Remove ads
relixioso galego, arcebispo de Compostela e de Toledo From Wikipedia, the free encyclopedia
Alonso de Fonseca e Ulloa, máis coñecido como Alonso III de Fonseca, nado en Santiago de Compostela en 1475 e finado en Alcalá de Henares o 4 de febreiro de 1534, foi un relixioso galego, arcebispo de Compostela e de Toledo. Foi un protector e mecenas do humanismo e un dos principais impulsores da Universidade de Santiago.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Alonso de Fonseca y Ulloa 1475 Santiago de Compostela (Coroa de Castela) |
Morte | 4 de febreiro de 1534 (58/59 anos) Alcalá de Henares (Coroa de Castela) |
Arcebispo de Toledo | |
31 de decembro de 1523 – 4 de febreiro de 1534 ← Guillaume III de Croÿ (pt) – Juan Pardo de Tavera → | |
Arcebispo de Santiago de Compostela | |
4 de agosto de 1507 – 31 de decembro de 1523 ← Alonso II de Fonseca – Juan Pardo de Tavera → | |
Datos persoais | |
Relixión | Igrexa católica |
Educación | Universidade de Salamanca - Dereito canónico, teoloxía |
Actividade | |
Ocupación | sacerdote católico, político |
Familia | |
Pai | Alonso II de Fonseca |
Descrito pola fonte | Obálky knih, Contemporaries of Erasmus (vol. 2) (en) , (p.42-43) |
Naceu na rúa do Franco. Era fillo do arcebispo Alonso II de Fonseca e de María de Ulloa, señora de Cambados.[1] Estudou Artes na Universidade de Salamanca.[2] En vida acumulou unha gran riqueza, herdando dos seus pais 10 891 000 marabedís mais outros 7 millóns do señorío de Monterrei.
Foi cóengo compostelán desde 1490, arcediago do Salnés no 1493, arcediago e notario de Cornado no 1496, cura da Santa María de Pontevedra e San Pedro de Santa Comba (Lugo) e abade da Colexiata de Santa María do Campo coruñesa no 1512.
Durante os dez anos nos que formou parte do Cabido Compostelán o seu inimigo Diego de Muros III, tamén un grande interesado no humanismo, desde o seu cargo de Deán consolidaba o Estudo Xeral e o Gran Hospital.
En 1507 foi nomeado arcebispo de Santiago, cargo que ocupará ata 1523. Para sortear a prohibición canónica de suceder ao seu pai, viaxou con el a Roma e a Nápoles. Pedro Luis de Borgia (sobriño do papa Alexandre VI) foi nomeado sucesor por un período moi breve, de maneira que se venceu o atranco.
Durante todo o seu mandato contou coa oposición da maioría do Cabido dirixida polo Deán Diego de Muros III. No ano 1511 promoveu a reforma do cabido, a imaxe doutras reformas iniciadas na época, atopándose coa oposición deste. Chegaron decisións provisionais nos anos 1515 e 1516, chegándose a unha concordia definitiva no ano 1523
Tivo que facer fronte a Rodrigo Osorio de Moscoso, conde de Altamira pertencente a unha nobreza moi expansionista e próximo a Corte dos Reis Católicos que demandaba os seus dereitos señoriais e principalmente o título de Pertegueiro Maior.
Tamén mantivo preitos de xurisdición cos nobres Pedro Bermúdez de Castro, Señor de Montaos ou Alonso de Lemos, Señor de Sober, e puxo freo ás inxustizas dos gobernadores, dos dous alcaldes maiores da Real Audiencia do Reino de Galicia, mediante a súa proximidade aos monarcas e ao papado. Mantivo tamén preitos cos monxes bieitos de San Martiño Pinario. Os enfrontamentos cos representantes do poder real foron continuos, e graves como o do ano 1509 ou o do ano 1511 que provocaron que se lle estableceran sancións. A ameza dunha guerra con Francia e inminentes ataques á costa galega e o feito de que o arcebispo era o principal baluarte defensivo da rexión fixo que os reis lle levantasen as sancións e lle ordenasen aos alcaldes que deixen de residir en Santiago e realicen os seus labores de forma móbil.
Quedaron na memoria os solemnes funerais que oficiou pola morte do seu pai en 1512. A eles acudiu Gonzalo Fernández de Córdoba coñecido como O Gran Capitán, quen ofreceu as súas vitoriosas armas ao Apóstolo Santiago.
Nos anos 1516 e 1517 a peste asolou Santiago, que a sufriu durante mais de oito meses.
Despois da peste en España un novo monarca Carlos V e a Revolución das Comunidades debuxaban unha nova panorama.
No plano político aparece ligado as altas decisións da corte desde a coroación de Carlos I e a guerra das comunidades, sempre tomando parte por este. A isto contribuíu o seu nomeamento como membro do seu Real Consello.
Asumiu un papel de liderado das reivindicacións da aristocracia galega e do Reino de Galicia. Así, nas Cortes reunidas no ano 1520 en Santiago e A Coruña, púxose á fronte da protesta da aristocracia galega pola súa exclusión nas devanditas Cortes. O Reino de Galicia estaba representado por Zamora, o que foi motivo dunha demostración de axitado descontento ante as portas de San Francisco, onde se reuniron os procuradores casteláns e flamengos.
Liderou o 4 de decembro de 1520 a Asemblea de Melide, representativa da clase dirixente Reino de Galicia. Nela acordáronse as seguintes posicións:
Realizou tamén labores de mediación no levantamento das xermanías valencianas e desde 1522 converteuse en diplomático e conselleiro real permanecendo continuamente a carón do Emperador.
Os seus obxectivos persoais mudaron. Perseguiu en primeiro lugar a sé Primada de Toledo, que obtivo en decembro de 1523.
Nomeado arcebispo de Toledo e Primado das Españas, cargo no que substituíu o falecido Cardeal Cisneros e que ocupou ata a súa morte, pese a que a súa ambición levouno a perseguir o título cardealicio, loita a que se dedicou desde o ano 1525 sen obter o éxito.
Durante todo o seu mandato mantivo unha arbitraxe ou concordia co seu sucesor en Compostela e que tamén o sería na sé toledana Juan Tabera, no que lle reclamaba os gastos producidos polas desfeitas dos Irmandiños nas fortalezas e bens da igrexa compostelá e a deixadez dos dous Fonsecas, Alonso II e el. Coñécese este feito polos documentos coñecidos como Preito Tabera Fonseca.
Chamou e favoreceu intelectuais, artistas e humanistas. Bautizou a Filipe II. Asentou a súa residencia en Alcalá de Henares, onde faleceu o 4 de febreiro de 1534. Foi soterrado no Convento das Úrsulas de Salamanca. O seu fillo Diego de Acevedo e Fonseca, froito das relacións coa aristócrata Xoana de Pimentel, estivo ao servizo do rei e tivo morgado en Galicia.
En Santiago, Toledo e Salamanca deixou boas mostras do seu mecenado, cun marcado carácter humanista, promovendo a chegada das novas formas renacentistas que veñen de Italia.
Fundou o colexio de Santiago en Salamanca, no ano 1521, para os cregos galegos que alá ían estudar. No ano 1522 logrou impulsar o novo Colexio compostelán, dirixido a estudantes de teoloxía, na localización na que estará o Hospital de Santiago Alfeo na Acibecharía, na actualidade desaparecido, denantes de ocupar o novo edificio, mandado erguer no seu testamento de 1531.[2] Acadou a bula do Papa Clemente VII de 15 de marzo de 1526 para a fundación dun Colexio novo co título de Santiago Alfeo, o actual Colexio de Fonseca, no que se puidesen obter os grados propios dos estudos universitarios. Nela autorizábase a construír un colexio novo ou ampliar o existente Estudo Vello fundado por Lopo Gómez de Marzoa e anexionar as rendas deste e establecer as ensinanzas de Artes, Teoloxía e Dereito. No seu testamento de 1531 marcou as liñas xerais da súa fundación.
“Un colegio e universidad donde los moradores e naturales del Reyno de Galicia pudiesen estudiar, aprender e ser enseñados en gramática y otras facultades”.[2]
No plano cultural amigouse cos movementos humanistas que entraban en España, protexendo a erasmistas e alumeados. Exemplo disto foi a súa amizade con Pérez de Oliva. O seu labor humanista tivo proxección continental. Mantivo correspondencia con Desiderio Erasmo de Rotterdam (o seu secretario mantiña relacións de amizade con el). Erasmo chegou a dedicarlle dúas das súas obras a don Alonso, laudatores que tamén fixo o destacado humanista español Alvar Gómez de Castro.
Situou a Igrexa galega, e posteriormente toda a Igrexa española, nas correntes culturais da época.
Comezou as obras do claustro da Catedral de Santiago (xa formuladas polo seu pai), iniciadas en 1521 en formas góticas por Juan de Álava, xa incluíndo nelas formas renacentistas.
A mais de Juan de Alava atrae a súa beira a algúns dos máis importantes arquitectos dos inicios do renacemento español, como Alonso de Covarrubias ou Diego de Siloé.
Predecesor: Pedro Luis de Borja |
Arcebispo de Compostela - Iria 1507 - 1524 |
Sucesor: Juan de Tabera |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.