Directorio Antiforista de Teis
organización antiforista From Wikipedia, the free encyclopedia
organización antiforista From Wikipedia, the free encyclopedia
O Directorio Antiforista de Teis, constituído en febreiro de 1908, foi un comité organizador da propaganda antiforal en Galicia.
O 11 de decembro de 1907 a Sociedad de agricultores de Teis dirixiu unha circular ás restantes do partido xudicial de Vigo na que lles propoñía realizar unha campaña a favor da redención forzosa dos foros. O 26 de xaneiro de 1908 a sociedade de Teis organizou un gran mitin en Vigo ao que se adheriron 41 sociedades agrarias e obreiras da provincia.
O 23 de febreiro de 1908 despois dun mitin que tivo lugar en Pontevedra constituíuse oficialmente o Directorio Antiforista de Teis. Foi elixido presidente Manuel Lago Martínez (o presidente da Sociedad de agricultores de Teis), como vicepresidente Ángel Lago Manzanares e secretario Jacinto Crespo (Chinto Crespo); Arturo Prieto foi o vicesecretario e Julián Estévez o contador; como vocais figuran José Martínez Lago, Enrique Martínez e José Calvelo. A Manuel Lago sucedeuno na presidencia Julián Estévez. O Directorio foi a primeira organización que agrupou varias sociedades nun movemento antiforista. O seu proxecto consistía en comprometer a sorte dos deputados nos seus distritos segundo a actitude que mostraran ante o problema dos foros. As campañas do Directorio tiveron como consecuencia a consolidación das sociedades agrarias e o seu aumento en número. A postura do Directorio foi a de optar por unha redención forzosa dos foros, pero pagándolles aos propietarios o seu dereito. Esta postura chocou coa representada por Ramón Abilleira e Joaquín Nogueira que eran partidarios da redención sen ningunha indemnización.
O Partido Liberal, preocupado polos avances do agrarismo na provincia de Pontevedra montou unha estratexia para fomentar e controlar o movemento iniciado pola Sociedad de agricultores de Teis en favor da redención forzosa dos foros. Prudencio Landín presentou ao Partido Liberal como o único lexitimado, dado que tanto Montero Ríos (1886) como Eduardo Vincenti (1892, 1905) presentaron no Congreso proxectos para a redención de foros.
Logo da I Asemblea de Monforte, o Directorio pasou por unha fase de inactividade da que saíu grazas a un pacto de alta política: Segismundo Moret, que unira no Bloque de Alianza Liberal á maioría das faccións do seu partido con grupos republicanos moderados, mostrouse partidario da redención dos foros e o Directorio viu a ocasión de reactivar a campaña antiforal. O 17 de outubro de 1908 dirixiu unha circular ás sociedades agrarias na que recordaba a necesidade de facer cumprir as conclusións da Asemblea de Monforte.
A campaña contra os foros revitalizouse coa fundación do Comité Antiforista de Becerreá liderado por Alfredo Vicenti. O Directorio continuou atento á evolución parlamentaria do proxecto de Vincenti e optou por participar nas eleccións municipais de maio de 1909, cun éxito moi limitado. Posteriormente impulsou unha campaña de mitins rurais, co proxecto de crear un partido especificamente galego e agrario.
O 29 de outubro de 1909, logo de caer o goberno Maura, Moret converteuse en presidente do Goberno. Os sectores máis radicais do agrarismo formaron entón en Madrid Acción Gallega, en xaneiro de 1910. Nas eleccións de 1910 foi derrotado en Redondela o candidato do Directorio de Teis, o xeneral Rubín.
Posteriormente produciuse un achegamento entre Acción Gallega e o Directorio de Teis. O 15 de xuño de 1910 celebrouse unha reunión no Centro Galego de Madrid con presenza de Portela Valladares, Eduardo Vincenti e os dous principais inspiradores do Directorio Prudencio Landín e Emilio Rodal González. Alfredo Vicenti suxeriu a idea de unir o Directorio de Teis e Acción Gallega nun gran partido que podería chamarse Partido Redencionista Agrario Gallego. A proposta concretouse na formación da Liga Agrario-Redencionista, con Vicenti, Vincenti e Portela como directores e Álvarez como secretario. A Liga Agrario-Redencionista, con apoio do Directorio de Teis dirixiu unha intensa campaña de axitación en 1910 con mitins por Pontevedra e Lugo, na que levou o peso Portela Valladares.
O recurso a medidas de forza como negarse a pagar as rendas aos propietarios do directo que se resistían á redención, abriron novos procesos de persecución aos que os antiforistas do Directorio, que carecían dunha cobertura xurídica e económica, non puideron resistir. Os seus tres dirixentes, Chinto Crespo, Manuel Lago e Arturo Prieto, os chamados "tres mártires" ou "Os tres apóstolos", foron condenados ao desterro. O movemento dos de Teis foi esmorecendo e en agosto de 1911, cando se celebrou a III Asemblea de Monforte, era xa historia.
Contou como órgano de expresión co periódico Redención Gallega.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.