From Wikipedia, the free encyclopedia
O termo besante (do francés antigo: besant) utilizouse en Europa Occidental durante a Idade Media, sobre todo entre os séculos X e XIII, para designar varias moedas de orientais e da área mediterránea, de ouro (e máis raramente de prata), derivadas do sólido do Imperio Romano e do nomisma bizantino.[1][2]
A partir deste uso, posteriormente deu lugar tamén á denominación dun tipo de figuración heráldica.[3]
A palabra é unha evolución do grego Βυζάντιον (Byzantion; "Bizancio", antigo nome de Constantinopla, a capital do Imperio bizantino), chegada a nós a través da expresión latina Byzantius nummus ("moeda de Bizancio") [4]
As primeiras moedas ás que se lles aplicou esta denominación foron as de ouro emitidas polo propio Imperio Bizantino, é dicir, o nomisma e, xa a partir do século XI, o hyperpyron. Máis adiante, o termo ampliouse aos dinares dos califatos islámicos cuñados sobre a base daquelas moedas, sobre todo ata o século XIII, aínda que a denominación se mantivo posteriormente durante séculos como unidade de conta.[5][6] Entre 1130 e 1140, os Estados croatas, que ata daquela emitiran moedas non distinguibles dos dinares, comezaron a emitir tamén besantes, máis lixeiros e con menor cantidade de ouro cós dinares.[7]
Pola súa vez, ás moedas de ouro emitidas polo Reino de Xerusalén e o Condado de Trípoli denominóuselles "besantes sarracenos", xa que estaban concibidas a partir do dinar.[8][9]
Marco Polo usou o termo besante no rexistro das súas viaxes pola Asia oriental, cando describiu as moedas do Imperio Yuan en torno ao ano 1300. As súas descricións baseábanse na equivalencia de 1 besante = 20 groats = 133⅓ torneses.[10] Tamén no manual dos comerciantes italianos Pratica della mercatura, de Pegolotti (ca. 1340) se usa esta denominación (na súa forma bisant) para as moedas de ouro do Norte da África, Chipre, Armenia e Tabriz (o actual acerbaixán iraniano).[11]
Paralelamente a estas moedas de ouro, coñécese tamén como besante ou "besante branco" a moeda de prata ou de electro emitida polo Reino de Chipre e baseada no aspron trachy bizantino.[12]
En heráldica, coñécese como besante unha figura circular de cor dourada, en referencia ao sentido orixinal da palabra como designación monetaria. Como moitas figuras heráldicas, a do besante orixinouse durante os tempos das cruzadas, cando os cabaleiros europeos occidentais tomaron contacto por primeira vez coas moedas de ouro bizantinas.[13][14]
Durante a cuarta cruzada, a cidade de Constantinopla foi saqueada polos exércitos de Occidente e entre os botíns dos soldados necesariamente había importantes cantidades de besantes. Este evento tivo lugar nos albores da adopción xeneralizada de armas por parte da clase cabaleiresca e, xa que logo, moitos destes cabaleiros retornados incorporaron os besantes nos seus brasóns.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.