conflito bélico pola sucesión de Castela entre Isabel I de España e Xoana a Beltranexa From Wikipedia, the free encyclopedia
Chámase Guerra de Sucesión castelá ao conflito bélico que se produciu de 1475 a 1479 pola sucesión da coroa de Castela entre os partidarios de Xoana de Trastámara, filla do defunto monarca Henrique IV de Castela, e os de Isabel, medio irmá deste último.
Guerra de Sucesión castelá | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Esquerda: Isabel I de Castela. Dereita: Xoana de Trastámara, «a Beltranexa». | |||||||||
| |||||||||
Belixerantes | |||||||||
Isabelinos Coroa de Aragón |
Xoanistas Reino de Portugal Reino de Francia | ||||||||
Líderes | |||||||||
Isabel I de Castela Pedro Glez. de Mendoza Fernando o Católico Alonso de Cárdenas Rodrigo Manrique † Jorge Manrique † |
Xoana a Beltranexa Alfonso Carrillo de Acuña Diego López Pacheco Rodrigo Téllez Girón Afonso V de Portugal Xoán de Portugal Lois XI de Francia |
A guerra tivo un marcado carácter internacional porque Isabel estaba casada con Fernando, herdeiro da coroa de Aragón, mentres que Xoana casou co rei Afonso V de Portugal. Francia tamén interveu, apoiando a Portugal para evitar que Aragón, o seu rival en Italia, se unise á poderosa Castela.
A pesar dalgúns éxitos iniciais para os partidarios de Xoana, a escasa agresividade militar de Afonso V e a derrota portuguesa na batalla de Toro levaron á desintegración do bando xoanista entre 1476 e 1477. A partir de entón o conflito consistiu esencialmente nunha guerra entre Castela e Portugal, cobrando grande importancia a guerra naval no océano Atlántico, onde as frotas portuguesas impuxéronse ás castelás na loita polo acceso ás riquezas de Guinea.
A guerra concluíu en 1479 coa firma do Tratado de Alcáçovas, que recoñecía a Isabel e Fernando como reis de Castela e outorgaba a Portugal a hexemonía no Atlántico, coa excepción das illas Canarias. Xoana perdeu o seu dereito ao trono e tivo que permanecer en Portugal ata a súa morte.
Este conflito foi chamado tamén guerra civil castelá, pero este nome induce a confusión con outras guerras civís que afectaron a Castela nos séculos XIV e XV. Algúns autores falan de guerra de Portugal pero este nome é parcial (claramente denota un punto de vista castelán) e fai esquecer que o bando xoanista tamén podía considerarse castelán lexitimamente. Outras veces utilizouse o termo guerra peninsular, a non confundir co nome inglés da guerra da Independencia española (1808-1814). Para rematar, algúns autores prefiren a expresión neutra de guerra de 1475-1479.
En 1462 nace Xoana de Trastámara, a primeira e única filla do rei Henrique IV de Castela, que inmediatamente é nomeada princesa de Asturias. Con todo, as presións dunha parte da nobreza obrigan ao rei a desposuíla do título e nomear no seu lugar herdeiro ao seu medio irmán Afonso en 1464. Desde esta época xorde un rumor que afirma que a princesa Xoana non é realmente filla do rei Henrique senón do seu valido, Beltrán de la Cueva, polo cal comezaron a chamala «a Beltranexa».
En 1465 os nobres, reunidos en Ávila, acordan destronar a Henrique e nomean rei a Afonso na denominada «farsa de Ávila». Estala así unha guerra que non terminará ata 1468, coa morte de Afonso. Henrique IV recupera plenamente o poder e o título de herdeira pasa a ser disputado entre Xoana e Isabel, irmá de Afonso e segunda na liña de sucesión.
Isabel rompe con Henrique IV en 1469, fuxindo para casar co seu primo Fernando, herdeiro da coroa de Aragón no Palacio de los Vivero de Valladolid o 19 de outubro de 1469. Aos poucos a parella vai gañando apoios, obtendo o apoio do legado papal Rodrigo Borgia en 1472 e o da poderosa casa de Mendoza en 1473.
En 1474 morre Henrique IV e cada unha das dúas candidatas ao trono son proclamadas raíña de Castela polos seus respectivos partidarios.
Os xoanistas, conscientes da súa posición de debilidade fronte ao bando isabelino, propón ao rei de Portugal, Afonso V, tío de Xoana, que case con ela a pesar da consanguinidade e se converta en rei de Castela. Afonso acepta, co cal a forza dos dous bandos queda máis equilibrada e perfílase a guerra como único método para resolver o conflito.
O reino de Francia e a coroa de Aragón mantiñan unha antiga rivalidade polo control do Rosellón e, máis recentemente, pola hexemonía en Italia. En xuño de 1474 as tropas francesas invadiron o Rosellón e os aragoneses tiveron que repregarse. Fernando intercedeu ante o seu pai Xoán II para que non declarase a guerra a Francia, concentrando a súa atención nos asuntos casteláns. De todos os xeitos, en setembro de 1475 Lois XI de Francia púxose oficialmente ao lado de Xoana e de Portugal, ante a perspectiva de que o herdeiro do trono aragonés se fose converter tamén en rei de Castela.
Nese momento Francia estaba tamén en guerra con Borgoña. Isto convertía aos borgoñones en aliados teóricos do bando isabelino pero na práctica seguiron facendo a guerra pola súa conta, sen coordinar as súas accións cos castelán-aragoneses. Tamén Inglaterra entrou brevemente en guerra con Francia ao desembarcar o seu rei Eduardo IV en Calais en xuño de 1475 pero, nunha rápida resposta diplomática, Lois XI acordou con Eduardo en agosto a paz de Picquigny. O rei de Inglaterra concedeu unha tregua de nove anos a cambio dunha importante compensación económica e volveuse ao seu reino.[1]
Pola súa banda, o reino de Navarra vivía unha guerra civil intermitente entre beaumonteses e agramonteses, á que se superpoñían os intentos de Francia e de Aragón por controlar o reino.
Para rematar, o reino musulmán de Granada mantívose neutral, a pesar dos esforzos portugueses por involucralo na guerra.
Ao longo do século XV, os exploradores, comerciantes e pescadores de Portugal e de Castela foran internándose cada vez máis profundamente no océano Atlántico. A posesión das Illas Canarias foi desde o principio un punto de fricción entre as dúas coroas. Máis tarde, o control do comercio cos territorios de Guinea e Elmina, moi ricos en ouro e escravos, converteuse nunha disputa aínda máis importante.
Durante a primeira metade do século Castela organizou a conquista dalgunhas das illas Canarias (Lanzarote, Fuerteventura, Hierro e Gomera) mediante pactos de vasalaxe primeiro con cabaleiros normandos e logo con nobres casteláns. Portugal mantivo a súa oposición á autoridade castelá nas illas e pola súa banda foi avanzando na exploración de Guinea, obtendo grandes beneficios comerciais.
A partir de 1452 os papas Nicolao V e o seu sucesor Calisto III modificaron a anterior política de neutralidade da Santa Sé e outorgaron unha serie de bulas favorables a Portugal, reservando a este país o control do comercio e a autoridade relixiosa nunha ampla zona hasta toda la Guinea e más allá. Non arbitraron a cuestión das Canarias, cuxa conquista doutra banda quedara relativamente estancada. O rei de Portugal adoptou unha política comercial aberta, permitindo a súbditos estranxeiros comerciar nas costas africanas a cambio dos correspondentes impostos. O único prexudicado era así o rei de Castela.
En agosto de 1475, tras o estalido da guerra, Isabel reclamou que as partes de Africa et Guinea pertencían a Castela por dereito e incitou aos seus comerciantes a navegar a elas, iniciando a guerra naval no Atlántico.
A favor de Xoana:
A favor de Isabel:
O ducado de Borgoña e o reino de Inglaterra estaban en guerra con Francia en 1475 pero non coordinaron as súas accións cos partidarios de Isabel e por iso non se lles considera normalmente integrantes do bando isabelino.
Un exército portugués entrou no territorio da coroa de Castela con Afonso V á fronte o 10 de maio de 1475 e avanzou ata Plasencia, onde lle esperaba Xoana.[4] Nesa cidade foron proclamados Xoana e Afonso reis de Castela e de León o 25 de maio e desposáronse, quedando a voda pendente dunha dispensa papal que obtiveron uns meses máis tarde. De alí marcharon a Arévalo, con intención de dirixirse a Burgos. Tanto o castelo de Burgos como as cidades de Plasencia e de Arévalo estaban controlados polos Estúñiga, partidarios de Xoana, aínda que a cidade de Burgos en si era isabelina. Desde alí Afonso esperaba poder enlazar coas tropas que enviase o seu aliado Lois XI de Francia.
Con todo, Afonso atopou en Castela menos apoios dos esperados e cambiou de plans, preferindo dedicarse a consolidar o control da zona máis próxima a Portugal, en particular Toro, cidade que o acolleu favorablemente aínda que a gornición do castelo se proclamou fiel a Isabel. Tamén aceptaron ao rei portugués Zamora e outras vilas leonesas do baixo Douro. Na Mancha, o maestre da Orde de Calatrava, xoanista, conquistou Cidade Real pero rapidamente o clavero da mesma orde e o maestre da orde de Santiago recuperaron a cidade para o bando isabelino.[5]
Fernando concentrou un grande exército en Tordesillas e o 15 de xullo ordenou porse en marcha, buscando o encontro con Afonso. Catro días despois chegou a Toro pero o portugués evitou o combate e Fernando, falto de recursos para un asedio prolongado, tivo que retornar a Tordesillas e disolver o seu exército. O castelo de Toro rendeuse a Afonso V, que con todo, non aproveitou para avanzar sobre Burgos senón que volveu a Arévalo á espera da intervención francesa.
O conde de Benavente, partidario de Isabel, situouse cunha pequena forza en Baltanás (Palencia) para vixiar aos portugueses. Foi atacado o 18 de novembro de 1475, sendo derrotado e feito prisioneiro tras unha dura resistencia. A pesar de que esta vitoria abríalle o camiño a Burgos, Afonso V decidiu unha vez máis retirarse a Zamora. A falta de combatividade do rei de Portugal debilitou o campo xoanista en Castela, que empezou a desintegrarse.[6]
Os isabelinos contraatacaron tomando Trujillo e gañando o control das terras da Orde de Alcántara, gran parte das de Calatrava e do marquesado de Villena. O 4 de decembro unha parte da gornición de Zamora rebelouse contra o rei Afonso, que tivo que fuxir a Toro. A gornición portuguesa mantivo o control do castelo, pero a cidade acolleu a Fernando o día seguinte.
En xaneiro de 1476 o castelo de Burgos rendeuse a Isabel mediante un pacto que evitou represalias contra os vencidos.
En febreiro o exército portugués, reforzado por tropas traídas polo príncipe Xoán, saíu da súa base de Toro e cercou a Fernando en Zamora. Con todo, o asedio era menos duro para os cercados que para os portugueses, á intemperie no duro inverno zamorano, así que o 1 de marzo Afonso levantou o campo e retirouse cara a Toro. As tropas de Fernando lanzáronse na súa persecución e alcanzárono a unha legua (uns 5 quilómetros) desta cidade,[7] obrigándolle a establecer combate. Foron tres horas de loita moi confusa, interrompida pola choiva e pola caída da noite. O rei portugués retirouse a Castronuño con parte das súas tropas mentres o seu fillo Xoán permaneceu fronte a Toro, repregándose ordenadamente co seu exército ao interior das murallas e ata facendo prisioneiros algúns inimigos.
Desde un punto de vista puramente militar a batalla foi considerada un empate ou como máximo unha vitoria marxinal para os isabelinos. De feito, os propagandistas de ambos os bandos reclamaron a vitoria nas súas crónicas. Con todo, politicamente a batalla foi decisiva porque a continuación o groso das tropas portuguesas retirouse a Portugal xunto coa raíña Xoana, cuxo bando quedou así case totalmente desvalido en Castela.[8]
Un dos obxectivos de Isabel e Fernando na guerra era arrebatarlle a Portugal o monopolio dos ricos territorios atlánticos que controlaba. O ouro e os escravos de Guinea constituían ademais unha importante fonte de ingresos cos que financiar a guerra, polo que as expedicións a Guinea constituíron unha prioridade para ambos os contendentes.
Desde o estalido da guerra barcos portugueses percorreron as costas andaluzas apresando pesqueiros e barcos mercantes. Para pór fin a esta situación, Isabel e Fernando enviaron catro galeras ao mando de Álvaro de la Nava, o cal logrou frear as incursións lusas e ata chegou a saquear a vila portuguesa de Alcoutim, no Guadiana.[4]
Pola súa banda, os mariñeiros de Palos de la Frontera lanzáronse ao saqueo das costas de Guinea. Alfonso de Palencia, cronista oficial da raíña Isabel, relata unha expedición na que dúas carabelas deste porto onubense capturaron a 120 «azanegas» (africanos de pel clara) e vendéronos como escravos. A pesar da protesta dos reis, ao pouco saíu outra flotilla de tres carabelas que trouxo cativo nada menos que a un rei azanega e a 140 nobres do seu pobo.[9] En maio de 1476 a raíña Isabel ordenou que lle entregasen a este rei de Guinea capturado e ao seu séquito para liberalos.[10] A orde foi cumprida só a medias porque aínda que o rei foi liberado e devolto á súa patria uns meses máis tarde, os seus acompañantes foron todos vendidos como escravos.[9]
En 1476 unha frota portuguesa de 20 barcos comandada por Fernãou Gomes partiu cara a Guinea para recuperar o seu control.[11] Os reis de Castela ordenaron preparar unha frota para apresar aos portugueses e puxeron ao seu fronte a Carlos de Valera.[12] Este tivo moitas dificultades para preparar a expedición, segundo Palencia por culpa da oposición do marqués de Cádiz, do duque de Medina Sidonia e da familia Estúñiga.[13]
Os preparativos tamén foron atrasados por unha batalla naval que se produciu cando os casteláns souberon que un ou dous barcos portugueses cun rico cargamento acababan de saír do Mediterráneo rumbo a Portugal e estaban esperando ao pirata Alvar Méndez, que viña escoltalos.[14] Unha frota capitaneada por Carlos de Valera e Andrés Sonier e composta por cinco galeras e cinco carabelas saíulles ao paso desde Sanlúcar, obtendo a vitoria tras unha dura batalla.[15]
Cando ao fin Valera conseguiu xuntar 3 barcos vascongados e 9 carabelas andaluzas[16] (25 carabelas segundo Palencia) todos fortemente armados, xa non tiñan posibilidade de alcanzar á frota portuguesa e decidiron por iso, tras unha escala en Porto Santo, dirixirse á illa de Antonio da Noli, fronte ás costas de Guinea. Saquearon a illa e capturaron a Noli, que naquel entón prestaba vasalaxe polo seu territorio ao rei de Portugal. A continuación partiron cara ás costas de África, onde capturaron dúas carabelas do marqués de Cádiz, cun cargamento de 500 escravos. Tras isto, os mariños de Palos separáronse da expedición, co que Valera tivo que retornar a Andalucía, ao ser os palermos os mariños máis expertos na navegación a Guinea.[13]
Ao parecer, esta expedición obtivo poucos beneficios económicos porque unha gran parte dos escravos foi devolta ao marqués de Cádiz e porque Valera tivo que indemnizar ao duque de Medina Sidonia polos danos causados na illa de Noli, que o duque reclamaba como súa.[13][14]
O 23 de setembro de 1475 Lois XI de Francia asinou un tratado de alianza con Afonso V de Portugal.[1]
Entre marzo e xuño de 1476 as tropas francesas capitaneadas por Alan de Albret trataron de forzar o paso pola estratéxica localidade fronteiriza de Hondarribia pero foron rexeitadas. Fernando aproveitou a situación para asegurar a súa posición no convulso reino de Navarra. En agosto comezaron en Tudela as negociacións que culminaron na firma dun acordo polo cal agramonteses e beaumonteses puxeron fin ao seu enfrontamento e Fernando obtivo para Castela o control de Viana, Puente la Reina e outras prazas, así como o dereito a manter unha gornición de 150 lanzas en Pamplona. Deste xeito Castela quedaba protexida militarmente fronte a unha posible penetración francesa en Navarra.[17]
En agosto de 1476 Afonso V de Portugal partiu cara a Francia, tras asinar unha tregua con Isabel e Fernando. Alí tratou de convencer a Lois XI de implicarse máis a fondo na guerra, pero este rexeitou a proposta porque estaba centrado en derrotar ao seu principal inimigo, Carlos o Temerario, duque de Borgoña. Tras este severo revés diplomático Afonso quedou en Francia e pensou en abdicar.
O rei de Francia enviara como axuda a Portugal á frota do pirata normando Guillaume Coullon. Cando en agosto de 1476 o rei Afonso partiu cara a Francia, simultaneamente enviou dúas galeras portuguesas cargadas de soldados xunto cos 11 barcos de Coullon a prestar auxilio ao castelo de Ceuta. Polo camiño, o 7 de agosto, esta armada cruzouse con cinco mercantes armados provenientes de Cádiz con rumbo a Inglaterra: 3 grandes naves xenovesas, unha galera e unha urca flamenga. Coullon tratou de apresar os mercantes mediante un ardid pero fallou e estableceuse un encarnizado combate no que os franco-lusos impuxéronse. Con todo, debido ao uso de armas incendiarias por parte dos franceses, desatouse un incendio que arrasou dous barcos xenoveses e a urca flamenga pero tamén as dúas galeras portuguesas e dúas dos barcos de Coullon. Segundo Palencia, uns 2.500 franceses e portugueses morreron neste desastre.[18]
Tras a súa vitoria na batalla de Toro, o rexeitamento do ataque francés e a tregua solicitada por Afonso V, Isabel e Fernando quedaron solidamente afianzados no trono de Castela. Os nobres do bando xoanista tiveron que aceptar a situación e irse sometendo aos reis. A guerra quedou reducida a escaramuzas e algaradas ao longo da fronteira portuguesa e, sobre todo, á continuación da guerra naval polo control do comercio atlántico.
Ao longo de 1476 foron someténdose aos reis os principais nobres que aínda apoiaban a Xoana, en particular os da liñaxe Pacheco-Girón: Juan Téllez Girón e o seu irmán Rodrigo, Luís de Portocarrero e, en setembro, o marqués de Villena.[5]
En novembro de 1476 as tropas de Isabel tomaron o castelo de Toro. Nos meses seguintes os reis apoderáronse das últimas localidades fronteirizas controladas polos portugueses e limparon de adversarios Estremadura.
En xullo de 1477 Isabel chegou a Sevilla, a cidade máis poboada de Castela, co obxectivo de asentar o seu poder sobre as grandes familias nobiliarias de Andalucía. En abril de 1476 xa outorgara un primeiro perdón ao marqués de Cádiz, que fora recuperando poder mentres o seu rival, o poderoso duque de Medina Sidonia, inicialmente principal figura isabelina en Andalucía, ía caendo en desgraza ante os reis.[4] Mediante hábiles negociacións, a Raíña logrou tomar o control das principais fortalezas do Reino de Sevilla ocupadas tanto polo Marqués como polo duque e, no canto de devolverllas aos seus lexítimos propietarios, nomeou persoas da súa confianza á súa fronte. Tamén prohibiu a ambos os nobres a entrada na cidade de Sevilla, pretextando o risco de enfrontamentos se coincidían alí.[4] Deste xeito desapareceu o dominio político que o duque exercera sobre Sevilla, que pasou a ser controlada firmemente pola coroa.
Un dos escasos nobres que se negaron a someterse aos reis foi o mariscal Fernán Arias de Saavedra. A súa fortaleza de Utrera sufriu un longo asedio por parte das tropas isabelinas e foi finalmente tomada ao asalto en marzo de 1478, sufrindo os vencidos unha dura represión.[4]
O primeiro fillo varón dos reis, Xoán, naceu en Sevilla o 30 de xuño de 1478, abrindo novas perspectivas de estabilidade dinástica para o bando isabelino.
Tras o seu fracaso diplomático en Francia, Afonso V finalmente decidiu regresar a Portugal. Á súa chegada en outubro de 1477 atopouse con que o seu fillo Xoán proclamouse rei. Con todo, Xoán recibiu con alegría o retorno do seu pai e devolveulle a coroa inmediatamente.[19]
Sábese que en 1477 saíu de Andalucía unha frota para Guinea pero os datos sobre a mesma son moi escasos. Nela participaron a nave Salazar e a carabela Santa María Magdalena.[16]
A principios de 1478 os Reis Católicos prepararon no porto de Sanlúcar dúas novas expedicións, unha dirixida a Mina de Ouro[20] e a outra destinada á conquista da illa de Gran Canaria, cun total de polo menos 35 barcos. As dúas frotas navegaron xuntas ata Gran Canaria e alí separáronse.
O príncipe Xoán de Portugal, decatado dos plans casteláns, preparou unha armada superior en número para sorprender aos seus inimigos nas Canarias. A maior parte da frota castelá de Gran Canaria non desembarcara aínda ao groso da tropa, cando chegou a noticia de que se aproximaba unha escuadra portuguesa. Inmediatamente levaron áncoras, deixando só uns 300 soldados casteláns en terra, os cales a pesar do seu reducido número lograron impedir o desembarco portugués. Con todo, este destacamento era insuficiente para conquistar a illa e quedou reducido á inactividade ata que unha nova armada castelá chegou á illa a finais do ano seguinte.[21]
A outra frota castelá chegou á Mina sen problemas e obtivo grandes cantidades de ouro. Con todo, o exceso de cobiza do representante comercial da coroa fíxolles permanecer alí varios meses e iso deu tempo a que chegase a frota portuguesa. Os casteláns foron atacados por sorpresa, derrotados e levados prisioneiros a Lisboa. Segundo del Pulgar, os ingresos así obtidos polo rei Afonso permitíronlle relanzar a guerra por terra contra Castela.[22] As fontes portuguesas afirman que tanto os prisioneiros como gran parte do ouro capturado foron devoltos a Castela tras a firma da paz en 1479.[23]
A finais de 1478, antes de que chegase a Castela a noticia da derrota na Mina, presentouse na corte dos Reis Católicos unha embaixada do rei Lois XI de Francia, ofrecendo un tratado de paz. O acordo foi asinado en Guadalupe e incluíu os puntos seguintes:[24]
A finais de 1478 algúns dos principais nobres xoanistas volvéronse a sublevar en Estremadura, A Mancha (marqués de Villena) e Galicia. Os portugueses, reforzados pola súa gran vitoria naval en Guinea, interviñeron novamente en Castela para socorrer aos seus aliados.
En febreiro de 1479 un exército portugués dirixido por García de Meneses, bispo de Évora, penetrou en Estremadura. O seu obxectivo era ocupar e reforzar as prazas de Mérida e Medellín, controladas pola condesa de Medellín, partidaria de Afonso V. Segundo Palencia, o exército portugués estaba composto por uns 1.000 cabaleiros (entre os cales atopábanse uns 250 leoneses e casteláns) e mais a infantaría. Xunto a el marchaban 180 cabaleiros da Orde de Santiago mandados polo seu clavero Alfonso de Monroy, tamén partidario de Afonso V.
O 24 de febreiro cerca do cerro de La Albuera a este exército saíronlle ao encontro as forzas isabelinas que mandaba Alonso de Cárdenas, maestre da Orde de Santiago: uns 500 cabaleiros da súa orde, 400 cabaleiros da Irmandade Popular (principalmente de Sevilla) e uns 100 infantes. O enfrontamento foi rifado. A infantaría isabelina sufriu un duro ataque da cabalería xoanista e desorganizouse presa do pánico pero o maestre de Santiago veu na súa axuda e ao final os portugueses tiveron que retirarse, deixando un importante botín no campo de batalla así como uns 85 cabaleiros mortos, por só 15 isabelinos.[25]
Con todo, a vitoria isabelina en La Albuera foi só parcial porque o groso do exército portugués puido refuxiarse en Mérida e de alí continuar a súa marcha ata Medellín, que tamén ocuparon, co cal os lusos alcanzaron os dous principais obxectivos da súa ofensiva. Os partidarios do rei Fernando, pola súa banda, puxeron sitio a ambas as cidades.
O nuncio apostólico Jacobo Rondón de Seseña chegou a Castela coa noticia de que o papa Sisto IV rectificaba e anulaba a dispensa outorgada previamente a Afonso V para casar coa súa sobriña Xoana. Isto debilitou gravemente a lexitimidade do bando xoanista e a pretensión do rei portugués ao trono de Castela.
A pesar da grave derrota naval de 1478, en febreiro de 1479 os Reis Católicos trataron de organizar unha nova frota dunhas 20 carabelas para expulsar aos portugueses da Mina.[26] Con todo, non puideron reunir os barcos requiridos e ningunha expedición de importancia volveu saír dos portos casteláns ata a firma da paz con Portugal.
A principios de abril de 1479 o rei Fernando chegou a Alcántara para participar nunhas conversacións de paz promovidas pola infanta Beatriz de Portugal, prima e cuñada de Afonso V e tía de Isabel de Castela. As negociacións duraron 50 días e ao final non se chegou a un acordo.
Os dous bandos continuaron as hostilidades, tratando de mellorar as súas posicións respectivas de cara a unha nova negociación. Isabel e Fernando lanzaron unha ofensiva contra o arcebispo de Toledo, que tivo que someterse, o cal permitiulles afrontar mellor o poderoso marqués de Villena. Mentres tanto, as guarnicións portuguesas de Estremadura resistían con éxito o duro asedio castelán.
As discusións de paz renováronse no verán e esta vez alcanzouse un acordo.
O tratado que puxo fin á guerra foi asinado na vila portuguesa de Alcáçovas o 4 de setembro de 1479. O acordo foi ratificado polo rei de Portugal o 8 de setembro de 1479 e polos reis de Castela e Aragón en Toledo o 6 de marzo de 1480, polo que tamén se lle coñece como Tratado de Alcáçovas-Toledo.
Por este acordo, Afonso V renunciou ao trono de Castela mentres que Isabel e Fernando a cambio renunciaron ao trono portugués. As dúas coroas repartíronse as súas zonas de influencia no Atlántico, quedando para Portugal a maior parte dos territorios, coa excepción das illas Canarias (das que aínda faltaban por conquistar as illas de Gran Canaria, A Palma e Tenerife).
Así mesmo asináronse dous acordos (habitualmente chamados «Tercerías de Moura») que resolvían a cuestión dinástica castelá. En primeiro lugar impuñan á princesa Xoana a renuncia a todos os seus títulos casteláns e a súa reclusión nun convento ou a súa voda co herdeiro dos Católicos, o príncipe Xoán. Xoana elixiu o convento, aínda que permaneceu activa na vida política ata a súa morte.
En segundo lugar, acordábase a voda da infanta Isabel, filla de Isabel e Fernando, co herdeiro do trono portugués, Afonso, así como o pago polos pais da noiva dun enorme dote que na práctica representaba unha indemnización de guerra obtida por Portugal.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.