orde de cabalaría fundada en 1430 polo duque de Borgoña e conde de Flandres, Filipe III de Borgoña. From Wikipedia, the free encyclopedia
A Orde do Vélaro de Ouro é unha orde de cabalaría fundada en 1430 polo duque de Borgoña e conde de Flandres, Filipe III de Borgoña.
Orde do Vélaro de Ouro Orden del Toisón de Oro (en castelán) | |
---|---|
Insignia da Orde española do Vélaro de Ouro. Fabricación recente, Cejalvo (Madrid). | |
Outorgada polo rei de España (rama española) e polo xefe da Casa de Habsburgo (rama austríaca) | |
Tipo | Orde dinástica de clase única Casa de Borbón (España) Casa de Habsburgo (Austria) |
Lema | Pretium laborum non vile («Non é mala recompensa polo traballo») Ante ferit quam flamma micet («Fere antes de que se vexa a chama») |
Gran mestre | Filipe VI de España (rama española) Carlos de Habsburgo-Lorena (rama austríaca) |
Estado | Actualmente en vigor |
Estadísticas | |
Establecida | En 1430 por Filipe III de Borgoña |
Precedencia | |
Seguinte menor | (en España, en orde xerárquica) Orde de Carlos III |
É unha das ordes de cabalaría máis prestixiosas e antigas de Europa, e está moi ligada á dinastía dos Habsburgo e ás coroas de España e Austria.
O Ducado de Borgoña foi converténdose, desde os tempos de Ricardo I no ano 880 até a chegada de Filipe III de Borgoña en 1419, nun territorio política e economicamente poderoso.
A partir de 1006, o Ducado foi un apanaxe (feudo concedido a un príncipe, para compensar o feito de que só o primoxénito herdaría a coroa) gobernado sucesivamente por dúas liñaxes de sangue real, os Capetos directos e os Valois, unha das ramas colaterais dos primeiros.
A importancia do Ducado comezou cando o 6 de setembro de 1363, o rei Xoán II de Francia cedeu en apanaxe a rica provincia de Borgoña ao seu fillo Filipe, a quen nomeou ao mesmo tempo primeiro par de Francia. Filipe non fixo público daquela os seus novos títulos, e exerceu as funcións de gobernador da Borgoña co título de duque de Turena —que recibira en 1360— até que, ao subir ao trono seu irmán máis vello, Carlos V, ratificou a doazón feita polo seu pai. Filipe tomou definitiva posesión do Ducado o 26 de novembro de 1364, reinando co nome de Filipe II de Borgoña, alcumado o Atrevido. O 19 de xuño de 1367 Filipe casou con Margarida de Flandres, filla do conde de Flandres Lois II e da súa esposa Margarida de Brabante.
Renovada a Guerra dos Cen Anos, o duque de Borgoña tomou o mando dun exército que o rei de Francia reunira en Normandía, e o opuxo ao que mandaba Xoán de Gante, primeiro duque de Lancaster. Durante a minoría de idad de Carlos VI Filipe III foi rexente de Francia. En 1382 socorreu ao conde de Flandres, seu sogro, sometendo aos flamengos rebeldes.
Á morte do seu pai, en 1384, Margarida converteuse en condesa palatina de Borgoña (non confundir co Ducado: era un dos Estados do Sacro Imperio Romano Xermánico, limítrofe co Ducado de Borgoña) e en condesa de Artois, de Flandees, de Rethel e de Nevers, importantes Estados que pasarían a formar parte do Ducado de Borgoña polo seu matrimonio con Filipe de Valois que, deste xeito, chegou a ser un dos príncipes cristiáns máis poderosos; concedeu aos seus novos vasalos, en 1385, canto estes lle pediron, asegurando o seu poder nos Países Baixos por un duplo matrimonio de seus fillos con príncipes da casa de Baviera, que posuían o Hainaut, Holanda e Zelandia.
Polo tanto, como consecuencia do matrimonio do duque Filipe II o Atrevido con Margarida de Flandres, os Valois-Borgoña deron tal extensión ás súas posesións nos Países Baixos entre 1363 e 1477 que fixo que pretenderan converter ao seu Estado borgoñón nun estado independente.
Grazas á súa riqueza e vasto territorio, o Ducado foi tanto política como economicamente moi importante. Tecnicamente eran vasalos do rei de Francia, pero os duques de Borgoña souberon manter unha política propia. O neto de Filipe II o Atrevido, fillo do duque Xoán Sen Medo, o duque Filipe III o Bo,[1] intentou facer do seu Estado borgoñón nun novo Estado, situado entre Francia e o Sacro Imperio, recuperando así o antigo reino da Lotarinxia, xurdido daa herdanza de Carlomagno.
Filipe III, mediante herdanza, compra ou conquista, foi incorporando ao seu poder os condados de Flandres, Artois, os ducados de Brabante, Luxemburgo e Limburgo, xunto aos feudos de Hainaut, Zelandia e Holanda. Por iso, Filipe III o Bo foi chamado tamén Gran Duque de Occidente.[1][2]
Era preciso crear unha institución para garantir a fidelidade dos grandes homes de todos estes territorios, a cambio de deixarlles participar na vida política. Inglaterra era aliada deste Ducado, e en 1422 Filipe III foi nomeado mimbro da Orde da Xarreteira, pero non aceptou esta orde para non indispoñerse co rei de Francia, Carlos VII de Valois.
Por iso, optou, o 10 de xaneiro de 1430, en Bruxas, fundar unha orde propia, a Orde do Vélaro de Ouro,[1][2] inspirándose no modelo da Orde da Xarreteira.[3]
Os duques de Borgoña xa tiñan unha orde de cabaleiros anterior, a Orde da Paixón, que se constituíra con protocolos similares á Orde do Dragón. Os principios da Orde do Vélaro tamén se relacionaban coa loita contra o poder otomán e a liberación dos Santos Lugares.[2] A súa constitución realizouse conmemorando a celebración, nese mesmo día, o matrimonio de Filipe III coa princesa portuguesa Isabel de Avis, filla do rei de Portugal Xoán I.[4]
Seguindo o seu modelo inglés, a Orde estaba en orixe restrinxida a un número limitado de cabaleiros, primeiro 24, pero incrementado a 30 en 1433 e a 51 en 1516. Os membros da Orde non podían ser «herexes» e, por tanto, converteuse nunha distinción exclusivamente católica durante a Reforma.
A bula de confirmación da Orde e de aprobación das súas constitucióne e ordenanzas deuna o papa Euxenio IV o 7 de setembro de 1433, sendo as dignidades da Orde catro: o chanceler, o tesoureiro, o rei de armas e o secretario.
Filipe III celebrou 10 capítulos da Orde. No sétimo, reunido en Gante, Afonso V de Aragón, o Magnánimo, foi o primeiro non borgoñón en recibir o colar.[5]
O duque Carlos I o Temerario, hredeiro de Filipe III, introduciu un maior boato no cerimonial, a roupaxe, o conclave e os oficios relixiosos.[2]
Carlos faleceu en 1477 e a sucesión do título correspondía á súa filla María de Borgoña. Porén, unha muller no podía presidir a Orde, polo que este título sería para o seu marido, o emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico Maximiliano I de Austria. Pero logo da morte sen descendencia masculina de Carlos o Temerario na batalla de Nancy, o rei Lois XI de Francia apoderouse do Ducado de Borgoña e anexionouno ao dominio real francés, alegando que as apanaxe se regulamentaban de xeito que, ao esgotarse a descendencia masculina, debían incorporarse á Coroa.
María de Borgoña, para defender a súa herdanza, non aceptou a perda do Ducado, mantendo así a intitulación de duquesa de Borgoña, como fixeron tamén os seus descendentes os reis de España, debido ao prestixio que outorgaba ao seu titular o ser Gran Mestre e Xefe Soberano da Orde do Vélaro de Ouro. Deste xeito, o seu fillo Filipe I o Fermoso e o seu neto o emperador do Sacro Imperio Carlos I de España e V de Alemaña conservaron o uso do título de "duque de Borgoña". Con estes dous monarcas prodúcese unha vinculación entre a Orde e España, pola vinculación destes ao Ducado de Borgoña.
Os Habsburgo españois continuaron reclamando o Ducado de Borgoña, en balde e, aínda que recoñeceron a súa perda (paz de Cambrai, 1529, tratado de Cateau-Cambrésis, 1559 e tratado de Nimega, 1678) e renunciaron ao territorio específico do Ducado, non renunciaron ao título, e continuaron intitulándose como duques de Borgoña. Debido á súa influencia sobre o papado, conseguiron que o Gran Mestrazgo correspondera ao título de rei de España, mediante bulas asinadas polos pontífices Gregorio XIII, en 1574, e Clemente VIII, en 1600.
Á morte de Carlos II de España, os dous pretendentes ao trono, Filipe de Anjou (futuro Filipe V) e o arquiduque Carlos (futuro emperador Carlos VI do Sacro Imperio Romano Xermánico), ostentaron a dignidade de Grandes Mestres da Orde.
En 1725, un tratado entre ambos os soberanos recoñeceu a Carlos VI a dignidade de Gran Mestre de forma vitalicia. Porén, á súa morte, os emperadores do Sacro Imperio primeiro, e os de Austria despois, seguiron ostentando o Gran Mestrado da rama austríaca da Orde, pese ás protestas dos soberanos españois, que cuestionaron a súa lexitimidade.
O carneiro era xa un símbolo da cidade de Bruxas, que contaba cunha importante industria lanar.[6][7] O equivalente en castelán é vellón ou vellocino, que fai referencia á la dos óvidos ou ben á súa pel. Por iso ás veces se ten chamado a orde "Orden del Vellocino de Oro".[8] A correspondenca en galego é vélaro.[9]
Coa elección do vélaro de ouro, o duque Filipe III facía referencia á lenda de Xasón na nave Argo. Isto enlazaba tamén coa nova vocación mariñeira de Borgoña grazas aos seus portos nos Países Baixos.[2]
Na lenda, Xasón debía dirixirse á Cólquida, actual Xeorxia, onde os tracios tendían peles de ovella nos ríos auríferos para recubrilas de escamas de ouro e logo as deixaban nunha árbore para que secaran. Xasón debía rescatar o vélaro de ouro dun ciprés para devolvelo á Hélade e ocupar con xustiza o trono de Iolcos. Os argonautas, entre os que estaba Hércules, debían axudalo no seu empeño. Xasón podería representar a Filipe III e os Argonautas serían os homes que estaban con el na Orde.[2]
Os elos do colar do Gran Mestre teñen a letra B, en referencia a Borgoña. Entre os elos está a chama, símbolo de Prometeo, garante último do vélaro, pero tamén o símbolo que aparece na divisa do Duque rotulada co lema: «Ante ferit quam flamma micet» («Fere antes de que se vexa a chama»).[2]
A este símbolo grego engadiuse outro cristián. Xedeón, xuíz de Israel, pedira a Deus que mostrase o seu favor deixando caer gotas de rosada sobre unha pel de cordeiro antes de atacar con só 300 homes o exército dos madianitas. As gotas de rosada tamén se relacionaron coa pureza da Virxe, a quen se encomendaba a Orde. O padrón de Borgoña e da Orde era Santo André, que fora martirizado nunha cruz en forma de X, polo que esta cruz tamén é moi importante na simboloxía da Orde. O B do colar únese tamén formando a aspa.[2]
Número | Ano | Soberano Gran Mestre | Lugar de celebración |
---|---|---|---|
I | 1431 | Filipe III de Borgoña | Lille |
II | 1432 | Filipe III de Borgoña | Bruxas |
III | 1433 | Filipe III de Borgoña | Dijon |
IV | 1435 | Filipe III de Borgoña | Bruxelas |
V | 1436 | Filipe III de Borgoña | Lille |
VI | 1440 | Filipe III de Borgoña | Saint-Omer |
VII | 1445 | Filipe III de Borgoña | Gante |
VIII | 1451 | Filipe III de Borgoña | Mons |
IX | 1456 | Filipe III de Borgoña | A Haia |
X | 1461 | Filipe III de Borgoña | Saint-Omer |
XI | 1468 | Carlos o Temerario | Bruxas |
XII | 1473 | Carlos o Temerario | Valenciennes |
XIII | 1478 | Maximiliano de Habsburgo | Bruxas |
XIV | 1481 | Maximiliano de Habsburgo | Bolduque |
XV | 1491 | Filipe o Fermoso | Malinas |
XVI | 1501 | Filipe o Fermoso | Bruxelas |
XVII | 1505 | Filipe o Fermoso | Middelburg |
XVIII | 1516 | Carlos V | Bruxelas |
XIX | 1519 | Carlos V | Barcelona |
XX | 1531 | Carlos V | Tournai |
XXI | 1546 | Carlos V | Utrecht |
XXII | 1555 | Filipe II | Antuerpen |
XXIII | 1559 | Filipe II | Gante |
No ano 1700 o arquiduque Carlos de Austria foi coroado como rei de España en Madrid como herdeiro do título. Simultaneamente, no palacio de Versalles, en Francia, Filipe de Anjou coroouse rei de España, atribuíndose así mesmo a dignidade de Gran Mestre da Orde. Produciríase entón a Guerra de Sucesión entre Filipe V e o arquiduque Carlos, que terá o seu fin co tratado de Utrecht de 1713, onde se recoñece a Filipe de Borbón como rei de España. Filipe V outorgaría os seus propios Vélaros desde o 1700 en calidade de Gran Mestre.
A partir de 1711 Carlos de Austria pasa a ser emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico e comezou a outorgar Vélaros pola súa conta, nacendo así a rama austríaca da Orde, separada da española. En 1725 Filipe V e Carlos VI asinaron o tratado de Cambray polo que, aínda que Filipe V non renunciaba ao Mestrado, permitía ao emperador usar os títulos adquiridos de forma vitalicia, para non despoxalo das súas dignidades, pero que o seu dereito sobre elas se extinguiría coa súa morte, cousa que no se respectou, e o título de Gran Mestre sería herdado polos subseguintes emperadores e xefes da Casa de Austria até a actualidade.[12]
Así os Grandes Mestres da Orde Austríaca do Vélaro de Ouro foron:
Tras a desaparición do Imperio Austrohúngaro, o rei Alberte I de Bélxica reclamou que a dignidade de Gran Mestre e o tesouro da Orde lle foran transferidos como soberano das terras de Borgoña. Esta reclamación chegou a ser considerada seriamente durante as negociacións do Tratado de Versalles de 1919, pero finalmente rexeitada debido á intervención do rei Afonso XIII de España, que tomou posesión das propiedades da Orde en nome do destronado emperador Carlos I de Austria e IV de Hungría.
O goberno da República de Austria recoñeceu en 1957 a personalidade xurídica da Orde en Austria, recoñecendo a dignidade de Gran Mestre ao arquiduque Otón de Habsburgo-Lorena, cabeza da antiga Casa Imperial. A rama austríaca do Vélaro de Ouro mantén os estatutos orixinais da Orde, así como gran parte do tesouro, dado que a sede do mesmo se encontraba en Bruxelas, territorio que foi asignado aos Habsburgo tras a Guerra de Sucesión ao trono de España.
Cabe, por outra parte, destacar que hoxe en día as relacións existentes entre os xefes de ambas as ramas son excelentes, e o feito de que algúns cabaleiros ostenten tanto o colar español como o austríaco, como o anterior rei Alberte II de Bélxica, o anterior gran duque Xoán de Luxemburgo e o actual gran duque Henrique I de Luxemburgo.
As xoias da Orde estuviron durante séculos en Bruxelas. Pouco despois da paz de Utrecht asinaríase con Carlos VI o tratado de Rastatt polo que se entregaban ao Sacro Imperio os antigos Países Baixos españois. Cando os austríacos entran en Bruxelas, encontraron todo o tesouro da Orde intacto.
En 1797, por medo á presión xerada pola Revolución francesa, o tesouro trasladouse ao palacio dos Habsburgo en Viena.[13] Actualmente o tesouro encóntrase depositado no Museo de Historia da Arte da capital austríaca. En dito tesouro destaca o potence.
O potence é o colar histórico empregado polo rei de armas da Orde do Vélaro de Ouro. Foi creado por Carlos V a mediados do século XVI. É de ouro macizo e de grandes dimensións: 143 cm de medida exterior e cun radio de 98 cm. Componse de 51 placas nunha fila de dous, tendo cada placa o escudo de armas de cada un dos cabaleiros da Orde.[13] As dúas placas centrais, que se encontran sobre a insignia do Vélaro teñen o escudo de armas de Carlos V (sen a aguia) na placa superior e as dúas columnas de Hércules co lema "Plus Ultra" na inferior. Curiosamente, as dúas columnas foron engadidas ao escudo por consello de Luigi Marliano a Carlos V nunha reunión da Orde do Vélaro de Ouro en 1516,[14] e desde entón se conservan como parte do escudo de España.
Colar (Ramas española e austríaca) |
Rama española | Rama austríaca | |
Insignia de colo do Gran Mestre | Insignia de colo de cabaleiro e de lazo de dama |
Insignia de colo |
Entre os escudos heráldicos que incorporan a simboloxía da Orde están os seguintes:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.