Ademais, converteuse no MVP das Finais fronte a Los Angeles Lakers.
Billups foi NBA All-Star en cinco ocasións (2006-2010). Tamén formou parte do segundo quinteto da NBA en 2006 e do terceiro quinteto en 2007. Chauncey é un dos cinco xogadores da Universidade de Colorado que ten o seu dorsal, o 4 no caso de Billups, retirado. Con 1,91 m de estatura xogaba nas posicións de base e escolta.
Chauncey Billups naceu e criouse en Denver. Os seus pais, Ray e Faye Billups, tiveron outros dous fillos máis tarde, un neno, Rodney, e unha nena, Maria. Chauncey e Rodney desde moi pequenos amaron o deporte e foron excelentes deportistas. Chauncey, con todo, posuía un manexo innato do xogo, tanto en baloncesto como en fútbol americano que o seu irmán Rodney non tiña. No entanto, Chauncey preocupábase moito polo seu irmán máis novo. Rodney era un mozo moi preguiceiro, un defecto que non sucedía con Chauncey e que este trataba de corrixirlle. Sempre tiña que levalo a rastro a adestrar. Como moitos fans da NBA nos 80, o mozo Billups era un fan de Magic Johnson, pero con quen máis se identificaba era con Joe Dumars.
En quinto grao, Chauncey estaba dotado dunha combinación de habilidade e instinto que lle definiu como un xogador especial. Un novo adestrador de baloncesto alcumouno "Smooth" (tranquilo, sen complicacións) porque o facía todo ben sen aparente esforzo. Chauncey tamén destacou fóra das canchas como un disciplinado estudante e un líder por natureza.
Cando Billups matriculouse en George Washington High School, en 1991, xa era popular na zona de Denver. En menos dun ano, converteuse no deportista de Colorado máis recoñecido. Billups foi designado co galardón de Mr. Basketball en Colorado trala súa tempada de sophomore. Tamén gañou o premio nos seus anos júnior e sénior. Na tempada 1993/94, liderou aos Patriots ao título estatal Class 5A, superando a Horizon High School cunha grande actuación na final.
Billups converteuse nunha das grandes promesas do país e a NCAA esperábao cos brazos abertos. Roy Williams, adestrador da Universidade de Kansas, nomeou a Billups como o xogador de instituto con máis talento que ollara dende que recrutase a Michael Jordan para North Carolina.
Á hora de decidir que camiño tomar, Billups recibiu consello sobre que escoller. Algúns lle recomendaron saltarse a Universidade e pasar directamente á NBA, outros lle recomendaron pasar das grandes universidades. O ano para Billups fora difícil debido ao falecemento dun avó e unha avoa, polo que Chauncey pensou que non era o momento de deixar á súa familia e optou por xogar na Universidade de Colorado, onde estaría preto dos seus.
A única cousa que os Buffaloes non podían ofrecer a Chauncey era un equipo con tradición baloncestística. Colorado levaba sen aparecer nun torneo da NCAA desde finais da década dos 60. Na súa primeira tempada en Colorado, a 1995-96, Billups fixo 17,9 puntos, 6,3 rebotes, 5,5 asistencias e 1,6 roubos. Pero os Buffaloes acabaron cun balance de 9-18, polo que non alcanzaron o torneo da NCAA. Harrington dimitiu a final de tempada tras verse envolvido en varios problemas cos xogadores, e a súa praza foi substituída polo seu asistente Ricardo Patton.
Na tempada 1996/97, Colorado, da man de Chauncey, alcanzou o torneo NCAA 28 anos despois. North Carolina eliminou os Buffaloes en segunda rolda. O equipo engadira ás súas filas a Martice Moore, Rookie do ano na ACC en 1993 e un dos mellores xogadores do equipo, Mack Tuck, marchou a Central Oklahoma da División II da NCAA. Billups consagrouse como o líder do equipo con 19.1 puntos, 4.9 rebotes, 4.8 asistencias e 2.1 roubos. En xaneiro asinou un dos seus mellores momentos como universitario. O 28 de xaneiro acabou con Missouri tras anotar 28 puntos. Catro noites despois fíxoo con Texas Tech, pondo fin, cunha canastra baixo a bucina, ao refacho de 35 vitorias consecutivas en casa da Rede Raiders. Colorado terminou a campaña cun balance de 22 vitorias, récord da universidade, e Billups conseguiu que Colorado se convertese nun destino relativamente atractivo para xogar. Foi incluído no Primeiro quinteto da Big 12 e no Segundo quinteto All-America. Billups decidiu dar o salto á NBA en vistas de que habían poucos bases que poderían facerlle competencia co fin de conseguir un contrato multianual.
Billups chegaba ao Draft de 1997 como un dos mellores bases do draft. Foi elixido por Boston Celtics no posto número 3, detrás de Tim Duncan e Keith Van Horn. Chauncey chegaba a uns Celtics en plena reconstrución o cal lle podería favorecer para conseguir minutos. Ademais, nos bancos estaba Rick Pitino, un adestrador cun sistema no que Billups podería encaixar. E así foi, Billups gozou de minutos en Boston. No seu debut anotou 15 puntos na vitoria ante Chicago Bulls. Con todo, nunha decisión sorprendente, o 18 de febreiro de 1998 a franquía decidiu traspasalo xunto con Dee Brown, Roy Rogers e John Thomas, a Toronto Raptors, a cambio de Kenny Anderson, Zan Tabak e Popeye Jones. Chauncey asinou 11,1 puntos, 2,2 rebotes e 4,3 asistencias nos 51 partidos que xogou cos Celtics.
Billups chegou a un equipo recentemente fundado que por entón marchaba 11-40. Toronto desde entón só venceu cinco partidos máis para acabar cun balance de 16-66. No período que estivo alí, Chauncey fixo números semellantes aos que asinou en Boston, 11,3 puntos, 2,7 rebotes e 3,3 asistencias. O 21 de xaneiro de 1999, antes de que comezase a tempada do lockout, a 1998/99, Billups foi enviado nun trade a tres bandas a Denver Nuggets.
Chauncey regresaba á súa casa, motivo para recuperar o sorriso na súa segunda tempada na NBA. Chauncey conformou xunto a Nick Van Exel un bo xogo exterior, pero aos Nuggets quedaba camiño para converterse nun equipo a ter en conta. En Denver, Chauncey mellorou as súas prestacións, 13.9 puntos (cun 91.3% en tiros libres), 2.1 rebotes e 3.8 asistencias.
En decembro de 1999, Billups sufriu unha dislocación de ombreiro que lle apartou do resto detempada 1999-00. Despois da operación, Chauncey recibiu a noticia de que fora traspasado a Orlando Magic xunto con Ron Mercer e Johnny Taylor a cambio de Tariq Abdul-Wahad, Chris Gatling e unha primeira rolda. Con Orlando, o máis que fixo Billups foi recuperarse da súa lesión, xa que non chegou a debutar.
O 8 de agosto de 2000 asinou con Minnesota Timberwolves como axente libre. Chauncey chegou a un equipo que na anterior tempada obtivo 50 vitorias pero que chegaba tocado a esta tempada 2000-01 debido á morte de Malik Sealy. Billups comezou a tempada como titular no backcourt xunto a Terrell Brandon. Con todo, mediada a tempada, Flip Saunders decidiu que Billups ofrecía unha alternativa mellor ao equipo saíndo desde o banco. Despois de facer dobres díxitos durante os primeiros dous meses de tempada, Billups caeu aos 9.3 puntos, 2.1 rebotes e 3.4 asistencias de media. Pero con Minnesota xogando ben, el aceptou o seu rol. Os Wolves acabaron cun balance de 47-35, incluíndo un récord de 30 vitorias no Target Center. Pero en playoffs caeron en 1ª rolda fronte a San Antonio Spurs.
Para a tempada 2001-02 o "general manager" Kevin McHale completou o persoal cos veteranos Joe Smith e Gary Trent, e o rookie Loren Woods. Os Wolves tiveron un grande inicio con 30 vitorias nos primeiros 40 encontros. Fronte a Memphis Grizzlies asinou o seu primeiro triplo-dobre con 26 puntos, 11 rebotes e 10 asistencias. O equipo volveu alcanzar as 50 vitorias, pero en playoffs volveron naufragar sen explicación. 3-0 sen opción ante Dallas Mavericks. Billups mellorou considerablemente os seus números, 12,5 puntos, 2,8 rebotes e 5,5 asistencias. Unha das medidas que McHale tomou foi a de cortar a Billups, a pesar de que os seus números naquela serie foron de 22 puntos, 5 rebotes e 5,7 asistencias.
O 17 de xullo de 2002 Billups asinou con Detroit Pistons como axente libre. En Detroit, Chauncey atopou o que non tivo en ningún equipo, regularidade. Joe Dumars, o representante xeral da franquía, sabía que Billups era o que necesitaban, un base anotador e aplicado en defensa. Encaixaba perfectamente co sistema de Rick Carlisle. Os Pistons viñan de gañar 50 partidos en liga regular e de alcanzar as Semifinais de Conferencia a tempada pasada, de maneira que as expectativas, agora con Billups, eran aínda máis altas.
Na tempada 2002/03, Billups, Richard Hamilton e Ben Wallace, conduciron ao equipo ás Finais de Conferencia. Alí caeron con contundencia ante New Jersey Nets, 4-0. Billups non chegou a plenitude de condicións tras perderse tres encontros de Semifinais de Conferencia ante Philadelphia 76ers. En 1ª rolda, superaron un 1-3 adverso para sobreporse por 4-3 a Orlando Magic. No 6º partido, Billups asinou 40 puntos. Os Pistons convertéronse no sétimo equipo en remontar un 3-1. Chauncey experimentou un gran crecemento na liga. En febreiro foi nomeado Xogador da Semana tras facer máis de 22 puntos e un 44% en triplos. Billups acabou a tempada con medias de 16,2 puntos, 3,7 rebotes e 3,9 asistencias. En seis ocasións, Billups anotou a canastra do triunfo para Detroit.
Con motivo dese 4-0 ante as Nets, Dumars cargouse a Carlisle en favor de Larry Brown. O veterano adestrador dotou de maior personalidade e dun estilo marcado aos Pistons, que durante a súa estancia convertéronse na versión moderna dos "Bad Boys" de finais dos 80. Do mesmo xeito, Brown sacou o maior partido de Chauncey. Detroit acabou a tempada cun balance de 54-28, e a chegada de Rasheed Wallace coa tempada avanzada, deixou aos Pistons como un dos candidatos a disputar a final. Con todo, ninguén podía pensar en disputarlle o anel a uns Lakers que a Kobe Bryant e Shaquille O'Neal sumaran a Karl Malone e Gary Payton. Partido tras partido, Chauncey converteuse no líder indiscutible do equipo mercé á súa intelixencia na pista. En febreiro, fronte a Minnesota, logrou o segundo triplo-dobre da súa carreira, tras asinar 20 puntos, 10 rebotes e 11 asistencias. Acabou a tempada con medias de 16.9 puntos, 3.5 rebotes e 5.7 asistencias. Antes de chegar á Final da NBA, deixaron na cuneta a Milwaukee Bucks (4-1), New Jersey Nets (4-2) e Indiana Pacers (4-2). No quinto partido das Semifinais de Conferencia fronte ás Nets, Chauncey anotou unha canastra sobre a bucina desde o medio campo para enviar o partido á primeira do tres prórrogas que tivo.
O equipo alcanzou as Finais da NBA fronte a Los Angeles Lakers. Contra todo prognóstico, superaron aos Lakers con gran facilidade por 4-1. Chauncey alzouse co MVP das Finais tras facer 21 puntos, 3,2 rebotes, 5,2 asistencias e 1,2 roubos. Ademais, Billups converteuse no mellor anotador de tres da historia da franquía en playoffs. Billups participou no Concurso de Triplas do All-Star da NBA, onde finalizou sexto. Un ano despois, na tempada 2004-05, os Pistons repetiron na final. Esta vez enfrontáronse a San Antonio Spurs e non puideron revalidar o anel tras caer en sete partidos. Naquela final os seus números foron de 20.4 puntos, 5 rebotes e 6.3 asistencias. En tempada regular fixo 16,5 puntos, 3,4 rebotes e 5,8 asistencias. Foi incluído no segundo quinteto defensivo da NBA.
Na tempada 2005-06 Billups fixo a súa primeira aparición nun All-Star. Foi en Houston e Chauncey asinou 15 puntos, 4 rebotes e 7 asistencias. Ademais, converteuse xunto a Joe Dumars no único xogador en ser elixido MVP das Finais antes de ser All-Star. Flip Saunders substituíu no banco a Larry Brown e o equipo obtivo un balance de 64-18. Billups fixo 18,5 puntos, 3,1 rebotes e 8,6 asistencias, finalizando quinto na votación para o MVP. Foi elixido no segundo quinteto da NBA e no segundo quinteto defensivo da NBA. En xaneiro de 2006 foi elixido Xogador do Mes. En playoffs caeron na Final de Conferencia fronte a Miami Heat por 4-2.
Durante a tempada 2006-07 Billups promedió 17 puntos, 3,4 rebotes, 7,2 asistencias e 1,2 roubos. Volveu ser elixido para disputar o All-Star Game 2007. Asinou 8 puntos, 4 rebotes e 6 asistencias. Xunto con Richard Hamilton converteuse no primeiro dúo de base-escolta que lideraban en anotación ao seu equipo durante cinco campañas consecutivas. Foi elixido no terceiro quinteto da NBA e en febreiro de 2007 foi elixido Xogador do Mes. En playoffs volvéronse a topar coas Finais de Conferencia, aínda que esta vez o verdugo foron Cleveland Cavaliers, que derrotaron a Detroit por 4-2. No verán participou coa Selección de baloncesto de Estados Unidos no Torneo das Américas 2007 en Las Vegas, onde se proclamaron campións sen perder ningún encontro.
Na tempada 2007-08 caeron por terceiro ano consecutivo nas Finais de Conferencia e de novo con idéntico resultado, 4-2, ante Boston Celtics. A fórmula de Detroit dera o seu máximo rendemento e parecía esgotada. Billups fixo 17 puntos, 2.7 rebotes, 6.8 asistencias e 1.29 roubos. Disputou o All-Star por terceiro ano consecutivo. O 13 de novembro de 2007 alcanzou os 10.000 puntos ante Portland Trail Blazers. Durante a súa etapa nos Pistons acabou como o 2º en triplos anotados tras Joe Dumars e o 4º en asistencias tras Isiah Thomas, Dumars e Dave Bing. É un dos dous xogadores da historia da NBA (xunto a Reggie Miller) en anotar 1.000 triplos en tempada regular e 200 en playoffs.
O 3 de novembro de 2008 foi traspasado a Denver Nuggets xunto con Antonio McDyess e Cheikh Samb a cambio de Allen Iverson.[1] No seu retorno a Denver, Billups volveu mostrar o nivel dos seus mellores anos en Detroit e asinou unha das súas campañas máis prolíficas en anotación. A boa marcha que imprimiu aos Nuggets valeulle para estar presente no seu cuarto e quintos All-Star.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.