Panxénese
From Wikipedia, the free encyclopedia
From Wikipedia, the free encyclopedia
A panxénese foi unha teoría defendida por Charles Darwin que propoñía un mecanismo hipotético para explicar a herdanza.[1] Darwin presentou esta "hipótese provisional" no seu libro de 1868 The Variation of Animals and Plants Under Domestication dicindo que reunía "unha multitude de feitos que quedaron actualmente desconectados por calquera causa eficiente'. A etimoloxía da palabra vén do grego pan (que significa "todo") e genesis ("nacemento") ou genos ("orixe"). A hipótese viuse que era incorrecta e foi finalmente substituída polas leis da herdanza mendeliana.
A teoría da panxénese, similar ás ideas de Hipócrates sobre este asunto, implicaban que todo o organismo completo de ambos os proxenitores participa na herdanza (de aí o prefixo pan) pero adaptándose á teoría celular. A maior parte do modelo de Darwin estaba baseado especulativamente na herdanza de diminutas partículas hereditarias que el chamou xémulas, que podían transmitirse de pais a fillos. Darwin enfatizou que só as células podían rexenerar novos tecidos ou xerar novos organismos. Propuxo que esas xémulas de tamaño atómico formadas polas células difundirían e agregaríanse nos órganos reprodutores.[2]
A hipótese da panxénese foi desenvolvida inicialmente polos antigos filósofos gregos como Hipócrates e Demócrito.[3] Darwin escribiu que a panxénese de Hipócrates era "case idéntica á miña (simplemente cambiando de termos) e unha aplicación a clases de feitos necesariamente descoñecidos polo vello filósofo."[4]
O historiador da ciencia Conway Zirkle sinalou:
A hipótese da panxénese é tan vella coma a crenza na herdanza dos caracteres adquiridos. Foi apoiada por Hipócrates, Demócrito, Galeno (?), Clemente de Alexandría, Lactancio, San Isidoro de Sevilla, Bartholomeus Anglicus, San Alberto Magno, San Tomé de Aquino, Pietro Crescenzi (?), Paracelso, Gerolamo Cardano, Levinus Lemnius, Venette, John Ray, Buffon, Bonnet, Maupertuis, von Haller e Herbert Spencer.[3]
Unha hipótese moi similar á panxénese de Darwin foi defendida polo naturalista francés Georges-Louis Leclerc, conde de Buffon, que desenvolveu a explicación dun sistema de herdanza.[5] Comentando o punto de vista de Buffon, Darwin indicou: "Se Buffon tivese asumido que as súas moléculas orgánicas eran formadas por cada unidade separada ao longo de todo o corpo, a súa visión e a miña terían sido moi similares."[3]
En 1801, Erasmus Darwin avogaba por unha hipótese da panxénese na terceira edición do seu libro Zoonomia.[6]
O físico irlandés Henry Freke no seu libro Origin of Species by Means of Organic Affinity (1861) desenvolveu unha variante da panxénese.[7]
En 1864, Herbert Spencer no seu libro Principles of Biology, propuxo uha teoría de "unidades fisiolóxicas". Estas unidades hereditarias hipotéticas eran similares ás xémulas de Darwin.[4]
A teoría da panxénese de Darwin era complexa xa que trataba de explicar o proceso de reprodución sexual, a transmisión dos trazos complexos e os fenómenos do desenvolvemento, como a rexeneración celular.[8][9]
Algunhas xémulas permanecían dormentes durante xeracións, mentres que outras eran rutineiramente levadas por toda a descendencia. El pensou nisto literalmente "case como se as xémulas fosen cartas no sistema postal". Cada neno era construído a partir dunha mestura das xémulas dos seus pais e avós procedentes de ambos os sexos. Darwin comparaba isto coa xardinería: un parterre de flores podía ser espolvoreada con sementes a "maioría das cales axiña xerminan, algunhas permanecen dormentes durante un período, mentres que outras perecen.".[11] Non afirmaba que as xémulas estivesen no sangue, aínda que a súa teoría era a miúdo interpretada así. Respondendo á revisión de Fleming Jenkin de On the Origin of Species, argumentou que a panxénese permitiría a preservación dalgunhas variacións favorables nunha poboación para que non se extinguisen por mestura.[12]
Hugo de Vries caracterizou a teoría en dúas proposicións, das cales só aceptaba a primeira:
A teoría da panxénese de Darwin foi criticada pola súa premisa lamarckista de que os proxenitores podían transmitir os trazos adquiridos durante as súas vidas. O lamarckismo deixou de aceptarse a partir das investigacións de August Weismann na década de 1880 que indicaban que os cambios relacionados con usar (como levantar pesos para incrementar a masa muscular) ou non usar (como ser preguiceiro e quedar esmirrado) non eran herdables.[14][15] Porén, algúns principios lamarckistas non foran aínda eneiramente desbotados daquela e algúns dos principios da panxénese de Darwin (a este respecto) relacionábanse cos aspectos herdables da plasticidade fenotípica, mentres que o status das xémulas fora firmemente rexeitado. O propio Darwin indicou que "a existencia de xémulas libres é unha asunción gratuíta"; nalgunhas interpretacións modernas, as xémulas poden ser consideradas unha clarividente mestura do ADN, ARN, proteínas, prións, e outros elementos móbiles que son herdables dunha maneira non mendeliana ao nivel molecular.[8][16][17]
O medio curmán de Darwin Francis Galton realizou investigacións de amplo rango sobre herdanza, que o levaron a refutar a teoría hipotética de Charles Darwin de panxénese. En consulta con Darwin, deseñou experimentos para ver se as xémulas eran transportadas polo sangue. Nunha longa serie de experimentos realizados de 1869 a 1871, transfundiu o sangue entre razas diferentes de coellos, e examinou as características da descendencia. Non atopou evidencias de caracteres transmitidos no sangue transfundido. (Bulmer 2003, pp. 116–118)
Darwin discutiu a validez dos experimentos de Galton, dando as súas razóns nun artigo publicado en 'Nature' onde escribiu: "Agora, no capítulo da Panxénese na miña Variation of Animals and Plants under Domestication, non dixen unha palabra sobre o sangue, ou sobre calquera fluído propio de calquera sistema circulatorio. É, abofé, obvio que a presenza de xémulas no sangue poden non formar parte necesariamente da miña hipótese; pois referinme para ilustrala aos animais inferiores, como os Protozoa, que non posúen sangue ou ningún vaso; e referinme ás plantas nas cales o fluído, cando está presente nos vasos, non pode considerarse verdadeiro sangue." Seguiu admitindo: "Non obstante, cando oín por primeira vez dos experimentos do Sr. Galton, non reflexionei dabondo no asunto, e non vin a dificultade de crer na presenza de xémulas no sangue."[18]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.