actriz, cantante e bailarina estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
Elizabeth Ruth Gable, nada en St. Louis (Missouri) o 18 de decembro de 1916 e finada en Santa Monica o 2 de xullo de 1973, foi unha actriz, cantante e bailarina estadounidense, coñecida como Betty Gable.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 18 de decembro de 1916 St. Louis, Estados Unidos de América |
Morte | 2 de xullo de 1973 (56 anos) Santa Monica (Estados Unidos de América) |
Causa da morte | cancro de pulmón |
Lugar de sepultura | Inglewood Park Cemetery (en) |
Educación | Mary Institute and St. Louis Country Day School (en) Hollywood Professional School (en) |
Actividade | |
Campo de traballo | Actuación, canto e danza |
Lugar de traballo | Estados Unidos de América |
Ocupación | cantante, actriz de teatro, actriz de televisión, actriz, actriz de cinema, bailarina, modelo, coverperson (en) |
Período de actividade | 1929 - |
Partido político | California Republican Party (en) |
Instrumento | Voz |
Familia | |
Cónxuxe | Harry James (1943–1965) Jackie Coogan (1937–1939) |
Pais | John Conn Grable e Lillian Rose Hofman |
Parentes | Virginia Pearson, curmán segundo |
Premios | |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Páxina web | bettygrable.net |
|
A súa fotografía en traxe de baño, de costas e coa cabeza mirando por riba do seu ombro dereito, converteuna na pin-up girl número un na época da segunda guerra mundial. Posteriormente, foi incluída na listaxe das cen fotografías que cambiaron o mundo, elaborada pola revista Life.
Grable era moi coñecida polas súas pernas ben proporcionadas que exhibiu nos seus filmes musicais rodados en Technicolor para a 20th Century Fox e que o estudio asegurou por un millón de dólares cada unha coa aseguradora Lloyds de Londres nunha estratexia publicitaria.[1] Describindo a súa carreira, Grable dixo "convertinme en estrela por dúas razóns, e estou sobre elas".
Grable era filla de John C. Grable (1883-1954), corretor de bolsa,[2] e de Lillian Rose Hofmann (1889-1964). Era a máis nova dos tres fillos da parella. Aínda que os seus antepasados directos eran estadounidenses, tiña ascendencia neerlandesa, irlandesa, alemá e inglesa. Foi orientada cara á interpretación pola súa nai, que insistía para que unha das súas fillas se convertese en estrela. No seu primeiro papel de corista, no filme Happy Days (1929), Grable só trece anos, idade inferior á legal para actuar, mais como o coro actuaba coa cara pintada de negro, era imposíbel coñecer a súa idade. A súa nai axiña lle deu un cambio de imaxe, tinxindo o seu pelo de cor loira platino.
Para o seu seguinte filme, a súa nai conseguiulle un contrato empregando unha identidade falsa. Cando se descubriu o engano, Grable foi despedida. Finalmete obtivo un papel como "Chica Goldwyn" en Whoopee! (1930), protagonizada por Eddie Cantor. Nese filme, Grable lideraba o número inicial, "Cowboys". Posteriormente, ao longo do resto da década, traballou en pequenos papeis para diferentes estudios, incluída The Gay Divorcee (1934), protagonizada por Fred Astaire e Ginger Rogers.
En 1937 rebelouse contra a súa nai e casou cun anteriormente famoso neno actor, Jackie Coogan. Non obstante, Coogan tiña problemas a causa dun preito contra os seus pais por mor dos seus ingresos e a parella divorciouse en 1939. Nesa época, e ao longo dos anos trinta, Grable fixo pequenas interpretacións nuns cincuenta filmes de Hollywood, ata que finalmente conseguiu certa notoriedade polo seu papel en Du Barry Was a Lady (1939), obra de Cole Porter representada en Broadway.
O mesmo ano en que se divorciou de Coogan, Grable obtivo un contrato con 20th Century Fox, converténdose na súa maior estrela e protagonizando filmes en Technicolor como Down Argentine Way (1940), Moon Over Miami (1941) (ambas xunto a Don Ameche), Springtime in The Rockies (1942), Coney Island (1943) con George Montgomery, Sweet Rosie O'Grady (1943) con Robert Young, Pin Up Girl (1944), Diamond Horseshoe (1945) con Dick Haymes, The Dolly Sisters (1945) con John Payne e June Haver, e o seu filme máis popular, Mother Wore Tights (1947), con Dan Dailey.
Foi durante o seu reinado como actriz máis comercial (1943) que Grable posou para a súa icónica fotografía de pin-up. Estaba colaborando co fotógrafo Frank Powolny para unha sesión regular de fotos para o estudio e tomáronse varias fotografías nun traxe de baño apertado dunha peza. Unha pose particular consistiu nas costas de Grable cara á cámara mentres ela sorría mirando sobre o seu ombro. A razón da pose era o feito de que Grable estaba embarazada de varios meses dos seu primeiro fillo.[3] A imaxe foi publicada como póster e converteuse na fotografía máis solicitada polos soldados enviados ao estranxeiro. A foto vendeu millóns de copias, superando en popularidade á célebre fotografía de Rita Hayworth de 1941. Grable foi sen discusión a moza pin-up número un para os soldados. A finais da década de 1940, Grable era a actriz mellor pagada de Hollywood.
Entre os seus musicais da posguerra destacan That Lady in Ermine, (1948) con Douglas Fairbanks Jr.; When My Baby Smiles at Me (1948), outra vez con Dailey; Wabash Avenue (1950) (remake de Coney Island), xunto a Victor Mature; My Blue Heaven (1950) e Meet Me After the Show (1951). O xefe do estudio, Darryl F. Zanuck, produciu para a súa principal estrela filmes de grande orzamento, manténdoa plenamente ocupada, tanto que en trece anos rodou uns vinte e cinco musicais. O último grande éxito de Grable para a Fox foi How to Marry a Millionaire (1953), xunto a Lauren Bacall e Marilyn Monroe.
En 1943, casou co trompetista de jazz Harry James. A parella tivo dúas fillas, Victoria e Jessica.[4] Tiveron un matrimonio problemático a causa das infidelidades e do alcoholismo, mais durou vinte e dous anos. Finalmente, divorciáronse en 1965. Posteriormente relacionouse co bailarín Bob Remick, 27 anos máis novo ca ela, co que permaneceu ata a morte dela en 1973.
A carreira final de Grable estivo marcada polas disputas cos executivos do estudo, que a facían traballar ata o esgotamento. Nun momento dado, en medio dunha discusión con Darryl F. Zanuck, ela tiroulle o seu contrato e saíu furiosa do despacho. De xeito gradual foi deixando o cinema, pasou á televisión e destacou en Las Vegas.[5]
Grable era republicana e apoiou a campaña presidencial de Dwight Eisenhower de 1952.[6]
Grable faleceu de cancro de pulmón aos 56 anos en Santa Monica, California.[7] O seu funeral tivo lugar dous días despois e a el asistiron o seu ex marido Harry James e as estrelas de Hollywood Dorothy Lamour, Shirley Booth, Mitzi Gaynor, Johnnie Ray, Don Ameche, Cesar Romero, George Raft, Alice Faye e Dan Dailey. "I Had the Craziest Dream", balada de Springtime in the Rockies, foi interpretada no órgano da igrexa. Foi enterrada no Cemiterio Inglewood Park en Inglewood, California.
Grable ten unha estrela no Paseo da Fama de Hollywood, no 6525 de Hollywood Boulevard. Tamén ten unha estrela no Paseo da Fama de St. Louis.[8]
A súa icónica imaxe pin-up foi nomeada pola revista Time como unha das cen fotografías máis influentes de todos os tempos.[9] Tamén foi incluída na listaxe das cen fotografías que cambiaron o mundo por Life.[10]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.