Remove ads
epistemólogo, matemático e filósofo británico From Wikipedia, the free encyclopedia
Bertrand Arthur William Russell, nado en Trellech (Monmouthshire, Gales), o 18 de maio de 1872 e finado en Penrhyndeudraeth o 2 de febreiro de 1970, foi un epistemólogo, matemático, filósofo e moralista británico, terceiro conde de Russell. Está considerado un dos máis importantes filósofos do século XX.
Popularizou a filosofía, foi polemista e militante de esquerdas, preto do socialismo de tendencia libertaria. Organizou o tribunal Sartre-Russell contra os crimes sobrevindos durante a Guerra do Vietnam. Recibiu o premio Nobel de literatura en 1950 para o conxunto da súa obra, en particular para o seu empeño humanista e como pensador libre. A motivación, segundo foi proposta pola Fundación Nobel, foi "en recoñecemento dos seus variados e significantes escritos en defensa dos ideais humanitarios e liberdade de pensamento"[1]
Escribiu sobre unha ampla gama de temas, desde os fundamentos das matemáticas e a teoría da relatividade ao matrimonio, os dereitos das mulleres e o pacifismo. A vida de Russell foi apaixonada, intensa e longa e fraguouse un nome tanto nos círculos de especialistas como entre as multitudes que ou o seguían con fervor ou o odiaban con intensidade.
En matemáticas a súa gran contribución é a indubidablemente importante Principia Mathematica con Alfred North Whitehead, libro en tres volumes onde a partir de certas nocións básicas da lóxica e a Teoría de conxuntos dedúcese a totalidade das matemáticas. Mostrando así o poder das linguaxes formais, a posibilidade de modelar as matemáticas e a fertilidade da lóxica. Un libro profundamente influente e importante que contribuíu ao desenvolvemento da lóxica, a teoría de conxuntos, a intelixencia artificial e a computación así como a formación de pensadores do talle de David Hilbert, Ludwig Wittgenstein, Alan Turing, Willard Van Orman Quine e Kurt Gödel.
En filosofía contribuíu practicamente en todas as áreas, desde a mesma metodoloxía avogando sempre pola análise e alertando aos filósofos das trampas da linguaxe, sentando así o método e as motivacións da filosofía analítica. As súas contribucións de contido inclúen o seu innegable artigo mestre Sobre o Denotar e unha serie de libros e artigos en problemas desde a filosofía das matemáticas, a metafísica, a epistemoloxía, a inferencia científica e a ética a unha serie de enfoques interesantes e fértiles ao problema mente-corpo, enfoques discutidos hoxe en día por variedade de filósofos importantes como David Chalmers, Michael Lockwood, Thomas Nagel, Grover Maxwell, Mario Bunge etc.
Russell foi un coñecido pacifista durante a primeira guerra mundial, aínda que se manifestou a favor de tomar accións bélicas durante a segunda guerra mundial, alegando que un mundo onde o fascismo fose a ideoloxía reinante sería un mundo onde o mellor da civilización morrería e non valería a pena vivir. Estivo en prisión dúas veces, a primeira conectada coas súas actividades pacifistas durante a gran guerra e a segunda por participar nunha manifestación contra a proliferación de armas nucleares. Contraeu matrimonio catro veces. A última vez, con Edith Finch, puido alcanzar a paz e entendemento que sempre buscou. Tivo tres fillos, John, Kate e Conrad. Conrad converteuse nun importante político do Partido Liberal Demócrata en Inglaterra e nun historiador erudito, morreu en 2004 sendo quinto conde de Russell.
Russell foi tamén ademais de activista e pensador de primeira liña un soberbio polemista que se converteu na icona do racionalismo para toda unha xeración. Polemizou sobre o control de natalidade, os dereitos das mulleres, a inmoralidade das armas nucleares, e sobre as deficiencias nos argumentos e razóns esgrimidos a favor da existencia de Deus. Sempre nos seus escritos fixo gala non só dun magnífico estilo literario senón tamén dun excelente sentido do humor e unha habilidade para sorprender e provocar coa ironía, o sarcasmo e a metáfora.
En 1962, aos 90 anos, mediou na crise dos mísiles de Cuba para evitar que se desatase un ataque militar, escribindo cartas tanto a Kruschev como ao presidente Kennedy e sendo intermediario nas súas respostas mutuas.
Velaquí algunhas das obras publicadas por Bertrand Russell:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.