composto químico From Wikipedia, the free encyclopedia
A secretina é unha hormona que controla as secrecións no duodeno, e tamén a homeostase da auga (osmorregulación) no organismo. Prodúcena as células S do duodeno situadas nas criptas de Lieberkühn.[1] Actúa regulando o pH do contido duodenal por medio do control da secreción de ácido gástrica e o tamponamento con bicarbonato procedente das células centroacinares do páncreas e dos condutos intercalados. É famosa por ser a primeira hormona que foi identificada.[2] Nos humanos a secretina está codificada polo xene SCT.[3][4]
Recentemente descubriuse que xoga tamén un papel na osmorregulación no hipotálamo, hipófise, e riles.[5][6]
En 1902, William Maddock Bayliss e Ernest Starling estaban estudando como o sistema nervioso controla o proceso da dixestión.[7] Sabíase que o páncreas segregaba zumes dixestivos en resposta ao paso de alimento (quimo) ao duodeno a través do esfínter pilórico. Ao cortaren todos os nervios do páncreas en animais experimentais, descubriron que este proceso non estaba en realidade controlado polo sistema nervioso. Determinaron que existía unha substancia segregada polo revestimento intestinal que estimulaba ao páncreas e era transportada por vía sanguínea. Denominaron a esta secreción secretina. Deste modo, a secretina foi o primeiro "mensaxeiro químico" identificado. Este tipo de substancias chamámolas hoxe hormonas, termo acuñado por Bayliss en 1905.
A secretina sintetízase inicialmente como unha proteína precursora de 120 aminoácidos. Este precursor consta das seguintes partes: un péptido sinal N-terminal, un tramo espazador, a secretina propiamente dita (residuos 28–54), e un péptido C-terminal de 72 aminoácidos.[3]
A secretina madura é unha hormona peptídica linear de 27 aminoácidos e un peso molecular de 3055 d. Entre os aminoácidos 5 e 13 fórmase unha hélice. A secuencia de aminoácidos da secretina ten algunhas semellanzas coas do glicagón, péptido intestinal vasoactivo (VIP), e polipéptido inhibidor gástrico (GIP). Dos 27 aminoácidos da secretina, 14 están situados na mesma posición cós do glicagón, 7 na mesma cós do VIP, e 10 na mesma cós do GIP.[8]
A secretina tamén ten un aminoácido carboxilo terminal amidado, que é a valina.[9] A secuencia de aminoácidos da secretina é:
A secretina sintetízase polas células S, formando gránulos citoplasmáticos secretorios, Estas células atópanse maiormente na mucosa do duodeno, e en menores cantidades no xexuno do intestino delgado.[10]
A secretina libérase na circulación sanguínea e/ou na luz intestinal en resposta aos pH duodenais baixos (ácidos) entre 2 e 4,5 dependendo da especie.[11] Ademais, a secreción de secretina vese incrementada pola presenza no tramo inicial do intestino delgado de produtos da dixestión das proteínas.[12]
Esta acidez débese ao ácido clorhídrico no quimo que entra no duodeno procedente do estómago ao abrirse o esfínter pilórico. A secretina actúa sobre o páncreas, facendo que este órgano segregue un fluído rico en bicarbonato, que se verte no intestino. O ión bicarbonato é unha base que neutraliza a acidez, establecendo dese modo un pH favorable para a acción doutros encimas dixestivos no intestino delgado e impedindo danos por un exceso de acidez [13] Outros factores que están tamén implicados na liberación de secretina son os sales biliares e os ácidos graxos, que fan que se engada máis bicarbonato ao intestino delgado.[14] A liberación de secretina é inhibida por antagonistas H2, que reducen a secreción ácida gástrica. Como resultado disto, se o pH no duodeno sobe de 4,5, a secretina non pode ser liberada.[15]
A secretina incrementa a secreción de solución de bicarbonato no epitelio do conduto pancreático e biliar. As células centroacinares pancreáticas teñen receptores de secretina na súa membrana plasmática. Cando a secretina se une a eses receptores, estimula a actividade da adenilato ciclase, que converte o ATP en AMPc.[16] O AMPc actúa como un segundo mensaxeiro na transdución de sinais intracelular e orixina un incremento na liberación da solución acuosa de carbonato. Tamén promove o crecemento normal e o mantemento do páncreas.
A secretina incrementa a secreción de auga e bicarbonato nas glándulas de Brunner duodenais para tamponar os protóns procedentes do quimo.[17] Tamén amplifica os efectos da colecistoquinina sobre a indución da secreción de encimas dixestivos e bile por parte do páncreas e vesícula biliar, respectivamente.
Contrarresta os picos de concentración de glicosa sanguínea que se producen despois da inxestión de glicosa ao causar un incremento na liberación de insulina polos illotes de Langerhans do páncreas.[18]
Aínda que a secretina libera gastrina nos casos de gastrinoma, no estómago normal inhibe a liberación de gastrina. Reduce a secreción ácida no estómago ao inhibir a liberación de gastrina polas células G.[19] Isto axuda a neutralizar o pH dos produtos dixestivos que entran no duodeno desde o estómago, xa que os encimas dixestivos procedentes do páncreas (como a amilase pancreática e a lipase pancreática) funcionan optimamente a pH básicos [20].
Ademais, a secretina estimula a secreción de pepsinóxeno nas células principais, o que axuda á dixestión das proteínas dos alimentos. Tamén estimula a liberación de glicagón, polipéptido pancreático e somatostatina.[11]
A secretina foi moi usada en medicina especialmente para as probas de funcionamento do páncreas, porque incrementa as secrecións pancreáticas. A secretina pode inxectarse[21] ou administrarse por un tubo que se introduce polo nariz, e chega ao duodeno.[22] Esta proba pode proporcionar información sobre se existen ou non anomalías no páncreeas, como gastrinoma, pancreatite ou cáncer pancreático.
A secretina foi proposta como un posible tratamento para o autismo bseándose nunha hipotética conexión intestino-cerebro, pero aínda non hai evidencias que apoien a súa efectividade.[23]
A secretina modula o transporte de auga e electrólitos nas células do conduto pancreático,[24] nos colanxiocitos do fígado,[25] e nas células epiteliais do epididídimo.[26] Descubriuse ademais recentemente que ten un papel na regulación independente da vasopresina da reabsorción renal de auga.[5]
A secretina pode atoparse no hipotálamo e neurohipófise, porque cando se incrementa a osmolaridade é liberada pola neurohipófise. No hipotálamo activa a liberación de vasopresina.[6]
Suxeriuse que as anormalidades en dita liberación neurosecretora de secretina poderían explicar as anormalidades que están na base da síndrome de hipersecreción inadecuada de hormona antidiurética de tipo D (SIADH).[6] Nos individuos con este cadro, a liberación e resposta da vasopresina son normais, aínda que se presenta unha expresión renal anormal ou translocación de acuaporina 2, ou ambas as dúas.[6]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.