figura central do cristianismo / From Wikipedia, the free encyclopedia
Xesús de Nazaret, tamén coñecido como Xesús, Cristo[7], Xesucristo[8][9], é a figura central do cristianismo e unha das figuras máis influentes da culturaoccidental. Para a maioría das denominacións cristiás, é o fillo de Deus, a segunda Persoa da Santa Trindade, sendo ao mesmo tempo plenamente humano (Deus encarnado). A súa importancia estriba así mesmo na crenza de que —coa súa morte e posterior resurrección— redimiu o xénero humano. O xudaísmo nega a súa divindade, que é incompatible coa súa concepción de Deus. No islam, onde é coñecido como Isa, é considerado un dos profetas máis importantes.
Este artigo é sobre a figura histórica de Xesús e os seus aspectos biográficos. Para informacións acerca das múltiples versións de Cristo, vexa ese artigo.
Datos rápidos Nome orixinal, Biografía ...
Xesús de Nazaret
Mosaico de Cristo Pantocrátor en estilo bizantino, na Catedral de Cefalù, Sicilia, c. 1130
Segundo a opinión maioritariamente aceptada en medios académicos, baseada nunha lectura crítica dos textos sobre a súa figura[10], Xesús de Nazaret foi un predicador xudeu[11] que viviu a comezos do século I nas rexións de Galilea e Xudea, e foi crucificado en Xerusalén en torno ao ano 30, baixo o goberno de Poncio Pilato.
O que se coñece de Xesús depende case exclusivamente da tradición cristiá (aínda que aparece mencionado en fontes non cristiás),[12], especialmente da utilizada para a composición dos evanxeos sinópticos, redactados, segundo opinión maioritaria, uns 30 ou 40 anos, como mínimo, logo da súa morte. A maioría dos estudosos considera que mediante o estudo dos evanxeos é posible reconstruír tradicións que se remontan a contemporáneos de Xesús, aínda que existen grandes discrepancias entre os investigadores en canto aos métodos de análises dos textos e as conclusións que deles poden extraerse. Existe unha minoría que nega a existencia histórica de Xesús de Nazaret.[10]