Naceu no barrio vilalbés das Fontiñas, lugar onde transcorreu a súa nenez e onde o seu pai traballaba como músico e carpinteiro. Con 14 anos, marchou a estudar á Universidade Laboral de Xixón, onde estivo interno durante sete anos, e onde se fixo Perito Industrial. Ós 22 anos foise a Barcelona, coa intención de traballar e estudar Pedagoxía. Traballou durante un tempo nunha empresa, adiando o seu obxectivo de estudar.
Mestre
Tres anos despois volveu a Galicia. Instalouse na Coruña e matriculouse en Maxisterio. En 1974 comezou a traballar como mestre, iniciando así a etapa máis intensa da súa vida. Naqueles anos xuntouse con outros docentes nos chamados «movementos de renovación pedagóxica», que tiñan como obxectivo cambiar o mundo dende as aulas.[3] Estudou Ciencias da Educación e foi profesor de lingua galega no ensino primario e no secundario. Nesa mesma época, casou con Inmaculada Reino e naceu a súa filla, Mariña.
Como mestre e pedagogo, foi autor de numerosos traballos sobre a normalización lingüística no ensino, a didáctica da lingua, a promoción da lectura, a literatura infantil ou a introdución dos medios de comunicación nas aulas. Ademais, entre 1988 e 1990 traballou para a Consellería de Educación como asesor para a reforma educativa e preparando deseños curriculares tanto de primaria como de secundaria, na área de lingua. De 1990 a 1995 traballou como Coordinador Docente de Galego. Dese traballo quedaron tamén numerosos libros de texto, como o pioneiro O noso galego, dos primeiros anos oitenta.
Tamén foi membro do grupo de traballo sobre lingua do Consello da Cultura Galega e asesor do Programa SOL, da Fundación Germán Sánchez Ruipérez.
Escritor
Despois da aprobación da Constitución no ano 1978, comezou a introducirse oficialmente a lingua galega no ensino. Fernández Paz decatouse que a literatura infantil e xuvenil en galego era escasa, polo que decidiu escribir as súas propias historias. Con 40 anos, publica a súa primeira novela. Os dous libros seguintes obtiveron senllos premios de importancia, e por iso, animouse a continuar.
O 12 de xullo de 2016 morreu por volta das sete da mañá no seu domicilio en Vigo,[8] logo de padecer dunha longa enfermidade. O 13 de xullo, celebrouse un multitudinario acto cívico no cemiterio de Pereiró de Vigo,[9] co féretro arroupado coa bandeira galega, e no que estiveron presentes familiares, amigos e personalidades da cultura, da educación e da política. O corpo foi incinerado e os seus restos foron trasladados a Vilalba, a súa vila natal, onde tamén se atopa soterrada a súa familia.[10]
Agustín Fernández Paz é un dos nomes clave da literatura infantil e xuvenil galega, non só polo amplo número de obras publicadas, senón polo seu éxito cos lectores e pola cantidade das súas obras que foron traducidas a outras linguas. Trátase do autor en galego máis traducido con 115 traducións a 16 linguas diferentes, en especial ao castelán, con arredor de 50, máis de 30 ao catalán, unhas 20 ao éuscaro, e tamén ao asturiano, portugués, francés, árabe, coreano, italiano, inglés, búlgaro, bretón e esloveno, entre outras.[11][12]
Tamén destaca pola cantidade de premios acadados, tanto de ámbito galego como internacional, entre os que se atopa o Merlín, Lazarillo, o Rañolas ou o Raíña Lupa. Algunhas obras súas tamén foron seleccionadas para a Lista de Honra de IBBY. Foi nomeado Socio de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega en 2009.
Ademais, realizou un longo labor editorial para Edicións Xerais, coordinando durante moitos anos a colección "Merlín" de literatura infantil e xuvenil.
O laboratorio do doutor Nogueira, 1998, Xerais (novela xuvenil), 5ª edición. Traducida ao castelán,[50] ao éuscaro,[51] ao catalán[52] e ao portugués.[53]
As fadas verdes, 1999, Edicións S. M. (novela xuvenil). Traducida ao castelán[54] e ao catalán.[55]
Cos pés no aire, 1999, Xerais (narrativa xuvenil) 4ª edición. Traducida ao castelán,[56] ao catalán[57] e ao éuscaro.[58]
A nube de cores, 1999, Sotelo Blanco (narrativa xuvenil).
Aire negro, 2000, Xerais (novela xuvenil) 13ª edición. Traducida ao catalán,[59] ao castelán,[60] ao éuscaro,[61] ao inglés[62] e ao búlgaro.[63]
O soño do merlo branco, 2000, Everest Galicia (novela xuvenil). Traducida ao castelán.[64]
No corazón do bosque, 2001, Xerais (novela xuvenil), 9ª edición. Traducida ao castelán,[65] ao catalán[66] e ao éuscaro.[67]
Un tren cargado de misterios, 2001, Xerais (narrativa xuvenil). Traducida ao castelán[68] e ao chinés.[69]
Ana e o tren máxico, 2001, Xerais (novela xuvenil).
Premio Ramón Piñeiro Facer País da Asociación Cultural Val de Láncara no 2012.[141]
Premio da Crítica Galicia 2012 en Creación literaria pola súa obra Fantasmas de luz (18 de outubro de 2012).
En xuño de 2012 o departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo propuxo o seu nomeamento como doutor honoris causa[142]. O 12 de novembro de 2012 o Consello de Goberno da Universidade de Vigo aproba o nomeamento de Agustín Fernández Paz como Doutor Honoris Causa a proposta do Departamento de Filoloxía Galega e Latina.
Autor en galego máis destacado do 2012 en Redelibros.
Premio Fervenzas Literarias de Ensaio no 2012, por O rastro que deixamos.
Premio Fervenzas Literarias ao autor do ano 2012.
Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de non ficción do 2012, por O rastro que deixamos.