Somalia británica
From Wikipedia, the free encyclopedia
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Somalia británica (en inglés, British Somaliland; en somalí Dhulka Biritishka ee Soomaaliya; en árabe, الصومال البريطاني), foi un protectorado británico situado na parte norte do chamado corno de África. Establecido en 1884, alcanzou a independencia o 1 de xullo 1960, integrándose coa Somalia italiana para formar a República Federal de Somalia (coñecida como Somalia). En 1991 proclamou unilateralmente a súa independencia, como Somalilandia, que non foi recoñecida polas institucións internacionais, pero varios países próximos, como Djibuti, manteñen con ela relacións diplomáticas.
British Somaliland (en) | |||||
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Capital | Berbera (pt) Hargeisa | ||||
Poboación | |||||
Lingua oficial | lingua inglesa Lingua somalí | ||||
Relixión | Islam | ||||
Xeografía | |||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Creación | 1884 | ||||
Disolución | 26 de xuño de 1960 | ||||
Sucedido por | Estado da Somalilândia (pt) | ||||
Moeda | rupia | ||||
A Somalia británica estaba limitada:
A súa extensión territorial era de aproximadamente 178 000 km2.[1]
Os habitantes do territorio eran inicialmente nómades na súa totalidade.[2]
Durante o dominio británico apareceron e desenvolvéronse algunhas poboacións: Berbera contaba cuns 30 000 habitantes en 1921; Zeila, 7 000 e Bulhar, 7 300.[1]
O territorio exportaba produtos gandeiros (peles e coiros, gando vacún, lanar e caprino) e materias de orixe vexetal (goma arábiga e resinas, especias).[2]
As importacións incluían arroz, dátiles, azucre e produtos téxtiles.[1]
O principal porto da Somalia británica era Berbera. O porto de Zeila foi perdendo tráfico pola competencia do de Djibuti, que tiña liña férrea con Adís Abeba.[2]
Os transportes no interior realizábanse con camelos, e máis tarde tamén con automóbiles.[1][2]
Cara a 1923 había estaciones radiotelegráficas en Berbera, Burao, Hargeisa, Zeila e Los Khorai. Tamén se contaba con 73 km de liñas telegráficas.[1] En 1958 había instalados no territorio 420 teléfonos, repartidos en Hargeisa, Berbera e Burao; a rede de estradas ascendía a 4 000 km, que podían quedar inutilizados polas chuvias; e había un enlace aéreo con Adén.[3]
En 1923 tan só había unha escola no territorio, con 48 alumnos.[1] En 1958 había 37 escolas elementais, unha para europeos (40 alumnos), 9 intermedias (952), unha secundaria (81), outra profesional (22) e 120 escolas musulmás con 2 750 alumnos.[3]
A moeda era, até 1941, a rupia da India británica.[1] Ese ano o protectorado incorporouse ao East African Currency Board, creado en 1919, e a súa moeda pasou a ser o xilin de África Oriental, aínda que até o 1 de outubro de 1951 continuou circulando a rupia india.[4]
O protectorado estaba administrado por un gobernador que tamén exercía como comandante en xefe. As forzas armadas incluían 400 cameleiros (o Camel Corps) e 500 membros da policía.[1]
Administrativamente o protectorado dependeu de diferentes organismos. Inicialmente dependeu da India, até 1898, como parte de Adén.[5] En 1905 quedou suxeito ao Secretario de Estado para as Colonias.[1] En 1941 pasou a depender do ministerio da Guerra.[6] En 1948 o territorio pasou de novo ao departamento de Colonias.[7]
O territorio dividíase en tres distritos.[1]
En 1949 un estudo levado a cabo para a Sección de Estudos Africanos da Oficina Colonial chegou á conclusión de que era conveniente crear consellos tribais e municipais. Existía o problema da falta de elites locais e da tradición dunha autoridade indíxena vinculante. Pese a todo, en 1951 creáronse os consellos de distrito, e o 1 de abril de 1953 formáronse os consellos locais de Berbera e Hargeisa.[8]
O gobernador británico era a máxima autoridade lexislativa e executiva. Había un consello de anciáns e funcionarios que se reunía dúas veces ao ano e cuxa función era de asesoramento.[9]
A mediados do século XIX, Francia, Italia, Gran Bretaña, Exipto e Abisinia interesáronse pola península Somalí.
En 1839 os británicos estableceron unha estación de carboneo en Adén, na costa arábiga fronte a Somalia, como apoio para as súas rotas cara á India. Para abastecer a gornición contaban con subministracións de gando desde a costa somalí.
En 1862, os franceses establecéronse en Obock, no que despois sería a Somalia francesa, e os italianos fixeron o mesmo en 1869 en Assab, que posteriormente formaría parte da Eritrea italiana.[7]
Os portos de Zeila[10] e Berbera foron conquistados por Exipto en 1875. Aínda que protestou pola ocupación exipcia, Gran Bretaña considerouna inicialmente como unha forma de evitar que o territorio pasara a mans doutra potencia europea, pero cando as revoltas no Sudán Anglo-Exipcio puxeron a Exipto nunha situación difícil, o Reino Unido decidiu facerse cargo deses portos,[7]
Para iso, en 1888, tras a sinatura en 1883[10] e 1884 de varios tratados cos entón gobernantes da zona, os sultáns somalís, como Mohamoud Ali Shire, do Sultanato de Warsangali, ese territorio pasou a control británico,[11] de maneira que nese ano de 1888 se creou o protectorado (Somaliland Protectorate).[1][12]
Entre 1901 e 1920 o territorio foi atacado polos dervixes do interior. O seu líder somalí, o relixioso e militar nacionalista Sayyid Muhémmad Abd-Al'la al-Hassan ou Mohammed Abdullah Hassan (1856-1920), chamado polos británicos "o mulá tolo" (Mad Mullah),[13] instaurou o Estado dos dervixes, un reino no interior dos territorios somalís, sen límites definidos, e mantivo durante vinte anos unha guerra antiimperialista contra italianos e británicos. Sayyid Muhámmad foi un dos primeiros exemplos de enfrontamento entre a sharia ou lei islámica e a sheer ou costume tradicional somalí.[1][13]
Este enfrontamento produciuse por primeira vez polo caso de Nuurayn Axmed Sabr, un xeque ahmadiya e home piadoso que foi nomeado cadí (xuíz) da cidade de Baraawa, na costa de Benadir, polo sultán de Zanzíbar Sayyid Barghash, e no seu cargo opúxose ao costume de excluír ás mulleres da herdanza; o cadí foi deposto polos líderes locais, pero foi confirmado máis tarde polos ulemas de Zanzíbar, que o recoñeceron como un xuíz competente.[13] Entre 1914 e 1915 as tropas do maior T. A. Cubitt infrinxiron fortes perdas aos dervixes, pero non foi até 1920 que estes foron finalmente derrotados pola intervención da Royal Air Force. O mulá fuxiu a Imi e faleceu allí en xaneiro de 1921.[2][13]
Durante a segunda guerra mundial, na Campaña de África Oriental, o protectorado foi ocupado por Italia en agosto de 1940, pero recapturado polos británicos en marzo de 1941.[14]
A defensa británica contaba coa gornición local (Camel Corps) e o Corpo de policía, aos que se engadiron outras forzas, como o rexemento King's Rifles e tropas procedentes da India e de Rodesia. Tamén contaban con forzas aéreas e se apoiaban en fortificacións semipermanentes cuxa construción, iniciada en 1936, obedecía á protección dos accesos a Berbera. En total había 25 000 efectivos para a defensa.
Os italianos contaban con cinco brigadas coloniais reforzadas con carros de combate medios e lixeiros, camisas negras e tropas indíxenas. Os italianos cruzaron a fronteira o 3 de agosto, e o 19 caeu Berbera, última praza en poder dos británicos.[15]
O Reino Unido recuperou o territorio no marco da ocupación da África Oriental Italiana. O 15 de marzo de 1941 producíronse desembarcos de tropas indias, somalís, árabes e británicas. O día 16 tomaron Berbera, co que recuperaron o protectorado.[15]
O 29 de novembro de 1954 asinouse un acordo entre os gobernos británico e etíope polo cal o distrito de Haud era devolto a Etiopía. Este territorio formaba parte do protectorado británico en virtude do acordo de 1897, que estipulaba que Etiopía podía reclamalo e a Gran Bretaña debería cedelo nese caso. En xaneiro de 1955 fíxose público o acordo, creando malestar entre a poboación somalí, que usaba o territorio como zona de pasteiros estacionais. As reaccións foron en ocasións violentas. En 1956 os somalís intentaron que se presentase a cuestión de Haud nas Nacións Unidas e perante o Tribunal Internacional de Xustiza. O prestixio da potencia colonial no protectorado foi decaendo e, en xaneiro de 1956, unha delegación somalí visitou o ministerio de Colonias e expresou o seu desexo de que o territorio se unira á Somalia Italiana, daquela baixo administración fiduciaria por mandato da OUN. Cando en maio o subsecretario de Colonias, Alan Lennox-Boyd, visitou o territorio, prometeu melloras económicas e culturais encamiñadas a unha futura independencia, aínda que non dixo que esta fora xunto coa parte italiana.[9]
En febreiro de 1959, Lennox-Boyd visitou Hargeisa, onde ademais de prometer cambios institucionais, anunciou a posibilidade de que se iniciaran negociacións para a emancipación do territorio. Estas desenvolvéronse nos primeiros meses de 1960.[16]
O protectorado británico accedeu á independencia o 26 de xuño de 1960, mentres que o italiano facíao o 1 de xullo. Inmediatamente ambos os países uníronse baixo a constitución do 1 de xullo de 1960, que contemplaba institucións comúns para un único estado, que se denominaría Somalia, por exemplo 33 membros do parlamento representarían o territorio antes británico, e 88 á parte ex italiana.[17]
Despois do derrocamento do goberno central de Somalia en 1991, a antiga Somalia británica declarou a súa independencia (non recoñecida) en maio de 1991 como a República de Somalilandia.[18]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.