![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/0/04/O-Train.jpg/640px-O-Train.jpg&w=640&q=50)
Oscar Robertson
baloncestista estadounidense / From Wikipedia, the free encyclopedia
Oscar Palmer Robertson, nado o 24 de novembro de 1938 en Charlotte (Tennessee), é un ex xogador de baloncesto estadounidense afroamericano que destacou na NBA nos anos 60, xogando con Cincinnati Royals e Milwaukee Bucks.[1] Con 1,96 metros de estatura e 100 quilos de peso,[2] xogaba na posición de base. Foi doce veces All Star, nove veces incluído no mellor quinteto da liga, dous no segundo e unha vez nomeado Mellor Xogador da NBA, nas 14 tempadas que disputou como profesional. Foi o único xogador da historia en ter unha media de triplo-dobre ao longo dunha tempada,[3] e está considerado como un dos mellores e máis versátiles xogadores da historia da NBA. Foi coñecido co sobrenome de "The Big O" (O gran "O").[4]
Polos seus logros como xogador, Robertson foi incluído no Basketball Hall of Fame en 1980, e foi votado como un dos "cincuenta mellores xogadores da historia da NBA" en 1996.[5] A Asociación de Xornalistas de Baloncesto dos Estados Unidos decidiu usar o seu nome para renomear os premios ao mellor xogador do ano, reconverténdoo no "Oscar Robertson Trophy" en 1998. Ademais, foi unha das cinco persoas que inauguraron o Salón da Fama do Baloncesto Universitario en 2006.[6] Robertson tamén liderou a que se denominou Oscar Robertson suit, en 1970, un movemento sindical que impuxo á liga importantes reformas no que a axentes libres e regras do draft refírese, o que levou un aumento dos salarios dos xogadores.[4]