![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/98/Phorkys_Mosaic_Bardo.jpg/640px-Phorkys_Mosaic_Bardo.jpg&w=640&q=50)
Forcis
From Wikipedia, the free encyclopedia
Forcis (ou Forco) foi unha das divindades mariñas da segunda xeración divina, fillo de Xea (a Terra) e Ponto (o Mar, as Ondas) [1] [2]. Outros fillos de Xea e Ponto foron Ceto (un monstro acuático), Nereo (o pai das Nereidas), Taumante (pai das Harpías) e Euribia. Como Nereo e Proteo, Forcis considérase un dos Vellos do Mar.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/98/Phorkys_Mosaic_Bardo.jpg/640px-Phorkys_Mosaic_Bardo.jpg)
Casou coa súa irmá Ceto, e tiveron numerosos fillos, de carácter monstruoso: as Graias (ou Fórcides, personificación da vellez eterna), as Gorgonas, Equidna, as tres Hespérides e mais a serpe ou dragón que coidaba das mazás do Xardín das Hespérides (Ladón [3]). Algunhas tradicións tamén os fan padres do monstro mariño Escila, e a Forcis coa musa Terpsícore, das sereas, que tradicionalmente se consideran fillas do deus-río Aqueloo.
"Ceto enxendrou con Forcis as Graias, de fermosas meixelas, canas desde o seu nacemento; ... ás Gorgonas, que habitan ó outro lado do famoso Océano, no límite da noite, onda as Hespérides, de harmoniosa voz, Esteno, Euríala e a desventurada Medusa; ... nunha cova enxendrou outro monstro extraordinario,... a divina Equidna, metade moza de fermosas meixelas e vivos ollos, metade terrible serpe monstruosa; ... en unión amorosa con Forcis enxendrou por último unha terrible serpe que nos extremos confíns nunhas grutas de terra sombriza, vixía mazás completamente de ouro".(Hesíodo: Teogonía 270-336)
Existe unha lenda romana, que recolle Varrón, segundo a cal Forcis sería un antigo rei de Córsega e Sardeña que morreu loitando contra Atlas. Botárono ó mar e foi posteriormente divinizado.