![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/93/Agar_plate_with_colonies.jpg/640px-Agar_plate_with_colonies.jpg&w=640&q=50)
Placa de ágar
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha placa de ágar é unha placa de Petri que contén un medio de cultivo formado por ágar e nutrientes, que se utiliza para o cultivo de microorganismos, principalmente bacterias, ou de pequenas plantas como certos brións da especie Physcomitrella patens.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/93/Agar_plate_with_colonies.jpg/320px-Agar_plate_with_colonies.jpg)
Ao medio de cultivo poden engadirse tamén compostos para o crecemento selectivo, como antibióticos.[1]
As células de microorganismos forman na placa colonias, que é o que se ve a simple vista na placa. Cada colonia é un clon xenético idéntico ao do organismo inicial que foi sementado nesa zona da placa (agás casos raros de mutacións, que o fagan cambiar). Deste modo a placa pode usarse para estimar a concentración de organismos nun cultivo microbiolóxico líquido ou nunha dilución axeitada dese cultivo usando un contador de colonias, ou tamén para xerar cultivos xeneticamente puros a partir de cultivos mixtos de organismos xeneticamente diferentes, usando unha técnica coñecida como "sementeira por estrías". Nesta técnica, ríscase sobre a superficie do ágar cunha asa de sementeira (ou inoculador) inicialmente estéril, que recolleu unha pinga dun cultivo no seu extremo. Ao facermos este riscado van quedando nas estrías microorganismos, que orixinarán colonias; quedan un gran número de microorganismos nas primeiras estrías e poucos nas últimas. Chegado a certo punto durante unha "sementeira" exitosa, o número de microorganismos depositados será tan pequeno que se formarán colonias individualizadas nesa área, que poden ser despois retiradas para pasalas a outros cultivos usando outra asa de sementeira estéril.[1]