![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/6/66/Centipede.jpg/640px-Centipede.jpg&w=640&q=50)
Quilópodos
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os quilópodos[1] (Chilopoda) ou cempés[2] son unha clase taxonómica de artrópodos do subfilo dos miriápodos. Son animais alongados metaméricos formados por moitos segmentos, cun par de patas por cada segmento corporal. Os cempés son moi velenosos e adoitan inxectar veleno paralizante. Malia o seu nome, teñen un número de patas variable segundo a especie, que vai de 30 a 354 e non hai ningún que teña xusto 100. O seu número de pares de patas sempre é impar (as patas totais son pares).[3][4][5] Un trazo clave común ao grupo é ter na cabeza un par de "uñas" velenosas chamadas forcípulas, formadas a partir dos primeiros apéndices modificados. Son predominantemente carnívoros.[6]:168
Cempés Rango fósil: Silúrico tardío-Actual (desde hai 418-0 millóns de anos) | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() Scolopendra sp. (Scolopendromorpha: Scolopendridae) | |||||||||
Clasificación científica | |||||||||
| |||||||||
Ordes e Familias | |||||||||
|
O seu tamaño vai desde poucos milímetros nos litobiomorfos e xeofilomorfos máis pequenos a uns 30 cm nos maiores escolopendromorfos. Poden encontrarse nunha ampla variedade de ambientes. Normalmente teñen unha coloración apagada na que se combinan tons marróns e vermellos. Os que son cavernícolas e subterráneos poden carecer de pigmentación, e moitos escolopendromorfos tropicais teñen cores rechamantes aposemáticas.
En todo o mundo estímase que hai unhas 8.000 especies,[7] das cales só 3.000 foron xa descritas taxonomicamente. Os cempés teñen unha ampla distribución xeográfica, e mesmo se atopan alén do Círculo polar ártico.[6] Viven en hábitats terrestres moi diversos, desde o bosque tropical a desertos. Neses hábitats os cempés necesitan un microhábitat húmido porque carecen da cutícula cerosa dos insectos e arácnidos, polo que poden perder auga rapidamente.[8] En consecuencia, encóntranse en solos e na capa de follas caídas, baixo pedras e madeira morta e dentro de troncos. Os cempés están entre os maiores invertebrados terrestres predadores e adoitan contribuír significativamente á biomasa deste tipo de animais nos ecosistemas trrestres. Só unha especie, Scolopendra cataracta, é anfibia e crese que caza invertebrados acuáticos ou anfibios.[9]