Miriam Hopkins
actriz estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
actriz estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
Ellen Miriam Hopkins, nada en Savannah (Xeorxia) o 18 de outubro de 1902 e finada en Nova York o 9 de outubro de 1972, foi unha actriz estadounidense coñecida pola súa versatilidade.[1]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 18 de outubro de 1902 Savannah, Estados Unidos de América |
Morte | 9 de outubro de 1972 (69 anos) Nova York (Estados Unidos de América) |
Causa da morte | infarto agudo de miocardio |
Educación | Goddard College (en) |
Actividade | |
Lugar de traballo | Estados Unidos de América |
Ocupación | actriz de cinema, actriz de televisión, guionista, actriz, actriz de teatro |
Período de actividade | 1921 - |
Partido político | Partido Demócrata |
Familia | |
Cónxuxe | Anatole Litvak (1937–1939) |
Premios | |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
|
Hopkins naceu en Savannah, filla de Homer Hopkins e Ellen Cutler[2] e creceu en Bainbridge, preto do límite con Alabama. Tiña unha irmá máis vella, Ruby (1900–1990).[3] O seu bisavó materno, o cuarto alcalde de Bainbridge, axudou a establecer a igrexa episcopal de St. John da cidade.[4] Hopkins cantou de nena no coro.[5]
En 1909, viviu un breve tempo en México coa súa familia. Despois de que os seus pais se separasen, Hopkins mudouse de adolescente coa súa nai a Syracuse, Nova York, para estar preto do seu tío paterno, Thomas Cramer Hopkins, xefe do departamento de xeoloxía da Universidade de Syracuse.[6]
Hopkins asistiu ao Goddard Seminary de Barre, Vermont (posteriormente convertido en Goddard College e resituado en Plainfield, Vermont), e á Universidade de Syracuse de Nova York.[6]
Aos vinte anos, Hopkins fíxose corista en Nova York. Tamén actuou con regularidade no teatro na década de 1920, incluída a adpatación teatral de An American Tragedy, de Theodore Dreiser. En 1930 protagonizou en Broadway a obra Ritzy de Sidney Toler. Tamén en Broadway interpretou a protagonista de Jezebel, obra de teatro de 1933 de Owen Davis. Cando se adaptou ao cinema en 1938, Hopkins ficou decepcionada de que escollesen a Bette Davis para o papel que ela interpretou no escenario. Isto comezou un conflito entre ambas publicitado polos estudios.
En 1930, Hopkins asinou con Paramount Pictures e debutou no cinema con Fast and Loose. O seu primeiro grande éxito foi o filme de terror de 1931 Dr. Jekyll and Mr. Hyde, en que interpretou a Ivy Pearson, unha prostituta que acaba relacionada con Jekyll e Hyde. Recibiu boas críticas, incluída unha de Mordaunt Hall de The New York Times que dicía que interpretara a Ivy "de xeito espléndido".[7]
Despois a súa carreira ascendeu rapidamente. En 1932 destacou no filme de Ernst Lubitsch Trouble in Paradise, onde mostrou o seu engado como unha bela e celosa rateira. Durante o Hollywood pre-código de principios da década de 1930, apareceu en The Smiling Lieutenant, The Story of Temple Drake e Design for Living, todos grandes éxitos de público e crítica.[8]
Os primeiros filmes de Hopkins foron considerados sexualmente suxestivos. Producidos nos anos anteriores a que o Código Hays fose obrigado de xeito rigoroso, mostrar elementos que foron prohibidos despois de 1934. Por exemplo, The Story of Temple Drake mostraba unha escena de violación e Design for Living un ménage à trois con Fredric March e Gary Cooper. Os seus éxitos continuaron no resto da década coa comedia romántica The Richest Girl in the World (1934), o drama histórico Becky Sharp (1935), polo que foi candidata ao Óscar á mellor actriz, Barbary Coast (1935), These Three (1936, primeiro dos catro filmes co director William Wyler) ou The Old Maid (1939).
Hopkins foi unha das primeiras actrices nas que se pensou para o papel de Ellie Andrews en It Happened One Night (1934). Rexeitou o papel, que foi para Claudette Colbert.[9] Tamén participou nas audicións para o papel de Scarlett O'Hara en Foise co vento, sendo a única candidata nada en Xeorxia, mais o papel foi para a británica Vivien Leigh. Tanto Colbert como Leigh gañaron o Óscar polas súas interpretacións.
Hopkins tivo un conflito moi publicitado coa súa inimiga Bette Davis. Hopkins e Davis coprotagonizaron dous filmes, The Old Maid (1939) e Old Acquaintance (1943). Nesta época, cría que Davis mantiña unha relación co seu marido, Anatole Litvak.[10] Davis, indignada polos celos de Hopkins, dixo que gozara golpeala nunha escena de Old Acquaintance, despois de que a personaxe de Hopkins fixese afirmacións infundadas contra a de Davis. Fotos de prensa mostran as dúas actrices nun cuadrilátero de boseo, coas luvas preparadas e o director Vincent Sherman entre elas coma un árbitro. En entrevistas posteriores, Davis describiu a Hopkins como unha "actriz terriblemente boa", pero tamén "terriblemente celosa".
Despois de Old Acquaintance, Hopkins non traballou de novo no cinema ata The Heiress (1949), onde interpretou a tía da protagonista. Na comedia de Mitchell Leisen de 1951 The Mating Season, ofreceu unha actuación cómica como nai de Gene Tierney. Tamén participou en A calumnia (1961), remake do seu filme These Three (1936). As súas últimas personaxes no cinema foron a nai de Robert Redford en A manda humana (1966), e unha antiga estrela de Hollywood envellecida no filme de terror Savage Intruder (1970).
Hopkins foi unha pioneira da televisión. Participou en obras televisivas dende finais da década de 1940 ata os sesenta, en programas como The Chevrolet Tele-Theatre (1949), Pulitzer Prize Playhouse (1951), Lux Video Theatre (1951–1955), e capítulos de The Investigators (1961) e The Outer Limits (1964), e mesmo nun episodio de The Flying Nun ("Bertrille and the Silent Flicks") en 1969.
Ten dúas estrelas no Paseo da Fama de Hollywood, unha polo cinema no 1709 Vine Street e outra pola televisión no 1716 Vine Street.[11]
Hopkins faleceu en Nova York por un ataque ao corazón nove días antes do seu 70 aniversario. Foi enterrada no cemiterio Oak City en Bainbridge, Xeorxia.
Hopkins casou catro veces. O seu primeiro matrimonio foi co actor Brandon Peters, o segundo co aviador e guionista Austin Parker, o terceiro co director Anatole Litvak e o cuarto co correspondente de guerra Raymond B. Brock. En 1932, adoptou un neno, Michael T. Hopkins (29 de marzo de 1932–5 de outubro de 2010), que fixo carreira nas forzas aéreas.
Miriam Hopkins era coñecida polas súas festas elegantes. John O'Hara, que asistiu con frecuencia, indicou que
a maioría dos convidados eran escollidos do mundo intelectual... Miriam coñecíaos a todos, lera os seus libros, escoitara a súa música, comprara as súas pinturas. Non estaban alí porque unha secretaria lle dera unha lista de intelectuais.[12]
Era unha acérrima demócrata que apoiou con forza a presidencia de Franklin D. Roosevelt.[13]
Ano | Título | Personaxe | Notas |
---|---|---|---|
1930 | Fast and Loose | Marion Lenox | |
1931 | The Smiling Lieutenant | Princess Anna | |
1931 | 24 Hours | Rosie Duggan | |
1931 | Dr. Jekyll and Mr. Hyde | Ivy Pearson | |
1932 | Two Kinds of Women | Emma Krull | |
1932 | Dancers in the Dark | Gloria Bishop | |
1932 | The World and the Flesh | Maria Yaskaya | |
1932 | Trouble in Paradise | Lily | |
1933 | The Story of Temple Drake | Temple Drake | Baeado na novela de William Faulkner Sanctuary |
1933 | The Stranger's Return | Louise Starr | |
1933 | Design for Living | Gilda Farrell | |
1934 | All of Me | Lydia Darrow | |
1934 | She Loves Me Not | Curly Flagg | |
1934 | The Richest Girl in the World | Dorothy Hunter | |
1935 | Becky Sharp | Becky Sharp | Candidata ao Óscar á mellor actriz Primeiro filme en Technicolor |
1935 | Barbary Coast | Mary 'Swan' Rutledge | |
1935 | Splendor | Phyllis Manning Lorrimore | |
1936 | These Three | Martha Dobie | Adaptación da obra The Children's Hour (1934) de Lillian Hellman. |
1936 | Men Are Not Gods | Ann Williams | |
1937 | The Woman I Love | Madame Helene Maury | Hopkins casou co director Anatole Litvak pouco despois da rodaxe do filme. |
1937 | Woman Chases Man | Virginia Travis | |
1937 | Wise Girl | Susan 'Susie' Fletcher | |
1939 | The Old Maid | Delia Lovell Ralston | |
1940 | Virginia City | Julia Hayne | |
1940 | Lady with Red Hair | Mrs. Leslie Carter | |
1942 | A Gentleman After Dark | Flo Melton | |
1943 | Old Acquaintance | Millie Drake | |
1949 | The Heiress | Lavinia Penniman | Candidata ao Globo de Ouro á mellor actriz secundaria |
1951 | The Mating Season | Fran Carleton | |
1952 | The Outcasts of Poker Flat | Mrs. Shipton / 'The Duchess' | |
1952 | Carrie | Julie Hurstwood | |
1961 | A calumnia | Lily Mortar | Hopkins protagonizara a primeira adaptación cinematográfica da obra The Children's Hour titulada These Three no papel de Martha Dobie. Neste filme, Shirley MacLaine interpretou a Martha, e Hopkins interpretou a súa tía Lily. |
1964 | Fanny Hill | Mrs. Maude Brown | |
1966 | A manda humana | Mrs. Reeves | |
1970 | Savage Intruder | Katharine Parker |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.