política española From Wikipedia, the free encyclopedia
Hildegart Rodríguez Carballeira, nada en Madrid o 9 de decembro de 1914 e finada o 9 de xuño de 1933, foi unha nena prodixio, concibida pola súa nai como o modelo de muller do futuro. Con tres anos escribía e con oito falaba seis idiomas. Acabou a carreira de Dereito con 17 anos e foi membro activa do PSOE e despois do Partido Republicano Democrático Federal. Cando comezaba a ser coñecida a nivel internacional, ante o intento de separarse do proxecto que a súa nai tiña para ela, o 9 de xuño de 1933 a nai matouna de catro disparos mentres durmía. Tiña entón 18 anos e estaba a estudar medicina.[1] Era curmá do tamén neno prodixio Pepito Arriola.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 9 de decembro de 1914 Madrid, España |
Morte | 9 de xuño de 1933 (18 anos) Madrid, España |
Causa da morte | homicidio, ferida por arma de fogo infanticídio (pt) |
Educación | Universidade Central Instituto Cardenal Cisneros |
Actividade | |
Ocupación | educadora sexual, avogada, tradutora, política, sexóloga |
Partido político | Partido Socialista Obrero Español Partido Republicano Democrático Federal |
Membro de | |
Obra | |
Arquivos en | |
Familia | |
Nai | Aurora Rodríguez Carballeira |
Parentes | Pepito Arriola, curmán |
Hildegart foi concibida en Ferrol pola socialista Aurora Rodríguez Carballeira e un home escollido por súa nai unicamente para ese fin. O pai biolóxico de Hildegart resultou ser un sacerdote castrense de Lleida chamado Alberto Pallás Montseny.[2] Cando estivo embarazada mudouse a Madrid, onde naceu Hildegart no número 3 da rúa Juanelo. Malia súa nai ser atea militante, foi bautizada o 23 de marzo de 1915. Aurora tamén pensaba que os nenos non debían ser inscritos no rexistro, aínda así fíxoo o 29 de abril do mesmo ano. Até os 4 anos visitouna o seu pai, ata que Aurora comezou a sospeitar da súa influencia e prohibiullo.
Na súa partida de nacemento consta como Hildegart Leocadia Georgina Hermenegilda María del Pilar Rodriguez Carballeira, aínda que só usou o primeiro dos nomes. A súa nai sempre dixo que Hildegart significaba "xardín de sabedoría" en alemán, pero nada xustifica esa afirmación. En realidade é unha invención ou unha versión mal escrita do nome alemán Hildegard, que significa "virxe heroica, que dá abeiro na batalla".
Desde moi nova militou activamente no PSOE e na UGT. Tiña un amplo apoio entre as bases, aínda que a cúpula intentaba minimizar a súa presenza pública. Foi expulsada do partido pola publicación en 1932 dunha carta no xornal La Libertad en que criticaba duramente unha posíbel alianza do PSOE cun candidato reaccionario. Tras disto converteuse en membro do Partido Republicano Democrático Federal e nunha fervente crítica dos "socialenchufistas".
Hildegart foi moi activa no movemento pola reforma sexual e a euxenesia na España do seu tempo. Estivo conectada coa vangarda europea no tema e mesmo mantivo correspondencia co sexólogo británico Havelock Ellis, de quen era tradutora. Cando se fundou a Liga Española pola Reforma Sexual, presidida polo doutor Gregorio Marañón, ela foi escollida secretaria. Publicou moitos textos, entre eles a monografía La Revolución Sexual que vendeu 8.000 exemplares só en Madrid na semana da súa publicación. Mantivo unha extensa correspondencia con personalidades europeas da época, entre eles con H.G. Wells, a quen acompañou cando este visitou Madrid. A pretensión de levar a Londres a Hildegart como secretaria súa, coa intención de que se separase de súa nai e desenvolvese o seu potencial, provocou as paranoicas conspiracións en Aurora.
No tempo apareceron diferentes teorías sobre o asasinato de Hildegart, entre elas unha suposta relación sentimental con Abel Vilella. O que parece máis probábel, e coincide co relato da súa nai, é que a deterioración da relación entre ambas era profunda, principalmente polo avance da paranoia da nai. Hildegart intentou varias veces separarse dela, ao que a nai respondía con ameazas de suicidio. Cando viu que a súa filla se apartaba do proxecto que trazara para ela, decidiu destruíla: "O escultor, despois de descubrir a mínima imperfección na súa obra, destrúea".[4] Pola noite, mentres Hildegart durmía, disparoulle tres tiros na testa e un no corazón. Aurora Rodríguez foi xulgada e condenada a 26 anos, 8 meses e un día no cárcere. Pasou dous anos no hospital psiquiátrico de Ciempozuelos, onde finalmente morreu.[5]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.