From Wikipedia, the free encyclopedia
O endotelio vascular é o tecido que forma a fina capa de células que reviste a parte interior dos vasos sanguíneos,[1] formando unha interface entre o sangue circulante do lume do vaso e o resto das paredes do vaso. O tecido endotelial é unha variedade de tecido epitelial. As células que o forman denomínanse células endoteliais. As células endoteliais revisten todo o sistema circulatorio, desde o corazón aos capilares máis pequenos. Tamén revisten os vasos linfáticos [2]. Estas células reducen a turbulencia do fluxo sanguíneo, permitindo que o sangue se bombee a maior distancia, e teñen propiedades en canto á coagulación do sangue e outras.
O endotelio proporciona unha superficie non tromboxénica (evita coágulos) porque contén o glicosaminoglicano heparán sulfato, que intervén na activación da antitrombina III, unha protease que inactiva varios factores na cascada de reaccións da coagulación.
O modelo fundacional de anatomía fai unha distinción entre as células endoteliais e outras células epiteliais baseándose nos tecidos a partir dos cales se orixinan, e establece que a presenza de filamentos de vimentina en lugar de filamentos de queratina diferencian estes dous tipos de células epiteliais [3]. As células endoteliais son de orixe mesodérmica, a diferenza das outras células epiteliais (ectodérmicas e endodérmicas).
O endotelio das superficies internas das cámaras do corazón denomínase endocardio. As paredes dos capilares sanguíneos e linfáticos están formadas por unha soa capa de células endoteliais, xunto cunha lámina basal e unha pequena rede fibrilar ; nos capilares unha soa célula endotelial pode circundar todo o perímetro interno do vaso. Nos vasos máis grosos a parede consta de varias capas e o endotelio é a última e máis interna.
As células endoteliais están implicadas en moitos aspectos da bioloxía dos vasos sanguíneos, como son:
Nalgúns órganos, hai células endoteliais moi diferenciadas que levan a cabo funcións especiais de "filtrado". Exemplos deste tipo de estruturas endoteliais únicas son os glomérulos renais e a barreira hemato-encefálica.
A disfunción endotelial ou perda do funcionamento correcto do endotelio, é unha indicación de que existen enfermidades vasculares, e normalmente considérase un fenómeno chave inicial para o desenvolvemento da aterosclerose. A función endotelial vese a miúdo afectada en pacientes de enfermidade da arteria coronaria, diabetes mellitus, hipertensión, hipercolesterolemia, e nos fumadores. A disfunción endotelial tamén serve para predicir futuros problemas cardiovasculares. Un dos principais mecanismos da disfunción endotelial é a diminución de óxido nítrico, normalmente debida á presenza de altos niveis de dimetilarxinina asimétrica, a cal interfire coa síntese de óxido nítrico estimulada pola L-arxinina normal. O mecanismo máis común da disfunción endotelial é o incremento de especies reactivas do osíxeno, que poden prexudicar á produción de óxido nítrico e á súa actividade de diversos modos [4]. A proteína sinalizadora ERK5 é esencial para manter o funcionamento normal das células endoteliais [5]. Unha consecuencia subseguinte aos danos nos endotelios é a liberación de cantidades patolóxicas do factor de von Willebrand, o cal promove a agregación das plaquetas e a súa adhesión ao subendotelio, formando así un trombo potencialmente fatal.
O premio Nobel de Medicina e Fisioloxía de 1998 foille entregado a Robert Furchgott, Ferid Murad e Louis Ignarro, investigadores que estableceron os mecanismos bioquímicos da función endotelial traballando por separado. Illaron e identificaron unha substancia que relaxaba as células musculares lisas dos vasos sanguíneos, que era o xa mencionado óxido nítrico. Este gas, producido polas células endoteliales, disólvese nos líquidos fisiolóxicos e relaxa as células musculares lisas do vaso, causando a dilatación do vaso. O óxido nítrico considérase o principal regulador das funcións do endotelio normal, operando como mensaxeiro extracelular.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.