Camiño Francés
Ruta do Camiño de Santiago From Wikipedia, the free encyclopedia
Ruta do Camiño de Santiago From Wikipedia, the free encyclopedia
O Camiño Francés ou Camiño Real é a ruta principal entre as distintas variantes que ofrecen os Camiños de Santiago. Recolle os peregrinos procedentes de Europa e percorre o norte da península desde Roncesvales (Navarra) ou Somport (Huesca) ata Santiago de Compostela. No seu percorrido vai acollendo outras vías que conflúen nesta en diferentes puntos; esta imaxe de diferentes camiños confluíndo nun mesmo destino final quérese ver representada na figura da vieira como símbolo do Camiño.
Tipo | ruta de peregrinación conxunto histórico-artístico sendeiro de gran percorrido | ||||
---|---|---|---|---|---|
Parte de | Camiños de Santiago de Compostela: Camiño Francés e Camiños do Norte de España ruta xacobea en España | ||||
Inicio | |||||
División administrativa | España | ||||
Localización | Puente la Reina | ||||
Final | |||||
División administrativa | Santiago de Compostela, España | ||||
Localización | catedral de Santiago de Compostela | ||||
| |||||
Conéctase con | Camiño de Santiago navarro Camiño de Santiago aragonés Camiño de Santiago do Ebro Camiño de Santiago da la Camiño de Santiago da Prata Camiño de Santiago de Madrid | ||||
Composto por | |||||
Características | |||||
Parte dun sitio do Patrimonio da Humanidade | |||||
Data | 1993 (17ª Sesión) | ||||
Ben de interese cultural | |||||
Data | 5 de setembro de 1962 | ||||
Identificador | RI-53-0000035 | ||||
Itinerario Cultural Europeo | |||||
Parte dun sitio do Patrimonio da Humanidade | |||||
Camiño de Santiago aragonés | |||||
Data | 1993 (17ª Sesión) | ||||
Ben de interese cultural | |||||
Camiño de Santiago aragonés | |||||
Data | 5 de setembro de 1962 | ||||
Identificador | RI-53-0000035-00006 | ||||
Itinerario Cultural Europeo | |||||
Camiño de Santiago aragonés | |||||
| |||||
Parte dun sitio do Patrimonio da Humanidade | |||||
Camiño de Santiago navarro | |||||
Data | 1993 (17ª Sesión) | ||||
Itinerario Cultural Europeo | |||||
Camiño de Santiago navarro | |||||
Ben de interese cultural | |||||
Camiño de Santiago navarro | |||||
Pode considerarse como o Camiño de Santiago por antonomasia por ser, con diferenza, a vía máis frecuentada dos diferentes Camiños: en 2016 foi a vía escollida por 176.329 peregrinos rexistrados pola Oficina do Peregrino (un 63,38% do total); en segundo lugar, moi lonxe, estaría o Camiño Portugués, cunhas porcentaxes do 16-18%.[1]. Tamén é a vía mellor sinalizada e a que conta cun maior número de albergues ó longo do seu percorrido.
Como o resto dos Camiños, tivo numerosas ramificacións e rutas alternativas polas que os peregrinos buscaban achegarse ós distintos santuarios que existían ou se foron construíndo ó longo do Camiño ou, simplemente, optar por rutas máis seguras ou máis cómodas.
A Historia Compostelá, escrita pola contorna do bispo Diego Xelmírez a partir do ano 1109 recolle a primeira referencia documentada sobre o número de peregrinos que ían cara a Santiago. Relata o asombro do emir Alí ibn Yúsuf (1083-1143) [2] cando, na súa viaxe a Galicia para falar coa raíña Urraca, observou a marea de peregrinos e preguntou:
"¿Quen é ese para que o visite tan grande multitude de cristiáns? ¿Quen é ese personaxe tan grande e ilustre para que os cristiáns se dirixan a el para facer oración, desde detrás dos Pireneos e desde máis lonxe? É tan grande a multitude dos que van e volven, que cáseque non deixa libre a calzada cara a Occidente".López Pereira, px. 36.
O Camiño de Santiago Francés foi declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade en 1993,[3] ampliado ás rutas francesas en 1998.[4] Tamén fora declarado o 23 de outubro de 1987 "Primeiro Itinerario Cultural Europeo" polo Consello de Europa[5][6] e está recoñecido como a Rúa Maior de Europa.[7]
O Códice Calixtino, copia realizada entre 1150 e 1160 dun exemplar modelo anterior desaparecido, está formado por cinco libros unidos, dos que o quinto (que é o que no sucesivo se designa como Códice Calixtino) describe con detalle o Camiño Francés a través de trece etapas, desde Port de Cize (na Gascuña francesa) ata Santiago. Cómpre advertir que só as dúas primeiras, ata Pamplona, se podían facer nunha xornada, mentres que o resto esixían dúas ou máis, pois hai tramos de 60, 70 e ata 85 quilómetros.
Aimery Picaud, o suposto autor desta Guía do Peregrino, describe igualmente as localidades que vai atravesando o Camiño, os mecenas que mandaron abrir ou reconstruír tramos ou pontes para facilitar o tránsito dos peregrinos, a calidade das augas dos ríos que había que cruzar (dato fundamental para o mantemento de peregrinos e as súas cabalarías), as características das xentes das distintas rexións que atravesaba e mailos santos e reliquias que cumpría venerar durante a peregrinación. Remata coa descrición da cidade de Santiago e a Catedral e recomendando a tódolos veciños das vilas do Camiño un trato caritativo e respectuoso cos peregrinos, citando varios casos de castigos divinos a quen lles negou pan ou pousada. Hai numerosas referencias ós abusos e enganos que mesoneiros e comerciantes practicaban sobre os peregrinos. Mesmo quedou memoria disto na cultura popular galega: "No Camiño francés venden gato por res [8], claro que tamén quedou recollido o caso contrario: a presenza no Camiño de falsos peregrinos que engañaban e roubaban ós verdadeiros peregrinos.
Tendo presente que este foi o itinerario seguido persoalmente por Picaud, resulta lóxico que sexa o único Camiño que describe no Calixtino (realmente, nin menciona ningún outro), pero isto non debe dar a entender que xa no seu tempo os peregrinos non puidesen seguir tamén outros Camiños.
O Camiño Francés quedou máis ou menos fixado a partir do século XI, aínda que as vicisitudes políticas da Idade Media e posteriores foron modificando o seu trazado ata o establecido na actualidade. En diferentes publicacións poden observarse itinerarios variables e, sobre todo, unha disparidade na división en etapas sen que todo isto implique diferenzas significativas no itinerario a seguir.
A partir de mediados do século XX foron xurdindo distintas iniciativas dirixidas a recuperar o Camiño do case esquecemento en que caera desde o século XVI. Nos anos 40 publicáronse as guías do peregrino de Vázquez de Parga [9] e de Luciano Huidobro [10]. Anos máis tarde, 1971, nace en Estella a primeira das hoxe numerosas Asociacións de Amigos do Camiño, que publica Rutas Jacobeas [11].
En torno a 1965, o cura do Cebreiro, Elías Valiña, restaura a igrexa de Santa María do Cebreiro e o conxunto das pallozas desta aldea, e anos despois - finais dos 70- comezou un labor persoal de delimitar as rutas e sinalizar o Camiño coas frechas amarelas que hoxe guían ós peregrinos [12].
Segundo as distintas fontes, o actual Camiño Francés está dividido 30 ou máis etapas dun percorrido de entre 20 e 30 quilómetros cada unha, o que supón entre 5 e 8 horas de marcha. En calquera caso, esta división é arbitraria e cada peregrino fará o Camiño ó seu aire en función dos seus intereses e as súas capacidades e de que o percorra a pé, a cabalo ou en bicicleta, facendo parada e fonda nas localidades da súa preferencia, sexan as indicadas nos itinerarios ou non.
A seguinte relación segue a distribución proposta na páxina web da Federación Española de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago,[13][14] pero como inicia o Camiño en Puente la Reina (punto de confluencia dos camiños que comezan en Francia para entrar en España por Roncesvalles ou por Somport), cómpre engadir outras catro etapas máis para comezar a peregrinación en Saint Jean Pied de Port, de acordo co percorrido descrito no Calixtino:
En territorio francés existen catro itinerarios diferentes, os tres primeiros conflúen en Ostabat (inmediatamente antes de Saint Jean Pied de Port) para atravesar os Pireneos por Roncesvalles, e o cuarto (Vía Tolosana) faino polo porto de Somport:
Unha inscrición ó pé do monumento ó Peregrino [15], en Puente la Reina, recolle así a fusión das catro vías nun único Camiño:
E desde aquí, tódolos camiños a Santiago se fan un só
Picaud deixou ben patente na súa Guía do Peregrino o desprezo e profunda aversión que sentía por vascos e navarros [16]:
Xa pasado o val -Roncesvalles- vén a terra dos navarros, rica en pan, viño, leite e gando. Navarros e vascos teñen características semellantes nas comidas, no vestido e na lingua, pero os vascos son máis brancos de face cós navarros. ... Xa se ve que visten porcamente, igual que comen e beben tamén porcamente, pois na casa dun navarro hai por costume comer toda a familia, o mesmo o criado co amo, a criada ca señora, mesturando tódolos pratos nunha soa cazola, e sen culleres, senón coas propias mans. E tamén beben todos da mesma xarra. Cando uns os ve comer, parecen cans ou porcos. E se os oes falar, lémbraste do ladrar dos cans, polo bárbaro da súa lingua. ... É un pobo bárbaro, diferente en costumes e natureza a tódolos demais, cheo de maldades, de cor negro, de aspecto innoble, malvados, perversos, traidores, desleais, luxuriosos, borrachos, agresivos, feroces e salvaxes, desalmados e réprobos, impíos e rudos, crueis e camorristas, sen ningún tipo de virtude e afeitos a tódolos vicios e crueldades, iguais en maldades ós xetas [17] e ós árabes, e inimigos frontais da nosa nación gala. Por unha miserable moeda, un navarro ou un vasco liquida a un francés, se pode [18]. Nalgunhas zonas, en Vizcaia ou Álava, por exemplo, os navarros, mentres se quentan, enseñan as súas partes, o home á muller, e a muller ó home. Ademais, os navarros copulan incestuosamente co gando. E aínda se di que os navarros poñen nas ancas da súa mula ou da egua unha protección, para que non poida penetrala ninguén máis ca el. Aínda máis, dálle bicos luxuriosos na vulva á muller e á mula. Por todo isto, as persoas ben formadas non poden menos que reprobar ós navarros.López Pereira: Guía Medieval do Peregrino, px. 93-95.
Saint Jean Pied de Port - Huntto - Orisson - Ibañeta - Roncesvalles
O Camiño comeza sobre a ponte medieval do río Nive, en Saint Jean Pied de Port. Esta cidade foi fundada no século XII e pertenceu ó Reino de Navarra ata finais do XVI en que pasou a mans francesas.
Tras abandonar Orisson o Camiño pasa xunto á Virxe de Biakorri e a Cruz de Thibault, cheas de obxectos e adornos como ofrenda dos peregrinos. Máis adiante atravesa o outeiro de Bentarte, onde se localiza a fonte de Roldán, capitán do exército de Carlomagno, onde fora derrotado e morto polos vascóns o ano 778.
No quilómetro 16,5, o Camiño entra na actual Navarra para subir ó outeiro Lepoeder (1.430 m de altitude). Desde aquí poden seguirse dúas vías cara a Roncesvalles: unha que atravesa o monte Donsimon e outra, máis longa pero tamén máis fácil, polo alto de Ibañeta. Nesta localidade está a capela de San Salvador, erixida en 1965 sobre os restos dun antigo mosteiro medieval no que os monxes tanxían as campás para orientar os peregrinos entre a neve e as néboas.
Na Guía do Peregrino [19], Picaud fala da existencia no cumio deste monte da chamada Cruz de Carlomagno, e explica que neste lugar se abriu camiño Carlomagno cando ía na conquista de España, e que aquí rezou de xeonllos, cos brazos en cruz e mirando cara a Compostela. Hoxe, a tal cruz desapareceu pero xunto á capela do Salvador hai unha cruz en lembranza desta cruz lendaria de Carlomagno.
Esta primeira etapa é dunha especial dificultade porque hai que ascender desde os 165 m de Saint Jean ata os 1.430 m do alto de Lepoeder. En inverno, sobre todo se se prevé mal tempo, aconséllase tomar unha desviación ó pouco de Saint Jean cara a Arnéguy e Valcarlos, menos esixente e máis segura, que leva ata Roncesvalles.
Roncesvalles - Burguete - Espinal - Bizkarreta - Lintzoain - Venta del Puerto - Zubiri
A pouco de saír de Roncesvalles pode verse un cruceiro gótico que foi colocado aquí en 1880.
Bizkarreta (ou Viscarret) (Biscaretum) era o punto final da primeira etapa descrita no Calixtino. Aquí existiu un hospital de peregrinos, hoxe desaparecido. Tras Litzoain, cunha pequena igrexa románica, o Camiño segue ascendendo ata cruzar o alto de Erroibar, considerado divisoria entre o clima atlántico e o submediterráneo. Inmediatamente antes hai tres grandes pedras, os Pasos de Roldán, que a lenda atribúe ás pegadas de Roldán, da súa dona e do seu fillo.
Logo pasa pola Venta del Puerto, que en tempos foi albergue de peregrinos e hoxe está arruinada, e segue cara a Zubiri, á que accede pola ponte medieval sobre o río Arga, Ponte da rabia, así chamado pola crenza de que se se obriga a un animal rabioso a dar unha volta completa ó redor do piar central, cura da enfermidade. Zubiri, en éuscaro, significa precisamente vila da ponte.
Zubiri - Ilarratz - Eskirotz - Larrasoaña - Akerreta - Zuriain - Irotz - Arleta - Arre - Villava - Burlada - Pamplona
Desde Zubiri, o Camiño segue o curso do río Arga ata Pamplona, atravesando primeiro todo o val de Esteríbar.
Larrasoaña naceu ó redor dun mosteiro fundado no século X. Un foro dos francos concedido no século XII potenciou o asentamento ó seu abeiro de artesáns estranxeiros, franceses fundamentalmente. Acolleu en 1329 as Cortes de Navarra para asistir ó xuramento dos reis Filipe II de Navarra (Filipe de Évreux) e Juana II de Navarra. Tivo tamén hospital de peregrinos.
Tras pasar Zuriain e Irotz crúzase o río Arga e segue cara a Zabaldica e Arleta. Cruza o río Ulzama e chega a Arre, onde a ermida da Trindade -románica- mantivo un antigo hospital xa documentado no século XI.
Inmediatamente despois, o Camiño pasa por Villava, coñecida hoxe por ser o berce do ciclista Miguel Indurain, e Burlada, hoxe fusionadas.
Acédese a Pamplona pola ponte da Magdalena, sobre o Arga, e éntrase na cidade polas portas de Francia e Zumalacárregui. Nesta cidade destaca a catedral de Santa María, construída nos séculos XIV-XV sobre as ruínas doutra anterior, románica, de 1100-1127 (construída, á súa vez, sobre outros templos anteriores). A fachada, obra de Ventura Rodríguez, é neoclásica.
Pamplona era tamén o fin da segunda etapa do Calixtino. Durante moitos séculos mantivo tres núcleos de poboación ben diferenciados: a navarrería, dos navarros indíxenas; e os buitgos de San Cernín e de San Nicolás, de inmigrantes francos.
Pamplona - Cizur Menor - Zariquiegui - Uterga - Muruzábal - Obanos - Puente la Reina
Tras atravesar Pamplona, o Camiño segue pola ponte de Acella, sobre o río Sadar. Cruza Cizur Menor (Cizur Maior queda desviado á dereita da ruta), que tivo hospital de peregrinos [20], e pasa onda a balsa de Guenduláin, antigo señorío hoxe deshabitado que conserva o palacio dos condes de Guenduláin.
Tras Zariquiegui (coa igrexa románica de Santo André) a ascensión alcanza a fonte de Gambellacos ou, popularmente, de la Reniega. Segundo a lenda, un peregrino, esgotado e sedento, foi tentado neste mesmo lugar polo demo que se lle apareceu en forma de camiñante: indicaríalle onde había unha fonte agochada se renegaba de Deus, da Virxe e de Santiago. O peregrino negouse e comezou a rezar ata que o demo cansou e marchou. Nese momento aparecéuselle Santiago que o levou á fonte na que lle deu a beber nunha cuncha de vieira ata saciar a sede e descansar.
O Camiño segue ascendendo ata o Alto do Perdón (750 m de altitude), entre a conca de Pamplona e a comarca de Valdizarbe. Neste alto instalouse en 1996 un monumento ós peregrinos, obra de Vicente Galbete. Representa unha caravana de peregrinos a pé e a cabalo que recolle a evolución histórica da peregrinación a Santiago. Un rótulo di así: "Donde se cruza el camino del viento con el de las estrellas" [21].
Tras Uterga e Muruzábal (cunha igrexa coa imaxe de Santiago peregrino nun retablo) xorde unha desviación ó sur que leva á ermida de Santa María de Eunate, igrexa románica do XII, de planta octogonal [22]. Desde Eunate, o peregrino pode volver sobre os seus pasos para regresar ó Camiño ou enlazar co Camiño Aragonés que o levará a Obanos.
Obanos, a pouco máis de 2 km de Puente la Reina, é o punto de confluencia dos Camiños Francés e Camiño Aragonés que vén de Somport, concretamente ante a ermida de San Salvador. A cidade conserva numerosos exemplos da arquitectura civil da Idade Media. Foi coñecida como Vila de los Infanzones, onde os nobres de Navarra coaligáronse contra os abusos dos reis.
En Obanos conmemórase outro dos milagres sonados do Camiño de Santiago, o Misterio de Obanos. A lenda conta que a nobre Felicia de Aquitania foi peregrinar a Santiago e, ó regreso, decidiu renunciar á súa vida na corte e quedar aquí axudando ós pobres e peregrinos. Cando veu buscala o seu irmán, Guillerme, ela negouse a acompañalo e el, enrabechado, matouna a puñaladas. Cando, arrepentido, confesou en Roma o asasinato, impúxoselle como penitencia peregrinar el a Santiago, cousa que fixo e, de regreso, quedou como penitente en Obanos, na ermida de Arnotegui.[23].
Finalmente, o camiño chega a Puente la Reina (Pontus Reginae no Calixtino; noutras fontes da época, Ponte de Arga). O elemento máis significativo é a ponte medieval sobre o río Arga [24], mandada construír pola raíña Muniadona de Castela -a raíña que dá nome á vila-, Dona Maior, esposa do rei de Navarra Sancho Garcés III de Pamplona, Sancho O Maior (990-1035). A cidade, no século XII, tiña dous hospitais de peregrinos e lazareto, un barrio de francos e a igrexa de Santiago (románica do XII, remodelada no XVI, e que só conserva da primitiva a portada sur).
Puente la Reina - Mañeru - Cirauqui - Lorca - Villatuerta - Estella
O peregrino comeza a xornada cruzando a ponte e seguindo o curso do río Arga. Tras pasar por Mañeru, que pertenceu ós Templarios, chégase a Cirauqui, con restos da súa antiga muralla. En Cirauqui pódese ver o templo de San Román e a igrexa de Santa Catalina, ambas góticas.
O Camiño coincide agora cun tramo de calzada romana e cruza o rego Iguste sobre unha ponte tamén romana. A seguir, sobrevoa a Autovía do Camiño (A-12) que discorre paralela ó Camiño desde Pamplona a Burgos, e pasa xunto ás ruínas de Urbe, aldea abandonada que se documenta no século XIII.
No quilómetro 12 desta etapa, o Camiño atravesa o río Salado, do que cómpre lembrar a descrición que dá o Calixtino:
Polo lugar chamado Lorca [25], pola zona leste, discorre o río chamado Salado. ¡Coidado con beber del, nin ti nin o teu cabalo, pois é un río mortífero! De camiño a Santiago atopamos a dous navarros [26] sentados na súa ribeira, afiando os coitelos cos que acostuman esfola-las bestas dos peregrinos que beben daquela auga e morren. Preguntámoslle e mentíronnos ó respondérennos que aquela auga era potable, polo que abeberámo-los nosos cabalos, e de súpeto morreron dous, que os navarros esfolaron alí mesmo.López Pereira, px. 83 [27].
Tras cruzar o río súbese ata Lorca, con hospital para peregrinos fundado en 1209. En Villatuerta, onde tamén houbo hospital, móstrase a imaxe de San Veremundo na igrexa da Anunciación, un dos protectores e benefactores do Camiño, como tamén o foron Santo Domingo e San Juan de Ortega. O Camiño segue e cruza o río Ega, cuxo leito leva ó peregrino ata Estella (Por Estella pasa o Ega, de auga doce, sa e magnífica), onde remata esta etapa así como a terceira etapa do Calixtino.
Estella (Stella no Calixtino, rica en bo pan e excelente viño, e tamén en carne e pescado e chea de toda clase de bens) ascendeu en 1090 á categoría de cidade por orde de Sancho Ramírez de Aragón (1043-1094), rei de Aragón e de Pamplona (coñecido como Sancho I de Aragón e V de Pamplona), que lle concedeu foro franco e numerosos privilexios. A repoboación fíxose en torno á igrexa de San Martín de Lizarra, que dá o nome vasco á cidade. En Estella destaca a igrexa de San Pedro de la Rúa, cuxo claustro románico quedou mutilado ó caer sobre el as paredes do castelo de Zalatabor, demolido por Filipe II en 1572.
Nos últimos quilómetros desta etapa cabe unha desviación que evita pasar por Estella. O Camiño primitivo vai de Villatuerta a Estella e segue por Ayegui (que veremos na seguinte etapa). A ruta alternativa baixa a Zarapuz, Novaleta, cruza o río Ega e pasa por Echavarri, confluíndo co itinerario principal á altura do mosteiro de Irache.
Estella - Ayegui - Iratxe - Ázqueta - Villamayor de Monjardín - Cabana de Moriones - Los Arcos
En Iratxe, o Camiño pasa onda o mosteiro de Iratxe, dedicado a Nosa Señora a Real, do século XI, onde se fundou o primeiro hospital de peregrinos de Navarra cara a 1051-1054. O mosteiro, que albergou universidade no século XVI, está hoxe sostido polos Padres Escolapios. Tamén se atopa aquí a Fonte do Viño, na que unha adega ofrece ós peregrinos auga e, desde 1991, viño [28].
En Ázqueta, na igrexa de San Pedro, destaca unha pía bautismal románica. Un veciño do lugar, coñecido como Pablito el de las varas, fíxose famoso por ofrecer varas de abeleira ós peregrinos para ser usadas como bordón. En Villamayor de Monjardín, unha igrexa románica e, nun capitel, a loita de Roldán con Farragut. En Urbiola houbo hospital de peregrinos dirixido polos cabaleiros da Orde de San Xoán de Xerusalén.
A etapa remata en Los Arcos (Arcus, no Calixtino), vila de sona na idade media que acolleu as Cortes de Navarra e chegou a contar con tres hospitais de peregrinos. Na cidade destaca a igrexa de Santa María, construída no XII e moi modificada posteriormente; e a da Asunción, de claustro gótico e fachada plateresca. En Los Arcos puido estar localizada a vila de Curnonium, que Tolomeo menciona na súa Geographia. Picaud conta que "Pola vila chamada Os Arcos discorre unha corrente de auga mortífera, e despois de Os Arcos, a carón do primeiro hospital, é dicir, entre Os Arcos e o devandito hospital, pasa unha corrente de auga mortífera para as cabalerías e os homes que beben dela" [29].
Los Arcos - Sansol - Torres del Río - Bargota - Viana
Nunha etapa que discorre á beira da estrada, Sansol, topónimo derivado de San Zoilo, titular da parroquia, dá paso, a 1 km, a Torres del Río ("Pola localidade chamada Torres, en terras navarras, pasa un río mortífero para os animais e as persoas que beben del"), coa igrexa do Santo Sepulcro, románica do XII e de planta octogonal. Posúe unha alta torre que puido servir de faro para orientación dos peregrinos. Consta a doazón a Irache en 1109 dun mosteiro en Torres, da man de Jimeno Galíndez.
A seguir, en Bargota, o Camiño para xunto á ermida da Virgen del Poyo, que foi albergue de peregrinos, e segue o trazado da estrada NA-111 ata Viana. É posible separarse da estrada durante uns quilómetros por un camiño secundario, ata volver á mesma á altura de Cornava.
Viana tamén aparece citada no Calixtino co nome de Covas, unha das aldeas que deron lugar á cidade de Viana ("A continuación, pola localidade dita de Covas pasa un río que tamén é mortífero"). Foi fundada en 1219 por Sancho VII de Navarra, Sancho o Forte, e Carlos III de Navarra dotouna en 1423 co Principado de Viana. Destaca a igrexa gótica de Santa María (construída entre 1250 e 1312). Na portada da Epístola está o sepulcro de César Borgia, quen fora bispo de Pamplona, arcebispo de Valencia e cardeal, e morrera asasinado nesta vila en 1507. No século XVI había tres hospitais na localidade.
Viana - Logroño - Navarrete
Tras deixar Viana, a uns 5 km de marcha, o Camiño entra na comunidade e provincia da Rioxa. O peregrino Künig de Vach escribiría en 1496 que "Aquí coñecerás outra moeda, acabarás alí os coronados e tes que aprender a coñecer os malmedís [30]"). Pasa xunto ó outeiro de Cantabria, onde hai uns interesantes restos arqueolóxicos dunha cidade romana derruída polos godos en 574. Ó pouco chega a Logroño, onde entra pola ponte de pedra sobre o río Ebro, construída no XIX sobre as ruínas doutra que se atribúe ós santos benefactores do Camiño Santo Domingo da Calzada e San Juan de Ortega [31].
Logroño (Grujnus no Calixtino) creceu grazas ó Camiño e ós privilexios que lle concedeu Sancho o Maior (que ó fixar o itinerario no XI fixo cruzar o Ebro por esta cidade) e Afonso VI de León (que lle concedeu os foros) [32]. Na cidade destaca a catedral de Santa María la Redonda, construída no XV sobre unha anterior igrexa románica. A fachada, barroca de 1742, é un elaborado retablo en pedra. Hai tamén unha igrexa de Santiago el Real, de comezos do XVI, con imaxes de Santiago peregrino e matamouros, así como outras escenas da súa vida.
Aínda dentro da cidade, o Camiño atravesa a Porta do Camiño, un arco da antiga muralla que hoxe está incluído dentro do casco urbano. Sae de Logroño atravesando unha ampla zona axardiñada (Vía verde e o Parque de la Grajera) e descende cara a Navarrete. Aquí o Camiño segue dúas rutas paralelas, á dereita e á esquerda da estrada N-232: o Camiño vello de Fuenmayor e o Camiño vello de Navarrete.
Á altura de Fuenmayor, a un lado do Camiño quedan as ruínas do hospital de peregrinos de San Juan de Acre (fundado cara a 1185), do que se retiraron a portada, ventanais e outros elementos para construír o cemiterio de Navarrete a finais do XIX.
A uns 15 km ó sur de Logroño e fóra da ruta xacobea está Clavijo, concello rioxano que se fixo famoso porque nas súas terras tivo lugar, o 23 de maio do ano 844 a lendaria batalla do mesmo nome na que Ramiro I de Oviedo, rei de Asturias, venceu ás tropas de Abd ar-Rahman II grazas á milagrosa intervención do Apóstolo Santiago.
Navarrete - Sotés - Ventosa - Nájera
A partir de Navarrete, o Camiño segue primeiro paralelo á autovía A-12, ascendendo pouco a pouco. Tras pasar Sotés, un pouco desviado ó sur da ruta, chega a Ventosa [33] e de aí segue subindo ata o Alto de San Antón (670 m de altitude, a única dificultade relativa nesta etapa), desde o que se divisa o val do río Najerilla. No alto están as ruínas do convento de San Antón. Logo pasa polo Poyo de Roldán, onde se supón que se enfrontaron Roldán e o xigante Ferragut, que, tras vencer a once dos doce pares de Carlomagno, foi vencido por Roldán tras varios días de duro combate [34].
A pouco de cruzar o río Yalde chégase a Nájera, que foi elevada á capitalidade do reino de Navarra por García Sánchez I de Pamplona (García o de Nájera) en 925 trala destrución de Pamplona por Abd al-Rahman III, e levou ata alí o itinerario do Camiño. Entra en Nájera cruzando o río Najerilla sobre unha ponte construída sobre outra anterior, do século XII, levantada por Juan de Ortega. Trala ponte está o lugar de San Lázaro, así chamado porque había unha ermida de peregrinos(Hospital de San Lázaro ou Hospital de Santiago). En Nájera levántase o mosteiro de Santa María a Real, construído en 1052 sobre unha cova na que o rei García atopou unha imaxe da Virxe co Meniño no colo cando intentaba cazar unha perdiz. O mosteiro contén o Panteón Real, que acolle os sepulcros dos reis de Navarra e de Castela e León.
En Nájera conclúe tamén a 4ª etapa da Guía do Peregrino contida no Calixtino.
Nájera - Azofra - Ciriñuela - Cirueña - Santo Domingo de la Calzada
A case 6 km de Nájera, o Camiño chega a Azofra, pequena vila que xorde ás beiras do Camiño, onde xa en 1168 existía un hospital e cemiterio de peregrinos; aínda hoxe hai, á saída do lugar, unha Fuente de los Romeiros [35]. Na igrexa de Nosa Señora dos Anxos pode observarse unha imaxe de Santiago Peregrino. Pouco máis adiante pasa xunto unha picota ou rollo de mediados do XVI [36].
Pasa logo por Hervias, onde estaba o hospital de Bellota (ou Valleota), dos cabaleiros de Calatrava, que no XVI xa non existía. Afonso VIII de Castela menciona este hospital: "in jacobensis camino prope Najera sito". Santo Domingo de la Calzada disque foi fundada por Domingo García (1019-1109) [37], relixioso e construtor que realizou numerosas obras para facilitar o paso e seguridade dos peregrinos, entre elas unha ponte de madeira sobre o río Oja. Desta ponte, naturalmente, xa non quedan restos e a actual data do século XVIII. Na cidade houbo hospital de peregrinos, hoxe reconvertido en Parador de turismo.
A catedral, dedicada ó santo, foi erixida a partir de 1158 -sobre unha igrexa anterior, consagrada en 1106- e moi modificada posteriormente, a partir do XVI. No lado esquerdo do cruceiro está o sepulcro de Santo Domingo [38], coa lauda románica orixinal do século XII, baixo mausoleo de alabastro de 1440 e cuberto por un baldaquino realizado por Juan de Rasines e Felipe Bigarny en 1514.
Quizais o elemento máis curioso sexa un enreixado gótico no que se conservan un galo e unha galiña brancos, vivos [39], en memoria do milagre da galiña que cantou despois de asada.
Segundo conta a lenda [40], no século X, uns peregrinos alemáns e mailo seu fillo Hugonell peregrinaban cara a Santiago e hospedáronse na cidade. A moza do mesón quixo facerlle as beiras ó rapaz pero foi rexeitada por este polo que, en vinganza, agochou no seu zurrón unha copa de prata e acusoulle de roubala. Axiña chegou a Xustiza e atopou a copa, polo que o mozo foi considerado culpable, condenado e aforcado, sen que os pais puideran facer outra cousa que rezar a Santiago. Cando se van despedir do corpo do fillo para seguir a peregrinación, escoitan como este lles di que está vivo grazas ó Santo. Acoden ó Correxidor para pedir que o baixen da forca pero este, que estaba ceando unhas galiñas asadas, burlouse deles dicindo que "O voso fillo está tan vivo como este galo e esta galiña que me dispoñía a comer antes de que me importunárades". Nese mesmo instante, as aves saltaron do prato e puxéronse a andar, cantar e cacarexar alegremente [41].
Evidentemente, o xuíz mandou liberar axiña o rapaz e castigar a moza que o acusara falsamente. A lenda quedou recollida no Libro II do Códice Calixtino, dedicado a recoller os 22 milagres atribuídos a Santiago relacionados co Camiño. O capítulo V describe o milagre Do peregrino colgado a quen Santiago salvou da morte, aínda que estivo pendente no patíbulo trinta e seis días.
Santo Domingo de la Calzada - Grañón - Redecilla del Camino - Castildelgado - Viloria de Rioja - Villamayor del Río - Belorado
O peregrino sae de Santo Domingo pola ponte sobre o río Oja e segue paralelo á estrada nacional N-120. Axiña pasa ante a Cruz dos Valentes, lugar onde se celebrou un Xuízo de Deus entre as aldeas de Santo Domingo e o de Grañón, coa vitoria do representante deste último. Ó pouco chega a Grañón, fronteira en tempos entre o Reino de Navarra e o Condado de Castela. En Grañon deixa, xunto ó Camiño, a ermida dos Xudeus, cun cruceiro no seu interior datado en 1536; no século XI existían os mosteiros de San Tomé e San Miguel e un hospital de peregrinos.
A 2 km de Grañón, última poboación da provincia da Rioxa, o Camiño entra na provincia de Burgos, na comunidade de Castela e León. Para Picaud, Castela "É unha terra chea de tesouros, de ouro, de prata, rica en teas e vigorosos cabalos, abundante en pan, viño, carne, pescado, leite e mel. Nembergantes, está falla de árbores e chea de homes malos e viciosos" (López Pereira, px. 96) [42].
A seguir, Redecilla del Camino (Radicella, no Calixtino), cun rollo xurisdicional á entrada. Como no caso de Grañón, tamén esta é unha aldea nacida á beira do Camiño e tamén tivo hospital, destinado a San Lázaro. Na igrexa da Virgen de la Calle, románica, pode verse unha interesante pía bautismal (románica do XII) cunha copa na que se esculpe unha cidade amurallada, con 8 torres e ameas, que podería representar a Xerusalén celestial.
En Castildelgado, a igrexa de San Pedro contén o sepulcro de Gonzalo Gil Delgado, bispo de Lugo e Xaén; nos documentos medievais cítase un mosteiro e hospital dedicado a Santiago. Na vila seguinte, Viloria de Rioja (Villa Oria en documentos de 1028), naceu Santo Domingo e consérvase a igrexa e maila pía na que foi bautizado.
Finalmente, Vilamayor del Río, cunha Fuente de Santiago, e Belorado (Bellfuratus, no Calixtino). Nesta vila, os restos dun castelo do século X e as igrexas de Santa María (do século XVI pero con fachada reconstruída en 1901), cunha capela dedicada a Santiago, e a de San Pedro, do XVII. Tamén o convento de San Francisco, fundado en 1250.
Belorado - Tosantos - Villambistia - Espinosa del Camino - Villafranca Montes de Oca - San Juan de Ortega
O Camiño sae de Belorado pola ponte do río Tritón. En Villambistia está a igrexa de Santo Estevo, do XVII.
Á saída de Espinosa del Camino pasa ante as ruínas do mosterio mozárabe de San Fiz de Oca, onde se supón que está soterrado o fundador da cidade de Burgos, Diego Rodríguez Porcelos, conde de Castela (m. 885). Cerca deste mosteiro estivo a antiga cidade de Auca (Oca), que foi sé episcopal ata que esta se trasladou a Burgos en 1075; disque o seu primeiro bispo foi San Indalecio, un discípulo de Santiago.
En Villafranca Montes de Oca (Nemus Oque, no Calixtino [43]), cruzada polo río Oca, destaca a igrexa de Santiago, do XVIII, cunha pía de auga bendita feita coa cuncha dunha enorme Tridacna traída de Filipinas. Tamén se conservan os restos de dous hospitais de peregrinos, un dedicado a San Antón Abade e, segundo os arquivos que se conservan, acollía no século XVI a uns 18.000 peregrinos cada ano.
Tras Villafranca ábrese un longo traxecto, duns 12 km, que non atravesa poboación ningunha. Comeza ascendendo ata o monumento ós Caídos na guerra civil no que algúns peregrinos depositan pedras quizais por confundilo cun monumento xacobeo. Posúe un letreiro que reza: "No fue inútil su muerte, fue inútil su fusilamento".
Cerca do Porto de La Pedraja (1.130 m) chega a Valdefuentes, que tivo hospital no século XII. Aquí o peregrino podía tomar dúas posibles rutas: a ruta de Zalduendo (un pouco ó sur, pasando por Arlanzón, Ibeas de Juarros, Villayuda e Capiscol, onde se fusiona coa outra vía) ou a de San Juan de Ortega, directa a esta localidade (e que é a se describe aquí).
O Mosteiro de San Juan de Ortega atribúese á man de Juan Velázquez (1080-1163), que pasou á posteridade como San Juan de Ortega e que foi discípulo de Santo Domingo de la Calzada, se ben só unha parte é de estilo románico (cara a 1152) e non foi concluído ata o século XV. Crese que foi fundado, xunto co hospital, para protexer os peregrinos dos frecuentes ataques que sufrían ó atravesar os Montes de Oca por parte dos numerosos bandidos que alí os esperaban [44]. Na capela de San Nicolao de Bari (s. XII) destacan os capiteis románicos e, entre eles, o da Anunciación, sobre o que incide o sol só dúas veces ó ano a través dunha pequena ventá, coincidindo cos equinoccios do 21 de marzo e 22 de setembro.
Juan de Ortega morreu en Nájera pero foi enterrado en Ortega, nun mausoleo gótico (1464) no que se representran escenas e milagres do santo. Na cripta da mesma igrexa está o sartego románico que se fixo para o santo pero que, segundo a tradición, nunca se utilizou.
San Juan de Ortega - Agés - Atapuerca - Villalval - Cardeñuela Riopico - Orbaneja Riopico - Castañares - Burgos Elías Valiña describe tres posibles vías para facer esta etapa. Unha baixa cara ao sur a Santovenia e Zalduendo (onde segue cara a Burgos coa variante que vimos na etapa anterior); outra sobe ó norte por Colina, Olmos de Atapuerca, Rubena e Villafría -hoxe un barrio de Burgos- e Burgos [45]; e unha terceira que é a seguida por Picaud por Agés, Atapuerca, Cardeñuela e Villafría.
Entre os lugares de Agés [46], fundado no ano 900, e Atapuerca (Altaporca, no Calixtino), hai unha desviación para quen queira visitar o sitio arqueolóxico da Serra de Atapuerca.
En Atapuerca tivo lugar a batalla entre Fernando I de León (ou de Castela]] e o seu irmán García III de Navarra (ou García I de Pamplona, tamén chamado "o de Nájera"), co resultado da morte desde segundo, o 15 de setembro de 1054. Logo vén Villalval, onde o Camiño ascende ata un alto no que hai chantada unha cruz de madeira cuxo pé está cuberto de pedras depositadas polos peregrinos. A partir de aquí, descende lixeiramente ata Burgos.
A seguir vén Cardeñuela Riopico e Orbaneja Riopico e, desde aquí, unha alternativa por Villafría e outra por Castañares. Esta segunda bordea primeiro o enreixado de seguridade do aeroporto de Burgos, toma o paseo fluvial do río Arlanzón para entrar na cidade a través da ponte do Cid (ou de San Pablo). Mesmo existe outra alternativa desde Castañares que, aínda que sexa o Camiño histórico, vai perdendo usuarios, e que consiste en seguir a beiravía da estrada nacional N-120 ata entrar na cidade. Xa á entrada estaba o Hospital de San Xoán Evanxelista.
En Burgos destaca a Catedral de Santa María, gótica do século XIII e construída sobre unha anterior, románica, levantada por Afonso VI. Entre outras obras de arte contidas na Catedral, os sepulcros de El Cid e a súa dona Jimena. Da importancia que tivo Burgos no desenvolvemento do Camiño dá conta o feito de que chegou a contar con máis de 30 hospitais para peregrinos.
Próximos á cidade están dous monumentos que cómpre visitar: o Mosteiro de Santa María a Real de las Huelgas e a Cartuxa de Miraflores. A maior distancia, uns 60 km, o Mosteiro de Santo Domingo de Silos.
En Burgos remata a 5ª etapa do Camiño que describe o Calixtino.
Burgos - Villalbilla - Tardajos - Rabé de las Calzadas - Hornillos del Camino
O peregrino deixa Burgos tras cruzar o río Arlanzón pola Ponte dos Malatos (denominación antiga dos leprosos) e pasando onda o Hospital del Rey [47].
Tras cruzar Villalbilla de Burgos e pasar por debaixo da autovía A-231 (Autovía do Camiño de Santiago), que une Burgos e León, chega a Tardajos (Augustobriga na dominación romana; Alterallia, no Calixtino), cunha cruz de peregrinos á entrada, do século XVIII. En 1182 tivo hospital de peregrinos [48]. Por aquí discorría a calzada romana que unía Clunia (hoxe Coruña del Campo, Burgos) con Julióbriga (hoxe Reinosa, Cantabria).
En Rabé de las Calzadas, topónimo que recolle a súa orixe na pereginación a Santiago, destaca a igrexa de Santa María, do século XIX, e a partir desta localidade o Camiño entra na meseta castelá, coas dificultades que implica esta paisaxe case ausente de protección vexetal para o camiñante e as longas etapas por terras despoboadas [49].
Antes de chegar a Hornillos del Camino o peregrino pasa ante o Hospital de San Lázaro, xa documentado en 1156.
Hornillos del Camino - Hontanas - Castrojeriz
Tras cruzar o rego San Bol, o Camiño chega a Hontanas (Fontana), onde cómpre ver a igrexa da Inmaculada, gótica e moi modificada, e o hospital de San Xoán. De Hontanas é a seguinte descrición dun peregrino do século XVII:
Pasado, con la ayuda de Dios, este arenal totalmente desierto, llegamos a la villa que se llama Fontana y pasamos allí la tarde. Está escondida al fondo de un riachuelo que apenas se ve, hasta que te encuentras en ella. Además es pequeña, desafortunada y pobre. Sólo tiene diez o doce casas, quiero decir cabañas cubiertas de paja, para protegerlas de la nieve, en donde no habitan más que pastores.Domenico Laffi: Viaje a Poniente [50].
O Camiño segue agora o leito do río Garbanzuelo ata Castrojeriz, pasando antes baixo os arcos das ruínas do convento do Santo Antón, fundado en 1146 como hospital para atender os enfermos do que entón se chamaba fogardente ou lume de San Antón e hoxe se coñece como ergotismo, unha intoxicación por un fungo que crece nos grans do centeo, moi común na Idade Media en terras cerealistas.
Castrojeriz (Castra Sorecia, no Calixtino) puido ser fundada no ano 760 por Siderico (Elías Valiña, px. 77) é hoxe unha pequena vila ó pé das ruínas dun castelo. É unha desas vilas nacidas ó longo do Camiño, que conforma así a rúa principal e onde houbo varios hospitais de peregrinos, catro segundo un célebre peregrino do XV, Künig, sete a principio do século XIX. Na vila destacan a colexiata de Santa María del Manzano (románico tardío de 1214 pero con orixes no século IX [51]) e as igrexas de San Domingos (gótica do XVI) e do Santo Estevo (hoxe centro cultural e albergue de peregrinos).
Castrojeriz - Itero del Castillo - Itero de la Vega - Boadilla del Camino - Frómista
Comeza esta etapa do Camiño, tras cruzar o río Odra ou Odrilla, cun lento e prolongado ascenso ata o Alto de Mostelares (917 m), no que entra en Terra de Campos, o graneiro de España, caracterizada pola súa topografía plana e uniforme. Deste Mostelares comeza o descenso cara a Itero del Castillo, última vila do Camiño na provincia de Burgos, onde cruza o río Pisuerga sobre a Ponte Fitero (Pons Fiterie, no Calixtino) ou Ponte da Mula. A ponte actual levantouse sobre outra anterior de finais do XI da que non se conservan restos. O topónimo lembra tanto a propia ponte como o feito de estar alí o fito que marcaba os límites occidentais de Castela: era o Pisuerga a fronteira natural entre Castela e León. Ó pé da ponte houbo hospital de peregrinos e un mosteiro.
Xa en Palencia, cruza Itero de la Vega, pasando antes fronte á ermida da Piedade, do século XIII, na que hai unha talla de Santiago peregrino.
Tras cruzar o canal do Pisuerga chégase a Boadilla del Camino, onde destaca unha elaborada picota (rollo) xurisdicional do XV, en estilo gótico tardío, xunto á igrexa da Anunciación (XVI-XVII), que posúe unha interesante pía bautismal románica.
Bordeando agora o canal de Castela[52], o peregrino chega a Frómista (Frumesta, no Calixtino, de frumenta, rica en cereais), coa igrexa de San Martiño, románica do século XI e fundada pola raíña Dona Maior. Son especialmente interesantes os 315 canzorros que teñen man do tellado, todos eles diferentes. Tamén houbo varios hospitais en Frómista, entre os que destacaban o de Santiago (fundado en 1507) e o de San Martiño (anterior a 1453).
En Frómista naceu Pedro González Telmo (1190-1246), máis coñecido como San Telmo aínda que o certo é que non chegou a ser canonizado, patrón de Tui e avogoso dos mariñeiros.
Frómista - Población de Campos - Revenga de Campos - Villarmentero de Campos - Villalcázar de Sirga - Carrión de los Condes
En Población de Campos estivo o hospital de San Xoán, do que hoxe non quedan vestixios [53]. Tras cruzar o río Uceza, o Camiño segue o seu leito durante un bo pedazo, pasando por Revenga de Campos, coa igrexa de San Lourenzo, e Villarmentero de Campos, coa igrexa de San Martiño de Tours.
A seguir, Villalcázar de Sirga, que foi sé dos Templarios e contou con dous hospitais a carón da igrexa. Aquí destaca a igrexa templaria de Santa María la Blanca (finais do XII), cun notable pantocrátor na portada sur e unha notable colección de sartegos na capela de Santiago. A imaxe de Santa María foi obxecto dalgunhas cantigas do rei poeta Afonso X o Sabio:
Romeus que de Santiago / Ya furun-lle contado / Os miragres que a Virgen / Faz en Vila-Sirga.
Carrión de los Condes (Karrionus, no Calixtino [54]) foi unha importante cidade medieval (chegou a alcanzar os 12.000 habitantes). Na cidade destacan as igrexas de Santa María del Camino (en cuxa portada está representado o tributo das cen doncelas [55]) e a de Santiago (cunha notable fachada románica do XI que mostra as figuras dos doce apóstolos e o pantocrátor). As lendas contan que Carlomagno pasou por Carrión cando avanzaba cara a Santiago para liberar o Camiño dos mouros.
Carrión de los Condes - Calzadilla de la Cueza - Ledigos
O Camiño continúa agora entre a autovía A-231 e a nacional N-120. Ó pouco de saír de Carrión pasa xunto á abadía de Santa María de Benevívere, fundada en 1169 e practicamente derruída trala desamortización de Mendizábal. Logo cruza a calzada romana XXXIV, prolongación da Vía Aquitania que unía Bordeos con Astorga pasando por Pamplona, Briviesca e Palencia; e coincide durante un breve traxecto co Canellón Real Leonés, unha das diversas rutas que os pastores trashumantes utilizaban para levar os seus rabaños desde os campos de León a Estremadura, e viceversa.
Finalmente, tras 17 km de camiño sen cruzar poboación ningunha, na chamada calzada dos peregrinos, alcánzase Calzadilla de la Cueza, onde houbo un antigo templo do que só queda a torre dando sombra ó cemiterio. O Camiño segue por Santa María de las Tiendas, aldea de catro casas con igrexa parroquial que pertenceu á Orde de Santiago e onde houbo mosteiro e hospital, e despois chega a Ledigos, cunha igrexa parroquial dedicada a Santiago na que o santo se mostra nas súas tres iconografías: apóstolo, peregrino e cabaleiro (matamouros).
Existe outra ruta alternativa desde Carrión a Sahagún, polo sur do itinerario descrito. Pasa por Calzada de los Molinos, Cervatos de la Cueza, San Román de la Cuba, Pozo de Urama, Villada, Grajal de Campos, San Pedro de las Dueñas e Sahagún.
Ledigos - Terradillos de los Templarios - Moratinos - San Nicolás del Real Camino - Sahagún
O itinerario nesta etapa segue coincidindo coa autovía A-231 (Autovía do Camiño de Santiago) aínda que hai outras rutas alternativas, non urbanizadas, que acceden a Terradillos de los Templarios ou a Moratinos. Por calquera delas atravesa estas localidades, visitando nesta segunda a igrexa de San Tomé de Aquino, do XVI, e percorrendo a rúa Real ou Calzada francesa, en clara alusión á orixe xacobea da vila. Posteriormente pasa por San Nicolás del Real Camino, onde houbo un lazareto documentado en 1198.
Tras deixar San Nicolás, cruzando o río Sequillo, só dous quilómetros despois déixase a provincia de Burgos e éntrase na de León. Ó pouco, o Camiño cruza o río Valderaduey a través dunha pequena ponte ó pé da que se levanta o santuario da Virgen del Puente (XIII), onde tamén houbo albergue para os peregrinos.
Por fin e a través do aínda hoxe coñecido como Camino Francés de la Virgen, o peregrino chega a Sahagún (Sanctus Facundus, no Calixtino), cidade que alcanzou grande importancia a partir do século XI.
Logo vén Sahagún, rica en toda clase de bens, onde se atopa a pradería na que, segundo se conta, antano reverdeceron as relucentes hastas que os guerreiros vitoriosos chantaron en terra para gloria do Señor.López Pereira, px. 71 [56].
En Sahagún estivo a sé central dos cluniacenses no Camiño de Santiago. Tivo ata cinco hospitais entre os que destacaba o do mosteiro de San Facundo (que tiña 60 camas no século XI). Do mosteiro só quedan as ruínas.
Na localidade destacan as igrexas mudéxares de San Tirso (s. XII, comezada en pedra pero rematada en ladrillo) e San Lourenzo (s. XIII, integramente de ladrillo).
En Sahagún remata a sétima etapa descrita no Calixtino.
Sahagún - Bercianos del Real Camino - El Burgo Ranero
Sáese de Sahagún cruzando o río Cea pola Puente Canto, onde estivo o mosteiro dos Santos Facundo e Primitivo, orixe da cidade que foi nacendo ó seu redor.
Tras 4 km de marcha, ó pasar Calzada del Coto [57], o peregrino pode coller unha desviación cara ao noroeste que abre unha ruta alternativa, chamada Calzada de los Peregrinos, por Calzadilla de los Hermanillos, que remata conectando de novo co Camiño francés en El Burgo Ranero ou en Mansilla de las Mulas. Proba da antigüidade desta vía -que foi calzada romana- é que pouco antes de Calzadilla hai unha Fuente del Peregrino.
A segunda ruta, que é a que seguimos aquí, coñécese como Real Camino Francés. Segue cara ao oeste ata Bercianos del Real Camino, que lembra no seu topónimo a repoboación con xentes vidas desde O Bierzo. Nesta localidade só atopamos unha modesta ermida dedicada á Nosa Señora de Perales, onde tamén houbo hospital de peregrinos. Consta a doazón en 1186 da igrexa de Santa María de Bercianos ó Hospital do Cebreiro.
Tamén o nome de El Burgo Ranero evoca a orixe xacobea da localidade. A súa principal, rúa Real, chamouse en tempos Camino Francés [58].
El Burgo Ranero - Reliegos - Mansilla de las Mulas
Tras 13 km de andaina, coa única novidade do rego Valdeasneros e o lugar de Villamarco, un pouco apartado ó sur, alcánzase Reliegos, a Pallantia romana [59], e, 6 km despois, chégase a Mansilla de las Mulas (Manxilla, no Calixtino), localidade que aínda conserva boa parte das murallas que a protexían coas súas catro portas.
O peregrino que vén polo Camiño francés entra na vila a través da Porta do Castelo, ó sur, que foi a porta principal da muralla e da que só se conservan as paredes laterais. O que tomara a desviación por Calzadilla (a chamada alternativa da Vía Trajana) faino pola porta de Santa María, ó oeste, única que se conserva íntegra.
Mansilla goza de carta puebla desde 1181, da man de Fernando II (enterrado no Panteón Real da Catedral de Santiago de Compostela). Foi en tempos unha vila de certa importancia, con sete igrexas, dous conventos, tres hospitais de peregrinos e un mercado de gando. Hoxe, cerca do mosteiro de San Agustín, está a rúa de los Peregrinos.
Mansilla de las Mulas - Villamoros de Mansilla - Puente Villarente - Arcahueja - Puente Castro - Léon
O Camiño deixa Mansilla cruzando o río Esla (Astura), o afluente máis caudaloso do río Douro [60] e ata chegar a León seguirá a beiravía da nacional N-601. Ó pouco chega a Villamoros de Mansilla (ou Villamoros del Camino Francés) pero antes cómpre indicar que unha desviación ó norte leva ata o mosteiro de San Miguel de Escalada, templo mozárabe fundado o ano 913 sobre os restos doutro anterior visigótico.
Logo chega a Puente Villarente, onde cruza o río Porma a través dunha ponte xa citada no Calixtino e, pasada a ponte, un Hospital de peregrinos fundado no XVI [61].
Os ríos de auga doce e sa para beber coñécense vulgarmente por estes nomes: ... o Porma, por unha enorme ponte.López Pereira, px. 84.
Segue por Sanfelismo, a aldea de Arcahueja e Valdelafuente. No Alto del Portillo, desde o que xa se contempla León houbo un cruceiro moderno que substitúe outro medieval que hoxe está na praza de San Marcos. Éntrase en León por Puente Castro, o antigo Castro Iudeorum, campo dos xudeus, e hoxe un barrio de León. A ponte, do s. XIII pero moi modificada no XVIII, cruza o río Torío [62], que se unirá ó óutro lado da cidade co Bernesga.
León é unha das máis importantes cidades do Camiño de Santiago, na que destacan a Catedral (gótica, construída entre 1205 e 1305), a Basílica de Santo Isidoro (románica, iniciada en 1063 e ampliada posteriormente, cun interesante Panteón Real; Santo Isidoro tamén conta cunha Porta do Perdón, esculpida polo mestre Esteban, o autor da Fachada das Praterías da catedral compostelá) e o Hospital de San Marcos, antigo hospital de peregrinos e hoxe restaurado nun luxoso Parador de turismo [63]. Picaud recomendaba ó peregino deterse a venerar a Santo Isidoro: "Despois hai que visitar en León o venerable corpo de Santo Isidoro, bispo, confesor e doutor, que estableceu unha piadosa regra para os cregos da súa igrexa, e que ilustrou ós españois coa súa doutrina e honrou a toda a Santa Igrexa coas súas brillantes obras" (López Pereira, px. 121).
En León remata a oitava etapa descrita no Calixtino.
Léon - Trobajo del Camino - La Virgen del Camino - Valverde de la Virgen - San Miguel del Camino - Villadangos del Páramo
O peregrino deixa León pola ponte medieval de San Marcos sobre o Órbigo e comeza un primeiro tramo desta etapa moi incómodo porque durante máis de 8 km se ve obrigado a atravesar un contorno totalmente urbanizado: a propia cidade e mais Trobajo del Camino (concello propio, hoxe xa unido a León), primeiro, e un polígono industrial, despois. Aínda así, neste tramo pasa por unha Calle de los Peregrinos, ó pé dunha ermida de Santiago, reconstruída en 1777 sobre outra anterior antiga e xunto ó fuste dun vello cruceiro que perdeu a cruz.
Ó final deste tramo chega a La Virgen del Camino, que debe o seu nome a unha lenda segundo a cal a Virxe se lle apareceu ó pastor Alvar Simón en 1505 [64]. Con tal motivo levantouse unha ermida e co tempo, sobre ela, a moderna Basílica de Santa María del Camino, construída por Francisco Coelho de Portugal e inaugurada en 1961. Destaca a monumental fachada de Josep Maria Subirachs, coas figuras en bronce dos doce apóstolos ó redor da Virxe. Hoxe, La Virgen del Camino é patroa da rexión leonesa.
A seguir, o Camiño pasa por Valverde de la Virgen (antes, Valverde del Camino), San Miguel del Camino (onde houbo hospital de peregrinos no século XII) e, finalmente, Villadangos del Páramo, cidade repoboada en tempos da Reconquista que se cruza pola rúa Real, antes Camino Real Francés [65]. En Villadangos, a igrexa de Santiago recolle na súa porta dúas escenas da batalla de Clavijo.
Hai quen segue uns quilómetros máis para rematar a etapa en San Martín del Camino.
Existe unha variante a este itinerario histórico a partir de La Virgen del Camino, cara ao sur, que busca evitar facer o Camiño pola beiravía da estrada N-120. Esta variante pasa por Fresno del Camino, Oncina de la Valdoncina, Chozas de Abajo, Villar de Mazarife, La Milla del Páramo e Villavante, para confluír de novo no Camiño á altura de Puente de Órbigo, na seguinte etapa.
Villadangos del Páramo - San Martín del Camino - Puente de Órbigo - Hospital de Órbigo - Villares de Órbigo - Sanibáñez de Valdeiglesias - Astorga
A presente etapa segue un curso paralelo á autoestrada AP-71, de León a Astorga, e a Nacional N-120.
En San Martín del Camino houbo un hospital para peregrinos pobres, e hoxe un Museo Etnográfico e do Camiño de Santiago.
En Puente de Órbigo conflúe a variante que vimos na etapa anterior por Villar de Mazarife. A longa ponte que dá nome ó lugar, sobre o río Órbigo, foi construída no século XIII e nel tivo lugar a afamada loita do cabaleiro leonés Suero de Quiñones (1409-1456) en defensa do honor da súa dona Leonor de Tovar, que fixo célebre o Passo Honroso. O torneo do Passo Honroso tivo lugar no verán de 1434, entre o cabaleiro Suero de Quiñones xunto a un pequeno grupo de amigos, fronte a calquera cabaleiro que quixera cruzar a ponte. Tras vencer a tódolos que o intentaron durante un mes (coa excepción do día de Santiago, no que non houbo combates), estimados en máis de cen, Suero e os seus foron en peregrinación a Santiago, a quen ofreceron a cinta que o cabaleiro levaba no colo (e que hoxe ostenta no seu o busto relicario de Santiago o Menor, na capela das Reliquias da Catedral de Santiago) cunha argola de ouro como proba de amor á súa dama Dona Leonor de Tovar. A tradición recolle que neste torneo só houbo unha morte entre os contendentes [66].
O Camiño segue, pasada a ponte, por Hospital de Órbigo (coa igrexa de San Xoán Bautista, do XVIII e os restos do hospital que deu nome ó lugar), Villares de Órbigo (coa igrexa de Santiago) e Santibáñez de Valdeiglesias. Ó pouco pasa xunto ó Cruceiro de San Toribio [67], sobre un alto (913 m) desde o que se estende unha ampla vista de Astorga e o monte Teleno.
Tras pasar por San Justo de la Vega e atravesar os ríos Tuerto e Jerga, accede finalmente a Astorga (a Asturica Augusta dos romanos, Osturga no Calixtino). Nesta cidade conflúe a Vía da Prata, o itinerario que seguían os peregrinos do sur de España (Mérida e Sevilla) Santiago. En Astorga destaca o palacio arzobispal [68] construído por Antoni Gaudí cara a en 1887 pero que non se rematou ata 1913 (en estilo neogótico e no que hoxe se localiza o Museo dos Camiños) e a catedral de Santa María, dos séculos XV-XVII e unha notable fachada plateresca. A carón da catedral estivo o Hospital de San Xoán, fundado no século XII, onde a tradición di que foi atendido San Francisco. Segundo Elías Valiñas, Astorga foi o lugar español, despois de Burgos, que máis hospitais levantou para os peregrinos: vintedous.
Pasada Astorga, o Camiño podía seguir dous itinerarios: a ruta de Foncebadón (que é a que segue este artigo) e a ruta do Manzanal, máis ó norte.
Astorga - Valdeviejas - Murias de Rechivaldo - Santa Catalina de Somoza - El Ganso - Rabanal del Camino
Na presente etapa o peregrino comeza unha leve pero continua ascensión, desde Astorga (870 m) ata Rabanal (1.153 m).
O Camiño pasa por Valdeviejas (coa ermida do Ecce Homo, do XVIII, e antigo hospital de peregrinos), cruza a autovía A-6 (Autovía do Noroeste) e chega a Murias de Rechivaldo (coa igrexa de Santo Estevo, XVIII, e unha imaxe de San Roque como peregrino).
Ó pouco de Murias, unha desviación cara ao norte leva ata Castrillo de los Polvazares, aldea fundada no século XVI que merece visitarse, xa que conserva case intacta as rúas empedradas e a arquitectura tradicional, razóns polas que foi declarada Conxunto Histórico-Artístico.
A localidade seguinte é Santa Catalina de Somoza, que se cruza pola rúa Real. Aquí tamén houbo un hospital de peregrinos, dedicado á Virgen de las Candelas, hoxe desaparecido. Segue por El Ganso, que tamén contou con hospital (1142) e un mosteiro, onde destaca a igrexa de Santiago coa capela do Cristo dos Peregrinos. A pouco deste lugar existiu o Carballo do Peregrino (ou de Fonso Pedredo), derrubado por un temporal en novembro de 2013. Pouco antes de Rabanal, o Camiño pasa ante a ermida do Cristo de la Vera Cruz.
Finalmente, Rabanal del Camino, onde remataba tamén a novena etapa do Calixtino e que recolle como Raphanellus. Tamén contou con hospital e rúa Real, e a igrexa de Santa María, do século XII. En Rabanal hospedouse Filipe II cando peregrinou a Santiago, na chamada casa de las Cuatro Esquinas.
Outros peregrinos prefiren seguir cinco quilómetros máis para chegar a Foncebadón.
Rabanal del Camino - Foncebadón - Manjarín - El Acebo - Riego de Ambrós - Molinaseca
O Camiño continúa acompañando a estrada LE-142. Tras un primeiro tramo no que segue a ascensión da etapa anterior, ata Manjarín (1430 m), vén logo un forte descenso que se manterá ata chegar a Molinaseca (580 m), o que castiga seriamente as pernas do peregrino.
Á entrada de Foncebadón (Fonssabaton) pasa por diante dunha simpe cruz de madeira. Hoxe o lugar está completamente abandonado aínda que tivo que ter a súa importancia, a xulgar polas mencións que aparecen na documentación medieval relacionada coa peregrinación; tamén se celebrou aquí un concilio no século X. Aquí houbo un albergue e un hospital para peregrinos fundado no século XI polo ermitán Guacelmo.
Dous quilómetros máis adiante está a Cruz de Ferro, sinxelo monumento ós peregrinos formado por unha pequena cruz de ferro sobre un alto tronco, onde a tradición manda deixar unha pedra na base. Así formouse un milladoiro que, pese á súa humildade, é un dos máis recoñecidos do Camiño. Xunto á cruz, a moderna ermida de Santiago Apóstolo (1982). Este é o punto máis alto do Camiño Francés por terras españolas, con 1.500 m de altitude e, en tempo dos romanos, linde entre a Maragatería e o Bierzo, no que os romanos chamaban montes de Mercurio.
A partir de Manjarín, tamén abandonado, o Camiño entra na comarca do Bierzo. Logo vén El Acebo [69], cuxos veciños foron eximidos do pago dos impostos por manter oitocentas estacas de madeira no camiño para guiar os peregrinos. Na igrexa hai unha imaxe románica de Santiago peregrino; o lugar tamén tivo o seu hospital.
Finalmente, Riego de Ambrós, con hospital no século XII, e Molinaseca, non sen antes pasar diante do Santuario de Nosa Señora de las Angustias, construída sobre unha ermida do XI e hoxe case en ruínas. O peregrino entra en Molinaseca a través dunha ponte románica, xa documentada no XII, sobre o río Meruelo. Hai unha rúa Real que dá a unha praza onde estivo o hospital e na que hoxe se ve un cruceiro de capela.
En función do estado de forzas, pódese pernoctar aquí ou seguir 8 km máis, ata Ponferrada.
Molinaseca - Campo - Ponferrada - Compostilla - Columbrianos - Fuentes Nuevas - Camponaraya - Cacabelos - Pieros - Vilafranca do Bierzo
Despois de Molinaseca, o Camiño bifúrcase nas chamadas Ruta do Paso da Barca e a Ruta de Campo. A primeira, que segundo Elías Valiña tamén chaman Camino de los gallegos, segue a estrada e cruzaba o río Boeza por unha ponte romana afundida no XVIII e reconstruída no XIX. Próximo a este lugar, Paso da Barca, houbo hospital, ermida e convento agustino.
Pasa polo lugar de Campo, cunha fonte romana cuberta de bóveda e a igrexa parroquial de Nosa Señora da Encina (XVII). Cruza logo o río Boeza e chega, tras máis de 7 km de marcha, a Ponferrada, capital da comarca do Bierzo. Recibe o nome da ponte sobre o Sil, que foi de madeira ata ser reforzado en 1082 con placas de ferro (Pons Ferrata). O elemento máis característico da cidade é o castelo dos Templarios, sé dos cabaleiros desta orde desde o século XII ata que foi extinguida a primeiros do XIV.
O Camiño segue, dando unha curva cara ao norte, ata Compostilla, hoxe un barrio de Ponferrada; Columbrianos, xa documentada no século X, coa igrexa de Santo Estevo (XVIII); Fuentes Nuevas, cun un moderno cruceiro no que a tradicional imaxe da Virxe no reverso da cruz está substituída pola de Santiago peregrino; e Camponaraya, coa igrexa de San Ildefonso e a capela da Virxe da Soidade.
Antes de entrar en Cacabelos deixa ó lado a igrexa de Santa María, de orixe románica. Tras atravesar Cacabelos e cruzar o río Cúa, dá co Santuario da Quinta Angustia, do s. XVIII. A vila seguinte é Pieros, e a partir de aquí o Camiño segue a beiravía da estrada, se ben pode collerse unha vía alternativa por camiños rurais.
Vilafranca do Bierzo (Villa Francorum) foi froito dun dos asentamentos dos francos potenciados por Afonso VI e chegou a ser capital da provincia homónima en 1822. Aquí houbo cinco hospitais e atópase a igrexa de Santiago, dos séculos XII-XIII, na que destaca a Porta do Perdón. O papa Calisto III concedeu a indulxencia plenaria ós peregrinos enfermos ou tolleito que conseguían chegar ata esta Porta do Perdón, cos mesmos efectos que se tivesen chegado ó mesmo Santiago.
Vilafranca do Bierzo - Pereje - Trabadelo - La Portela de Valcarce - Ambasmestas - Vega de Valcarce - Ruitelán - Las Herrerías - La Faba - Laguna de Castilla - O Cebreiro
A última etapa do Camiño en terras leonesas é longa (28 km) e dura, cun brusco ascenso a partir de Las Herrerías, con 687 metros de altitude, ata O Cebreiro, con 1.296 m. Ademais segue en boa parte un carril peonil pegado á autovía A-6 e á nacional N-VI. En conxunto, segue o leito do río Valcarce e o val do mesmo nome.
Tras cruzar o río Burbia chega a Pereje e segue por Trabadelo e La Portela de Valcarce, que debe o nome ó portádego que alí se cobraba a quen cruzase o val, vixente ata o século XVIII. Logo vén Ambasmestas, quizais co significado de ambas augas, por ser neste punto onde conflúen os ríos Valcarce e Balboa.
En Vega de Valcarce destaca a igrexa da Magdalena (do século XVII e reformada no XX) e, no alto, as ruínas do castelo de Serracín, do XV, atribuído ós templarios. A seguir vén Ruitelán, cunha capela dedicada a San Froilán (833-905), patrón de Lugo, que foi un anacoreta lucense que se retirou a estes montes, para despois chegar a ser bispo de León.
En Las Herrerías (Las Herrerías de Valcarce) houbo en tempos catro ferrerías, das que unha se mostra restaurada ó peregrino. No barrio de Hospital houbo un hospital destinado ó coidado dos ingleses, polo que se coñece como Hospital de los Ingleses [70].
O Camiño segue por La Faba (coa igrexa barroca do Santo André), Laguna de Castilla (última poboación na provincia de León) e entra na provincia de Lugo, para chegar á fin da etapa, no Cebreiro. Nesta localidade destaca o Santuario de Santa María a Real, igrexa prerrománica dos séculos IX-X e reconstruída en 1962, coas capelas de San Bieito, dedicada ós monxes fundadores, e do Santo Milagre, onde se expón o cáliz do Santo Graal que, segundo a fe católica, usou Xesucristo para servir o viño na Última Cea e logo Xosé de Arimatea para recoller o sangue de Cristo crucificado.
A lenda describe así o milagre: ó redor de 1300, un veciño da aldea próxima de Barxamaior ía sempre a misa, xa chovese, tronase ou nevase, e o sacerdote, home de pouca fe, ríase del por acudir nesas condicións para ver un simple anaco de pan e un vaso de viño, até que un día, ao recibir a eucaristía, o pan e o viño convertéronse en carne e sangue de verdade. A tradición conta que os dous sepulcros antropomorfos que hai no templo son os do sacerdote e o campesiño.
Ante o altar maior atópase o sepulcro do párroco Elías Valiña (1929-1989), principal impulsor do Camiño francés en Galicia.
O Cebreiro - Liñares - Hospital - Padornelo - Fonfría - O Biduedo - Fillobal - Pasantes - Ramil - Triacastela
Por fin, o peregrino intérnase por terras galegas, aínda con 151 km por diante ata rematar o Camiño en Santiago. O itinerario histórico segue, en certos tramos, pegado á estrada LU-633. No século XVI abriuse unha vía alternativa por Lugo, dadas as dificultades do Camiño nos Ancares e a penosa situación daquela do hospital de Cebreiro; esta ruta transcorría por La Faba, Doncos, Becerreá, Bóveda[Cómpre referencia] e Lugo, para conectar co Camiño francés en Palas de Rei.
Liñares (Linar de Rege, no Calixtino) é a primeira localidade, coa igrexa de Santo Estevo, prerrománica pero reconstruída en 1963. Case un quilómetro despois pasa polo Alto de San Roque (1.270 m), onde se instalou un monumento ó peregrino, obra de José María Acuña [71].
Ó pouco, o Camiño pasa por Hospital, máis coñecido como Hospital da Condesa. Aquí houbo un hospital de peregrinos, un dos máis antigos da zona e o máis coñecido, creado pola condesa Egilona (ou Egilo), a dona do conde Gatón, no século IX [72].
A seguir pasa por Padornelo, coa igrexa de San Xoán (século XV), e, inmediatamente, polo Alto do Poio, con 1.335 m. A partir de agora comeza o descenso cara a Triacastela (662 m). Segue por Fonfría e O Biduedo, coa capela de San Pedro. Á esquerda xa pode verse a cidade de Triacastela.
Logo cruza as aldeas de Fillobal, Pasantes e Ramil, onde o camiño pasa ó pé dun castiñeiro centenario.
Finalmente, chega a Triacastela (Triacastella, no Calixtino), na que destaca a igrexa de Santiago, románica e reconstruída en 1790. Tamén remata aquí a 11ª etapa do itinerario do Calixtino.
Triacastela - A Balsa - San Xil - Montán - Fontearcuda - Furela - Pintín - Calvor - Aguiada - San Mamede - Sarria
Segundo a tradición, os peregrinos collían unha pedra calcaria ó deixar Triacastela para deixala na Castañeda (Arzúa), onde existiron fornos que a calcinaban para a súa transformación en cal, que se empregaría despois para facer a argamasa coa que se construía a Catedral de Santiago [73].
Despois de Triacastela vén A Balsa e San Xil, antes de chegar ó alto de Riocabo (900 m). Segue por Montán, Fontearcuda, Furela e Pintín, para achegarse a Calvor, localidade que bordea sen cruzar. En Calvor, asentada sobre un antigo castro, destaca a igrexa de Santo Estevo, construída sobre un mosteiro visigodo do século VIII.
Segue por Aguiada e San Mamede para chegar, finalmente, a Sarria. Aquí destaca a igrexa do Salvador, románica de transición (XIII) e, á saída, o convento da Magdalena, creado como hospital de peregrinos tamén no século XIII.
Triacastela - San Cristovo do Real - Lusío - Vigo do Real - Renche - Freituxe - San Martiño do Real - Samos - Teiguín - Pascais - Perros - Aguiada - San Mamede - Sarria
A ruta alternativa por Samos é máis longa ca anterior pero achega ó peregrino ó monumental mosteiro de Samos. Aínda que non sexa unha ruta oficial (a Xunta non colocou aquí os indicadores que puntean o Camiño cada 500 metros, desde O Cebreiro ata Santiago), os topónimos co cualificativo Do Real indican a presenza histórica dos peregrinos.
O Camiño divídese nas dúas vías nada máis saír de Triacastela. A segunda variante segue o leito do río Sarria e pasa por pequenas aldeas, algunhas delas xa documentadas en 1175, como San Cristovo do Real, Renche ou San Martiño do Real, ata chegar a Samos.
O Mosteiro de Samos foi fundado por San Martiño no século VI e foi saqueado, incendiado e restaurado en varias ocasións (especialmente a reconstrución case total tralo incendio de 1558), o que explica a mestura de estilos arquitectónicos. Este convento bieito gozou de grande importancia durante a Idade Media, chegando a dominar duascentas vilas e cincocentos lugares.
Despois de Samos, pasado Teiguín o Camiño xira cara ao norte sen abandonar o leito do Sarria para terminar confluíndo coa vía histórica en Aguiada.
Sarria - As Paredes - Vilei - Barbadelo - Rente - Peruscallo - Cortiñas - Lavandeira - A Brea - Morgade - Ferreiros - Mirallos - A Pena - O Couto - As Rozas - Moimentos - Parrocha - Vilachá - Portomarín
Sarria é o punto elixido por moitos peregrinos como o máis próximo a Santiago que permite gañar a Compostela cumprindo a condición de percorrer a pé un mínimo de 100 km. Isto explica que o 20-25% dos peregrinos [74] de tódalas orixes que chegan a Santiago comecen o Camiño nesta localidade, o dobre que os que o fan na segunda orixe, Saint Pied de Port [75].
Tras deixar Sarria e pasar onda o convento da Magdalena, o Camiño cruza o río Pequeno pola ponte medieval de Ponte Áspera e comeza unha lenta e continua ascensión. Pasa por Vilei (cunha igrexa románica dedicada a Santiago), Barbadelo (coa igrexa tamén dedicada a Santiago, cunha interesante iconografía na portada), Rente, Peruscallo, Cortiñas, Lavandeira, A Brea (o punto máis alto desta etapa, con 663 m) e Morgade.
A seguir entra no concello de Paradela, a través de Ferreiros, Mirallos (cuxa igrexa, de Santa María, foi trasladada pedra a pedra desde Ferreiros en 1790), A Pena, O Couto, As Rozas, Moimentos, Marcadoiro, Moutras, A Parrocha, Vilachá e San Pedro de Portomarín.
Por fin, tras cruzar a moderna ponte sobre o río Miño,[76] o peregrino entra en Portomarín (Portumarini en 792, Pons Minea no Calixtino). O Portomarín histórico quedou anegado coa construción do encoro de Belesar en 1963, o que obrigou a trasladar o asentamento a outra zona máis alta, incluídos os elementos arquitectónicos máis significativos: a igrexa de San Nicolao (antes de San Xoán), románica do século XII e que pertenceu á Orde de San Xoán de Xerusalén; a de San Pedro e os pazos do Conde da Maza, dos Pimentales e de Berbeteros. Tamén houbo nesta localidade un hospital da Orde de San Xoán (1521), hoxe desaparecido.
Portomarín - Gonzar - Castromaior - O Hospital - Vendas de Narón - A Previsa - Os Lameiros - Ligonde - Airexe - Portos - Lestedo - Os Valos - A Mamurria - A Brea - Abenostre - O Rosario - Palas de Rei
A etapa segue unha ascensión continua desde Portomarín (387 m) ata os 722 m da serra de Ligonde, que separa os concellos de Portomarín e Monterroso, para logo descender cara a Palas de Rei.
O Camiño cruza os lugares de Gonzar (coa igrexa de Santa María), Castromaior (cun castro moi próximo), O Hospital e Vendas de Narón. Entra no concello de Monterroso e cruza A Previsa, Os Lameiros (coa capela de San Marcos e un antigo cruceiro de 1670), Ligonde (onde pasa por diante dos restos dun hospital da Orde de Santiago e dun cemiterio de peregrinos, sinalizado cunha sinxela cruz) e Airexe (coa igrexa de Santiago, que conserva a portada románica). En Ligonde hospedáronse Carlos V (1520) e Filipe II (1554).
Entra no concello de Palas de Rei a través de Portos e Lestedo. Antes de chegar a esta última localidade, unha desviación ó norte leva ata Vilar de Donas, a uns 2,5 km, onde cómpre visitar a Igrexa de San Salvador, románica do século XII, con interesantes pinturas murais góticas e un baldaquino completo.
Despois veñen Os Valos, A Mamurria, A Brea, Abenostre e O Rosario, onde a tradición conta que os peregrinos, que albiscaban desde aquí o cumio do Pico Sacro, paraban a rezar un rosario.
Finalmente, Palas de Rei (Pallatium Regis no Calixtino), na que destaca a igrexa de San Tirso, coa portada románica. En Palas remataba a 12ª etapa descrita no Calixtino.
Palas de Rei - O Carballal - San Xiao do Camiño - Pallota - A Ponte Campaña - Casanova - Porto de Bois - A Campanilla - O Leboreiro - Furelos - Melide - Santa María de Melide - O Carballal - Parabispo - Boente - A Castañeda - Ribadiso - Arzúa
O Camiño entra nunha longa etapa (29 km) que, aínda que teña un perfil practicamente horizontal, se trata dunha sucesión de costas e pendentes que castiga duramente ó peregrino.
En Palas de Rei érguese un monumento con dous peregrinos bailando, obra de Jesús A. Novo.[77] Deixando Palas, o Camiño pasa polo Carballal, San Xiao do Camiño (cunha igrexa románica do s. XII), A Pallota, A Ponte Campaña (onde cruza o río Pambre), Casanova, Porto de Bois e A Campanilla. En Porto de Bois celebrouse en 1370 a batalla na que Fernán Ruiz de Castro, conde de Lemos e leal a Pedro I de Castela, O Cruel, foi derrotado polas tropas de Henrique de Trastámara.
A partir de agora entra na provincia da Coruña polo Leboreiro, onde cruza o río Seco a través dunha ponte medieval do XIV. Aquí houbo un hospital de peregrinos no século XII. Atravesa o parque empresarial de Melide e pasa por Furelos, onde cruza o río Furelos, afluente do Ulla, e entra en Melide, onde pasa por diante da capela de San Roque, que conserva a fachada da igrexa de San Pedro, hoxe desaparecida, e do cruceiro do século XIV, considerado o máis antigo de Galicia.
En Melide conflúe o Camiño Primitivo, polo que se multiplica o número de peregrinos.
Despois vén Santa María de Melide, cunha igrexa románica de finais do XII que conserva unhas interesantes pinturas na ábsida, e O Carballal. Tras cruzar o río Catasol pasa polo Raído e Parabispo.
O Camiño entra agora no concello de Arzúa e pasa pola Peroxa, Boente (coa igrexa de Santiago) e A Castañeda, onde estaba a fábrica de cal para as obras da catedral de Santiago que se alimentaba das pedras calcarias que traían os peregrinos desde Triacastela. Logo vén Ribadiso, onde se atravesa o río Iso e onde estivo o hospital de peregrinos de Santo Antón, hoxe reconvertido en albergue de peregrinos, para entrar finalmente en Arzúa. Aquí destaca o convento da Magdalena e a moderna igrexa de Santiago, na que este santo aparece representado como peregrino e como matamoros. Tamén foi a sede dun antigo hospital de peregrinos, no desaparecido mosteiro do Sancti Spiritus, que hoxe acolle o Museo da Terra de Melide.
En Arzúa conflúe o Camiño do Norte co francés.
Arzúa - As Barrosas - A Peroxa - A Calle de Ferreirós - A Boavista - A Rabiña - Santa Irene - O Pedrouzo - Santo Antón - O Amenal - San Paio - A Lavacolla - Santiago
A última etapa do Camiño é tamén a máis longa, con 40 km, na proposta da Federación Española de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago. Por iso noutras Guías divídese en dous tramos de 20 km (Arzúa-O Pedrouzo e O Pedrouzo-Santiago); outra posibilidade é achegarse ata o Monte do Gozo e deixar os últimos 5 km para entrar o último día totalmente frescos en Santiago.
Pasa primeiro polas Barrosas (coa capela de San Lázaro), para cruzar despois o río Brandeso. Segue por Pregontoño e A Peroxa.
Entra agora no concello do Pino, cruzando os lugares da Calle de Ferreiros, A Boavista, Oxén, A Rabiña, Santa Irene e, finalmente, O Pedrouzo.
Tras deixar Santo Antón e O Amenal, e cruzar o río Brandelos, o Camiño entra no concello de Santiago. Cruza San Paio e rodea a valla perimetral do aeroporto, para chegar á Lavacolla (Lavamentula, no Calixtino), onde destaca a igrexa de San Paio (1840).
Cruza o río Sionlla ou rego de Lavacolla, onde os peregrinos se lavaban e mudaban de roupa para entrar limpos en Santiago. Este rito, medio medida hixiénica e medio ritual purificador, xa se cita no Calixtino no século XII: "porque ... os peregrinos franceses que ían a Santiago espíanse e, por mor do Apóstolo, acostumaban a lavar non só as súas partes senón a sucidade de todo o corpo".
Pasa ó carón da sede da TVG e o centro territorial de RTVE, en San Marcos, e chega ó Monte do Gozo (Mons Gaudii), así chamado pola alegría que sentían os peregrinos ó divisar, por fin, as torres da Catedral. A Xunta construíu aquí o maior albergue de peregrinos de todo o Camiño, con capacidade para 300 persoas que se amplía ata as 800 nos anos Anos Santos. Hai tamén un monumento ós peregrinos erixido en 1993.
A chegada dos peregrinos ó Monte do Gozo foi descrita así por Domenico Laffi no XVII:
"En chegando á cima dunha montaniña que se chama Monte Gaudio, desde onde descubrímo-lo tan desexado Santiago, distante preto de media legua, descuberto de súpeto, axeonllándonos, empezaron a brotar bágoas de ledicia e comenzamos a canta-lo Te Deum, mais cantados dous ou tres versiños, non máis, non podiamos pronunciar palabra polas moitas bágoas que nos abrollaban dos ollos".López Pereira, px. 85.
Era tradición que o primeiro peregrino que ascendía ó outeiro e divisaba a Catedral, era nomeado rei do grupo [78].
Os últimos pasos do peregrino avanzan xa polo casco urbano de Santiago, en dirección á zona vella. Pasa por onde estivo a Porta do Camiño, unha das sete portas que existiron na muralla, e alcanza por fin a Catedral.
Tradicionalmente, os peregrinos que viñan polo Camiño francés, xunto ós que chegaran polos camiños Primitivo, do Norte e Inglés, entraban na Catedral a través da Porta Francíxena, hoxe Fachada da Acibechería:
"Cando nós, os franceses, queremos entrar na basílica do Apóstolo, facémolo pola porta setentrional".López Pereira, px. 129.
Logo converteuse en habitual facelo pola fachada do Obradoiro, pero desde as obras de restauración acometidas na basílica desde o 2009, a entrada dos peregrinos faise pola porta de Praterías. En calquera caso, tras entrar na Catedral e visitar o Apóstolo e o seu sepulcro, aínda queda un último ritual: queimar as roupas vellas, sucias e rotas trala peregrinación, o que se viña facendo en tempos históricos ante a Cruz dos Farrapos, cruz de bronce situada sobre as cubertas da Catedral.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.