From Wikipedia, the free encyclopedia
O schottische, schotis ou chotis, entre outros nomes, é un tipo de composición e baile tradicional que se orixinou no século XIX e que aparentemente se orixinou en Bohemia.[1]
Foi popular nos salóns de baile da época vitoriana como parte da moda do baile popular bohemio e deixou as súas pegadas na música folk de países e rexións do mundo, incluíndo Europa, América Latina e partes de Asia.[2]
O paso básico schottische está formado por dous pasos laterais á esquerda e á dereita, seguidos dun xiro en catro pasos.[3] En varios países, os pasos laterais e os xiros son substituídos por pasos de salto de Strathspey.[4]
O schottische é considerado por The Oxford Companion to Music como unha especie de polca máis lenta, con orixe continental-europea.[5]
Os schottisches bailados en Europa, onde se orixinaron, son diferentes de como se bailan nos Estados Unidos. A versión europea (ou continental), moitas veces chamada "skoteesh", adoita bailarse con música máis rápida e é bastante restrinxida nos seus movementos. A versión estadounidense adoita ser máis "aberta", coa primeira parte expresada por paseos, xiros individuais ou movementos similares, e a segunda parte máis frecuentemente expresada como un pivote próximo.
O nome "Schottisch" é alemán e significa "escocés",[6] pero, curiosamente, non se orixinou en Escocia, aínda que foi logo introducido alí como danza no mesmo século XIX. Estendeuse rapidamente a lugares de Arxentina, Finlandia, Francia, Italia, Noruega, Portugal, Brasil, España, Suecia, Dinamarca, México ou os Estados Unidos, entre outros Estados nación actuais.
Na República Checa, actual Estado onde se sitúa a orixe probábel da danza, tamén era coñecida como "Šotyš".[7] Báilase nas súas variantes folclóricas máis tradicionais como danza de exhibición, e tamén na escena balfolk.
É coñecido noutras linguas con outros nomes derivados, como chotis (termo aceptado en galego),[8][9] schotis,[10] schottis,[11] xote ou xótis,[12] chotiça,[13] shodish, sciortis, sciotzè, sòtis etc. e variantes da mesma música e danza como chamamé,[14] jenkka (letkajenka, letkiss),[15] o norteño mexicano, ou directamente como variacións da polca (Bayrisch-Polka, polka tremblante ou "tramblanka" en Polonia, polca lenta en Chile etc.).[16]
A pesar do seu nome, o Schottisch non se orixinou en Escocia. Créese que a danza foi introducida nas illas británicas, onde se tornaron moi populares despois de fusionarse con outras variantes, desde a Europa continental arredor do século XIX.[17]
En Alemaña e Austria, coñecéronse variantes como o Rheinländer ou o Bayrisch-Polka. En Madrid, a danza converteuse no popular "chotis", un símbolo da cidade.[18] Algunhas das melodías, como "Madrid, Madrid, Madrid" do compositor mexicano Agustín Lara, foron moi coñecidas, e os autores das zarzuelas[19] crearon unha serie de novos chotis.[20]
En Irlanda está intimamente relacionado co tipo de melodía highland, aínda que posúe proporcións máis altas de negras.[21] O chamado "schottische alemán" ou só "alemán" (Gearmáinis) foi popular en Donegal e na diáspora irlandesa, especialmente Filadelfia. Tamén coñecido como "barn", é un baile a dúas mans con melodías que rematan cada frase de oito compases con tres negras lixeiramente acentuadas. No sur dos Estados Unidos a principios do século XX o schottische combinouse co ragtime; o "ragtime schottische" máis popular da época foi "Any Rags" de Thomas S. Allen en 1902. En Nova Orleans, a banda de Buddy Bolden e outros grupos de proto-jazz eran coñecidos por tocaren schottisches. En Australia houbo compositores destas danzas, como Christian Helleman e Henry Marsh.
En Escocia, o Highland Schottische[22] combina elementos do schottische tradicional co reel, con dúas formas principais. Ambas teñen un ritmo parecido á polca, asociadas ás melodías "Brochan Lom" e "Laddie With the Plaidie". Na versión máis popular de céilidh, acompañada de exclamacións, o home sitúase á esquerda, a muller á dereita, e únense coas mans esquerdas, co brazo dereito do home no ombreiro da muller. Comezan con pasos de Highland antes de avanzar e pivotar, e rematan con saltos e xiros. Unha variante coñecida como peacock dance "danza do pavo real", popular en Argyll nos anos 1920 e 30, destacaba os pasos do home. Nunha versión simplificada non se require a unión de mans, pero os bailaríns sostéñense mutuamente co brazo ao redor da cintura.
O Schottisch viaxou a Iberoamérica coas vagas migratorias europeas, onde foi adaptado e modificado de acordo coas tradicións locais. En México, por exemplo, é tocado en diferentes rexións, particularmente no norte do país (chamado norteño), con instrumentos tradicionais como o acordeón.[23] En Arxentina, introducida por inmigrantes alemáns do Volga e derivado en chotis e chamamé, en Uruguai e en Chile, a danza foi introducida no século XIX e tamén foi adaptada á música local.[24]
En Portugal, unha forma de schottische chamada xoutiça, xote, xótis, chótis ou pisadinha[25] quedou moi estandarizada para exhibicións de folclore. As parellas, formando círculos de 4, 6 ou 8, danzan abrazadas e xirando en conxunto. Posteriormente, cruzan no centro do círculo e, após varios cruces, agrúpanse no centro. Todos os movementos son executados en parella, sen intercambiar de compañeiro.[26]
No Brasil, o xote desenvolveuse en gran medida na zona nordeste, especialmente no Sertão, onde creou variacións como baião e arrasta-pé, que adoitan agruparse na denominación de forró. Todos estes ritmos son típicamente bailados por parellas, sendo xote o estilo de baile máis lento e sinxelo, no que a parella alterna pasos esquerda-esquerda-hop-dereita-dereita-hop.
Aínda que Galiza non ten unha tradición específica do Schottisch, a presenza da polca é moi significativa no país. Diversas polcas, máis lentas ou máis animadas, tiveron ampla presenza música tradicional galega e de folk con numerosos grupos e artistas incorporando este ritmo nas súas composicións. Artistas e grupos tradicionais galegos, como Milladoiro, Luar na Lubre, Susana Seivane, Matto Congrio e moitos outros teñen nas súas discografías mostras de polcas, lentas ou rápidas,[27][28][29][30][31][32] e o Schottish ou polca lenta é ás veces incluído en eventos temáticos de danza.[33][34]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.