Lipoproteína de baixa densidade
From Wikipedia, the free encyclopedia
As lipoproteínas de baixa densidade ou LDL (do inglés Low-density lipoproteins) constitúen un dos cinco grandes grupos de lipoproteínas que circulan polo sangue transportando lípidos (os outros tipos son os quilomicrons, VLDL, IDL, e HDL). As LDL teñen unha densidade que está entre a das VLDL e a das HDL. Todas as lipoproteínas son partículas globulares formadas por unha mestura de proteínas e lípidos coa parte externa hidrófila e a interna hidrófoba, de tamaño moito menor que o dunha célula humana.[1][2]
As LDL conteñen a proteína apolipoproteína B (ApoB) e transportan moléculas de colesterol, fosfolípidos, e triglicéridos ao interior das células por vía sanguínea. A célula ten un receptor para captar a LDL e introducila dentro da célula. Cando a célula necesita unha cantidade adicional de colesterol para a síntese de membranas e outros produtos, sintetiza proteínas receptoras de LDL, que insire na membrana plasmática. Este receptor capta as LDL, que son internalizadas e despois levadas aos lisosomas, onde se hidrolizan os ésteres de colesterol dando lugar a colesterol libre, que queda a disposición da célula. Este mecanismo regulado da absorción de colesterol está alterado nalgúns individuos que herdaron xenes defectuosos para a produción das proteínas receptoras de LDL, polo que nestes individuos o receptor de LDL está ausente ou é defectuoso, e, por tanto, as súas células non poden captar as LDL cargadas de colesterol, o que fai que estas se acumulen en maior concentración no sangue.
As LDL poden supoñer un risco de desenvolver unha enfermidade cardiovascular cando invaden o endotelio dos vasos sanguíneos e son oxidadas, xa que as formas oxidadas son retidas máis doadamente polos proteoglicanos do endotelio. Unha complexa serie de reaccións bioquímicas regula a oxidación das partículas LDL, estimulada principalmente pola presenza de restos de células necróticas[3] e radicais libres no endotelio. O incremento da concentración das LDL no sangue está fortemente asociado cun aumento do desenvolvemento de aterosclerose na parede das arterias,[4] o que finalmente ten como resultado a rotura das placas, o que desencadea a formación de coágulos no interior das arterias, que causa un estreitamento ou peche da súa luz, orixinando enfermidades vasculares, infarto de miocardio, e outras complicacións vasculares.
As LDL denomínanse tamén "colesterol malo" porque o colesterol e outros lípidos que transportan no seu interior poden depositarse nas paredes das arterias polo mecanismo indicado, atraer a macrófagos, e orixinar aterosclerose. Ao contrario das LDL, outras lipoproteínas chamadas HDL denomínanse "colesterol bo" porque retiran as moléculas de lípidos da parede arterial.[5]
Denomínase colesterol LDL (LDL-C) a cantidade de colesterol que se estima conteñen como media as LDL nunha análise de sangue, calculada utilizando unha fórmula matemática.
Unha condición hereditaria na que hai altos niveis de LDL en sangue é a hipercolesterolemia familiar.