![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/a/ae/Zeegod_Nereus_Nerevs_%2528titel_op_object%2529_Rivier-_en_zeegoden_%2528serietitel%2529_Semideorum_Marinorum_amnicorumque_sigillariae_imagines_perelegantes_%2528serietitel%2529%252C_RP-P-1898-A-19947.jpg/640px-thumbnail.jpg&w=640&q=50)
Nereo
From Wikipedia, the free encyclopedia
Na mitoloxía grega, Nereo era fillo de Ponto (a personificación masculina do mar) e Xea (a Terra), polo que se considera unha das forzas elementais do mundo e anterior ós deuses olímpicos [1]. Casou con Dóride (ou Doris), filla de Océano, coa que tivo cincuenta fillas [2], coñecidas como as Nereidas [3]. Tamén tiveron un fillo varón especialmente fermoso, Nerites, unha divindade menor.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/a/ae/Zeegod_Nereus_Nerevs_%28titel_op_object%29_Rivier-_en_zeegoden_%28serietitel%29_Semideorum_Marinorum_amnicorumque_sigillariae_imagines_perelegantes_%28serietitel%29%2C_RP-P-1898-A-19947.jpg/640px-thumbnail.jpg)
As Nereidas non adoitan singularizarse nas lendas aínda que si se pode individualizar algunha sobre as demais: Tetis, nai de Aquiles; Galatea, da que se namorou o ciclope Polifemo [4]; Anfitrite, esposa de Poseidón; ou Psámate, esposa de Éaco.
Nereo é coñecido como o "Vello do Mar" [5], e forma parte con moita frecuencia do folclore mariño grego, anterior a Poseidón, que terminaría desplazándoo como deidade mariña. Tiña a capacidade de poder metamorfosearse en calquera outro ser ou obxecto, propiedade común a outros deuses mariños. Trátase dun deus protector e benevolente cos mariñeiros, ós que gustaba aconsellar, como, por exemplo, ós Argonautas.
"Deste xeito, creáronse dúas familias paralelas: polo exterior do mundo xiraban Océano, Tetis e as súas fillas, as numerosas oceánidas; nos mares interiores movíanse Nereo, Dóride e as súas cincuenta fillas".(Elvira Barba, px. 127)
Destacaba pola súa sabiduría e bo xuízo, tras ter percorrido tódolos mares e tódalas costas.
"O Ponto enxendrou ó veraz Nereo, o maior dos seus fillos, ó que chaman o Ancián porque, infalible e bondadoso, non lle pasan inadvertidas as leis divinas, senón que coñece os xustos e benévolos designios".(Hesíodo: Teogonía 234-237)