Remove ads
xogador de baloncesto estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
Isiah Lord Thomas III, nado o 30 de abril de 1961 en Chicago, Illinois, foi un xogador de baloncesto estadounidense que destacou profesionalmente na década dos 80 e a principios dos 90. Desenvolveu toda a súa carreira nos Detroit Pistons até a súa retirada en 1994. Até a tempada 2007-2008, desempeñouse como presidente de operacións e adestrador dos New York Knicks, mais os seus problemas cos xogadores e os pésimos resultados deportivos motivaron a súa saída. Coñecéuselle popularmente tamén como "Zeke" ou "The Baby-faced Assassin" (o asasino con cara de neno), ou "Pocket Magic", entre outros alcumes.
Despois dunha exitosa traxectoria no instituto, onde foi nomeado o mellor base do país, comezou os seus estudos superiores na Universidade de Indiana. Durante o seu segundo ano alí, conseguiu ser elixido entre o quinteto mellor do país, e levou á súa universidade á final da NCAA, que gañaron aos Tar Heels de Carolina do Norte, sendo nomeado mellor xogador do torneo. Tras dous anos, e cunhas estatísticas de 15,4 puntos por partido e 5,7 asistencias, deu o salto anticipado á NBA. Como prometeu á súa nai cando anticipou a súa entrada no draft, volveu á universidade varios anos despois para terminar a súa carreira de xustiza criminal. Foi seleccionado para disputar os Xogos Olímpicos de Moscova 80, mais debido ao boicot estadounidense, non chegou a participar.
Foi seleccionado por Detroit Pistons, de onde xa non se movería, na segunda elección da primeira rolda do Draft da NBA de 1981 (o primeiro posto foi para Mark Aguirre para Dallas Mavericks). Na súa primeira tempada conseguiu que o seu equipo mellorase os seus números, incrementando en 19 as vitorias, cunhas estatísticas de 17 puntos e 7,8 asistencias, o que fixo que fose elixido no mellor quinteto de rookies e seleccionado para o All Star como titular no 82. A súa primeira aparición nas finais da NBA produciuse en 1988, contra os Lakers do seu bo amigo Magic Johnson. Chegou a liderar Detroit as series por 3 a 2, a unha vitoria do título. No sexto partido conseguiu un récord da NBA ao anotar 25 puntos nun cuarto nunhas finais, mais non foi dabondo para gañar. Unha falta persoal moi discutida de Bill Laimbeer sobre Kareem Abdul-Jabbar propiciou que este último anotase dous tiros libres que deron a vitoria ao equipo californiano 103-102. No sétimo e definitivo partido, os Lakers impuxéronse 108 a 105.
Ao ano seguinte, xunto cos seus compañeiros Joe Dumars, Rick Mahorn, Vinnie Johnson, Dennis Rodman, James Edwards, John Salley, e Bill Laimbeer, cos que formaba os míticos "bad boys" (mozos malos), conseguiron un récord de vitorias na franquía, e plantáronse de novo nas finais, e outra vez contra os Lakers. Esta vez todo foi diferente, gañando os Pistons por 4-0. Ao ano seguinte repetirían triunfo, esta vez ante os Portland Trail Blazers, sendo elixido MVP das Finais. Retirouse en 1994, tras ter unha media durante toda a súa carreira de 19,2 puntos, 9,3 asistencias (cuarto mellor da historia) e 3,6 rebotes. A súa camiseta co número 11 foi retirada como homenaxe por Detroit. Está considerado o mellor "Piston" da historia.
Desde o ano 2000 ao 2003 adestrou ao equipo de Indiana Pacers, sucedendo no cargo a outra lenda do baloncesto, Larry Bird. No seu último ano no banco dirixiu tamén o equipo da Conferencia Leste no All Star, que ao cabo sería o último que disputaría un dos mellores xogadores de todos os tempos, Michael Jordan. En 2006 fíxose cargo do banco dos New York Knicks. En 2008 foi substituído por Mike D'Antoni.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.