Os cregos na cultura popular galega
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os cregos, curas ou abades, na cultura popular galega, deron pé a abundante fraseoloxía impregnada, en boa parte dos casos, de certa retranca crítica e burlona en relación co seu comportamento sexual e a súa afección á boa mesa. En moitos casos, esa literatura popular nace dun mal disimulado anticlericalismo.
- Artigo principal: Sacerdote.
Así, Risco conta que a xente da aldea lles critica moito o seu suposto apego ó diñeiro, do que xorden comentarios como estes: "De que achegan o bico ó cáliz, xa non teñen quebradeiros de cabeza", ou que "o purgatorio fixérono os curas, para sacaren cartos con misas e responsos". Por esta causa foron un obxectivo preferente para as cuadrillas de ladróns que daban por suposto que agochaban unha fortuna nas súas casas.
Entre os mariñeiros era de mal agoiro falar a bordo de curas ou de raposas. Críase que con só mencionalos se aseguraba a falta de pesca ou mesmo un accidente; Eliseo Alonso aumenta a lista de temas vedados a cobras, zapateiros ou xastres. Asegúrase que ningún armador ou patrón levaría nunca un cura a bordo da súa barca, incluso cando non fosen a pescar [1].