movemento agrario e anticaciquil galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Acción Gallega (ou Acción Galega) foi o nome dun dos máis importantes movementos agrarios e anticaciquís na Galiza do século XX. De carácter decididamente antiforal, redencionista, na súa primeira formulación, constituíu a variante radical do agrarismo galego na década de 1910.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Acción Gallega | |
---|---|
Tipo | partido político |
Data de fundación | 1910 |
País | España |
[ editar datos en Wikidata ] |
A súa orixe sitúase no axitado ano de 1909. Nese ano, un grupo de políticos, intelectuais e xornalistas galegos residentes en Madrid reuníanse, día tras día: Eran Basilio Álvarez, Alfredo Vicenti, Manuel Portela Valladares, Enrique Peinador, Luis Antón del Olmet, Prudencio Canitrot, Alfonso Alcalá Martín, Ricardo Vilariño, Rafael Carvajal, Cánovas Cervantes, Eloy Páramo, etc. O tema de discusión constante era o das loitas agrarias en Galiza; concretamente o da liberación do campesiño e, máis en xeral, do país galego. Acción Gallega concibiuse como movemento no contexto destes homes e destas preocupacións. O 15 de xaneiro de 1910 o movemento deu a primeira sinal pública de existencia, coa aparición da revista Acción Gallega, subtitulada Revista Quincenal. Defensora de los intereses regionales, na que o estilo inconfundíbel de Basilio Álvarez quedaba claramente reflectido. A parte desta campaña periodística, iniciouse tamén un programa de mitins e de accións de diverso carácter. Acción Gallega enlazou coas sociedades de labregos de Ribadeo, Riotorto, A Fonsagrada, Becerreá, etc.
O programa de mitins de Acción Gallega iniciouse por terras de Meira e foron Basilio Álvarez, Prudencio Canitrot, Cánovas Cervantes e Rafael Carvajal, os oradores principais. As eleccións de deputados ás Cortes españolas de 1910 permitiulles participar na campaña activamente presentando tres candidatos: Rafael Carvajal, polo distrito de Mondoñedo; Alfredo Vicenti, polo de Becerreá, e Manuel Portela Valladares, polo da Fonsagrada. O éxito foi resoante no de Portela Valladares e só as trampas dos caciques impediron o triunfo de Vicenti. Acción Gallega contou, deste xeito, cun deputado en Cortes.
Nesta primeira etapa o que se pretendeu foi darlle un sentido único ao agrarismo galego escindido en distintas frontes (solidarios, antiforistas, sindicalistas etc). Deste intento naceu neste mesmo ano de 1910, o primeiro bosquexo de partido agrario en Galiza, que se precipita na Liga Agrario-Redencionista, que tivo un fracaso tan significativo coma contundente. Acción Gallega, integrada por homes dun gran prestixio público en Madrid, non pasou de ser nesta primeira formulación, outra cousa que o eco que reforzaba, coa publicidade dos grandes diarios, a importancia da campaña agraria. Pasado o momento da Liga, probado o fracaso, incluso a revista Acción Gallega desapareceu.
No ano 1911 unha serie de acontecementos fixeron que o movemento se radicalizase, e pasou a ser a encarnación e consecuencia da biografía de Basilio Álvarez. Basilio era entón abade da freguesía campesiña de Beiro, inmediata á capital ourensá. Dous acontecementos case simultáneos levárono a este lugar, con potente asociación campesiña e clara inclinación ao socialismo: a súa dimisión do cargo de director de El Debate, diario católico, e o asasinato do cura párroco de Beiro. O bispo de Ourense pensou entón en Basilio Álvarez, home de prestixio na cidade das Burgas, para esta difícil freguesía. Grazas a este traslado, o novo cura de Beiro puido ter relación co grupo de Acción Gallega destacado en Madrid. Tras isto chegan os anos fortes do movemento, 1912- 1913, que rematan ben entrado 1914.
En agosto de 1912 apareceu o "Manifesto de Ourense",[1] onde a Liga de Acción Gallega se comprometía nunha campaña de mitins, de carácter agrario e societario, a recoller as aspiracións do campesiñado e facerllas chegar ao Goberno. O programa de mitins, dunha radicalidade verbal sen precedentes nas terras galegas, iniciouse no Carballiño, continuou en Ribadavia, Gondomar, Ourense, Bande, A Estrada, etc. As terras pontevedresas e ourensás na súa meirande parte escoitaron ese ton, abertamente rebelde e ata revolucionario dos oradores de Acción Gallega, e especialmente de Basilio Álvarez, que fixo que en Madrid temesen coa posibilidade dun estalido revolucionario en Galiza. Poetas como Ramón Cabanillas e Noriega Varela puxeron versos, e en galego, das imaxes de Basilio Álvarez, cantando á revolución inminente.
Inicialmente, a publicación Acción Gallega foi o portavoz escrito deste radicalizado movemento agrarista. Pero por mor de dificultades, no período máis acedo da campaña, contou Acción Gallega cun diario, El Heraldo Gallego, editado en Ourense.
A repercusión que o movemento tivo en toda Galiza é difícil de saber. Algúns xornais, aínda que excepcionalmente, abríronse aos propagandistas: Heraldo de Vigo e Galicia Nueva de Vilagarcía, por exemplo. Mais a actitude normal foi negación absoluta ante a radicalidade do movemento, que non respectaba representacións nin poderes, pois sumía áreas enteiras na máis expresiva axitación. Por esta importancia, polo prestixio de Basilio Álvarez en círculos de prensa en Madrid, a campaña de Acción Gallega alcanza extraordinaria resonancia en todo o Estado Español.
O movemento, centrado na loita contra os caciques, cunha ideoloxía de clara inspiración rexeneracionista e no antiforismo redencionista, baseábase na fogosidade e gallardía de Basilio Álvarez e no seu grupo incondicional de amigos nos primeiros momentos.
A descomposición deste bloque foi consecuencia das primeiras persecucións. Desde 1913, as garantías constitucionais non salvagardaban os homes de Acción Gallega. En 1914 o movemento viuse envolto en casos de axitación e terrorismo. O enfrontamento de Basilio coas autoridades ourensás e co bispo Ilundáin fixo que se lle retiraran as licenzas sacerdotais e que El Heraldo Gallego e o seu director, Manuel Lustres Rivas, caeran baixo o peso das denuncias e as constantes causas xudiciais. Ademais desta serie de escisións iniciais, houbo outros momentos significativos con saídas de persoeiros importantes dentro do movemento. Primeiro apartáronse del homes como Portela Valladares e Alfredo Vicenti, que crían que Basilio estaba seguindo un camiño moi perigoso. Máis tarde, o núcleo ourensán tamén se separou pola saída de López Aydillo, primeiro, e do propio Lustres Rivas, máis tarde.
A loita do agrarismo galego, extraordinariamente radicalizada desde 1914, non volveu ter tanta resonancia como tivo nestes poucos anos o movemento de Acción Gallega, aínda que os principios deste movemento máis os de Basilio Álvarez perviviron nas sociedades agraristas posteriores.
Acción Gallega usou un poema de Ramón Cabanillas, escrito en 1910, como himno oficial.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.