antiga moeda británica de ouro From Wikipedia, the free encyclopedia
A guinea foi unha moeda de ouro de aproximadamente un cuarto de onza de peso que se emitiu en Gran Bretaña entre os anos 1663 e 1813. Toma o seu nome da rexión de Guinea en África occidental, de onde procedía gran parte do ouro que se utilizou para a súa cuñaxe.[1] Orixinalmente tiña o valor dunha libra esterlina, igual a vinte xilins, mais os aumentos no prezo do ouro en relación á prata fixeron que o seu valor aumentase, en ocasións ata os trinta xilins. Entre 1717 e 1816, o seu valor fixouse oficialmente en vinte e un xilins.[2][3][4][5]
Guinea (moeda) † | |
---|---|
Guinea en Inglés | |
Raíña Ana Anverso | Raíña Ana Reverso |
Ámbito: | Reino Unido Australia |
Fracción: | 1 guinea = 21 xilins = 1 libra e 1 xilin. |
Moedas: | - 1/4 guinea. - 1/3 guinea. - 1/2 guinea. - 2 guineas. - 5 guineas. |
Emisor: | Banco de Inglaterra |
Cando Gran Bretaña adoptou o padrón ouro, a guinea continuou apenas como unidade de conta, malia non circular a súa especie física, para indicar unha cantidade dunha libra mais un xilin (21 xilins) ou, xa na época decimal, unha libra e cinco peniques.[3][5]
Emitíronse tamén fraccións dun cuarto, un terzo e media guinea, e múltiplos de dúas e de cinco guineas.[4][5][6]
As primeiras guineas cuñáronse o 6 de febreiro de 1663, en substitución da unite, e unha disposición publicada o 27 de marzo do mesmo ano deulles o status de moeda legal. Estipulouse entón que de cada libra troy (373,24 gramos) de ouro de 22 quilates (916 milésimas) debían saír 44 guineas e media. Xa que logo, o seu peso teórico era de 8,38 gramos.[7]
A variación da paridade entre o valor do ouro e o da prata durante o reinado de Carlos II (1600-1685) supuxo unha alteración do valor da guinea, que orixinariamente era o dunha libra ou vinte xilins, de maneira que na década de 1680 a moeda equivalía a 22 xilins. Como mostra das flutuacións do seu valor, nas súas anotacións no diario do 13 de xuño de 1667, o funcionario inglés Samuel Pepys rexistrou que o seu prezo era daquela de 24 a 25 xilins.[8]
O diámetro da guinea foi dunha polgada (25,4 mm) ao longo de todo o reinado de Carlos II, e a pureza media do ouro era de 0,9100 milésimas (segundo os datos duns ensaios feitos en 1773 sobre exemplares cuñados no ano anterior.[9]
A moeda emitiuse anualmente entre 1663 e 1684. Nalgúns dos exemplares das guineas emitidas en 1663, 1664, 1665 e 1668 aparece gravada baixo o busto a figura dun elefante, ao que se lle engade un castelo nalgunhas moedas de 1674 e 1675. O elefante simbolizaba a Compañía Real Africana (Royal African Company), fundada en 1660, cuxas actividades nas costas do golfo de Guinea deron como resultado a importación de moito ouro por Inglaterra.[5][10][11][12]
Ambas as faces das guineas de Carlos II foron deseñadas por John Roettier (1631-ca. 1700).[11][13][14] Os anversos amosan un fino busto do rei ollando á dereita cunha coroa de loureiro (emendada varias veces durante o reinado), rodeado pola lenda CAROLVS II DEI GRATIA ("Carlos II pola Graza de Deus"). Nos reversos representáronse catro escudos cruciformes coroados, de Inglaterra, Escocia, Francia e Irlanda, entre os que se amosan catro cetros e, no centro, catro C entrelazados, todo rodeado pola lenda MAG BR FRA ET HIB REX ("Rei de Gran Bretaña, Francia e Irlanda"). O canto é estriado, para evitar o recorte e a extracción do ouro e para distinguir a moeda con respecto á media coroa de prata, que tiña unha inscrición no canto. Ata 1669, as estrías do canto eran perpendiculares ao bordo da moeda, en tanto que a partir de 1670 pasaron a ser diagonais.[15]
O deseñador John Roettier continuou ocupándose dos cuños para as guineas do reinado de Xacobe II (1685-1688). Neste período, as moedas pesaban 8,5 gramos (0,30 onzas) e tiñan un diámetro de entre 25 e 26 mm, cunha pureza media do ouro de 909 milésimas. As moedas destes catro anos emitíronse tanto coa presenza das marcas do elefante e o castelo como sen elas. O busto real olla agora á esquerda e está rodeado pola lenda IACOBVS II DEI GRATIA ("Xacobe II pola Graza de Deus"). Tanto o canto como o reverso son herdados do seu antecesor, agás pola ausencia dos C entrelazados no centro do reverso.[15]
Coa destitución de Xacobe II na Revolución Gloriosa de 1688, a súa filla María e o esposo desta, o príncipe Guillerme de Orange reinaron conxuntamente.[16] As súas cabezas amósanse unidas e en estilo romano clásico nas guineas, a de Guillerme na parte dianteira e a de Ana atrás, coa lenda GVLIELMVS ET MARIA DEI GRATIA ("Guillerme e María pola Graza de Deus"). Neste período, o deseño do reverso foi totalmente renovado, cun grande escudo coroado que abrangue os de Inglaterra, Francia, Escocia e Irlanda, e co león rampante de Nassau no centro. A lenda do reverso é MAG BR FR ET HIB REX ET REGINA ("Rei e Raíña de Gran Bretaña, Francia e Irlanda").[15]
Na primeira parte deste reinado o valor da guinea chegou a incrementarse ata chegar aos 30 xilins. O seu peso e o seu diámetro mantíñanse en 8,5 gramos e de 25 a 26 mm, e Roettier seguía a encargarse do seu deseño. As guineas cuñáronse sen interrupción entre 1689 e 1694, en versións coas marcas de elefante e castelo e sen elas (agás en 1692 e en 1694, cando só se usou a marca do elefante).[15]
Logo do falecemento da raíña María por varíola en 1694, Guillerme continuou o seu reinado en solitario. As guineas continuaron cuñándose con regularidade desde 1695 ata 1701, coa marca elefante-castelo e sen ela, e suponse que Johann Crocker, un gravador procedente de Dresden, no Ducado de Saxonia, sucedeu como deseñador a Roettier a partir do falecemento deste en 1698.[15][17]
As guineas do reinado de Guillerme III baixaron o seu peso a 8,4 g, cunha pureza do ouro de 912 milésimas. O seu diámetro mantívose nos 25–26 mm ata 1700 e subiu a 26–27 mm na emisión de 1701. No anverso aparece o busto real ollando á dereita, rodeado pola lenda GVLIELMVS III DEI GRATIA. Para o reverso considerouse que o deseño utilizado no reinado coa súa esposa non tivera éxito e retomouse o que caracterizara as emisións de Carlos II e Xacobe II, aínda que mantendo o pequeno león de Nassau no centro. A lenda do reverso é MAG BR FRA ET HIB REX e o canto é estriado diagonal.[15]
No período da raíña Ana emitíronse guineas todos os anos bardante 1704. As moedas datadas en 1703 amosan baixo o busto do anverso a palabra VIGO, en conmemoración da procedencia do ouro utilizado para a súa cuñaxe, capturado na ría viguesa na Batalla de Rande.[18][19][20][21]
Coa Lei da Unión de 1707, pola que se crea o Reino unificado de Gran Bretaña, a través da unión dos parlamentos de Escocia e de Inglaterra, modificouse o deseño dos reversos das guineas, as primeiras que se poden considerar propiamente británicas.[22] Ata a unión, os escudos cruciformes do reverso amosaban en orde as armas de Inglaterra, Escocia, Francia e Irlanda, separadas por cetros e cunha rosa no centro, e coa lenda MAG BR FRA ET HIB REG ("Raíña de Gran Bretaña, Francia e Irlanda"). A partir da Lei da Unión, as armas inglesas e escocesas aparecen unidas nun escudo, repetidas no primeiro e no cuarto cuartel. As marcas do elefante e o castelo poden aparecer nas moedas de 1708 e de 1709. O centro do motivo do reverso amosa a estrela da Orde da Xarreteira.[23]
As guineas deste período pesan 8,3 gramos e teñen un diámetro de 25 mm, e están cuñadas en ouro de 913 milésimas. As estrías do canto seguen a ser diagonais.[23]
Os cuños de todas as guineas dos reinados de Ana e de Xurxo I foron gravados por Johann Crocker.[23]
As guineas a nome de Xurxo I emitíronse sen interrupción entre 1714 e 1727, e entre elas as marcas do castelo e o elefante aparecen nalgunhas moedas datadas en 1721, 1722 e 1726. O seu peso oscila entre 8,3 e 8,4 gramos, e o seu diámetro entre 25 e 26 milímetros, cunha pureza media do ouro de 913 milésimas.[23]
Unha característica singular deste período foi a utilización de cinco bustos diferentes do monarca durante os anos de emisión. Outro feito rechamante é que nas guineas de 1714 a lenda do anverso declara o rei como Príncipe Elector do Sacro Imperio Romano. Neste anverso obsérvase o busto real ollando á dereita, coa lenda GEORGIVS D G MAG FR ET HIB REX F D ("Xurxo, pola Graza de Deus, Rei de Gran Bretaña, Francia e Irlanda, Defensor da Fe"). Nas datas posteriores, a lenda é GEORGIVS D G M BR FR ET HIB REX F D. Canto aos reversos, estes continúan o mesmo deseño xeral das anteriores, excepto pola orde dos escudos, que pasa a ser Inglaterra e Escocia, Francia, Irlanda e Hannover, coa lenda, en 1714, BRVN ET LVN DUX S R I A TH ET PR EL ("Duque de Brunswick e Lueneburg, Arquitesoureiro e Príncipe Elector do Sacro Imperio Romano"). Para o resto dos anos, a lenda é BRVN ET L DUX S R I A TH ET EL ("Duque de Brunswick e Lueneburg, Arquitesoureiro e Elector do Sacro Imperio Romano"). Os cantos manteñen as estrías diagonais.[23]
Logo das constantes flutuacións do valor da guinea desde o seu nacemento, no comezo deste reinado situábase nos 21 xilins e seis peniques. En 1717, Gran Bretaña adoptou o padrón ouro, sobre a base dunha guinea de 8,38 gramos de ouro de 22 quilates. Unha disposición real de decembro dese mesmo ano fixaba o valor da guinea en vinte e un xilins.[11][24][25]
O estudo das guineas de Xurxo II é unha cuestión máis complexa, xa que existiron ata oito anversos e cinco reversos diferentes nos 33 anos do seu reinado. As moedas cuñáronse con todas as datas bardante 1742, 1744, 1754 e 1757. O seu peso oscila entre os 8,3 e 8,4 gramos e o seu diámetro entre os habituais 25 e 26 mm, agás algúns exemplares datados en 1727, que son un milímetro máis pequenos. A pureza media do ouro foi de 914 milésimas.[23]
Algunhas das pezas emitidas entre 1729 e 1739 levan a marca EIC baixo o busto real, para indicar o ouro foi subministrado pola East India Company ("Compañía das Indias Orientais").[26] Ademais, algúns exemplares de 1745 amosan a palabra LIMA nesa mesma posición, o que indicaba que a orixe do ouro, traído desde alí polo almirante George Anson, durante a súa navegación arredor do mundo.[23][27]
Na primeira parte do reinado os cantos mantiveron as estrías diagonais características das etapas anteriores, mais a partir de 1739, para aumentar a seguridade, substituíuse este deseño pola presenza dunhas puntas de frecha.[23]
En 1732 retiráronse da circulación as antigas guineas cuñadas a golpe de martelo.
Os anversos das guineas de Xurxo II amosan o busto real orientado cara á esquerda e coa lenda GEORGIVS II DEI GRATIA ("Xurxo II pola Graza de Deus"; resumido a GEORGIVS II DEI GRA entre 1739 e 1743), en tanto que os reversos presentan un único escudo grande coroado, cuxos cuarteis conteñen as armas de Inglaterra, Escocia, Francia, Hannover e Irlanda, e a lenda MBF ET H REX FDB ET LDSRIAT ET E ("Rei de Gran Bretaña, Francia e Irlanda, Defensor da Fe, Duque de Brunswick e Lüneburg, Tesoureiro Arquiveiro e Elector do Sacro Imperio Romano").[23]
O reinado de Xurxo II foi o derradeiro en cuñarse os múltiplos de dúas e de cinco guineas.[23]
As guineas a nome de Xurxo III teñen un peso de 84 gramos e un diámetro de 24 milímetros, cunha pureza media do ouro (consonte os ensaios de 1773) de 914 milésimas. Neste período houbo seis anversos diferentes e tres reversos, e as guineas levan as datas de 1761, 1763-1779, 1781-1799 e 1813. Todos os anversos amosan o busto real ollando á dereita, coa lenda GEORGIVS II DEI GRATIA, coas diferentes versións do retrato do monarca. O reverso das guineas emitidas entre 1761 e 1786 exhibe un escudo coroado coas armas de Inglaterra e Escocia, Francia, Irlanda e Hannover, rodeadas da lenda M B F ET H REX F D B ET L D S R I A T ET E ("Rei de Gran Bretaña, Francia e Irlanda, Defensor da Fe, Duque de Brunswick e Lüneburg, Arquitesoureiro e Elector do Sacro Imperio Romano") e a data no exergo. En 1787 implantouse un novo deseño do escudo coa forma dunha pa de punta, o que fai que na numismática anglosaxoa se coñezan estas moedas como spade guinea ("guinea de pa").[5][23][28]
En 1774 fundíronse arredor de 20 millóns de guineas de Guillerme III e da raíña Ana que estaban deterioradas polo uso, para seren cuñadas como novas guineas e medias guineas.
Cara á fin do século o ouro empezou a escasear e o seu prezo elevouse. A Revolución francesa e os conflitos bélicos subsecuentes esgotaran as reservas deste metal e a poboación comezou a acumular moedas de ouro. O parlamento aprobou unha lei para pór en circulación billetes de curso legal en calquera cantidade, e en 1799 paralizouse a produción de guineas, aínda que seguiron a cuñarse as medias guineas e os terzos de guinea.[28][29]
Logo da Lei da Unión entre Gran Bretaña e Irlanda de 1800, os títulos do monarca cambiaron e unha Orde do Consello do 5 de novembro dese mesmo ano ordenou a preparación dunha nova moeda. Malia chegar a prepararse os cuños para esta nova guinea, a súa produción non chegou a ser autorizada.
En 1813 fíxose necesario cuñar 80.000 guineas para o pagamento ao exército do Duque de Wellington nos Pireneos, debido a que as poboacións locais só aceptaban o ouro como pagamento. Por este motivo, a emisión deste ano coñécese como "guinea militar". Neses tempos, o ouro aínda era escaso e o guinea valorábase no mercado ata a 27 xilins en billetes. Por tal motivo, a cuñaxe destas moedas para as necesidades especiais do exército non lle resultaba rendible ao Goberno, o que levou á cancelación da súa cuñaxe.[29][30]
Estas "guineas militares" teñen un deseño propio para os seus reversos, cun escudo coroado no interior dunha liga na que se le o lema da Orde da Xarreteira de Inglaterra: HONI SOIT QUI MAL Y PENSE ("Deshonrado sexa quen pense mal"). A lenda que rodea os reversos é BRITANNIARUM REX FIDEI DEFENSOR ("Rei dos Británicos, Defensor da Fe").[28][30][31]
En 1816 levouse a cabo en Gran Bretaña un proceso de reorganización do seu sistema monetario logo da inestabilidade xerada nos anos anteriores pola Revolución Francesa e as guerras napoleónicas, que deu como resultado a substitución da guinea pola libra como unidade monetaria, manifestada na moeda polo soberano.[32][33][34]
Malia non existir a súa especie física, a denominación de "guinea" seguiu a utilizarse durante moito tempo para facer referencia a unha cantidade de vinte e un xilins (ou unha libra e 5 peniques, na moeda decimal). A guinea estaba investida dunha consideración aristocrática, polo que mesmo ata a a década de 1970, xa co sistema monetario decimalizado, se seguía a utilizar como unidade de conta para determinados orzamentos e honorarios profesionais, os prezos de terreos, as apostas de cabalos, as poxas de arte e incluso os electrodomésticos e todo o relacionado co luxo.[35] Isto sucedeu tamén en Australia, ata que este país decimalizou o seu sistema monetario en 1966, despois do cal a guinea pasou a representar un valor de dous dólares e dez centavos.
En 2013, a Real Casa da Moeda (Royal Mint) emitiu unha moeda de dúas libra para conmemorar o 350º aniversario da primeira emisión da guinea, a primeira vez que no Reino Unido se utiliza unha moeda en lembranza da existencia doutra. A súa tiraxe é de pouco máis de tres millóns de exemplares.[36][37]
O anverso é obra de Ian Rank-Broadley e segue a tipoloxía común ás demais moedas bimetálicas de dúas libras, co busto da raíña Isabel II no centro e rodeado pola lenda ELIZABETH·II·DEI·GRA·REG·FID·DEF ·TWO POUNDS·. O reverso foi expresamente deseñado polo artista Anthony Smith e supón unha reinterpretación da "guinea da pa" de finais do século XVIII. No seu canto gravouse a cita do escritor Stephen Kemble (1758-1822): WHAT IS A GUINEA? ‘TIS A SPLENDID THING ("Que é unha guinea? É unha cousa espléndida").[36][37]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.