Selección sexual
From Wikipedia, the free encyclopedia
A selección sexual é un modo de selección natural que comprende dous aspectos: a elección polos membros dun dos sexos de compañeiros do outro sexo para aparearse con eles (selección intersexual), e a competencia entre individuos do mesmo sexo polo acceso a membros do outro sexo (selección intrasexual). Estas dúas formas de selección significan que algúns individuos teñen un mellor éxito reprodutivo que outros nunha poboación, ou ben por ser máis atractivos ou por preferir parellas máis atractivas para producir a súa descendencia.[1][2] Por exemplo, na estación reprodutora a selección sexual nas ras ocorre ao xuntárense primeiro os machos na beira da auga e emitiren as súas chamadas de apareamento croando. As femias chegan despois e elixen os machos con chamadas máis potentes e mellores territorios. Xeneralizando, os machos benefícianse de apareamentos frecuentes e de monopolizar o acceso a un grupo de femias fértiles. As femias como teñen un número limitado de descendencia maximizan o retorno de enerxía que investen na reprodución.
O concepto foi articulado por primeira vez por Charles Darwin e Alfred Russel Wallace que a describiron como un proceso que leva á especiación, mediante o cal en moitos organismos evolucionaron características cuxa función era deletérea para a súa supervivencia individual,[3] e despois desenvolveuna Ronald Fisher a principios do século XX. A selección sexual pode levar xeralmente aos machos a que extremen os esforzos para demostrar a súa fitness para que os escollan as femias, producindo un dimorfismo sexual en características sexuais secundarias, como os adornos na plumaxe das aves como as aves do paraíso e pavos reais, ou as cornamentas de cervos, ou as melenas dos leóns, causado por un mecanismo de retroalimentación positiva coñecido como descontrol fisheriano (Fisherian runaway), no que a herdanza nun dos sexos do desexo dun trazo no outro sexo é tan importante coma que o outro sexo teña ese trazo para producir o efecto de descontrol (runaway). Aínda que a hipótese do fillo sexy indica que as femias preferirían descendencia masculina, o principio de Fisher explica por que a proporción de sexos é 1:1 case sen excepción. A selección sexual tamén se dá en plantas e fungos.
O mantemento da reprodución sexual nun mundo altamente competitivo é un dos grandes enigmas da bioloxía porque a reprodución asexual pode producir descendencia moito máis rapidamente que a sexual, xa que se evita producir un 50% de machos na descendencia, os cales son incapaces de producir descendencia por si mesmos. Porén, investigacións publicadas en 2015 indican que a selección sexual pode explicar a persistencia da reprodución sexual.[4]