Galilea (en hebreo, הגליל ha-Galil, "a provincia" ; en árabe, الجليل al-Jalil; en latín Galilaea, do grego antigo Γαλιλαία) é unha rexión do actual estado de Israel que conta cunha importante poboación árabe. Está situada entre o mar Mediterráneo polo oeste e o lago de Xenesaret (tamén chamado lago de Tiberíades ou mar de Galilea) e o río Xordán polo leste. Ten un relevo montañoso (teñen sona o Monte Tabor, Monte Merón) e un clima chuvioso, cunha pluviosidade ata 800mm., e unha peculiar vexetación. Nazaret e Tiberíades son dúas cidades turísticas. A súa economía baséase na agricultura, a pesca e o turismo.