concello da comarca de Terra Chá, na provincia de Lugo From Wikipedia, the free encyclopedia
Xermade é un concello da provincia de Lugo, pertence á Comarca da Terra Chá. Segundo o IGE, en 2022 tiña 1.768 habitantes.
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia de Lugo | ||||
Capital | Xermade | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 1.734 (2023) (10,41 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 166,6 km² | ||||
Altitude | 166,6 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Tomás Rodríguez Arias | ||||
Eleccións municipais en Xermade | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 27830–27839 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 27021 | ||||
Páxina web | xermade.org | ||||
Segundo o IGE, en 2020 tiña 1 783 habitantes (875 homes e 908 mulleres).[1] O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «xermadés».
Limita cos concellos de Muras, Vilalba, Guitiriz na provincia de Lugo e os concellos de Monfero e As Pontes de García Rodríguez na provincia da Coruña.
O termo municipal abrangue dez entidades colectivas ou parroquias, e 232 lugares.[2]
A Serra da Carba delimita o concello polo norte, chegando aos 876 metros en Goía – Peñote. Ao oeste está a Serra da Loba, cun cumio de 706 metros no Candieiro e os 702 metros no Serrón do Lobo.
Numerosos ríos e regatos reparten a auga do concello ata o Atlántico e o Cantábrico. A través do Trimaz e o Labrada, chegan ao Ladra, que a canaliza ata o río Miño. Polo norte, o río Eume delimita Xermade e Muras.
A topografía do concello é en xeral chá. De tódolos xeitos o relevo faise máis agreste no norte e oeste do concello, onde comezan as serras da Carba (700-800 m) e da Loba (700 m). De ámbolos dous sistemas montañosos descenden arroios de cara ós ríos Labrada e Trimaz, afluentes do Ladra, que verte as súas augas no curso alto do Miño. Un pequeno treito do noroeste aporta as súas augas á conca do Eume.[3]
Xermade atópase a 50 quilómetros de Lugo.[4]
O clima é oceánico con invernos chuviosos e con neve nos cumios. Os veráns son frescos.
O topónimo fai referencia ao nome do antigo posuidor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). En concreto, viría de (uilla) Ieremiati, como flexión vulgar en xenitivo do nome bíblico Ieremias, nome atestado na Galiza na época medieval. Alternativamente, tamén poder provir de *(uilla) Germinati, forma en xenitivo de Germinatus, nome de orixe latina.[5][6]
O escudo está composto por unha banda de ouro, un báculo de prata e dous besantes. O báculo de prata fai referencia á xurisdición dos mosteiros de Meira e Monfero sobre estas terras. Os dous besantes están relacionados coa abundacia de testemuñas arqueolóxicas, en particular ás referidas á cultura castrexa.[7] Todos estes elementos sitúanse sobre un campo de sinople (verde) que representa a importancia da vexetación para a vida deste concello.[8] A coroa pechada da parte superior do conxunto[9] vén a representar que é un concello creado na xurisdición real.[8]
Varios xacementos do Paleolítico sitúan en Xermade unha grande actividade nas primeiras épocas do poboamento de Galicia:[10] Abrigo Curaceiro (Penaparda-Burgás), O Muíño Novo (Lousada) e a Pena Grande de Férvedes.[11] Son abrigos entre rochas que serviron de morada e refuxio aos primeiros habitantes de Xermade. Ao pé do xacemento Férvedes II, na Pena Grande de Férvedes, atopouse a manifestación artística máis antiga coñecida ata hoxe en Galicia; o colgante de Férvedes, unha peza ornamental do Paleolítico superior de máis de 17 000 anos de antigüidade.[11] É un pequeno colar de pedra decorado cun trazo recto en ámbalas dúas caras.
No concello sitúanse gran candidade de medoñas; en 2018 Javier Gómez Vila e Antonio Riveira documentaron un total de 160 túmulos.[12] A máis salientable é a necrópole de Lousada, na Abelleira, que é un conxunto de medoñas na que se atoparon diversos restos, entre eles puntas de frechas.[13][14]
Os castros presentes no concello son manifestacións da cultura castrexa. Cómpre destacar os castros de Xemaré e das Testas (en Burgás), a Aira dos Mouros e O Castro (en Cabreiros), o Castro da Igrexa (en Cazás), Castrorramil (en Momán), Castrillán, Sucastro e A Graña (en Roupar) e o Monte do Castro (en Miraz).[4][15]
A asentamento romano da Graña é unha das poucas vilas romanas documentadas na Terra Chá. As escavacións sacaron a luz estruturas relacionadas co uso termal, entre elas un hipocausto de grandes dimensións (cunha cámara de máis de 17,32 m²). Este hipocausto está identificado como o máis grande de Galicia, por diante de Noville e da media galega, que se sitúa nos 10,7 metros cadrados.[16] (p.96) Segundo as investigacións de Gómez Vila, Neira González e Borrajo Santos, este asentamento debe considerarse máis como aglomerado secundario que como unha vilae romana.[16]
A estancia dos romanos corrobórase coa aparición en Cazás dunha lápida ofrendada ós lares viais, coa inscrición LARIBUS VIALIBUS PLACINIDA EX VOTO POSUIT, facendo referencia a unha posible vía que pasaba polo termo.[17]
Por Xermade pasaba o Camiño Real da Carba. Entraba por Lousada e saía na parroquia de Roupar.[18] Esta ruta unía Mondoñedo e Ferrol e foi unha importante vía de comunicación na Idade Media.[19]
No Antigo Réxime, as parroquias de Lousada e Burgás, esta última do señorío do conde de Lemos, formaban parte da xurisdición de Vilalba; a de Roupar pertencía ó mosteiro de Meira e a de Momán, ó de Monfero; a de Xermade formaba parte do señorío dos Andrade e a de Cabreiros inseríase ma xurisdición das Pontes de García Rodríguez.[17]
O ano 1840 é a data na que aparece por primeira vez o concello de Xermade. Nos anos vinte do século pasado a constante emigración ós países iberoamericanos propiciou a creación en Cuba de varias sociedades culturais, como a Liga Agraria de Xermade, os Fillos de Roupar e S. Mamede de Momán, que costearon as escolas de Roupar e Coto do Ameixeiro.[20]
Pascual Madoz, no seu Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, detalla a súa orografía, poboación e organización administrativa en 1847.[21]
Cruceiros No conxunto do concello localízanse 62 cruceiros e 34 cruces. Das cruces, a máis antiga é de Orxás (Lousada) (1823).[32] Cinco cruceiros conservan restos de policromía.[33]
Destacan os cruceiros:[34]
Entre os elementos que conforman o patrimonio civil de Xermade están os muíños, como o de Burgás[38] e os batáns, dos que se conservan restos en Lousada.
Número | Parroquia | Número | Parroquia | |
---|---|---|---|---|
16 | Lousada | 3 | Miraz | |
10 | Cabreiros | 11 | Xermade | |
10 | Roupar | 6 | Cazas | |
4 | Candamil | 12 | Momán | |
10 | Burgás | 11 | Piñeiro | |
Total | 93 |
Outras construcións singulares de arquitectura civil son:
"Rabeache pola peneira/ rabeache por peneirar/ e rabeache por te casar/ na parroquia de Roupar"[46]
"Aún recuerdan los más viejos/ de Pepa la Loba andanzas/ por Germade y por Cospeito/ por Muras y Santaballa./ Cometió robos y crímenes/ vivió en el monte escondida/ hasta que un día quedó / su banda disminuida./ Pepa vivió con un hombre/ que por marido trataba/ en una casa en Roupar/ que está cerca de Villalba./ Allí moriría un día/ en la abejera instalada/ viuda y cuidando a un hijo/ y no se supo más nada"[46]
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Xermade véxase: Lugares de Xermade.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.