Oceánidas
deuses fluviais da mitoloxía grega / From Wikipedia, the free encyclopedia
Na mitoloxía grega, os Oceánidas (en grego Ποταμοί Potamoí, 'ríos'; en latín Fluminae) eran deuses fluviais, ou deuses-río, personificacións dos ríos que se supoñían gobernados por eles. Eran fillos de Océano e Tetis (unha das Titánides), pais de tódolos ríos, e Hesíodo dá os nomes de todos eles, un por cada río coñecido na época, e aínda engade que son outros tres mil máis [1]. Desta forma, serían irmáns das Oceánides.
"Tetis, con Océano, deu a luz ós impetuosos ríos: o Nilo, o Alfeo, o Erídano, o Estrimón, o Meandro, o Istro, o Fasis, o Reso, o Aqueloo, o Neso, o Rodio, o Haliacmón, o Hectáporo, o Gránico, o Esepo, o Simunte, o Peneo, o Hermo, o Ceco, o Sangario, o Ladón, o Partenio, o Eveno, o Ardesco e o Escamandro".(Hesíodo: Teogonía 338-345)
Representábanse como anciáns de longa barba cos atributos da fauna e a flora propios do río do que tomaban o nome. Lucían grilandas ou coroas feitas coa vexetación do lugar, ou ben dous cornos, se o río se dividía en varios brazos. En numerosas esculturas os deuses fluviais apóianse nunha ánfora da que mana a auga do río, ánfora que aparece máis ou menos inclinada dependendo da rapidez coa que circulaban as augas do río correspondente.
Adoitaban invocarse antes de cruzar os ríos, co enorme respecto que merecían.