Lipoproteína de alta densidade
From Wikipedia, the free encyclopedia
As lipoproteínas de alta densidade ou HDL (do inglés High-density lipoproteins) son un dos cinco grandes grupos de lipoproteínas que transportan lípidos polo sangue (os outros tipos son os quilomicrons, VLDL, IDL e LDL). As HDL son as lipoproteínas de menor tamaño e maior densidade.
As lipoproteínas son partículas complexas, moito menores ca as células, formadas por proteínas e lípidos, cun exterior hidrófilo e un interior hidrófobo, que transportan lípidos polo medio acuoso sanguíneo. Os lípidos que transportan son colesterol, fosfolípidos e triglicéridos, en cantidades variables.
A diferenza doutras lipoproteínas máis grandes, as cales entregan moléculas lipídicas ás células, as partículas HDL retiran lípidos das células que queren exportar moléculas lipídicas e da parede arterial. Deste modo, recollen lípidos nos tecidos do corpo e lévanos ao fígado ou cédenos a outras partículas de lipoproteínas, como as LDL. Por esta razón, o colesterol transportado polas HDL denomínase colesterol bo, a diferenza do transportado polas LDL, que se denomina colesterol malo, porque se tende a depositar nas paredes arteriais.
O incremento da concentración de partículas HDL está forrtemente asociado coa diminución da acumulación de placas de aterosclerose nas paredes arteriais ao longo dos anos e redución de acumulación de macrófagos nesas áreas, o que evita complicacións como o estreitamento da luz arterial ou a súa obstrución por formación de coágulos, enfermidades cardiovasculares, ictus e outras complicacións vasculares.
A cantidade estimada de colesterol contido nas partículas HDL medido nunha análise de sangue denomínase colesterol HDL (HDL-C).