From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha placa de ágar é unha placa de Petri que contén un medio de cultivo formado por ágar e nutrientes, que se utiliza para o cultivo de microorganismos, principalmente bacterias, ou de pequenas plantas como certos brións da especie Physcomitrella patens.
Ao medio de cultivo poden engadirse tamén compostos para o crecemento selectivo, como antibióticos.[1]
As células de microorganismos forman na placa colonias, que é o que se ve a simple vista na placa. Cada colonia é un clon xenético idéntico ao do organismo inicial que foi sementado nesa zona da placa (agás casos raros de mutacións, que o fagan cambiar). Deste modo a placa pode usarse para estimar a concentración de organismos nun cultivo microbiolóxico líquido ou nunha dilución axeitada dese cultivo usando un contador de colonias, ou tamén para xerar cultivos xeneticamente puros a partir de cultivos mixtos de organismos xeneticamente diferentes, usando unha técnica coñecida como "sementeira por estrías". Nesta técnica, ríscase sobre a superficie do ágar cunha asa de sementeira (ou inoculador) inicialmente estéril, que recolleu unha pinga dun cultivo no seu extremo. Ao facermos este riscado van quedando nas estrías microorganismos, que orixinarán colonias; quedan un gran número de microorganismos nas primeiras estrías e poucos nas últimas. Chegado a certo punto durante unha "sementeira" exitosa, o número de microorganismos depositados será tan pequeno que se formarán colonias individualizadas nesa área, que poden ser despois retiradas para pasalas a outros cultivos usando outra asa de sementeira estéril.[1]
En 1881, Fanny Hesse, que traballaba como técnica para o seu marido no laboratorio de Robert Koch, suxeriu que o ágar era un axente efectivo para a implantación de cultivos bacterianos, xa que se levaba utilizando na fabricación de confituras desde había certo tempo.[2]
Igual que noutros medios de cultivo, as formulacións de ágar utilizadas nas placas poden clasificarse como "definidas" ou "non definidas". Os medios definidos prepáranse cos compostos químicos requiridos polo organismo dos cales se coñece a súa composición molecular exacta, mentres que os medios non definidos prodúcense a partir de produtos naturais como pode ser o extracto de lévedo, dos que non se coñece a composición química precisa.[3]
As placas de ágar poden formularse para que sexan placas permisivas, nas cales se pretende que crezan todos os tipos de organismos que estean presentes, ou restritivas ou selectivas, nas que se pretende que só creza un determinado tipo de organismos.[4] O medio selectivo pode conter un requirimento nutricional, como por exemplo, un determinado composto como a lactosa, que funciona como única fonte de carbono, e así selecciónanse só organismos que poden metabolizar ese composto, ou tamén pode incluír un determinado antibiótico ou outra substancia para que se seleccionen só aqueles organismos que son resistentes aos antibióticos ou a esa substancia. Isto está correlacionado en certa medida cos medios definidos e non definidos; os medios non definidos, ao estaren feitos de produtos naturais e conteren unha combinación descoñecida de moitas moléculas orgánicas, son tipicamente máis permisivos en canto a que cobren as necesidades dunha ampla variedade de organismos, mentres que os medios definidos poden ser deseñados con precisión para seleccionar organismos con determinadas características.
As placas de ágar poden ser tamén placas indicadoras nas cales os organismos non se seleccionan polo seu crecemento nelas, senón por un cambio de cor nalgunhas colonias, xeralmente causado pola acción dun encima sobre determinados compostos engadidos ao medio.
Algunhas placas de ágar usadas comunmente son:
As placas de ágar sangue (BAP polas súas siglas en inglés) conteñen sangue de mamífero (xeralmente de ovella ou cabalo), normalmente a unha concentración de 5–10%. Son medios enriquecidas e diferenciais usados para illar os organismos esixentes e detectar a actividade hemolítica. A actividade β-hemolítica produce a lise e completa dixestión do contido dos glóbulos vermellos que rodean á colonia. Exemplo de bacteria β-hemolítica é Streptococcus haemolyticus. A α-hemólise só lisa parcialmente a hemoglobina (as células son lisadas ou non, e a dixestión é incompleta) e aparecen verdes ou castañas (debido á conversión de hemoglobina en metahemoglobina). Un exemplo deste tipo é Streptococcus viridans. A γ-hemólise (propia dun organismo non hemolítico) refírese á falta de actividade hemolítica. Contén extracto de carne, triptona, cloruro de sodio, e ágar.
O ágar chocolate (CHOC) é un tipo de placa de ágar sangue na cal as células sanguíneas foron lisadas ao quentar as células a 56 °C. O ágar chocolate utilízase para cultivar bacterias respiratorias esixentes, como Haemophilus influenzae. O nome de chocolate débese á cor que adquire o sangue da placa ao quentalo, pero non contén chocolate.
Ágar sangue de cabalo (HBA polas súas siglas en inglés) é un tipo de medio de cultivo microbiolóxico enriquecido. Ao estar enriquecido permite o creecemento nel de certas bacterias esixentes, e serve para indicar a actividade hemolítica neses cultivos.
O ágar Thayer-Martin (TM) é un tipo de ágar chocolate deseñado para illar Neisseria gonorrhoeae.
O ágar sales-sacarosa tiosulfato-citrato-bile (TCBS polas súas siglas en inglés) potencia o crecemento de Vibrio spp., incluída Vibrio cholerae [5]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.